mércores, 22 de xaneiro de 2025

BAAMONDE E ALDEAS DE GUITIRIZ

 En Baamonde, concello de Begonte, non fixéramos aínda ningunha ruta. Hoxe tocou unha para coñecer mellor esta parroquia, aínda que tamén coñecemos aldeas de Guitiriz porque este concello limita co de Begonte e "traspasamos fronteiras". Non é nada do outro mundo esta ruta, témolas feitas moito máis fermosas pero en cada unha delas sempre coñecemos algo novo e neste caso non vai ser diferente. Coñecemos a igrexa de Santiago de orixe románico co seu castiñeiro centenario ao pé e con tres cruceiros. Coñecemos tamén a ben coidada, grande e fermosa área recreativa ás beiras do río Parga e aldeas do concello veciño de Gutiriz.

Características da ruta:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: baixa. A maioría do traxecto vai por pistas e camiños de monte ben acondicionados.

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Iniciamos a ruta ao pé da igrexa de Santiago onde hai un conxunto arquitectónico, histórico e natural moi interesante: a igrexa de orixe románica, un fantástico calvario e un castiñeiro centenario.

No S. IX xa se sabía desta igrexa, época da que se conserva unha pedra que hoxe forma parte do chan do altar maior. Conserva dúas portadas románicas que podemos ver na foto seguinte:

Igrexa de Santiago de Baamonde

Numerosas interrupcións se deron na construcción desta igrexa: a edificación empezou no S. IX, a nave principal levantouse no S. XII e a capela maior rematouse no S. XV. Ademais foi derruída na Revolta Irmandiña e despois reconstruida.

Os rasgos románicos que ten son mostra do paso das peregrinacións a Santiago. Tamén ten elementos góticos como son os sólidos contrafortes e a ventá do ábside con arco apuntado.

Igrexa de Santiago de Baamonde

Vista da ventá de estilo gótico con arco apuntado, na traseira da igrexa.

Ventá de estilo gótico

No adro da igrexa hai 3 cruceiros que forman un calvario. O do centro mostra a Cristo e á Virxe das Dores e os outros son lisos.

Cruceiros

Tamén no adro, hai un carballo centenario que ten no seu tronco un oco que fai de capela onde está tallada a Virxe do Rosario patroa de Baamonde. No ano 1970 está árbore estivo a piques de ser talada pero a raíz de tallar no oco da árbore esta imaxe polo escultor local, Victor Corral, foi indultada.
Castaño centenario.

A "capela" situada no oco do castiñeiro.

Victor Corral meteuse dentro do tronco da árbore para poder traballar.

A Virxe do Rosario tallada dentro do tronco do castiñeiro

No troco do castiñeiro hai outras cousas talladas: un escudo, unha man...etc.


Camiñamos uns metros pola rúa principal de Baamonde, ao longo da N-VI e pasando diante do restaurante "Galicia" onde comeremos a mediodía.


Temos que cruzar a vía do tren por un paso que hai habilitado.

Deseguida chegamos á área recreativa ás beiras do río Parga. É un afluente do Ladra que nace en Friol e percorre 32 km. pasando polos concellos de Guitiriz, Parga e Begonte.

                                                               Río Parga
A área recreativa é moi grande e conta con tódolos servizos: mesas e bancos de pedra (18 en total), tres grellas, aseos, praia fluvial, parque infantil e ao outro lado da estrada, o campo de fútbol. Ademais está rodaeda de valos para que os nenos non accedan á estrada.

O campo de fútbol no outro lado e un mural de Rubén Paz, Trece Trazos.

 A área recreativa é de titularidade privada , xestinada polo CERCUD (Centro Recreativo e Cultural e Deportivo de Baamonde)

O Camiño de Santiago Norte pasa por Baamonde e tamén pola súa área recreativa.

O mural que decora unha parte da fachada dos aseos da área recreativa foi pintada por Rubén Paz (Trece Trazos). Un rapaz lucense que realiza uns fermosísimos traballos de arte urbana.


Seguimos de momento compartindo ruta co Camiño de Santiago.


O día hoxe está moi oscuro e ata triste por veces.


A mín, as árbores cando menos me gustan é agora no inverno. Atravesamos unha carballeira.

Neste cruce dicimos adeus ao camiño que segue de frente e nós torcemos á esquerda.


No medio totalmente do monte atopamos unha vivenda rodeada de alpendres que nos parecía abandonada, pero non o estaba xa que fumeaba a cheminea.


Imos por un camiño de monte e vemos un peche de de lousas ben antigo.


Pasamos por Abeledo, xa no concello de Guitiriz, da parroquia de Pedrafita.
Abeledo
Despois de Abeledo, imos por estrada local e atopamos un recuncho pequeno, natural e fermoso.


Voltamos pillar un camiño de monte.



 E comprobamos que as acacias xa queren florecer.


Pasamos agora por  O  Pereiro, tamén da parroquia de Pedrafita (Guitiriz)


Seguimos no concello de Guitiriz pasando por aldeas próximas e por asfalto, que as comunica.


Pasamos por Pena dos Diñeiros, un nome ben curioso! Seguimos no concello de Guitiriz.
A Pena dos Diñeiros

Deixamos a estrada para pillar un camiño.


Imos adentrarnos nun camiño de monte e dende un punto determinado, vemos Baamonde



Estamos xa moi preto da Área Recreativa e empezan a caer unhas gotas.




Ao chegar de novo á vila, empeza achover con máis forza. Que sorte tivemos!!


Hoxe fixemos gasto en dous establecementos de Baamonde: no café bar A Rotonda tomamos, antes de empezar a ruta, o café e ao volver como pasamos por diante, tamén tomamos unhas cañas (bueno, eu un mosto coma sempre...) Fomos xantar ao restaurante Galicia onde non poidemos quedra máis contentos da comida, o servizo, a amabilidade e ata o local é precioso e moi acolledor.
 O restaurante está decorado con elementos tradicionais antigos exercendo tamén como un museo etnográfico.


O café tamén estaba exquisito. Era de pota se querías e traen a pota e unha figura de madeira que dentro trae unha botella de augardente.



Un homenaxe ao queixo de tetilla:



Páxinas web consultadas:

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/calvario-iglesia-y-castano-de-baamonde/

https://vivecamino.com/baamonde/iglesia-santiago-baamonde-3622/

https://cercud.baamonde.org/prensa/

https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Parga















































Ningún comentario:

Publicar un comentario