Este blog crease para ir mostrando rutas de sendeirismo de dificultade baixa e /ou media-baixa e tamñen teñen cabida outras viaxes realizadas.
Rutas por Galicia e Asturias que non sobrepasen os 15/20 km. de lonxitude para que as podan realizar persoas que non necesiten estar en ningunha especial forma física.
A provincia de Pontevedra quédanos algo lonxe da Mariña lucense para ir de ruta, pero a verdade é que de cando en vez vale a pena ir algo lonxe para desfrutar de paisaxes marabillosas, como as que vimos na ruta de hoxe.
Esta ruta houbo un tempo que estivo homologada como PR-G 18 e era un pequeno percorrido lineal de 6 km. que unía o mosteiro de Carboeiro coa fervenza do Toxa pasando pola Área Recreativa da Carixa. Actualmente lin que estaba deshomologada esta ruta. Nós seguimos o track de Trota Montes que nos pareceu super interesante xa que toca moi pouco asfalto e visita tódolos lugares emblemáticos da ruta.
O percorrido vai por 2 concellos pontevedreses: Vila de Cruces e Silleda e permítenos gozar de entornos privilexiados onde a auga e a vexetación autóctona se conxugan para que desfrutemos dunha espectacular e altísima cascada, do tumultuoso río Deza, do mosteiro de Carboeiro nun entorno único, de pontes como a do Demo, a da Carixa, a ponte metálica para acceder á fervenza, a área recreativa da Carixa...unha ruta inesquecible, moi recomendable.
Vila de Cruces e Silleda, na provincia de Pontevedra, pertencen á comarca do Deza.
Características:
Lonxitude: 11, 7 km.
Dificultade: moderada (por algunha subida importante e zonas que poden ser esvaradías en días húmidos)
Ruta circular sinalizada en parte. É necesario un track para poder realizala. O meu en WIKILOC:
Descripción:
Partimos do mosteiro de S. Lourenzo Carboeiro, antigo mosteiro benedictino ás beiras do Deza na parroquia de Santa Mª de Carboeiro (Silleda) A igrexa é unha das máis destacadas obras do románico. Foi fundado no S.X e viveu o seu maior esplendor entre os S. XI e XIII. Despois da desamortización de Mendizabal (S. XIX) foi abandonado e expoliado en múltiples ocasións. Durante a 2ª metade do S. XX, leváronse a cabo diversos traballos de restauración que lograron conservar a arquitectura do templo e varias depencias monacais.
Mosteiro de Carboeiro
“Fue San Lorenzo de Carboeiro en tiempos pasados abadía, edificada en la era 974 por el Conde Don Gonzalo y por la Condesa Doña Teresa, como consta por carta de dotación, fecha la sobredicha era, que viene a ser el año de Cristo 936. Está fundado este Monasterio en tierra de Deza, ribera del rio llamado también Deza, que es en el obispado de Lugo. En aquel lugar hubo antiguamente una ermita que poseyó un hombre llamado Egica, y alrededor tenía algunas granjerías; todas se las compró el Conde Don Gonzalo y comenzó a fundar el Monasterio de San Lorenzo” (Padre Antonio de Yepes)
No S. XVII baixo a dirección do abade Froila foi unha importante abadía con grandes propiedades, poder e influencia. Máis tarde pertenceu á Orde de Cluny. No S. XVI os pleitos, deixadez e mala administración levan o mosteiro á ruina e os Reis Católicos relégano á categoría de priorato prolongándose o seu declive servindo incluso como cárcere para monxes no S. XVIII. No S. XIX coa desamortización de Mendizábal chegou o seu declive total.
Según conta o P. Yepes, a principios do S. XVIII, en Carboeiro "Se veneró una espina de la corona del señor que estaba en una pieza de cristal muy bien labrada, de hechura de una cuchilla de lanza”. Ésta fuera robada por el año 1550.
Mosteiro de Carboeiro
O vídeo clip da canción de Enrique Iglesias "Noche y Día" foi gravado, entre outros escenarios galegos, maioritariamente no interior deste mosteiro.
Alonxámonos do mosteiro baixando por unha calzada que os monxes contruiran para acceder ao mosteiro. Non é moi cómoda para camiñar pero non se desfai nin se levantan as pedras. Aquí está vendo pasar os séculos e as persoas.
Calzada de pedra
Chegamos deseguida á Ponte do Demo. Di a lenda que foi construido polo demo garantindo este que as riadas do Deza non o destruiran a cambio de quedarse coas almas de quen o cruzase entre as horas litúrxicas de Maitines e Vísperas. Os monxes enganaron ao demo rezando máis tempo do habitual e enlazando Maitines con Vísperas. O demo non recibeu a súa recompensa e a fermosa ponte alí estaba.
A ponte foi construida no S. IX e sustitueu a outra romana. Na época medieval foi escenario de atracos e asasinatos.
Cruzamos a ponte e xa estamos no concello de Vila de Cruces.
Ponte do Demo
Imos en lixeiro ascenso no medio dunha xexetación exuberante e autóctona composta de espiños, carballos, loureiros...Dicir que neste carreiro hai un desvío á esquerda polo que iría a ruta oficial cando estaba homologada. Nós voltaremos por aí, así que seguimos carreiro arriba.
Atopamos a estrada EP 6410 pola que iremos 500m. (No track que ía seguindo, había un camiño á esquerda, á 100m, que deberiamos tomar pero que estaba pechado de maleza polo que tivemos que seguir por estrada 400m. máis).
Tampouco importou nada seguir uns metros máis, a estrada está roideada de árbores e non pasou ninguén.
Por onde está a casa que se ve na foto, había antes un camiño polo que vai o track que sigo. Actualmente está impracticable.
Trátase de dar un pequenísimo rodeo para enlazar de novo coa ruta. Na foto, observando unha sobreira.
Collemos un camiño á dereita:
Atravesamos a Ponte dos Cabalos sobre o río Orza, na parroquia de Merza, que foi acondicionada no ano 2015. Esta reconstrucción puxo de relevo a presenza de grabados antigos e recentes nalgunha das súas pedras.
Ponte dos Cabalos
A Ponte dos cabalos formaba parte dun antigo camiño que unía o mosteiro de Carboeiro e A Brea con Ponte Ledesma.
Ponte dos Cabalos
Atravesamos o lugar de Outeiro, tamén chamado Ponte dos Cabalos, pertencente á parroquia de Merza.
Outeiro
Un pouco máis adiante pasamos por Reboredo, tamén da parroquia de Merza (Vila de Cruces) Na foto vemos as vides. En case tódalas casas hai algunha. Á dereita a Casa Rural Goris.
Á esquerda, no cruce que vemos, está o restaurante O Refuxio. Un lugar precioso, novo, moi acolledor. Na súa terraza, tomamos unhas cervezas (bueno eu non, que detesto esta bebida. A miña foi un mosto) cunhas deliciosas tapas de albóndigas con patacas fritas. Sabían a gloria!!!
Deseguida vemos á esquerda o Pazo da Torre, un pazo señorial que conserva unha torre defensiva.
Pazo da Torre
Seguimos uns metros por estrada ata pillar, onde está o cruceiro que vemos na foto, á esquerda, por unha pista local que nos vai levar pola parte baixa de Merza.
Chámanos a atención que aquí a primavera está máis adelantada que na nosa zona, na Mariña luguesa, pero claro é normal xa que o clima tamén é diferente.
Hai tramos desta ruta sinalizados e outros. non.
Imos saíndo de Merza. Seguimos no concello de Vila de Cruces. Esta ruta transcorre na súa maior parte por este concello pero os puntos de maior interese (Mosteiro de Carboeiro e fervenza do Toxa pertencen a Silleda) O río Deza forma unha fronteira natural entre os dous concellos.
Deseguida deixamos a estrada e pillamos un camiñoá dereita.
A vexetación é xenerosa e móstrase en todo o seu esplendor neste fermoso día.
Entramos agora nun fermoso carreiro onde abundan as xestas que aquí xa locen en flor.
Temos que cruzar esta pasarela metálica sobre o Deza que nos vai levar ao concello de Silleda de novo.
Pasarela sobre o Deza
A ponte vista dende o lado de Silleda. Estamos nunha zona de Especial Protección dos Valores Naturais que conforman o Sistema Fluvial Ulla-Deza.
Pasarela sobre o Deza
O espazo natural Ulla-Deza participa no Proxecto Rede Natura 2000, rede europea de espazos protexidos que ten como obxectivo principal preservar a biodiversidade.
Ata o pé da fervenza, o sendeiro é moi fermoso e diverso porque podemos desfrutar de toda a biodiversidade que se acubilla nos pequenos saltos e pozas de auga entre as rochas que a auga foi modelando.
O río que vemos é o Toxa, un curto río que nace no concello de Forcarei (Pontevedra) e desemboca no Deza, moi cerca da pasarela que vimos de cruzar. Un pouco máis arriba formará a cascada á que nos leva este sendeiro.
No vídeo vese o Toxa desembocando no Deza.
Non hai moito (porque se ven moi novas) que deberon de poñer estas proteccións.
A cascada do Toxa formada polo río do mesmo nome é unha das máis altas de Galicia pois pricipítase dende unha altura duns 70m.
Unha foto da fervenza. Hoxe levaba moitísima auga, tanta que era imposible achegarse xusto á base pois había risco de acabar empapada. As mesas e bancos que se ven supoño que poderán usarse en tempo máis seco. Hoxe eran inservibles.
Fervenza do Toxa
Dende a cascada hai que dar a volta polo mesmo sitio da ida.
Pasamos de novo pola pasarela e o fermoso carreiro.
E nun determinado momento torcemos á dereita para ir por un sitio diferente á ida. Calquera camiño é precioso...
Chegamos de novo a Merca. Estamos na capela de S. Paio que foi hoxe o noso comedor.
Capela de S. Paio.
Volvemos parar no restaurante O Refuxio para tomar o café. Estamos ao pé case da área recreativa A Carixa.
Restaurante O Refuxio
A área recreativa de A Carixa está moi ben equipada e dispón de praia fluvial, piscinas, merendeiros, zona infantil...todo á beira do Deza con moitas árbores.
Área recreativa A Carixa
O Deza e a área recreativa.
Outra imaxe da área recreativa da Carixa que está cruzada polo medio pola estrada EP 6410 que comunica as parroquias de Bodaño e Merza.
Andando uns 100m. pola estrada PO 6502 atopamos o Arco da Carixa queson os restos dunha antiga ponte probablemente de orixe medieval. O arco que podevos ver na actualidade é obra inacabada de Manuel Sueiro Ramos (1928) que intentou reconstruir a ponte anterior que levara unha riada
Arco da Carixa
E agora empezamos un ascenso continuo que me fai pensar se non sería mellor facer a ruta ao revés...é dicir vir primeiro por este lado.
Despois deste curto pero duro ascenso por asfalto, pillamos á dereita.
Pasamos polo lugar de Paradela, tamén da parroquia de Merza.
Neste lugar pillamos á dereita por outro fermoso camiño:
Ás veces hai importantes repechos...
Baixamos agora por un carreiro que nos vai levar ao encontro de onde subimos pola mañá, xa cerca da Ponte do Demo.
Nun pequeno punto despexado podemos ver o mosteiro.
Volvemos estar na fermosa Ponte do Demo.
Xa no mosteiro, vemos a porta da nave central que é a máis importante e onde podemos ver os 24 anciáns do Apocalipsis. A igrexa é unha das obras máis importantes do románico galego con influencias do mestre Mateo (autor do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago)
Neste outro lado vemos restos das dependencias monásticas.
Decidimos facer a Senda Botánica que hai ao redor do mosteiro.
O percorrido é fácil e curto pero os rótulos que houbo algunha vez co nome das diferentes árbores xa non existen. Actualmente só pervive o do espiño, os demais ou ben se desgastarin co paso do tempo ou ben foron arrancados. Eu case me decanto por esto último.
Espiños, na senda botánica.
O pombal do mosteiro.
Diferentes árbores que se atopan: espiños, carballos, abelairas, freixos, bidueiras, castiñeiros, salgueiros...
Abelairas na senda botánica
Tamén, ás beiras do Deza atopamos un muíño que fo restaurado. O río Deza nace na parroquia de Zobra (Lalín) Desemboca no Ulla despois de percorrer case 70km.
Muíño
Esta senda botánica foi creada no 2015. No 2018 houbo un proxecto para sustituir os paneis informativos por outros máis resistentes pero non sei que pasou...os paneis non foron sustituidos.
E voltamos ao mosteiro dando por finalizada esta interesante e fermosa ruta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario