domingo, 2 de agosto de 2026

LAGOA DO MONTE DA GRANDA EN SANTIAGO DEL MONTE (CASTRILLÓN)

Despois de facer a ruta da cascada de Faedo, como foi tan curta aínda me sobraba moito tempo e quixen aproveitar a viaxe para realizar outra ruta que tamén tiña pendente e queda cerca da anterior, no veciño concello de Castrillón, na parroquia de Santiago del Monte.

Castrillón é un concello do Principado de Asturias. Atópase situado na zona costeira central de Asturias. O aeroporto de Asturias está situado neste concello. (Moita xente, incluida eu, pesabamos que o aeroporto estaba no concello de Avilés, pero non, está no de Castrillón) que ten unha poboación de ao redor de 22.855 habitantes e a súa capital é Piedras Blancas. Castrillón é un concello que está estreitamente relacionado con Avilés e en cuxo sector industrial quedou integrado, desde hai xa moito tempo.

Neste concello xa realicei outras rutas. Pinchando no nome podes velas:

PRADO DEL MARQUÉS NA SERRA DE PULIDE

RUTA CIRCULAR EN SALINAS

Hoxe fichen unha ruta circular no interior.

Características:

Lonxitude: 6 km.

Dificultade: fácil.

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descrición:

Inicio esta ruta xunto á igrexa parroquial de Santiago del Monte. O nome tradicional desta parroquia é El Monte.

Igrexa de Santiago del Monte

Ao pé da igrexa, hai un carballo centenario que chama a atención polo grande e fermoso que é e que estivo en perigo de morrer axfisiado por unha hedra tal e como di a prensa no ano 2017. Houbo protestas e a hedra foi quitada. A árbore loce hoxe chea de vida!!

Carballo centenario no adro da igrexa.

A igrexa foi reconstruida nos anos 50 e forma parte do percorrido do Camiño de Santiago Norte.

Igrexa de Santiago del Monte

A ruta vai seguir ao principio o mesmo itinerario que o Camiño de Santiago.

Deixamos momentaneamente o asfalto.

Despois de baixar unhas escaleiras e cruzar a N-643, subimos outras escaleiras.


Estamos no barrio El Cueplo e seguimos o Camiño a Santiago.

Unha "panera asturiana". Máis grande que os hórreos e diferente en canto aos "pegoyos" ou piares (o hórreo ten 4 e a panera 6) e tamén o teito varía incorporando a paneira unha parte horizontal.
Unha paneira

Rematan as vivendas e imos introducirnos nun bosque:

Cruzamos por derriba da autovía A8:

Estamos a introducirnos no Monte da Granda e xa estamos nos límites co concello de Soto del Barco.

Monte da Granda

O Monte da Granda acolle unha explotación a ceo aberto de arxila e area.
Mina a ceo aberto

Seguimos aínda polo Camiño de Santiago.

Agora a pista ten moitísimas pedras soltas que, de non levar o calzado axeitado, pode dificultar o avance. Por eso é tan importante, cando se sae a facer calquera ruta, levar sempre calzado axeitado porque non sabemos co que nos podemos atopar.


A Lagoa do Monte da Granda (eu só vin unha) xa en Castrillón de novo, é un estanque natural que podemos contemplar dende o mesmo camiño polo que imos asomándose a unha beira (hai carreiriños pequenos moi visibles para asomarse)

Lagoa de Monte da Granda

A mesma lagoa anterior, dende outro punto moi cercano.

Lagoa de Monte da Granda

Baixamos o Monte da Granda, para min o tramo máis feo da ruta, polo medio de eucaliptos e desembocamos na AS-318. Pillamos á dereita e un pouco máis adiante pillaremos de novo á dereita por un camiño.

Desembocando en AS-318

Ao pillar o camiño, vexo á esquerda outro que acurta algo a ruta que eu levo planificada e aló vou!

Só camiño uns poucos metros e teño que dar a volta. O camiño péchase completamente no punto que vemos na foto seguinte (non no valado que vemos pechando unha finca, o camiño seguiría de frente). Algún día si que houbo por aí un paso, pero moitísimos camiños agora quedaron sen uso e o seu estado é deplorable.

Camiño pechado

Sigo polo camiño planificado que está rozado.

Ás veces estreitase pero pásase perfectamente.

É un fermoso camiño.


Desemboco no barrio de El Cueplo de novo e agora fago o mesmo percorrido que á ida.

El Cueplo

O Cueplo foi zona vaqueira, coñecida como "la raza del Cueplo". Eran xente que vivían nesta aldea e na próxima braña de Panizales.

Non me dou conta das escaleiras polas que antes subín, non se ven dende a estrada e en lugar de baixar por onde antes subín, sigo e chego á estrada N-643 que teño que atravesar.


Deseguida chego de novo á igrexa onde comín no adro á sombra xusto cando o sol saeu e empezaba a pegar forte. 

Páxinas web consultadas:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Castrill%C3%B3n,_Asturias

https://castrillon.es/attachments/article/2032/CS%20Castrill%C3%B3n%20Espa%C3%B1ol.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario