sábado, 26 de xuño de 2021

LAGOAS DE SILVA OU DE SALAVE. TAPIA DE CASARIEGO (ASTURIAS)

Esta ruta é moi curtiña (pouco máis de 4km.) pero condensa en tan curto percorrido unha fermosura inigualable. Son tres espazos ben diferenciados os que veremos: as lagoas, os xardíns de Camarada e os cantís do Cantábrico dende o miradoiro de Mirallos. Ao ser tan curta e fácil de percorrer nós combinámola con outra rutiña na mesma vila de Tapia que relatarei noutra entrada.

A ruta NON está sinalizada pero deixo o trak ao remate e pode facerse incluso sen el xa que é case imposible perderse seguindo a lóxica e a intuición.

Características:

Lonxitude: 4,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular que só está sinalizada ao principio do percorrido.

Descripción:
Tapia de Casariego ten 4 parroquias: Tapia, A Roda, Serantes e Campos e Salave. É en Salave de onde parte esta ruta. A ubicación AQUÍ

Nós aparcamos onde hai uns talleres e o concesionario da Peugeot, ao pé da N-634.  Hai que ir pola estrada dirección Gijón- Avilés uns 50m. para torcer por este camiño á esquerda.

Que deseguida deixamos para coller o de terra á dereita onde xa temos o cartel indicador. Esta ruta coincide nesta zona coa homologada G.R. E-9

Baixamos por este camiño que apenas deixa pasar o sol con tan exuberante vexetación:

E xa estamos nas Lagoas de Salave que foron creadas pola explotación mineira romana. Son as cavidades que deixaron as excavacións mineiras de ouro e estaño romanas dos séculos I e II d. C.

Hai que meterse polos carreiros marcados para velas dende distintos ángulos na súa totalidade.

O xacemento aurífero de Salave é un dos máis grandes sen explotar

Abandonamos as lagoas seguindo o camiño que traíamos:

Se miramos cara atrás, debaixo desa tupida vexetación, están as lagoas:

Deseguida chegamos a esta ancha pista que podemos seguir e iremos recto ao pé do mar.(Uns 200m)

Ou ben cruzar esa estrada de terra como indicaban unhas frechas verdes e pillar por este camiño durante aprox. 50m.

E desembocamos noutra pista de terra, ao pé da que nos espera unha marabillosa sorpresa: O xardín de "Camarada"

José Manuel Alonso, "Camarada" é un home de Mántaras (Tapia) que no ano 2019 ideou un xardín moi particular creado a partires de elementos naturais como a madeira (troncos, ramas, follas...) e a pedra para dar forma a moi diversos elementos como animais, persoas, carros e outros elementos. Todo moi digno de admiración xa que este home de 75 anos fai todo coas súas mans empregando ferramentas moi elementais como a brosa, serra, fouce... e sen recibir subvención ningunha nin cobrando nada por entrar a ver estas marabillas.
 El falounos (é un gran conversador) de que detrás de todo eso había unha historia de amor coa súa muller Agustina, falecida hai 8 anos, pero da que el segue namorado. Este corazón de pedras é unha homenaxe á súa esposa.

Vimos unha xirafa:

E este flamenco:

Tamén este cabalo que fai as delicias dos máis pequenos porque se poden montar nel:

Hai tamén un indio coa súa choza feita cos talos do millo:

En lousas el vai escribindo o que nos quere transmitir:

Un cormorán, ave que abunda moi cerca xa que estamos case a carón do mar:

X. Manuel Alonso "Camarada" dedicouse á agricultura e agora, xa xubilado, traballa arreo e está conseguindo que os seus xardíns (despois falaremos do outro) sexan un alicerce máis para o turismo do seu concello.

Vimos un pozo dos desexos:

E a unha lavandeira:

Non podían faltar as vacas:


Despois da parada neste xardín sen presa, desfrutando de todo canto víamos e da conversa co artista, seguimos o camiño que traíamos e que é ben fermoso:


Ao chegar ao mar, recíbenos o outro xardín de Camarada. Este está dedicado ao mar xa que tódolos elementos que contén están relacionados con el.

 Lanchas e pescadores...

Mulleres que levarían peixe, aínda que hoxe levan flores:

No interior do barco, vemos unha foto de Agustina, a muller da que tanto nos falou Camarada e  á que  puxo nun pedestal: segundo el era unha alma noble, unha muller que só lle daba alegrías e que unha cruel enfermidade fixo que tivese que coidala moitos anos, vivindo só para ela para logo acabar morrendo.

Unha redeira:

Este autobús inglés non sabemos que pinta aquí, é o único que non lle vemos a relación co mar. Ao mellor está esperando a que lle dean outra forma...

Outra pescantina que non leva peixes.

Máis abaixo, un cabalo coa bandeira asturiana.

Dende aquí temos un bo balcón ao Cantábrico:

A erosión produce nas rochas curiosas formas:

Este é o Miradoiro de Mirallos:

Damos a volta pola pista paralela á que viñemos por entre ete fermoso piñeiral:

 Que logo pasa estar rodeado de outras árbores:

A nosa remata saíndo por esa carretera ao mesmo lugar onde empezamos, moi cerca do coche.
Aquí queda o track desta fermosa ruta:

Powered by Wikiloc

De camiño a Tapia, paramos a contemplar a fermosa praia de Represas que destaca polas súas grandes rochas e pedras tanto no areal coma no mar. Ten protección medioambiental ao estar catalogada dentro da Rede Natura 2000.




xoves, 24 de xuño de 2021

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO S. CIBRAO-PORTO DE MORÁS

 Dentro da etapa 5 do Camiño Natural do Cantábrico (S. Cibrao-Viveiro), hoxe realicei o tramo S. Cibrao-Porto de Morás. Dos que levo feitos dende Ribadeo onde empecei, é o que menos me gustou. O mellor, o inicio co parque Raíña Sofía, a Ría de lieiro e o paseo ás beiras do Río Covo en S. Cibrao e o final coa praia de Lago e o porto de Morás; o resto do percorrido métese cara ao interior por pistas forestais e de terra, rodeadas de eucaliptos. O mellor desto é que cruzaremos aldeas como Barxa, Lago...

Os tramos realizados ata agora deste Camiño Natural do Cantábrico témolos aquí:

Rutas de sendeirismo: RUTA RIBADEO- RINLO POLO CAMIÑO NATURAL DA RUTA DO CANTÁBRICO

Rutas de sendeirismo: RUTA RINLO- REINANTE POLA RUTA NATURAL DO CANTÁBRICO

Rutas de sendeirismo: RUTA NATURAL DO CANTÁBRICO: Praia de Arealonga - praia de Anguieira(Barreiros)

Rutas de sendeirismo: CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO PRAIA DE ANGUIEIRA(BARREIROS) - FOZ

Rutas de sendeirismo: CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO PORTO DE FOZ- PORTO DE FAZOURO

Rutas de sendeirismo: RUTA CASTRO DE FAZOURO(FOZ)- PRAIA DE AREOURA(FOZ)

Rutas de sendeirismo: CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO (BURELA- S. CIBRAO)

Imos co tramo do hoxe (Ao final, está a ruta en wikiloc)

Características:

Lonxitude: 10,6km. 

Dificultade: fácil

Ruta lineal en xeral ben sinalizada pero...ás veces hai sinalización demais e algúns puntos falta. Esto pasa en tódolos tramos.

Descripción:

Saio pois de S. Cibrao, do parque "Reina Sofía" situado á beira da ría:

Este monumento é unha moderna fonte:

Saimos polo paseo á beira da ría:



Temos que cruzar a ponte sobre a ría e coller á esquerda:

Imos polo paseo á beira do río Covo:

Agora por unha pasarela de madeira:
Ao fondo, a ponte pola que cruza o tren


E chegamos á Ponte medieval do Bao. Construíuse no medievo para poder cruzar o río cando a marea está alta. É semellante ás pontes romanas e atopamos outras en Cangas de onís, Navia de Suarna...
Ten un único ollo e de forma oxival. Foi restaurada polo concello de Cervo no ano 1986
Os peitorís da ponte foron renovados no S. XIX

A ponte ten unha altura de 9,5m

Aquí, as beiras do río Covo, hai unha preciosa área recreativa:

Cun antigo muíño restaurado

Continuamos agora por unha pista forestal durante uns 200m aprx. e desembocamos nesta carretera nun cruce sen sinalización ningunha da ruta. Por lóxica (imos cara ao mar) pillamos á dereita onde vemos deseguida un sinal. Seguimos en Lieiro, na parte máis alta desta parroquia. Onde se ven as casas, hai que pillar á esquerda.

A chimenea da fábrica de Alúmina-aluminio vai acompañarnos boa parte do traxecto:

Vistas de S. Cibrao dende o alto de Lieiro:

Imos agora atravesar un pequeno monte (aprox. 600m.) 

Para desembocar nunha rotonda, aínda que o trazado oficial sae algo máis arriba porque había que coller á esquerda nalgún momento. Eu non vin o sinal.

En O Castelo, xunto ao restaurante, torcemos á dereita:


O camiño é ancho e cómodo e aínda algún carballo permanece entre eucaliptos.
 
Cruzamos a aldea de Lago, xa no concello de Xove. É esta unha parroquia eminentemente agrícola e é o lugar onde está ubicada a multinacional  ALCOA, así como as instalacións dunha piscifactoría de PESCANOVA dedicada á cría de rodaballo.
Parroquia de Santa Eulalia de Lago


Despois de rodear as instalacións da Factoría de Alúmina- Aluminio por un lado, chegamos deseguida á aldea de Barxa que pertence á parroquia de Lago.

Esta é unha das zonas máis industrializadas da Mariña. Ao longo do percorrido do tramo de hoxe, imos constantemente vendo chimeneas e instalacións industriais.
Piscifactoría de rodaballo
 Cruzamos polo túnel debaixo da vía:

E xa estamos na praia de Lago onde vemos de fondo as instalacións portuarias de ALCOA

Esta praia conta cunha inmensa área recreativa que atopamos moi coidada:

A praia de Lago mide 650m de lonxitude, é unha praia de area moi fina e é algo ventosa. Atópase nunha zona illada, lonxe das casas. As únicas instalacións que se divisan son as industriais.
Esta praia conta cun importante sistema dunar separando a praia da área recreativa.

Seguindo esta estrada que acaba no mar, a carón da praia de Lago, atopamos unha pequena cala á man esquerda:




Abandonamos a praia de Lago para dirixirnos ao Porto de Morás, fin do noso percorrido. Só queda 1,5km.

Antes de dirixirme ao porto, collín á man dereita nunha indicación que sinalaba a praia da Cova. Son uns 100m. e temos unha vistas espectaculares do porto ademais de coñecer esta cala.

Na foto seguinte vemos o porto e a praia de Morás

A praia da Cova é a única do concello de Xove que permite o acceso á mesma con cans.
Esta praia mide 70m. de lonxitude

O concello de Xove ofrece a  "Senda Costeira de Xove", un percorrido lineal que se iniciaría aquí en Morás ou na praia de Esteiro e que pon en valor a fermosa costa deste concello. O Camiño Natural do Cantábrico coincidirá, neste concello, en boa parte con esta ruta.


A praia de Morás, de 80m, de lonxitude é tranquila pola situación e polas poucas ondas. A carón desta praia atopábanse as antigas instalacións baleeiras de Morás xa que a pesca da balea tivo unha grande importancia no pasado e hoxe podemos recordalo  polo paseo etnográfico que temos neste lugar.

Estes son os dolos: formacións de formigón que se fabricaron aquí para a realización do espigón de abrigo do porto da fábrica de aluminio nos anos 70 do pasado século.




Powered by Wikiloc