luns, 22 de xuño de 2026

ALDEAS DE MURAS

 Non hai moito que estiven en Muras facendo unha ruta ben fermosa que se pode ver AQUÍ

Hoxe volvín para facer outra ruta e descubrir outras paisaxes sapicadas de arboreda autóctona e de aldeas tradicionais, algunhas delas xa deshabitadas.

Característica da ruta:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: moderada porque ten algún tramo no que hai silvas, herba grande, moitos aramados...nós pasamos sen demasiada dificultade pero hai xente que non está acostumada a andar por lugares así.

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

O inicio/fin desta ruta ten lugar xunto á igrexa parroquial de S. Pedro  do S. XVII e construída, parece ser, sobre outra románica do S. XII.

Igrexa de S. Pedro

O que máis chama a atención desta igrexa é a Torre do Campanario exenta, do S. XVIII.
"Una torre exenta es una estructura vertical que se encuentra  aislada o independiente de otros edificios. A diferencia de las torres que forman parte de una construcción principal o están adosadas a ella, esta se erige por sí misma, dejando un espacio libre a su alrededor" (Diccionario de la Lengua española)
Campanario exento da igrexa anterior

Ao pé da igrexa está a que foi a Casa Rectoral. Un veciño díxonos que se vendera.
Antiga Casa Rectoral

Dirixímonos cara á Praza da Galeguidade. No ano 2022 renovouse esta praza.
Praza da Galeguidade

Frente á praza anterior está a Casa do Concello.
Casa do Concello de Muras

Na Praza da Galeguidade colocaron este mesmo ano e este mesmo mes un monumento cunha placa conmemorativa aos represaliados da Guerra Civil. A placa recolle os nomes de 8 persoas asasinadas ao empezar a guerra.
Placa Conmemorativa

Vista xeral da Praza da Galeguidade e o edificio do Concello:

                                                                       Praza da Galeguidade

Imos por estrada uns 600m. ata pillar á dereita:

Rematamos o asfalto na aldea de As Ucheiras, unha aldea da parroquia de Muras, deshabitada.

As Ucheiras

Atravesamos a aldea, que vive un completo silenzo pola falta de habitantes.
As Ucheiras

Despois de As Ucheiras, entramos xa en carreiros e camiños tradicionais nos que imos atopar moitos aramados como o que vemos na seguinte foto:

Camiñamos á sombra de carballeiras.

E entre muros de pedras que delimitan fincas.

Camiños que case ninguén percorre xa, agás algunha persoa (moi poucas) que lles gusta a paz e o illamento destes lugares.

Sabemos moi ben que estamos cerca dalgunha aldea porque estes prados que vemos aparecen rozados.

Que gusto camiñar por lugares así!!


Estamos en Abelaira. Non sabemos se vive aínda alguén aquí. Hai unha casa restaurada e outras abandonadas. Ver, non vimos a naide.

Abelaira

Seguimos por un camiño no que se nota que non está nada pisado...

Deseguida, o camiño salvaxe inicial vaise convertir nun carreiro de mellor andar:

Aínda que, de cando en vez, aparecen atrancos. Os arames pasámolos sen maior dificultade, agachándonos e as carrachas que podan ter os felgos evítanse levando pantalón e camiseta de manga larga ou empregando un repelente para eses bichos.

Paisaxe que nos deixa ver algún claro:

Saimos á estrada LU-P 6602 que atravesamos para pillar un camiño dubidando se sería por aí, porque aparecía en moi mal estado ao principio. Dito camiño vai xusto por detrás da contrucción que se ve á dereita.

Non apetecía nada meterse por este camiño pero non quedaba outra opción se queriamos seguir o percorrido planificado.

O camiño, mellora deseguida:



Unha pequena subida ata a seguinte aldea:


Ximarás é outra aldea deshabitada.
Ximarás

Agora toca ir pola estrada.


Estamos en zona despexada que deixa estas vistas:

Durante algo máis de 1km. toca ir por estrada. O sol xa apreta pero imos todo o tempo á sombra.

Bustelo é outra aldea de Muras á que me acheguei para sacar a foto porque a ruta non pasa  por aquí, senón que torce á esuqerda por un camiño,  nunha curva que está uns metros antes.
Vin un coche pero parecía un lugar deshabitado. 
Bustelo

En Bustelo remata a estrada, así que só hai dúas opcións: voltar para atrás por onde viñemos ou seguir por este camiño. Loxicamente escollemos esta última opción que era ademais a que traiamos no track. Empezamos a subir xa con bastante calor e agora xa non hai sombra. Menos mal que a subida é moi curta.

Estamos a máis de 600m. de altitude, na parte máis alta desta ruta.

Agora empezamos a baixar.

Atopamos o último aramado que sempre hai que deixar igual que estaba.

Por aquí só hai felgos, nada de árbores.

Desembocamos noutro camiño xa con sombra e atopamos este guapo cabaliño.

Saímos á estrada en A Casavella.
A Casavella

A estrada é tranquila e fermosa!

En Casateita, atopamos a Capela de Nosa Señora do Rosario:
Capela de Nosa Señora do Rosario

En Casateita aínda quedan habitantes e, de feito, estivemos falando cunha señora.
Casateita

O municipio de Muras destaca pola súa inmensa riqueza paisaxística, sendo un auténtico paríso de montaña, bosques autóctonos e unha excepcional rede fluvial co Sor e o Eume.

Seguimos pola estrada, a piques xa de chegar ao punto de inicio.

Xa vemos a vila. Deseguida pasaremos ao pé do CEIP "Antía Cal" que só ten ao redor de 20 alumnos e esto é un éxito porque houbo anos anteriores nos que perigou a continuidade do centro escolar xa que tan só había 8 alumnos.

Estamos de novo no punto de inicio! Agora iremos comer uns bocatas á fermosa Área Recreativa de A Veiga, ao pé do Eume.




Blog consultado:
https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/














Ningún comentario:

Publicar un comentario