martes, 17 de setembro de 2024

CAMIÑO PRIMITIVO: SALAS-TINEO

Empezamos o Camiño Primitivo de Santiago o ano pasado e hai máis dun ano que non facíamos ningunha etapa, concretamente en xuño de 2023 fora a última (Grado-Salas). Tocou neste 2024 facer a 3ª etapa Salas-Tineo. Tíñamos lido que era unha etapa dura pola subida ata a A Espina pero a nós resultounos fácil, sen gran desnivel e sempre á sombra. Foi unha das etapas que máis doada nos resultou das 3 que levamos.

Características:

Lonxitude: 20,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal ben sinalizada pero a mín sempre me gusta seguir un track que me sinale os lugares importantes. O meu  en WIKILOC

Descripción:

Partimos de Salas, capital do concello do mesmo nome. Xa pasamos na anterior etapa por Cornellana que tamén pertence a este concello. Salas abre a porta ao occidente asturiano con paisaxes espectaculares de acento rural e con outras de aires coloniais e medievais. O mesmo centro histórico de Salas está declarado Conxunto de Interés Histórico polos edificios medievais que conserva.

A Colexiata de Santa Mª A Maior conserva este nome só por tradición e foi mandada edificar polo arzobispo Fernando de Valdés no S. XVI. O templo foi construido co fin de servir como panteón da familia Valdés e de feito, unha das obras máis importantes que conserva no seu interior é o mausoleo en alabastro dese arzobispo Valdés.

Non vimos o interior porque estaba pechado.

Colexiata de Santa Mª a 

Vista da torre que foi engadida ao outro edificio anos máis tarde, ao igual que outras capelas laterais.

Torre da Colexiata de Salas

Unha foto para a lembranza das 7 persoas que estamos a facer este Camiño Primitivo.

(Falta unha, que sacaba a foto)

Praza do Concello en Salas

A Torre Medieval está unida ao Palacio Valdés, casa natal de Fernando Valdés. Fernando de Valdés e Salas (S. XV-XVI) foi un home que acadou un tremendo poder na súa época en diferentes cargos civiles e eclesiásticos (bispo, arzobispo, inquisidor xeral....) Deixou tamén no su testamento a súa mellor obra: a creación da Universidade de Oviedo.
O Palacio Valdés tiña capela como se ve na ábsibe semicircular.
Palacio e Torre dos Valdés.

O Palacio Valdés (BIC) é actualmente Oficina de Turismo, Casa da cultura e tamén alberga un pequeno hotel. O Palacio está unido á Torre polo arco que se ve e no que están os escudos da familia Valdés -Salas. A Torre é BIC e alberga actualmente un Museo Prerrománico.
Arco que une a Torre co Palacio 

Abandonamos Salas cruzando a Praza da Campa.
Praza da Campa en Salas

E pola rúa Ondinas xa imos cara ás aforas.
Rúa Ondinas

Pasamos diante dun fermoso albergue privado moi chulo que chamou a nosa atención.
Albergue privado

Entramos xa en pleno bosque e vemos a Fonte de Paín.
Fonte de Paín

O asfalto xa rematou e vai un fermoso día de sol pero imos sempre á sombra.
Sempre á sombra

 Atravesamos a Ponte de Borra construida entre os S. XVII e XVIII cando este era o camiño que había para ir de Salas a La espina, antes da construcción da estrada xeral. A ponte salva un rego que vai desembocar ao Nonaya, algo máis abaixo.
Ponte de Borra

 Decidimos baixar 250m ata a cascada do Nonaya e vemos a Ponte do Carcabón. Despois pasaremos por derriba.
Ponte do Carcabón

A cascada está formada polo rego da Bouza que cae sobre o río Nonaya.
Cascada do Nonaya

Estamos subindo pero aínda que hai tramos bastante empinados, en xeral levamos moi ben a subida. Témolas subido bastante peores. Esta non ten moito desnivel e por riba o camiño vai sempre á sombra. O certo que subimos a bastante altitude pero notámolo pouco. Será que estamos máis en forma do que pensabamos?
Subindo cara a La Espina

Saimos á estrada N-634 por onde camiñaremos uns 800m. con coidado porque aínda que non ten moito tráfico tampouco ten arcén. Moito ollo!
N-634 sen arcén

Pasamos por debaixo da A-63, a autovía Oviedo-La Espina.
N-634 e A-63
 
E deseguida pillamos un camiño á esquerda para volver adentrarnos no bosque. Despois dunha subida de algo máis de 1km. empezamos a ver claros con prados e aldeas ao lonxe.

Estamos en zona totalmente gandeira e pasaremos  por diversas granxas vacunas.

Chaman a nosa atención dúas inmensas faias que atopamos neste prado:

Ao lonxe, as aldeas Brañameana, El Castro...A subida remata en Porciles. Agora veremos unha zona cha, na parroquia de Bodenaya.

Porciles é un lugar da parroquia de Bodenaya (concello de Salas) Na foto, un hórreo porque só ten 4 cepas, ao contrario da paneira que ten 6.

Un fermoso e antigo muro de pedra seca en Porciles.
Muro de pedra seca na parroquia de Bodenaya

Abandonamos xa Porciles rematando o asfalto por un camiño de carro de toda a vida. Frente a nós o Pico La Pereda.

Á beira dun cemiterio temos o Cruceiro de Bodenaya.
Cruceiro de Bodenaya

A igrexa de Santa Marina de Bodenaya é unha igrexa rural dunha sola nave.
Igrexa de Santa Mª de Bodenaya

Tamén vemos en Bodenaya o albergue en pedra e pintura rosa aberto en 2007, sendo un dos primeiros albergues privados do Camiño Primitivo.
Albergue de Bodenaya

Acadamos outra vez a N-634 xa cerca de La Espina (a  500m.). Temos que cruzar esta estrada.
Bodenaya

Imos en cómodo camiñar por unha recta entre paneiras e casas.

Entrando na Espina chama a nosa atención este fermoso edificio: é a escola de La Espina. Un CRA (Centro Rexional Agrupado) que recibe alumnos/as doutras localidades e abarca Infantil e Primaria. Actualmente ten 26 matriculados.
Foi contruida grazas ás aportacións económicas dun veciño deste lugar que emigrou a Cuba (ano 1941)
Escola indiana de La Espina

Hoxe é día de feira na Espina e por eso non podemos fotografar ben a igrexa de S. Vicente. En La Espina houbo tamén unha malatería(hospital de leprosos) da que non queda nada.
Igrexa de La Espina en día de feira

Celebrábase a Gran Feira de Covadonga e había tamén un mercado de gando vacuno e cabalar.
Gran Feira de Covadonga

Aquí crúzanse varias estradas. Nós temos que ir á esquerda para seguir de frente. Algo máis adiante paramos a comer en Casa El Cándano. Sentados nunha pequena terraza que hai, comemos uns bocatas que sabían a gloria. Hainos de varios ingredientes e ademais moi baratos. Despois de tomar tamén alí un café, arrancamos.
La Espina

Deixamos La Espina por este carreiro. Ás veces á sombra e outras por campos abertos.

A Capela do Cristo dos Aflixidos ao pouco de salir de La Espina, sirveu no pasado ata de galiñeiro antes de ser restaurada. Estamos xa no concello de Tineo.
                                                       Capela do Cristo dos Aflixidos
Un rincón idílico xunto á capela:

A Capela do Cristo dos Aflixidos, de frente. Dentro pódese ver un Cristo que voltou a este lugar despois de estar durante anos no templo parroquial , mentras a capela estaba deteriorada.
  Capela do Cristo dos Aflixidos

Voltando a vista atrás, vemos moi ben La Espina.
Ao fondo, La Espina

En Asturias, a cuncha que sinaliza o Camiño está colocada ao revés que en Galicia.

Estamos atravesando La Pereda, parroquia de Tineo.
La Pereda (Tineo)

Vemos unha casa moi decorada que é un albergue privado, moi recomendado polas redes sociais.
Albergue

Seguimos por La Pereda, (barrio El Reconco) no medio de prados, casas e granxas. Vemos tamén paneiras e hórreos.

La Pereda e máis ao fondo, La Espina.

Fermosísima paisaxe de prados coa Serra da Curiscada ao fondo.

Empezamos a ver tellados de lousa porque estamos cada vez máis cerca da provincia de Lugo, onde o que predomina nos tellados é este material. Estamos en Bedures.
Bedures

O Muíño de Bedures é testemuña de tempos pasados nos que había que ir aos muíños a moer os grans de trigo ou millo para obter a fariña coa que cocer o pan despois. Case sempre se mandaba aos nenos e nenas da casa porque era un traballo que podían facer: "El obero más ruín, a por agua y al molín"
Tamén ían os mozos e mozas para os que o muíño era punto de encontro moitas veces para mocear.
Muíño de Bedures

E agora chegamos a El Pedregal.


Camiños moi fermosos con árbores autóctonas.

Desembocamos na estrada AS-216 onde vemos un enorme ciprés que foi plantado en 1959.
El Pedregal

Temos que ir un pequeno tramo pola estrada. É curto pero perigoso pola falta de arcén. Pasamos diante da igrexa de S. Xusto e Pastor.
Igrexa de S. Xusto e Pastor

Pillamos á dereita deixando a estrada e vemos unha enorme cruz de pedra, símbolo deste camiño e aparece mencionada por vez 1ª en 1693.


O camiño ten  algúns tramos embarrados e con auga aínda que estamos a primeiros de setembro, supoño que en época de chuvias estarán peor pero é o que ten ir por camiños naturais. Só hai que levar bon calzado!

Pasamos outro muíño (O de Tablas ou Carbayo) practicamente en ruínas e seguimos por estes camiños ancestrais.

Hortas, prados, leiras de millo...din ben á que se dedica esta zona.

Pasamos por unha congostra (palabra que se está perdendo en galego porque poucas deben quedar)
 
E así fomos chegando a S. Roque a 1km. do centro da vila. 
 
A Capela de S. Roque dise que foi construida polo propio santo aínda que o máis probable é que fose construida por peregrinos franceses. Pénsase que é de finais do S.XII e foi rehabilitada e restaurada en varias ocasións aínda que conserva restos do seu estilo románico.
Capela de S. Roque(Tineo)
 
Ao redor da capela, hai un enorme campo moi coidado onde tódolos anos no mes de agosto se celebra unha importante e multitudinaria romería en honra de S. Roque.

E ata aquí chegou a nosa etapa de hoxe!!

Páxinas web consultadas:
https://www.ayto-salas.es/https://fundacionvaldessalas.es/fernando-de-valdes-y-salas-una-vida-dedicada-al-poder/
https://xurdemoran.blogspot.com/p/bienveni-blog-oficial-del-periodista-y.html
https://www.asturnatura.com/turismo/guia/capilla-de-san-roque-2653









Ningún comentario:

Publicar un comentario