Hoxe tamén pateamos, pero non por unha ruta de sendeirismo propiamente dita, hoxe pateamos rúas que é a mellor maneira de coñecer calquera lugar e tamén descubrimos dúas rutas de sendeirismo que deixamos para percorrer outro día xa que hoxe non deu tempo a máis.
Pravia non queda moi lonxe da Mariña lucense (1h, 15min.) e para mín era unha vila descoñecida que ten moitos atractivos que ofrecer: as súas casas de indianos (especialmente na parroquia de Somao) os monumentos históricos civís e relixiosos entre estes últimos destaca unha xoia do prerrománico (a igrexa de S. Juan en Santianes), a Casa das Aves tamén en Santianes...
Empezo por Somado (Somao din en Asturias) que xa nos queda de camiño, moi preto da A-8
Toda unha sorpresa foi coñecer este lugar que foi no 2020 "Pueblo Ejemplar de Asturias", un lugar exótico cheo de cor e non só polas casas de indianos se non tamén porque tódalas casas desta vila rural están moi ben arregladas e pintadas con xardíns ao seu arredor cheos de plantas e flores. Nesta vila atopamos unha perfecta combinación entre a arquitectura indiana e a tradicional de Asturias destacando a inmensa cantidade de hórreos que existen.
Foi todo un regalo para os sentidos esta visita a Somao!
Neste lugar moi pequeno, apenas ten 300 habitantes, naceu a 1ª persoa que emigrou a Cuba facendo fortuna e foi José Menéndez Viña. Voltou axiña á súa terra natal e ampliou a casa patrocial: "el Noceo". E así empezou a historia indiana de Somao: este home foi levando a Cuba a familiares e amigos e na aldea foron medrando as casas indianas formando un patrimonio que hoxe se conserva intacto.
Hoxe, a casa de José Menéndez está habitada polos sucesores do seu fundador.
|
El Noceo |
Moi cerca desta casa está outra chamada "La Cochera" formada por dous edificios que tamén foron propiedade de José Menéndez Viña e hoxe están dedicados a alonxamento rural:
|
La Cochera |
"La casa amarilla o casa de la torre" é outra casa indiana moi especial xa que destaca entre todas pola altura da súa torre, vese dende calquera punto. Foi encargada por Fermín Martínez, outro veciño de Somao que emigrou moi novo a Cuba. Foi deseñada por Manuel del Busto, considerado o meloor arquitecto de casas indianas.A casa está moi ben conservada e segue pertencendo á familia.
|
Casa de la torre ou casa amarilla |
Imos agora con outra casa singular sobre todo polo panteón que ten. Chamada "La Casona" empezouse a construir no 1900 e chama a atención polas galerías e a escaleira da fachada principal. Foi propiedade de Gabino Álvarez e a súa muller, Encarnación Valdés, foi a 1ª persoa en ser enterrada no panteón modernista e moi chamativo construido en 1909.
A casa máis pequena na mesma cor que vemos ao fondo na foto, é La Casina mandada construir por Encarnación Valdés para o seu confesor e profesor dos seus fillos.
|
La Casona e, ao fondo, La Casina |
|
Panteón de La Casona |
Un fillo de Gabino Álvarez mandou construir esta mansión. A súa muller chamábase Radisgundis e a casa é coñecida co nome de Villa Radis. Desta casa chama a atención o alicatado exterior de cor amarelo pálido.
Esta que vemos é a Casa de Tomás de Pachín, relacionado familiarmente cos donos de La Casona e El Marciel que veremos despois.
Agora vemos a Casa de las Columnas ou Casa das de Celesta que eran Encarna e Filomena Pire. A casa construeuse co diñeiro que mandaron os seus irmáns dende Cuba. Nesa época , a casa era parada de arrieiros.
El Marciel ou Chalet de Solís data de1910 e foi mandado construir por Jesús Solís que emigrou a Cuba e fixo fortuna co comercio. Cando voltou, resideu en Madrid e esta era a casa de veraneo. Dise que foi engañado polo seu administrador e rematou arruinado. Alicatada con azulexo rosa está moi preto da Casa da torre.
La Casa de la Capilla ten a súa apariencia actual grazas a Alejandro González Pire que emigrou a Cuba, fixo fortuna e remodelou a casa que xa existía.
A seguinte casa é La Marroquina situada na zona alta de Somao. adquirida e remodelada polo indianao Hermenegildo Menéndez cando voltou de Cuba. No pasado albergou un negocio de gaseosas. Hoxe pertence á ex ministra socialista Ángeles Amador.
Esta casa está na entrada de Somao, é a de "Doña Basilisa" tamén coñecida como a "Casa do Coronel" na que destaca a galería lateral acristalada.
Estas son as principais casas de indianos. Aínda nos quedaron por ver outras dúas ou tres pero levamos unha idea ben formada do que hai e aínda nos falta algo importante: o parque co antigo cine, hoxe Centro Social con cafetería e as Escolas que hoxe aínda funcionan como tal e a igrexa de Santa Eulalia. Estes monumentos tamén foron financiados polos indianos que sempre tiveron unha grande vinculación co seu lugar de orixe. Procuraron mellorar as condicións de vida dos seus paisanos e así, en Somao, financiaron a traída de augas, lavadoiros, as Escolas, o antigo cine e ata a igrexa. Este conxunto de edificios está articulado en torno a un parque que se asemella no peche que ten a un parque de cidade.
Os indianos procuraban levar ao seu lugar de orixe o progreso que coñeceron en América e así obtiñan recoñecemento público e prestixio social.
Ao percorrer Somao, semella que esteas percorrendo un xardín infinito porque as casas indianas teñen un enorme espazo axardinado ao seu redor con plantas e árbores exóticos en moitos casos sendo, sen dúbidas, unha das vilas que maior nº de xardíns privados ten de Asturias.
No 2020, Somao foi "Pueblo ejemplar de Asturias": "Porque sus habitantes han sabido mantener la riqueza de su legado patriomonial y rural..."
A arquite
ctura tradicional asturiana está moi presente na gran cantidade de hórreos que vimos: Damos por rematada a nosa visita a Somao levando moito e bon que contar desta fermosa parroquia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario