xoves, 4 de abril de 2024

RUTA DOS 10000 PASOS (PUERTO DE VEGA)

Despois de facer a ruta dos 10000 pasos en Navia, hoxe tocou facer outra ruta co mesmo nome pero en Puerto de Vega,  tamén no concello de Navia.

Puerto de Vega, merecedor de varios galardóns, entre eles o Premio Pueblo Ejemplar de Asturias no ano 1995, é umha vila pequena pero en constante crecemento cun porto que no pasado foi moi importante como porto comercial debido ao gremio de mercantes e a caza de balea. No S. XIX tivo ata 10 conserveiras tradicionais das que xa non queda ningunha.

Ao longo desta ruta, coñeceremos ademais do porto que é o que habitualmente coñece todo o mundo que visita esta vila, a parte máis antiga, a capela da Virxe da Atalaya, percorreremos un tramo pequeno da Senda Costeira Naviega, coñeceremos a parte nova e a igrexa de Santa Marina nun percorrido curto e diferente.

Características da ruta:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar.

O meu track en WIKILOC:

Aparcamos no porto, nun dos poucos aparcadoiros que vimos e onde todo o mundo que visita esta vila quere aparcar. Nós tivemos un sitio de casualidade, era Venres Santo e cando rematamos a ruta había moita xente buscando un oco para aparcar.

Ao pé de onde aparcamos vimos este monumento.

Está relacionado co mar é o único que podemos adiviñar.

Empezamos subindo como se fósemos á capela da Atalaya pero en cambio, torcemos á esquerda para introducirnos no casco antigo. Vemos a Casa de Benigno Blanco ou dos Lanza-trelles. A familia Blanco foron emigrantes portoriqueños e Benigno Blanco foi tamén alcalde da Habana. Hai tamén un parque (que non vimos) que leva este nome.

Casa de Benigno Blanco
capela de  Nosa Señora do Socorro e Santo Anxel custodia as armas dos Loredo, coa inscripción "Estas armas y blasón de casa de Loredo son”
Capela de Nosa Señora do Socorro e Santo Angel

Deixando a ruta oficial uns metros imos rúa abaixo para chegar ao Mirador de la Riva.

Para homenaxear a súa longa traxectoria mariñeira, recrearon a antiga mesa de mareantes no Miradoiro da Riva (1992). Alí atopamos un arpón de 1854, un mural que representa a extinta caza de baleas no Cantábrico, dúas enormes queixadas de exemplares dunhas 30 toneladas, e o contrato baleeiro máis antigo do que se ten constancia(de 1608)

Queixadas de balea.

Este miradoiro ten tamén boas vistas ao porto.

O mural que representa a caza das baleas:

Outra vista sobre o porto e arredores.

O arpón mirando ao mar.

Continuamos o paseo polo casco antigo e vemos rúas estreitas e moi limpas e coidadas.

 
Case todo o mundo que chega a Puerto de Vega quédase no porto e nós pensamos que esta vila ben merece este percorrido que estamos facendo.
Fermosos rincóns aparecen en cada recuncho.


A Praza da Leña, ubicada no medio da rúa Jovellanos, é da época medieval tardía. Pénsase que o nome se debe á acumulación de leña que había no lugar para abastecer ás casas señoriais das inmediacións.
Praza da Leña

Aparece ante nós esta arcada e os muros que parecen moi antigos. Trátase da Nova Aduana ou Casa Penzol. Vemos nun letreiro que é actualmente unha propiedade privada.


 O fermoso chan da Nova Aduana ou Casa Penzol.

Saimos do casco antigo e vemos fabulosas casas indianas. 

As casas indianas son outra das características de Puerto de Vega. Foron construidas a finais do S. XIX e principios do XX por orde dos emigrantes que fixeran fortuna en América. Nesta zona son chamadas "Casas de americanos"


Alonxámonos do centro da vila para ir cara á capela da Atalaya.

 Imos pola rúa Párroco Penzol onde podemos aprezar o gran crecemento que está a experimentar esta vila con edificos e chalets novos aínda que paradoxicamente e, como ocorre en moitas outra vilas costeiras, a poboación estable decreceu ao longo dos anos. Esto significa que moitas  das novas vivendas son vacacionais.

Xa no Campo da Atalaia vemos unha estatua de Jovellanos, escritor, xurista e político asturiano que nacera a mediados do S. XVIII en Xixón e morreu nesta localidade a principios do S. XIX.

Edificada sobre unha ermida medieval, foi construida no S. XVII polo gremio de mariñeiros. Foi reformada en 1963. A imaxe da Virxe que hai na capela, non é a orixinal (esto explicounolo o señor Manuel que se encarga aos seus 93 anos de abrir a capela cada día). A orixinal gárdaa na súa casa o Maiordomo do Gremio( mariñeiro de maior idade) durante todo o ano e sae en procesión cada 8 de setembro día no se entrega ao novo maiordomo que se elixe cada ano. Conta a lenda que uns pescadores da localidade estaban pescando e se desatou unha galerna. Imploraron axuda divina, o mar calmouse e apareceu flotando a imaxe da Virxe.

No interior da capela vemos a imaxe da Virxe e detrás do altar a proa dun barco e as áncoras.

O Miradoiro da Atalaia é un balcón sobre o Cantábrico, o lugar dende onde no pasado se avistaban as baleas e se comunicaba mediante fogueiras o avistamento para que as lanchas saisen a pescalas.

Unha capela moi ben coidada ao igual ca os arredores da mesma.

O percorrido faise agora coincidente coa Senda Costa Naviega que nós xa percorremos noutra ocasión.

Un fermoso percorrido que une Barayo con Navia.

Podemos ver os restos da antiga cetárea artesanal empregada como viveiro de langosta.
Antiga cetárea


Restos da antiga cetárea:
Antiga cetárea

O percorrido por esta zona non ten desperdicio:

Chegamos ata a praia de La Llosera, unha pequena cala formada maioritariamente por coios.
Praia La Llosera

Dende aquí non seguimos esta senda costeira. Demos a volta por un carreiro cara ao interior de Puerto de Vega.

Volvemos pasar polo punto que antes xa pasamos:

Imos pola periferia onde  hai chalets de nova construcción
 
Pasamos ao pé do colexio Pedro Penzol

Edificios de nova construcción. Seguimos na periferia.

Pasamos polo parque Benigno Blanco, pola zona onde hai un parque infantil e un parque saudable para adultos.

O regato Romallande ten nas súas beiras un lavadoiro restaurado.

Pasamos baixo o arco da antiga Aduana. No 2023 rematou a rehabilitación deste edificio do S. XVIII convertíndose en Casa da Infancia e Xuventude.
A aduana de Puerto de Vega aportou "la mayor contribución de Asturias a la Real Hacienda" no S.XVIII.  Tamén foi importante  a súa actividade polo comercio de mercadorías, como liño ou licores, con destino a populosos enclaves como Riga ou Ámsterdam
Á dereita, a antiga aduana.

Pasamos ao pé da capela do Carme. Dispón dun excelente  retablo barroco, dorado e policromado, baixo a advocación de Nª Sra. do Carme, que Luis Suárez Saro, o seu  restaurador, ubica na segunda metade do S. XVIII.  

Tras unha curta subida chegamos á igrexa de Santa Marina, chamada a "catedral do barroco  rural do occidente asturiano" Foi construida na primeira metade do S. XVIII
Igrexa de Santa Marina
Ao pé da igrexa hai un monumento na honra de Álvaro Navia Osorio, marqués de Santa Cruz de Marcenado que naceu en Puerto de Vega en 1684 e morreu en Orán no 1732. Militar, diplomático, escritor e científico foi unha das figuras máis sobresaíntes do S. XVIII

Ao redor da igrexa hai un Viacrucis.

Continuando o noso percorrido, encamiñándonos de novo cara ao mar:


Oservamos a erosión que o paso dos anos vai producindo na costa.

Xa podemos ver de novo Puerto de Vega.
 
Atopamos este monumento da cola dunha balea. Realizada en aceiro por un artista local, é unha homenaxe á xente mariñeira de Puerto de Vega.

Estamos volvendo a camiñar pola Senda Costa Naviega.

Estamos no Paseo do Baluarte que ten vistas privilexiadas sobre Puerto de Vega e o seu porto.

Neste paseo atopamos dous canóns do S. XVIII.

O porto pesqueiro e o mar son os eixes principais desta vila.



O edificio da Confraría "Nosa Señora da Atalaia" é moi grande. Na parte de abaixo está o almacén dos pescadores e na parte de arriba hai un restaurante.


Pintada do mesmo xeito que a Confraría temos a Lonxa que é a principal distribuidora de percebe de Asturias e unha das máis importantes de España. A Lonxa ofrece visitas guiadas onde ensinan distintos tipos de peixes, artes de pesca e funcionamento da subasta na rula.

Vemos tamén a desembocadura do río Chocolate:

Estamos a punto de rematar esta ruta pero antes fixámonos nunha placa colocada na parede dunha casa que di:

EN ESTE ENTORNO SE UBICÓ LA CASA DONDE VIVIÓ EL PRIMER AMOR  Y MUSA DEL PORTA RAMÓN DE CAMPOAMOR A LA QUE RECUERDA EN ESTOS VERSOS:

Del mar, junto a la orilla
está Vega, lugar que aunque pequeño
para ser villa,
es casi Londres para ser aldea,
y allí vive en el punto más risueño
tejiendo y destejiendo, Dorotea,
la tela de Penélope de un sueño.



Xantamos no porto en Restaurante La Marina onde comemos estupendamente e ben atendidos. Entre outras cousas, un sapicón de centolo que estaba....mmmmmm!!

Páxinas web consultadas:
https://www.turismoasturias.es/
https://www.lne.es/
http://www.destinonavia.com/navia/espanol/inicio_17_1_ap.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario