martes, 7 de xaneiro de 2025

PRAIA DA FIGUEIRA E CASTRO DE MOHÍAS DENDE ORTIGUEIRA (COAÑA)

 As  dúas rutas que levo feito no concello de Coaña, parecéronme preciosas. Foron estas:

RUTA MARIÑEIRA (PR-AS 296)

PRAIA DE TORBAS CON MAREA BAIXA

Hoxe fixen outra que ten tamén costa e ten tramos de interior ao querer facela circular.

Características da Ruta

Lonxitude: 9km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Coaña é un pequeno concello con pouco máis de 3000 habitantes. O relevo deste cocello está marcado por dúas zonas ben diferentes: a zona costeira con grandes cantís e a zona interior cun relevo de serras e montañas de moderada altura.

Ortigueira, onde empecei e finalicei esta ruta é unha zona de costa que pertence á parroquia de Mohías.

O Rego de Fundión desemboca no porto desta vila. Cando fixen a Ruta Mariñeira baixaba totalmente seco. Hoxe levaba algo de auga.

Empecei seguindo un tramo pequeno da Ruta Mariñeira que está perfectamente sinalizada.

Súbese por estas escaleiras e as vistas son cada vez máis amplas.

A vila esta escalonada en torno ao porto tanto dun lado como do outro.

Ao lonxe vemos o Faro de S. Agustín situado nunha fermosa atalaia cunhas impresionantes vistas ao Cantábrico e ás praias cercanas. Cando fixen a Ruta Mariñeira puiden desfrutar desa fermosa zona.

Ao lonxe, Faro de S. Agustín
E xa remata o tramo da Ruta Mariñeira que eu empecei no Faro de S. Agustín, baixei á vila por un lado e subín polo outro (por onde acabo de facelo). Agora o camiño enlaza coa ruta costeira E9  e, dentro desta, co tramo Ortigueira-Viavélez.
Fin da ruta Mariñeira

Seguimos pois a ruta  Gran Percorrido GR-E9, un itinerario europeo chamado Camiño Costeiro Europeo que iría dende o Cabo de S. Vicente en Portugal ata S. Petesburgo en Rusia. O camiño aínda non está completado e só están homologados e sinalizados algúns tramos. No occidente asturiano temos o itinerario costeiro máis amplo do norte de España dende Barayo ata A Veiga pasando por 6 concellos e duns 89 km. perfectamente sinalizados.

Un pequeno espazo acondicionado cun banco e unha mesa para relaxarse mirando o mar.

As imaxes que vou atopando neste día 1 de xaneiro de 2025 non poden ser máis idílicas.




O camiño métese cara o interior e pasamos ao asfalto. Estamos en Medal, outro lugar da parroquia de Mohías.

 Seguimos na ruta E-9 que vai cara a Viavélez.

As antigas escolas galegas dos anos 60/70 que se coñecen moi ben porque seguían todas a mesma liña arquitectónica (dous pisos, o de arriba para vivenda dos mestre ou mestra e o de abixo para as aulas) foron reconvertidas cando perderon o seu uso, en Centros Sociais e Culturais para as parroquias.
Antiga escola
Sorprendeume moito xa cando fixen as outras rutas, a puxanza que parece que ten este concello. Por tódalas aldeas aparece nova construcción, moitas delas segunda vivenda e bastantes granxas e terras de millo. As casas aparecen todas moi coidadas.

Dende Medal, torcemos á dereita para ir á praia de Figueira. Xa vemos o mar e o gando que é habitual atopar neste concello.

Por esta estrada chegan á praia os vehículos.

Unha vista da baixada e da cara oeste da praia de Figueira.

A praia de Figueira, situada nun entorno totalmente rural, é na súa meirande parte un coído e na pleamar desaparece completamente, por estes motivos ten moi pouca asistencia e carece de vixiancia. 
Podemos ver tamén uns illotes chamados precisamente "Os Illóns"


Baixase a ele por unhas escaleiras e hai que levar coidado xa son frecuentes os derrubes nesta zona , algo do que se avisa ao empezar a baixar.

Abandonamos a praia por un camiño.

Este camiño vai pegado oa primeiros metros ao Rego da Vega Pinto.

Cruzamos unha ponte de medeira e alonxámonos do rego.

A subida é moi levadeira, con pouco desnivel.

Seguimos coincidindo coa ruta E9 e o camiño desemboca no lugar de Lloza, que pertence xa á parroquia de Cartavio.
Estamos en Lloza (Cartavio)

Neste cruce, en Loza, deixamos a ruta E9 que segue á dereita cara a Vialévez. Nós, como queremos ir ao punto de inicio, pillamos á esquerda.

Imos cara a Medal por esta estrada. Non ten arcén e hai que levar coidado. Algún coche crucei. Habería que buscar neste tramo algunha vía alternativa por camiños que si se lles vía o inicio pero non me atrevín a meterme por eles por se máis adiante estaban cortados..

Nun determinado momento, deixamos a estrada e pillamos unha pista ou camiño polo medio dunhas terras, en Medal
Medal

Desembocamos noutra pista xa moi preto do Castro de Mohías. Aínda estamos en Medal.

Camiño fermoso que nos leva ao castro. Estamos xa en Mohías, lugar que dá nome á parroquia que é onde se sitúa o castro.

O Castro de Mohías foi dado a coñecer en 1940 pero a súa excavación non tivo lugar ata 1968. A partires de 1971 houbo traballos acasionais e dende 1989 non se realizaron máis  excavacións.
Castro de Mohías
 
As excavacións deixaron ao descuberto unhas 20 construccións. No interior foron atopados fogares, morteiros e abundante cerámica. A data de construcción deste castro son os S. I e II
O Castro ocupa unha gran extensión, a maioría aínda sen excavar.
 
O Castro de Mohías é Ben de Interese Cultural dende 2014. A súa visita é libre e gratuita.
Castro de Mohías

A igrexa de S. Martiño de Mohías responde ao mesmo tipo de tódalas igrexas do occidente asturiano. Todas elas se distinguen polo seu estilizado campanario.

A torre campanario fai tamén de pótico e ten un reloxo.
Igrexa de S. Martiño de Mohías

Dende a igrexa ata o final queda aprox. 1 km. Xa estamos entrando en Ortigueira.

Á esquerda queda o barranco do Rego de Fundión que está a punto de desembocar.

As casas de Ortigueira montadas na ladeira, ao igual que no outro lado. O porto, no medio.

Ortigueira

O Porto "El Ribeiro" de Ortigueira é estreito e ten unha enorme beleza natural con fondo rochoso e enormes acantilados con vexetación. Os primeiros pobladores desta vila asentaron como vimos as casas en verdadeiros precipios para estar máis cerca da súa fonte de sustento que daquela era o mar. A caza de baleas e a pesca de langostas ocupou durante séculos a varias xeracións. Actualmente xa poca xente se dedica á pesca . Hoxe só había amarradas estas dúas barquiñas de recreo.
Porto de Ortigueira

Páxinas web empregadas:
https://www.turismoasturias.es/descubre/cultura/museos-y-espacios-culturales/castros-y-espacios-arqueologicos/castro-de-mohias
https://guiadeasturias.com/lugar/ortiguera/

Ningún comentario:

Publicar un comentario