martes, 17 de xuño de 2025

CANDAOSO E FRAGA DAS SAIMAS (SANTO ANDRÉ DE BOIMENTE -VIVEIRO)

 En realidade hoxe ía facer outra ruta diferente da que ao final fixemos. Ía ir polo pico máis alto dos Montes de Buio (Viveiro e Xove) que é Pau da Vella (720m de altitude) partindo de Riobó na parroquia de Vilacampa (O Valadouro) pero atopamos o acceso a Riobó cortado. Para chegar alí xa hai que ir por unha estrada de pedra non moi ben acondicionada pero ao chegar á aldea, hai unha cancela con varios candados que impiden o paso ademais de avisar con carteis que se prohibe entrar. Buscando información atopei que a partires de 1967 unha persoa foi comprando os 3 lugares que formaban esta aldea e no 1980 consigueu reunir as distintas propiedades nunha única finca que segue a manterse indivisa e polo visto agora xa é de titularidade privada.

"En el año 1992 la propiedad encargó a la Asociación Forestal de Galicia (AFG) la elaboración de un proyecto de ordenación con el fin de convertir la finca en una explotación forestal, y conseguir unas rentas periódicas suficientes a base de la producción de madera. Desde entonces, el equipo técnico de la AFG presta un servicio de asistencia a la gestión del monte." (https://madera-sostenible.com/madera/cose-visita-monte-rioboo-valadouro-lugo/

Polo tanto houbo que cambiar de plans e non saiu mal. Conseguimos facer unha ruta tamén polos Montes de Buio moi interesante.

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Estamos no concello de Viveiro e dentro deste, na parroquia de Santo André de Boimente onde se atopa o Curro de Candaoso. Aquí celébrase tódolos veráns unha Rapa das Bestas considerada Festa de Interese en Galicia. Dende este lugar parte a nosa ruta e tamén finaliza.

O primeiro que vemos son moitísimos cabalos que nos miran expectantes.

Son preciosos e están moi ben coidados, limpos e brillantes. Hai moitas crías noviñas.

Nunca vin tantos cabalos xuntos. Están nun entorno moi fermoso e teñen moita herba para pacer.

Hai xa 41 anos que se empezou a mellorar estes pastos.“Ofrecéronnos participar no programa de mellora de pastos en comunidades de montes e foi cando fixemos a sementeira das pradeiras” dicía en 2022 un gandeiro pertencente á Comunidade de Montes Veciñais.

Houbo que mellorar os prados porque, como é habitual en moitas zonas do Xistral, os solos son de turba e teñen moita acidez que houbo que correxir con caliza e abono. Nestes 41 anos nunca foron renovados os pastos, que se manteñen en bo estado productivo grazas ao gando que esparceu as sementes de trevo e raigrás

A comunidade de Boimente participa, xunto a outras 10 dos concellos de Xove, Ourol, Muras, O Valadouro e Abadín, coas que comparte os montes da Serra do Xistral, no proxecto europeo Live on Common Land que estuda precisamente os beneficios do gando no coidado do territorio.

Nesta zona danse moi ben as coníferas e vemos esta plantación.


A medida que subimos, as vistas son máis extraordinarias.

De súpeto atopamos unhas naves que non sabemos que son ata que lemos que se dedican á extracción de turba. Esta é unha explotación que extrae unhas 7000 toneladas de turba ao ano para vender como sustrato de xardinería.

A área de explotación incrementouse nos últimos anos a pesares de que eso supón a destrucción total e permanente dunha superficie moi significativa de hábitats prioritarios nunha zona que é Espazo Protexido (ZEC) e da Rede Natura 2000.

Dende 1985, esta degradación ambiental ven sendo denunciada por distintas asociacións defensoras do Medio Natural.

Chamáronme a atención estas floriñas brancas a tanta altitude. Son Xuncos lanudos ou xuncos dos pantanos que medran entre as turbeiras e matorrais húmidos na alta montaña.


A Serra do Xistral separa a Terra Chá do mar e está formada por outras pequenas serras e montes como a Serra da Toxiza, a Carba, os Montes de Buio nos que nos atopamos, o dos Cabaleiros.... Este conxunto montañoso esténdese polos concellos das Pontes, Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalaba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo. 

Na Serra do Xistral hai un depósito de turba fósil con 20000 anos de antigüidade. 

 A turba, fai referencia ao combustíble fósil formado polos vexetais mortos acumulados en sitios enchoupados.

As turbeiras teñen unha enorme importancia porque almacenan auga e carbono e son vitais na loita contra o cambio climático.

Turbeiras nos Montes de Buio (Serra do Xistral)

Estamos a case 700m. de altitude e sopra un vento frío a pesares de estar en xuño. Esta serra é inhóspita e o sol vese poucas veces pero é tan fermosa!! 

Ao lonxe, o Cantábrico.

As montañas suaves e redondeadas caracterizan a esta serra que tanto inflúe no clima que temos na Mariña. 


Os cabalos e vacas fan un labor moi importante no coidado desta Serra.


Agora baixamos ao punto de inicio. Poucas árbores poden medrar a estas altitudes onde o vento, a néboa e o frío son case constantes.

Nas partes máis baixas da serra xa aparece o arboredo. Na foto seguinte, vemos a Fraga das Saimas que despois percorreremos.

Vemos o Curro de Candaoso onde se celebra cada verán a Rapa das Bestas.


O lugar onde se celebra a Rapa das Bestas é moi fermoso con árbores moi diversos e uns prados verdes e coidados onde pacen os cabalos.

 Diversidade arborea en Candaoso.

A edificación que se vé parece un bar que poñerán o día da Rapa xa que acude moita xente.
Tamén hai algunha mesa e bancos, unha fonte...

Chegados ao punto de inicio desta curta ruta, decidimos visitar tamén a Fraga das Saimas prolongando así a camiñata algo máis. 
A Fraga das Saimas está pegada ao Curro de Candaoso e ben merece unha visita! Hai un panel indicando este percorrido que empeza por este camiño:

 
Deseguida atopamos este sinal que nos indica pillar á esquerda pero non se ve por onde. Xunto ao letreiro só hai silvas e non se pode avanzar así que decidimos continuar polo camiño ancho e en bo estado.

Seguimos por este camiño que pasa polo medio da fraga.

A Fraga das Saimas está repleta de árbores autóctonos, maioritariamente carballos, aínda que tamén vimos acivros, amieiros, espiños... O camiño vai en baixada e desemboca na estrada LU-161 pola que viñemos e despois poderiase facer a volta circular por outro lado pero facíasenos algo moito chegar ata aló e demos a volta.
Fraga das Saimas

Á volta, pillamos por onde dicía o sinal pero so podemos acceder a un prado que está pegado á fraga. Percorremos un pouco pola beira pero para adentrarse na fraga, moito mellor o camiño polo que fomos antes.

Páxinas web consultadas:

https://madera-sostenible.com/madera/cose-visita-monte-rioboo-valadouro-lugo/

https://www.campogalego.gal/xestion-gando-na-parroquia-de-boimente-250-eguas-e-250-vacas-para-1-000-hectareas-de-monte-comunal/

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.tierra.org/wp-content/uploads/2023/07/informe_mineria_biodiversidad.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario