A Senda Costeira de Xove é unha ruta litoral que vai dende a área etnográfica de Morás ata a praia de Portonovo nun percorrido de case 19km. Transcorre pegada ao mar case todo o traxecto e comparte bastantes tramos co Camiño Natural do Cantábrico. Vai moi pouco por asfalto (no tramo que nós fixemos hoxe, nada) e ten unha riqueza paisaxística moi salientable xa que pasa por grandes cantís, moi preto de illas, restos arqueolóxicos, miradoiros, faros, enseadas e praias moi fermosas.
Unha ruta moi, moi recomendable!!
Hoxe, a nosa 1ª intención era facer o tramo Morás- Faro de Roncadoira pero cando chegamos á praia de Portocelo tan fermosa e nun día que ía moita calor decidimos quedarnos alí!
A ruta en WIKILOC
Características:
Lonxitude: 7,6 km.
Dificultade: Moderada xa que aínda que o firme ou piso da senda é moi bo hai algunha subida importante.
Ruta lineal ben sinalizada.
Descripción:
Saímos do Porto(ou portiño como é coñecido pola zona) de Morás.
A praia de Morás, de 80m, de lonxitude é tranquila pola situación e polas poucas ondas. A carón desta praia atopábanse as antigas instalacións baleeiras de Morás xa que a pesca da balea tivo unha grande importancia no pasado e hoxe podemos recordalo polo paseo etnográfico que temos neste lugar.
|
Praia de Morás |
Estes son os dolos: formacións de formigón que se fabricaron aquí para a realización do espigón de abrigo do porto da fábrica de aluminio nos anos 70 do pasado século.
|
Parque onde se fabricaban os dolos |
Unha vista do porto e praia de Morás. Esta ruta parte dun lugar ben fermoso:
|
Porto e praia de Morás |
Esta ruta coincide coa Ruta do Camiño Natural do Cantábrico da que hai neste blog 8 entradas que son os tramos que levo feitos ata o momento, se contamos o de hoxe, son nove.
|
Empezando a ruta |
Vista de cerca dos enorme dolos(os máis grandes de Europa) que pesan 50 toneladas cada un.
|
Dolos |
Este mundo de dolos parece mergullarnos nunha paisaxe futurista e case algo sinistra:
Desvíamonos da ruta uns 100m. para ver os cantís de Morás tamén chamados cantís de papel debido á súa apariencia formando pregos,dobreces, formas singulares que fan pensar en papeis pero tamén fan pensar en titáns, en grandes monstros que impoñen pola súa envergadura. Son unhas inmensas formacións graníticas duns 40 m. de altura.
|
Cantís de Morás |
|
Quen colocaría aí esas pedras? |
Voltamos á ruta. O camiño é ancho e cun firme axeitado e vai á beira do Cantábrico:
Aparece unha néboa baixa que dificulta á visibilidade ao lonxe:
Empezamos a subir ao Alto do Cabalo:
Pasando polo Miradoiro de A Atalaia dende onde pouco ou nada poidemos mirar hoxe polo densa néboa.
Baixando a Punta Arxente podemos divisar entre a néboa a Illa de Sarón:
Ao chegar a Punta Arxente, case podemos tocar a illa de Sarón, oficialmente coñecida como Ansarón. A súa altura é de 83m. e a superficie é de aprox. 10 hectáreas o que a convirte nunha das maiores illas da costa lucense. Son famosos os seus cantís por seren uns dos maiores productores de percebes de alta clase. A illa atópase a uns 200m. da terra firme.
Estamos subindo agora ao punto máis alto da ruta: ao Coto da Vela e as vistas empezan a ser magníficas xa que a néboa parece alonxarse:
Atravesamos algún monte tamén :
Deseguida voltamos a ver o mar:
Xa no máis alto, e como di o indicador que a 100m está o Coto da Vela, intento chegar aló:
Pero deseguida este carreiro xa avisa do que vai vir e é que uns pasos máis e xa non se pode avanzar. O sendeiro está totalmente pechado:
Despois da dura subida, toca baixar. Imos cara á Enseada de Sucastro.
Esta enseada aparece ante nós cunhas augas que nos lembran imaxes doutros lugares lonxanos. Pois non é necesario desplazarse moito: na nosa Terra tamén temos augas cristalinas dunha cor esmeralda que non envexa nada á doutros lugares.
|
Enseada de Sucastro coa illa de Sarón de fondo |
O punto máis elevado da foto é Coto da Vela, un lugar onde se cre que houbo un castro e de aí o nome da enseada. A forte pendente que vemos, en forma de acantilado rochoso, funcionaría como un resgardo natural. No ano 1956 as fotos dun un voo américano descubren os restos dun poblado moi ben conservado. Hoxe está cuberto todo de eucaliptos de propiedade privada. Agardemos que nun futuro haxa estudos arqueolóxicos que permitan recuperalo.
Vistas dende Punta Merixe. Á dereita, Punta Arxente que acabamos de pasar.
E á esquerda, Punta Roncadoira. Coa néboa non vemos o faro, pero alí se atopa.
Cruzamos outro monte
E xa a paisaxe s eabre para deixarnos ver a aldea de Portocelo:
Desembocamos deseguida na súa fermosa e recollida praia: A mín personalmente namoroume esta praia. Conta cos servizos de socorrista, duchas e baños impecablemente limpos. Semella unha piscina debido ao espigón do muelle que a protexe, non é nada perigosa, moi, moi cha e ten ademais todo arredor árbores onde podes atopar sombra.
En marea baixa podemos pasar camiñando ao outro areal que vemos á esquerda, a praia de Canela. En marea chea non se pode pasar pero ten unha entrada pola estrada.
O pequenísimo e tranquilo porto de Portocelo. Este nome en latín Porto Celo significa "porto escondido" e é ben certo que o está
Nesta praia de Portocelo, en marea baixa queda unha enorme extensión de area.E aquí nos quedamos. A nosa intención era chegar ata Faro Roncadoira pero en vistas da calor que ía, decidimos desfrutar toda a tarde desta espectacular praia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario