 |
Barrio de Río (S. Martiño) |
Ruta sen homologar nin sinalizar que quen desexe facer sen coñecer a zona terá que seguir o track que deixo ao final.
Vai practicamente toda por asfalto (En S. Martiño ao igual que noutras parroquias que teñen Concentración Parcelaria, apenas quedan camiños nin sendeiros e os poucos que hai están pechados de maleza porque non teñen xa uso agrícola)
A pesares disto é unha ruta que me gustou moito( non sei se son bastante obxectiva porque S. Martiño é a miña parroquia natal) pero penso que gusta a calquera ir á beira dun río, neste caso do Centiño, ver muíños á súa beira, pasar polo lugar de Vintín onde aproveitaron a humidade e a auga do río para crear un magnífico bosque con gran cantidade e variedade de árbores, subir a un barrio cunhas vistas incríbles como é o de Mourente, pasar pola famosa capela do Bispo Santo e chegar á Basílica de S. Martiño xa case rematando o percorrido.
CARACTERÍSTICAS:
Lonxitude: 7km.
Dificultade: fácil. Ten dúas subidas, unha a Mourente duns 500m. e outra ao Bispo Santo moi suave e duns 150m.
Ruta circular sen sinalizar.
DESCRIPICIÓN.-
Saio dende a Casa de Santos actualmente deshabitada e busco o río Centiño que está moi cerca e diríxome alí:
 |
Casa de Santos, agora deshabitada |
 |
Río Centiño |
Quedan poucas explotacións leiteiras hoxe na parroquia cando nun pasado recente todo o mundo vivía da agricultura e gandaría. Actualmente a xente nova que hai, vai traballar fóra da aldea e os máis vellos agora teñen en moitos casos vacas de carne, sen estabular.
No lugar chamado Vintín só existe unha casa e os seus propietarios apoveitaron que están ao pé do río para plantar multitude de árbores diversas que forman un fermoso entorno.
 |
Vintín |
 |
Vintín:camiño de acceso á vivenda |
Despois de andar uns poucos metros á beira do río, agora saimos á estrada:
E chegamos ao barrio de Río. O nome parce virlle moi ben xa que o Centiño pasa moi preto das casas. Collemos á dereita para internarnos no propio barrio e buscalo río.
 |
Río |
En Río temos unha paisaxe aberta aos prados e ao lonxe vemos a montaña de Cornería.
Infinita gama de verdes:
 |
Paisaxe en Río |
Chama a atención esta finca tan fermosa con tantas árbores e plantas, todo perfectamente coidado:
 |
Abundan sobre todo as camelias. |
Chego a unha zona ao lado do río onde hai un muíño a medio restaurar e onde parece que houbo ou quixo haber unha área recreativa pero que está abandonada.
O entorno onde está o muíño é ben fermoso.
 |
Muíño en Río |
Aquí abandonamos xa o río que non voltaremos a ver xa que nos dirixiremos cara arriba, ao barrio de Mourente.
 |
Río Centiño |
Abandonamos tamén o fermoso barrio de Río:
Subimos unha pequena costa para chegar a Mourente:
As vistas dende o barrio de Mourente son espectaculares, mírese a onde se mire:
 |
Vista dende Mourente |
 |
Vista dende Mourente |
Vese Foz, a ría, parte de S.Cosme de Barreiros, S. Miguel e as montañas ...
A mín personalmente encántame este barrio para vivir: poucas casas, tranquilidade, excelentes vistas...
 |
Mourente |
En vez de seguir a estrada ata o stop e coller para O Santo, fun por este atallo:

E saín á estrada máis arriba, xa moi cerca da capela.
Esta é área recreativa que hai en torno á capela do Bispo Santo. O outono está facéndose notar:

Aquí temos a capela do Bispo Santo. Este bispo refírese a S. Gonzalo, que estivo en S. Martiño entre os séculos XI e XII e conta a lenda que os normandos invadían daquela as nosas costas. As xentes da aldea pediron axuda ao bispo para librarse deles e Gonzalo cunha cruz ao lombo emprendeu camiño dende a basílica do Caritel ata o Monte da Grela dende onde se vía o mar.
A cruz era pesada e o bispo, poñíase de xeonllos para descansar. Cada vez que o facía afundiase u barco normando e así foi derrotando a flota, de xeito que cando chegou ao Monte da Grela, só quedaba un barco que deixou que s efora para dar testemuña do que alí pasara.
No S. XVI, ergueuse esta capela no lugar onde din que ocorreu o miragre, para honrar ao Bispo Gonzalo e a este feito.
 |
Capela do Bispo santo |
O Bispo Santo realmente non está canonizado pola igrexa senón polo pobo.
 |
Capela do Bispo Santo |
Continuo camiño cara á basílica de S. Martiño:
Dende o Santo ata a basílica hai unha distancia de apenas 2km. que son os máis monotonos da ruta, xa que é por unha estrada rodeada de eucaliptos.
Moi pouco antes de chegar ao Caritel, vemos lugar de O Pinal. Antigamente, neste prado, xusto onde está a árbore solitaria e o pozo había unha casa "A casa do Pinal". Xa hai anos que morreron tódolos seus habitantes. Ao pouco, a casa foi derribada.
 |
O Pinal
A poucos metros de O Pinal, xa vemos o cemiterio parroquial e o barrio de Vilela: |
E uns pasos máis adiante xa vemos O Caritel coa súa xoia: a Basílica.
Da Basílica de S Martiño xa escribín nesta entrada: Rutas de sendeirismo: S. MARTIÑO DE MONDOÑEDO (FOZ) RUTA CIRCULAR IE se alguén ten interese en saben máis, recomendo esta páxina: Iglesia de San Martín de Mondoñedo (arteguias.com) |
Vista da basílica dende os xardíns. |
E xa cheguei case ao punto de inicio. Na foto vemos o Lugar de As Granxas e a estrada que sube ao barrio de Vilancedoi.