luns, 15 de xuño de 2026

PONTE DE SA DENDE IGREXA DE S. XOÁN DE ALBA (VILALBA)

 É esta unha ruta moi fácil tecnicamente e podemos dividila claramente en dúas partes ou tramos:

O 1º tramo coincide co Camiño de Santiago Norte dende a Igrexa de S. xoán de Alba ata a Ponte de Saa e o 2º tramo dá a volta dende a ponte para voltar ao punto de inicio por un camiño pegado á autovía A-8 cun desvío en Pedrouzos para ver a capela de S. Rodrigo que realmente ten pouco que ver.

Características da ruta:

Lonxitude: 9km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción :

Aparquei ao pé da igrexa de S. Xoán de Alba e aínda que era cedo, xa había xente que madrugara máis ca min porque había 6 ou 7 coches xa aparcados; supuxen que estarían facendo o Camiño de Santiago.

Igrexa de S. Xoán de Alba

A igrexa de S. Xoán de Alba foi reformanda no S. XVII. O que máis chama a atención é o cemiterio pegado a ela en estilo neo-gótico.

Este cemiterio, ao igual que outros do concello de  Vilalba e outras zonas próximas, é como un museo ao aire libre. Os altos pináculos dos nichos vense dende a lonxanía.
Cemiterio de S. de Alba

Moitos destes cemiterios foron creados por canteiros da zona.
Cemiterio de S. de Alba
 No adro da igrexa, vemos este cruceiro que nace sobre un chanzo de sección cadrada. A súa base cúbica de arestas superiores rebaixadas dá paso a un varal que comeza en sección cadrada e segue coas arestas rebaixadas.
O capitel é de seccion cadrada, con volutas e querubíns nos catro lados.
O conxunto remata cunha cruz de sección cadrada, arestas rebaixadas e remates florenzados con botón central. Nela podemos ver as imaxes de Cristo crucificado baixo cartela de INRI no anverso, e a Virxe co Neno no colo no reverso.

                                                                Cruceiro diante da igrexa

Fóra xa do cemiterio e do adro da igrexa, vemos esta construcción que é un monumento funerario.


Por aquí pasa o Camiño de Santiago do Norte, ao pé da igrexa.


Hai que atravesar a N-634 como nos indica o sinal.



Entramos nun camiño tradicional moi fermoso con moita sombra.


Os tramos do Camiño de Santiago acostuman a estar sempre impecables, ben rozados e acondicionados e xa non digamos, sinalizados!! Atopamos os típicos sinais en pedra de cada pouco e outros carteis e frechas en cruces ou puntos dubidosos.


Inmesos e antigos carballos...



Pasamos por lugares habitados. Estamos en Carralmaior, lugar da parroquia de Alba.


Os camiños tradicionais en Galicia son moito máis que rutas: son o sangue, a historia e a cultura do pobo galego.


"Moitos dos camiños, pistas ou estradas que actualmente utilizamos foron transitados hai centos ou miles de anos por outros viaxeiros, do propio territorio ou chegados de fóra. Ninguén ten a exclusividade dos camiños" (La Voz de Galicia)



Hai peregrinos que fan o Camiño en bici:


O conxunto de rutas dos Camiños de Santiago está constituído por vías de dominio e uso público, o territorio que o define e os seus elementos funcionais, que son os que forman parte da súa fisionomía (como peches, muros, cómaros, valos, pasos, pontellas, pontes, fontes, lavadoiros ou espazos similares), así como os destinados á súa conservación e servizo e os que sexan necesarios para o seu uso.


Pasamos por Pedrouzos, da parroquia de A Torre.



O uso preferente da traza dos Camiños é o de ser un sendeiro peonil, compatible coa súa utilización como vía ecuestre ou como vía para vehículos sen motor.



Este tramo do Camiño é ben fermoso.


Pasamos pola Estrada, tamén da parroquia de A Torre.
Estrada

Fermosos entornos floridos agora na primavera.


Tamén vemos paisaxes máis abertas.


Fonte restaurada que atopamos na Estrada.


Volvemos cruzar a estrada N-634 no lugar de A Cancela e seguimos na mesma parroquia de A Torre.



Tanto dá cruzar a un lado e ao outro da estrada, a paisaxe segue a ser engaiolante.


Un carreiro é "un paso estreito que só permite o paso a pé ou no lombo dun animal". Aquí temos un ben fermoso!!


Neste tramo non falta nunca a sombra
.


Nos lugares onde vive xente tamén vemos árbores froiteiras.



Estamos a piques de volver cruzar a N- 634.


Chegando ao cuce da estrada:



Cruzamos por debaixo da autovía A-8.



Fermoso entorno ao pé do río Labrada. Case todas as árbores son bidueiros.


A Ponte de Sa xa se atopa na parroquia de Ínsua.


A ponte é de orixe medieval pero foi reedificado varias veces. Ten este gran ollo e varios aliviadeiros para as crecidas.
O ollo da ponte, lixeiramente oxival, denota a súa orixe medieval.


A ponte está sobre o río Labrada, afluente do Ladra


Dende a Ponte de Sa dou a volta. Volvo uns metros sobre os meus pasos ata chegar ao cruce debaixo da A-8


Este é o cruce polo que xa pasei para ir ata a ponte. Agora volvo a el e pillo de frente.



O camiño é ben ancho e sombrío .Que gusto. Xa empeza a apretar o calor!!


Camiño en paralelo a A-8, moi pegada a ela pero sen vela nunca debido á arboreda.  Eso si, o ruído dos coches é constante.


Ás veces ábrese algún claro a prados, sempre pola miña esquerda.


Enormes bidueiros...


No estaba en principio previsto no track que sigo, e eu mesma planifiquei, pero vexo moi cerca que me indica a capela de S. Rodrigo e dende ela podo acceder de novo de xeito moi fácil a esta mesma ruta . Así que cruzo debaixo da A8 para ir aí.
O 1º que vexo é este cruceiro.


  A capela de S. Rodrigo pertence á Idade Moderna (XVI-XVIII)
 É una pequena edificación relixiosa de planta rectangular, feita en cantaría granítica, cos muros parcialmente revocados en blanco, e cuberta a dúas augas con lousas de xisto.

Na fachada principal vemos unha porta de aceso lintelada e dúas bufardas aos lados.

Segundo se recolle na bibliografía: “Se hizo a instancias de don Rodrigo Montenegro y Camba”, familia da que existe unha edificación ao seu carón 


                                                            Capela de S. Rodrigo en Pedrouzos

Estamos outra vez en Pedrouzos pero agora por outra parte do barrio, aínda que moi preto de por onde pasei antes.



Cruzo a A-8, agora por derriba.


Volvo a camiñar agora coma antes: levando a autovia á miña dereita.


A paisaxe non cambia: moita masa arbórea, algún claro con prados...


Nesta intersección, volvo cruzar por debaixo da A-8.


Neste tramo xa me dá o sol pero estou xa rematando.


Enlazo coa estrada pola que cheguei en coche á igrexa de S. Xoán de Alba que xa vexo aí diante.




Páxinas web consultadas:
https://www.tierrasinsolitas.com/cementerios-goticos-en-galicia/
https://patrimoniogalego.net/index.php/110851/2021/08/cruceiro-no-adro-da-igrexa-parroquial-de-san-xoan-de-alba/

https://www.cultura.gal/gl/natureza-caminos

https://patrimoniogalego.net/index.php/111827/2021/11/capela-no-lugar-de-pedrouzos/














































































































Ningún comentario:

Publicar un comentario