Nesta zona, partindo e finalizando en Candaoso, xa fixen outras dúas rutas que se poden ver nos seguintes enlaces:
CURRO DE CANDAOSO
FRAGA DAS SAÍMAS
Hoxe cheguei á Cruz do Pau da Vella seguindo un track. Foi unha ruta fermosa e interesante para descubrir este monumento, ver turbeiras e coñecer (eu xa o coñecía) o lugar onde se celebra unha afamada Rapa das Bestas, no curro de Candaoso. Eso si, nesta ruta hai que ir moi atentos ao track para non desviarse da ruta, sobre todo en zonas que como xa veremos, se vai campo a través, sen un camiño ou carreiro definido.(Sen track ou se non se coñece a zona ben, é difícil facela)
Características:
Lonxitude: 10,2km.
Dificultade: moderada, porque hai zonas nas que o percorrido vai campo e monte a través e porque hai que ter conta que hai algún arame de pinchos que hai que cruzar.
Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC
Descrición:
Estamos no concello de Viveiro e, dentro deste, na parroquia de Santo André de Boimente onde se atopa o Curro de Candaoso. Aquí celébrase tódolos veráns unha Rapa das Bestas considerada Festa de Interese en Galicia. Dende este lugar parte a nosa ruta e tamén finaliza aquí, nesta zona chamada Chao do Cargadoiro.
 |
| Curro de Candaoso |
Hai xa 41 anos que se empezou a mellorar estes pastos: “Ofrecéronnos participar no programa de mellora de pastos en comunidades de montes e foi cando fixemos a sementeira das pradeiras” dicía en 2022 un gandeiro pertencente á Comunidade de Montes Veciñais.
Na foto seguinte, a pista pola que baixaremos de volta.
Cruzamos un paso canadiense (atoparemos varios) porque é esta unha zona de bastante gando vacuno e cabalar. De momento imos por pista asfaltada.

Vou ascendendo de xeito suave. Vexo néboa e nubes de momento, espero que ao chegar arriba despexe.
As nubes parece que se van desfacendo. Os cabalos pacen tranquilamente.
De momento vou por pista asfaltada. Este tramo xa o coñecía dunha ruta anterior.
Despois de 2km. por asfalto, pillo unha pista de terra á dereita.
Despois doutros 2 km. pola pista de monte entre piñeiros, o camiño remata bruscamente no punto que vemos na foto seguinte. Este camiño actualmente sofre as consecuencias das máquinas que están a facer labores forestais nesta zona. Eu atopei madeiristas traballando.
 |
| Camiño que remata bruscamente |
Agora hai que atravesar un monte de piñeiros no que non hai carreiro ou camiño definido. Toca ir moi atenta ao track para non desviarse do percorrido.
 |
| Monte de piñeiros que hai que atravesar. |
Ascendo por este monte polo que non se camiña mal, xa que non hai toxos e a herba está baixa.
 |
| Monte de piñeiros |
Rematados os piñeiros, saio ao descampado e atraveso un pasteiro:
Xa estou no punto máis alto desta ruta e as vistas son espectaculares!!
A Serra do Buio é unha prolongación da Serra do Xistral e esténdese sobre todo polos municipios de Xove e Viveiro. O punto máis alto é o Pau da Vella ao que estrictamente non cheguei, aínda que non está moi lonxe da Cruz do Pau da Vella.
 |
| Aló enriba no cume desa lomba que vemos está o Pau da Vella. |
Atopo varios peches con arames e aquí está outra parte complicada da ruta. Hai algún que se pode abrir e pechar facilmente como o que vemos con cordas pero noutros a única maneira de cruzalos foi reptando por debaixo, esto no meu caso non é difícil porque son menuda pero no caso dunha persoa máis voluminosa pois non sei como podería facer...
NOTA: despois descubrín que non é estrictamente necesario cruzar estas aramadas, só se queres fotografar ben a Cruz do Pau da vella como eu fixen, pero o percorrido dá a volta sen ter porque atravesar nada aquí.
Tiven unhas pequenas dúbidas de por onde seguía o percorrido dende aquí porque no track que seguía falaba de seguir ao longo dunha aramada e como hai varias...deseguida atopei por onde era. Só hai que fixarse e orientarse e se non o móbil avisa... Tampouco é necesario cruzar ata 3 peches como eu fixen porque quería ver ben a Cruz, o percorrido dá a volta sen ter que atravesar nada aquí, como explico anteriormente.
