sábado, 18 de abril de 2020

RUTA DA AUGA. TARAMUNDI PR AS-17

O concello de Taramundi atópase no extremo occidental de Asturias, limitando polo sur e o oeste con Galicia.

Este concello foi precursor no turismo rural e soubo protexer e dar a coñecer o seu patrimonio etnográfico dunha maneira exemplar. Ten varias rutas de sendeirismo, todas elas dignas de percorrer. Sen dúbida, a máis coñecida e representativa é a Ruta da Auga. Esta ruta permítenos desfrutar da auga e os seus aproveitamentos ao longo dos séculos no medio rural; en plena Reserva da Biosfera Oscos Eo recorreremos frondosos bosques de castiñeiros, carballos, abeleiras...veremos unha fermosa fervenza e singulares conxuntos etnográficos como Os Teixois, Mazonovo, Os Esquíos e aldeas de conto como As Veigas.

Lonxitude: 14km.
Dificultade: baixa
Ruta circular e ben sinalizada


Descripción da ruta:
A ruta arranca oficialmente da parte baixa de Taramundi por un camiño de formigón que nos leva a Mazonovo. Nós preferimos empezar a ruta aquí, en Mazonovo para deixar os coches. Se se quere pódese visitar aquí o Museo dos Muíños.
Tras un curto ascenso pola carretera, collemos un desvío á dereita e pasamos xunto ao caserío de A Granda:
Foto de Raul Oliete

Cruzamos o río Turía pola ponte da Escaderna e ascendemos a través dun tupido bosque de castiñeiros e amieiros.


Recollendo castañas
Cando levamos aprox. 2,5 km., desviamonos da ruta un km. e pico para ver a fervenza Salgueira( ida e volta supoñen case 3km. pero merece a pena sobre todo porque o sendeiro que leva a ela é moi fermoso)

Logo chegamos a un tramo de carretera polo que subimos ata Esquíos. Aquí podemos visitar un museo etnográfico de ferramentas e utensilios empregados antiguamente no rural.

A partires de Esquíos é cando a ruta se fai circular. Podemos ir á dereita cara ás Veigas ou á esquerda cara aos Teixois. Nós fomos primeiro aos Teixois. Nos Teixois hai un conxunto etnográfico empregando a auga: un batán, un muíño, un mazo, unha roda de afiar, unha forxa e unha pequena Central eléctrica.
Fixemos unha visita guiada onde unha muller nos foi explicando o manexo e a utilidade de tódolos aparellos.



Despois de descansar un pouco no bar que ali hai puxemos rumbo ás Veigas. En canto subimos 400m, desapareceu o bosque e poidemos ver unha paisaxe máis aberta:
A aldea que se ve ao loxe é Esquíos
As Veigas é unha aldea totalmente restaurada, encaixada nun pequeno val. Alí só se respira tranquilidade. É un lugar case máxico, precioso!!! Aquí comemos nun restaurante moi rústico e acolledor.




O tramo entre As Veigas e Esquíos discorre por un fermoso bosque bañado por varios regatos.
Volvemos a Taramundi dende Esquíos repetindo o mesmo tramo.
Se queres saber máis do Concello de Taramundi, pincha AQUÍ 

Ningún comentario:

Publicar un comentario