A Serra do Puñago ou da Rañadoira é un sistema montañoso da provincia de Lugo que abarca os concellos de Baleira, Castroverde e Baralla. Aínda que non ten grandes alturas, é un excelente miradoiro da xeografía lucense.
Coma case tódalas serras galegas, alberga un Parque Eólico, o "Serra do Puñago- Vacariza".
Esta ruta está no concello de Castroverde, aínda que moi cerca do concello de Baleira.
Características :
Lonxitude: 13,7 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC
Descripción da ruta:
Moi cerca de S. Romao, da parroquia de Retizós, no concello de Baleira ten inicio e fin esta ruta.
Despois de cruzar esta aldea en coche, aparquei un pouco máis arriba, nun cruce onde non estorbara e onde empecei a camiñar.
Vou por un camiño en suave ascenso.
Volvendo a vista atrás...
A medida que vou subindo, as vistas fanse máis espectaculares: Lombas e terras de Baleira e de moito máis aló.
Vexo esta planta tan común en Galicia que é a dedaleira ou estraloque, planta herbácea bianual, nativa de Europa. Recibe tamén os nomes de abeluria, abrula, baloco, borleta, croque, dixital, estalote, milicroque e sanxoán e moitos outros. Debe de ser a planta con máis nomes diferentes en galego.
A flor das dedaleiras e as súas follas conteñen unha substancia alcaloide, a dixitalina, que afecta ao funcionamento cardíaco e o extracto do seu principio activo foi empregado como medicación para a arritmia e outras deficiencias cardíacas dende finais do S. XVIII.
Cómpre ter en conta que, a pesar dos seus efectos medicinais, as dedadeiras poden chegar a ser moi velenosas se son consumidas.
Ao fondo, a aldea de Retizós.

Milicroques
Rematando a subida e volvendo a miúdo a vista atrás:
Agora xa estou en pleno parque eólico e vou camiñar sempre en cha.

No 2019 foi construído este parque eólico promovido pola empresa Naturgy cunha inversión de 43 millóns de euros.

Espectaculares vistas.

Cando se construeu o parque eólico, só contaba con 12 aeroxeradores. Actualmente hai bastantes máis.
O chamado Caseto da Serra foi unha instalación técnica de medición do vento asociada ao parque eólico.
O Caseto da Serra
Vemos tamén un punto ou vertice xeodésico (sinal física permanente ubicada nunlugar elevado e visible que marca unha posición xeográfica exacta) Serven para crear mapas e tamén se usan en enxeñaría, arquitectura e obras públicas para garantir a escala e ubicación de proxectos.
Vértice Xeodésico
Estamos no punto máis alto da ruta, a 1026m. e temos estas marabillosas vistas ao Lombo de Soutambio, cerca da Fraga da Marronda.
Os vales de Baleira, a Fraga da Marronda...e moito máis.Seguimos pola serra, agora descendendo lixeiramente.
Vemos a Subestación Eléctrica do Parque Eólico.
A esta ruta tamén se lle podía chamar "ruta das Xestas", porque as atopamos continuamente.
Deixo a Serra un pouco antes de que remate o Parque Eólico e polo tanto a parte máis alta da mesma.
Chegando a Teixeda, vexo este rústico cruceiro. Tamén é coñecido co nome de "Cruceiro de Verducedo" ou "Cruz de Valentín". Segundo a tradición local, foi levantado despois dun tráxico accidente onde un raio matou a un neno.
 |
| Cruceiro de Teixeda |
Agora imos por estrada uns metros.
Mirando á dereita, aló enriba, o parque eólico polo que acabo de pasar.Teixeda é un lugar da parroquia de Montecubeiro. Só vin dúas casas e habitada, unha.
Nun cruce deixo a estrada para pillar un camiño:
Un camiño con pouco desnivel que nos vai levar de novo ata os eólicos que se ven aló enriba.
Estamos en xuño e as xestas están en plena floración.E chegamos ao pico da serra onde se nos anuncia a entrada no parque eólico. Aquí topamos o mesmo punto, no cruce que vemos, do camiño da ida. Agora, vou á esquerda para continuar pola serra pero en sentido oposto á ida.
Por esta zona obsevamos pereiras bravas.
Pasamos pola Pena da Ferradura.
Xusto antes do último aeroxerador do parque eólico, torcemos á dereita.
Vistas que nos deixa esta altitude de 850m.
Seguimos atopando moitas xestas. A xesta é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia.
Nalgunhas zonas recibe o nome de piorno ou codeso. As varas, preparadas, foron usadas como aguilladas para arrear o gando. Tamén se utilizou na elaboración de teas de alumeado. O uso máis común foi para fabricar vasoiras. Tamén se usaba para a cuberta de alpendres.
A min a xesta paréceme que é preciosa; dise que é irmá do toxo pero mentras que este é bravo e pincha, a xesta é suave e déixase coller. Eu lembro a meu pai barrendo a aira moitas veces con xestas.
A que son preciosas? Que ben adornan os nosos camiños!!
Este último tramo de ruta, por este camiño tradicional, é moi fácil de percorrer é ademais moi fermoso, pola variedade e frondosidade de plantas e árbores.
Que sensación de paz!!
Ao igual que na inmesa maioría das rutas que fago non atopei a ninguén. Toda esta marabilla para min sola!!
Páxina web consultada:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Xesta
https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/naturgy-finaliza-montaje-aerogeneradores-parque/201907032053211385456.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario