domingo, 2 de outubro de 2022

LAGOA DE COSPEITO + PARTE DA RUTA DAS FONTES

 Cospeito é un concello da Terra Cha na provincia de Lugo. A capital é Feira do Monte que pertence á parroquia de Sistallo.

Na Feira do Monte atopamos a Lagoa de Cospeito que é un dos humedais máis importantes de Galicia, pertencente á Rede Natura 2000. É un espazo natural protexido que serve de refuxio a numerosas aves e anfibios. Na Lagoa existen tamén unha grande variedade de  árbores e plantas. A Lagoa está alimentada polo río Guisande, afluente do Miño.

Orixinariamente, este espazo natural estaba formado por dúas lagoas que ocupaban unha maior extensión, pero na década dos 60 houbo un proxecto de desecación para dedicar á terras á agricultura. Nos anos oitenta iniciouse a recuperación da lagoa sendo hoxe unha zona dunha grande diversidade ecolóxica.

Hai un sendeiro ancho, moi cómodo e fácil de camiñar que rodea a Lagoa. Este sendeiro está rodeado de árbores, sobre todo carballos, polo que sempre iremos á sombra. Tamén temos ao longo do perdorrido varios observatorios de aves e da lagoa.

Como a ruta é curta e moi doada, quixen ampliala realizando a "Ruta das Fontes" publicitada tamén no Centro de Interpretación pero esta, aínda que bastante ben sinalizada, deixa moito que desexar en canto ao seu mantemento. Xa irei comentando...

Características da ruta:

Lonxitude: 9,4 km.

Dificultade: ningunha

Ruta circular ben sinalizada.

A ruta en WIKILOC

Descripción:

A ruta empeza no Centro de Interpretación da Lagoa. Exactamente, AQUÍ

Primeiro subimos a un mirador que hai neste lugar:


Dende aquí, xa temos a primeira visión da lagoa:


Empezamos a camiñar seguindo as indicacións:

O camiño non pode ser máis fermoso:


Chegamos ao 1º observatorio ornitolóxico:


Dende este observatorio podemos contemplar a Lagoa xa máis preto:

E a densa vexetación que a rodea:

O sendeiro é un ancho camiño rodeado de frondosas árbores que agora na primavera dá gusto ver:

Agora cruzaremos o río por unha pasarela de madeira:


Rematamos a pasarela de madeira. Bidueiras, espiños e sobre todo carballos van dar sombra todo o tempo do percorrido.


A auga está por todas partes nesta foto feita na primavera.



Imos oíndo o canto de moi distintas aves ao longo do percorrido:

A foto seguinte, debaixo, é de setembro de 2022, ano no que houbo moita seca. Vemos a enorme diferenza coas fotos anteriores:
A lagoa nun ano de moita seca
Outro observatorio:

Os carballos coas súas landras:
 
Tamén vin moitas rosas silvestres ou silvas macho co seu froito vermello tan fermoso. (Hai sitios de Galicia onde lle chaman "caramuxo". En castelán é escaramujo)
Froito vermello da rosa silvestre.
 
Nos lugares onde se pode entrar á lagoa colocaron unhas rochas grandes para impredir o paso de vehículos.

O camiño ás veces estreitase e convertese nun adorable sendeiro.

 Despois volve anchearse e os carballos forman un frondoso túnel.

As árbores máis abondosas son se dúbida os carballos pero tamén atopamos bidueiras, salgueiros, espiños, rosas silvestres, freixos...

Houbo unha época en que se colocaron carteis, pero se despois non os van manter limpos para que se podan ler, para que os puxeron?

Cheguei ao punto de partida despois de facer un círculo ao redor da lagoa. 

E agora decido facer a ruta das Fontes que tamén está anunciada no Centro de Interpretación enlazando as dúas.

A 1ª fonte que vou ver andando só uns metros é a
Fonte da Lagoa. Moi cerca do C. de Interpretación, unha rúa asfaltada con beirarrúa lévanos a ela.

Esta ruta xa empeza coa decepción de ver que en canto deixamos a estrada, o sendeiro que leva á fonte está totalmente tomado polas silvas.


A fonte non é como as que eu estou acostumada a ver. Non ten cano e a auga sae directamente do chan.

A fonte está nun entorno privilexiado, pena de que non estea coidado.
 
Volvemos agora camiñar polo mesmo lugar onde empezamos a ruta da Lagoa. Imos cara á Fonte de S. Paio.
 
Durante uns 100 m. coincide o percorrido das dúas rutas:

No cruce que vemos, antes torcemos á dereita e agora seguiremos de frente.

O camiño para chegar ata a fonte de S. Paio é unha frondosa carballeira nun lugar con moita humidade. En inverno o camiño acostuma a estar anegado e hai que levar calzado impermeable para cruzalo.


A Fonte de S. Paio seguindo a liña da anterior tampouco ten cano. A auga está estancada nun pozo que ademais está bastante sucio. Eu dende logo non bebería auga de aí...
Fonte de S. Paio

As fotos desta ruta pertencen a dúas estacións diferentes: á primavera e a finais do verán (xa principios de outono)
A foto seguinte foi na primavera e nótase no verdor da herba e as flores da maceira. Tamén se nota que a herba do camiño está pouco pisada...

 A paisaxe dende logo é ben fermosa e plácida:
 
A capela de S. Paio dos Redos atópase na parroquia de Sistallo, á beira da estrada LU-P 6501 que une Feira do Monte con Vilalba. O segundo sábado de xullo celebrase a Festa de S. Paio e centos de persoas xúntanse na cercana carballeira animando as súas merendas con música e xogos populares.
Capela de S. Paio dos Redos

Na seguinte foto vemos a capela e a carballeira que ten ao pé.

Seguindo os sinais da ruta das fontes, chegamos a un cruce e mándanos coller á dereita pero non o fago porque esta ruta intentei xa facela na primavera e nun fun quen de atopar esta fonte "Fonte de Felín" e polo menos naquela data estaba o camiño moi mal acondicionado nalgúns tramos.

Sinal para a Fonte de Felín

Continuo pois de frente, cara á vila de Feira do Monte, e este edificio que vemos é o Museo das Aves. A hora que eu pasei estaba pechado.
Museo das aves
 Estou no centro de Feira do Monte e vou subir ao Miradoiro da Virxe do Monte. Primeiro atopo, nunha pequena rotonda, esta fonte:

Subindo pola Avda Virxe do Monte. Xa vemos a igrexa parroquial e o miradoiro que en realidade é un bar-cafetería ubicado no punto máis alto da vila cunhas estupendas vistas.

Na praza Virxe do Monte está o moderno Centro de Saúde ademais dunha gardería e un colexio.
Centro de saúde

Nesta Praza tamén está a igrexa da Virxe do Monte, patrona da Terra Cha.
Igrexa da Virxe do Monte

Vistas que temos dende a Praza da Virxe do Monte
  
Baixo ata a Praza Maior e observo que a están ampliando e acondicionando. Na praza hai esta moderna fonte:
Fonte na Praza Maior de Feira do Monte.

 Na Praza Maior ubícase a Casa Consistorial e un centro cultural.

Sigo camiñando e deseguida chego á Fonte máis coidada e á que parece ser que os veciños deben ter máis devoción a xulgar pola cantidade de flores tanto naturais como artificiais que había.
Entorno da Fonte da Virxe

A fonte non deixa de ser orixinal xa que é máis que unha fonte, parece ser un lugar de esparcemento e lecer.

Sigo camiño ata voltar de novo ao Centro de Interpretación da Lagoa, onde remato esta ruta. (Dende a Fonte da Virxe ata o Centro de Interpr. da Lagoa hai 1,5 km.)


Unha pena que a ruta das fontes non estea mellor acondicionada nalgúns tramos xa que podía ser unha ruta moi fermosa ao estar as fontes en entornos privilexiados no que a natureza se refire , o mesmo que os camiños que levan a elas.


martes, 27 de setembro de 2022

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO RIBADEO-RINLO (TRAMO AMPLIADO)

 Neste blog xa está publicada esta ruta que foi realizada por vez 1ª no 2016:

Ver AQUÍ

Esa 1ª vez que a fixemos era un día de inverno tan inclemente que non nos deixou desfrutar desta ruta como nos gustaría. Bastante tíñamos con abrigarnos e procurar mollarnos o menos posible xa que ventaba, chovía e ata caía ás veces saraiba.

Seis anos despois quixen repetila xa con bo tempo e o resultado final é ben diferente: vin praias que non vira, pareime máis nos lugares que o merecían e ademais gravei o track, algo que no 2016 aínda non facía.

Camiño Natural da Ruta do Cantábrico é unha iniciativa que emprendeu no ano 1993 o Ministerio de Agricultura, Pesca , Alimentación e Medio Ambiente dentro do programa "Caminos Naturales", ao longo de toda España.
Camiño Natural da Ruta do Cantábrico vai dende Ribadeo (Lugo) ata o porto de Ladrido (A Coruña) percorrendo máis de 150  km. Está dividido oficialmente en 7 tramos ou etapas e a 1ª vai dende Ribadeo á praia das Catedrais. Eu, como naquela 1ª ocasión, dividín en dous tramos esta etapa e faun de Ribadeo a Rinlo

Características da ruta:

Lonxitude: 12 km.

Dificultade: Fácil

Ruta lineal, perfectamente sinalizada.

Track da ruta en WIKILOC

Descripción:

Partín do muelle de Porcillán en Ribadeo onde está situado o porto deportivo. É un dos 4 portos deportivos de Galicia con bandeira azul e o único da provincia de Lugo con este distintivo.

Porto deportivo ao pé da Ponte dos Santos

Outra imaxe do porto deportivo coas vilas asturianas de Castropol e Figueras ao fondo.
Porto deportivo

Subimos as escaleiras que hai e topamos coa capela de S. Miguel cunhas preciosas vistas:

Capela de S. Miguel

 Pasamos por debaixo da Ponte dos Santos entrando nunha área de lecer moi ben coidada:

Ponte dos Santos



Por aquí pasa tamén O Camiño Norte de Santiago e na foto vemos o albergue de Ribadeo, xa que acostuma a ser final de etapa. O albergue está nun enclave ben fermoso.

Albergue de peregrinos

Vistas da Ponte dos Santos dende o albergue:

Estou pasando por un lugar moi coidado que é o Parque Etnográfico de O Cargadoiro. É un lugar que alberga os restos do que foi un antigo cargadoiro de mercadorías, un punto onde descargaba o tren para os barcos coa axuda dun guindastre, facilitando deste xeito o comercio con barcos de gran calado que non tiñan necesidade de entrar na ría dependendo das subidas e baixadas das mareas.

Dende este Parque Etnográfico podemos acceder tamén á Praia do Cargadeiro. Esta praia con magníficos accesos agocha sen embargo, unha praia moi pequena (polo menos en marea alta) e que parece bastante incómoda porque só vemos pedras e nada de area.

Praia do Cargadeiro

No cargadoiro descargaban o mineral de ferro fundido extraído nas minas da Pontenova. Ata aquí chegaba o ferrocarril da Sociedade Mineira de Vilaodrid para traladar por mar o mineral a distintas partes de Europa.
A liña ferroviaria que conectaba A Pontenova con Ribadeo tiña 34 km. de lonxitude. Foi inaugurado a principios do S. XX e mantivo a súa actividade ata os anos 60 do mesmo século.
Este lugar quedou despois no abandono e só se mantiñan os piares de pedra derriba do mar. Encima deles, no sitio onde estaban os raíles, colocouse nos anos 90 unha pasarela de madeira que fai as veces dun excelente miradoiro.
Cargadoiro
 
Mesmo debaixo do Cargadoiro, atopamos outra cala con accesos de escaleiras decoradas con pedra, que debe ser unha prolongación da praia anterior que acabo de ver e que en marea baixa debe ser unha soa.
Baixada á praia
 
 
 Estes son os antigos túneles do ferrocarril e colocaron diante unhas antigas vagonetas de transporte de mineral.
Túneles do ferrocarril no Cargadoiro

Continuamos por este fermoso e coidado paseo:

Que nos deixa estas fermosas vistas:
 
A poucos metros do Cargadoiro temos o Forte de S. Damián que é o mellor exemplo de arquitectura militar de Ribadeo. O forte foi construido nun punto estratéxico e de difícil acceso, polo Marqués de Cerralbo no S. XVII.  A súa misión era protexer a entrada da ría ante posibles ataques por mar, polo que foi provisto de artillería.
Foi destruido nun ataque por parte dos ingleses no ano 1719. En 1774 foi reconstruido pero unha explosión sufrida no1809, durante a Guerra da Independencia, volveuno convertir en ruinas.
Posteriormente  pasou a pertenecer ao concello que levou a cabo a súa restauración: Actualmente funciona como sala de exposicións municipais.
Forte de S. Damián.

Camiñamos agora pola beirarúa da estrada e vemos esta curiosa pena chamada "Pena Furada". Do outro lado, a costa asturiana.
 
E chegamos a Illa Pancha  que alberga os dous faros de Ribadeo. O antiguo, de planta cuadrada e hoxe rehabilitado para o turismo e o que funciona como faro con franxas negras e brancas. A illa está unida a terra firme por medio dunha pequena ponte.
Illa Pancha cos seus dous faros
 
Temos tamén un miradoiro nesta zona:
Miradoiro en Illa Pancha

Moi cerca da Illa Pancha temos unha praia moi recollida e protexida dos ventos por cantís con bo acceso e con aparcadoiro case ao pé. É a Praia deRochas Brancas.
Praia de Rochas Brancas

 Continuo o Camiño, agora por estrada local vendo a vila de Ribadeo á esquerda.
 
Despois de 500 m. torcemos á dereita (está ben sinalizado) e sigo pola estrada que vai a Rinlo.
Estrada a Rinlo
 
Atopo esta sinalización de que a 200 m. hai un castro e aló vou. 
Sinalización

Trátase do castro de As Grobas. Este topónimo procede dos impresionantes foxos que configuran o sistema defensivo do castro. Este castro está excavado só moi parcialmente.
Castro de As Grobas cos foxos.

Dende o castro de As Grobas temos unha excelente panorámica da Illa Pancha. Volto sobre os meus pasos para retomar a andaina e sigo por asfalto 500 m.

 Torcemos de novo á dereita para achegarnos á liña de costa:
 
A luz do atardecer deixa estas imaxes:

Unha gaivota oteando o horizonte:

 A praia de Areosa está situada nun entorno agreste. É moi pequena.
Praia de Areosa

Esta praia ten unha pequena área recreativa na súa baixada e, moi cerca, un precioso piñeiral:
Área recreativa ao pé da praia Areosa
 
Saimos de novo á estrada (hai veces que a ruta apártase da costa porque o paso é imposible xa que hai grandes cantís ou fincas privadas que o impiden) O asfalto dura 600 m. e xiramos de novo á dereita.

Fermosa paisaxe a que imos deixando detrás:


Atopei calas con acceso a elas:


Volto sair á estrada, xa moi cerca de Rinlo

O sol xoga coas nubes:

Xa a piques de entrar en Rinlo, os sinais lévanme de novo cara ao mar.

No medio deste espectacular anoitecer, vemos os peches de fincas con antigos muros de pedra.

E tamén vemos xa a vila de Rinlo que pertence ao concello de Ribadeo.
Chegando a Rinlo

Paso pola área recreativa Campo do Cristo que dispón de varias mesas, barbaoas e fonte.
Área recreativa Campo do Cristo

E rematamos a andaina de hoxe no paseo marítimo de Rinlo, vendo xa ao lonxe o seu afamado porto. Pero como xa vai caer a noite, vou deixar para outro día a exploración desta pequena vila, cando repita o tramo Rinlo- As Catedrais.
Paseo marítimo de Rinlo