A Cruz do Pau da Vella considérase o marco divisorio entre os concellos de Ferreira do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro. Non se coñece a orixe deste esteo de granito, nin tampouco se é, en realidade, unha cruz ou unha estela antropoforma. |
| Cruz do Pau da vella |
As referencias lendarias aportan algúns elementos clave que poderían axudar a trazar unha posible interpretación: o reiterado protagonismo dunha muller vella (quizais a deusa ou moura precristián), ser lugar de encontro ritual para a veciñanza e a cristianización do lugar.
“Disque se chama así porque houbo quen viu por aquel lugar unha muller vella, que se apoiaba nun pau, e que choraba”
“Hai quen di que alí está soterrado o corpo dunha vella”
“Cando aínda non estaban fixados os lindes dos concellos do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro, había moitas discusións. Un día presentouse no lugar unha vella e ofreceu a solución: poñer un marco”
“Tamén se conta que no pasado os curas do Valadouro, Cervo, Viveiro e Xove ían unha vez no ano ata o Pau da Vella e xantaban sentados en roda arredor daquela cruz”
"A Noite de San Xoán ían dous homes de cada parroquia ao Pau da Vella para o reparto das moscas, e todos os anos haía reña cos de Budián pois estes só querían tabaos" (Galiciaencantada.com)
 |
| Cruz do Pau da vella |
Hai que ir ao son do peche que se ve á esquerda na foto. A Serra do Xistral é unha fronteira natural entre a Terra Chá e o mar Cantábrico. Hoxe tiven sorte co tempo porque esta serra é o lugar de España con menos horas de sol.
Dende estes 700m. de altitude as vistas son únicas.
As turbeiras de cobertor dos Montes de Buio, son valiosos humedais que acadan ata tres metros de espesor. Formadas por turba rubia e fibrosa debido á gran humidade da zona, albergan unha rica biodiversidade, incluíndo plantas carnívoras
 |
| Turbeiras |
Puiden vir pola outra beira do peche porque agora teño que volver cruzala..e neste caso, reptando.
Agora camiño campo a través por este pasteiro. A sensación de paz e relax é única...
Mire a onde mire, sempre vexo un lonxano horizonte.
A comunidade de Boimente participou, xunto a outros 10 dos concellos de Xove, Ourol, Muras, O Valadouro e Abadín, cos que comparte os montes da Serra do Xistral, no proxecto europeo Live on Common Land que estudaba precisamente os beneficios do gando no coidado do territorio. Este proxecto empezou no ano 2017 e xa rematou en 2022 pero aínda que o financiamento europeo específico para esta etapa de cinco anos concluíu, este tipo de iniciativas europeas adoitan incluír un Plan After-LIFE. Isto significa que as metodoloxías creadas (como o pioneiro modelo de pago por resultados aos montes veciñais ou o uso de drons para vixiar o estado ambiental) foron deseñadas para que os seus socios (Deputación de Lugo, a USC e a UDC) sigan aplicando as súas pautas de conservación na Serra do Xistral.
As naves que vemos ao fondo dedícanse á extracción de turba. Esta é unha explotación que extrae unhas 7000 toneladas de turba ao ano para vender como sustrato de xardinería.
A área de explotación incrementouse nos últimos anos a pesares de que eso supón a destrucción total e permanente dunha superficie moi significativa de hábitats prioritarios nunha zona que é Espazo Protexido (ZEC) e da Rede Natura 2000.
Dende 1985, esta degradación ambiental ven sendo denunciada por distintas asociacións defensoras do Medio Natural.
Un bebedoiro para o gando chegando ás "TURBERAS DEL BUYO Y DEL GISTRAL S.A".
Sitas na Comba de Cal Grande.
Estes peches foron moi doados se sacar e poñer.
Ao pé das naves de extracción de turba, pillamos un carreiro que nos vai levar á pista que sae das mesmas instalacións (Tamén podemos ir por ela)
A pesares de que hai tempo que non chove, soprende atopar esta fermosa lagoa. De non subir polo carreiro anterior, non a veriamos.
Saimos á pista. Na foto, o Parque Eólico dos Montes de Buio.
Voltando a vista atrás, parte do camiño percorrido: subín polo piñeiral que se ve á dereita e voltei atravesando o pasteiro en verde:
Agora inicio unha baixada xa moi cerca do final.
En lugar de voltear máis seguindo a pista, xunto a un aeroxerador pillo un camiño á esquerda que me leva a esta antena de comunicacións.
O bosque que vemos na seguinte foto, corresponde á Fraga das Saímas polas que xa fixen unha ruta que se pode ver no inicio desta entrada.Aquí, en Candaoso, celébrase tódolos veráns unha Rapa das Bestas considerada Festa de Interese en Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario