Cudillero é un concello que ten de todo: rutas de montaña espectaculares para contemplar brañas vaqueiras e zonas costeiras cunha fermosura que é difícil igualar.
Eu fixen xa neste concello nada menos que 8 rutas. Hoxe tocou coñécer a capita municipal. Eu coñecía a vila de Cudillero pero moito de pasada (só lembro estar nun miradoiro) e hai xa moitos anos.
Caracteríticas da ruta:
Lonxitude: 7,5 km.
Dificultade: Fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC
Descripción:
Aparcamos o coche no aparcadoiro que hai no porto. É de pago, pero só en S. Santa e verán.
Cudillero ten un porto pesqueiro que se remonta á I. Media cando xurdeu como un pequeno enclave costeiro. As capturas de pescada e bonito seguen sendo a día de hoxe un motor económico na vila.
 |
| Porto pesqueiro |
Unha enorme rocha que semella a proa dun barco no porto de Cudillero.
 |
| Porto |
Deseguida atopamos a entrada a un túnel polo que queremos ir. Este túnel canaliza a auga do río Piñera e foi construido a finais do S. XIX:
O túnel ten un percorrido de 300m. e atravesa a ladeira dun acantilado
 |
| Túnel |
O túnel anterior lévanos á parte alta da vila, onde atopamos o edificio máis antigo da mesma: a capela do Humilladero en estilo gótico, do S. XIII. Foi un lugar sagrado e venerado polos mariñeiros.
 |
| Capela do Humilladero |
Pasamos polo Centro Cultural "A Casa das Tres Culturas", aberto en 2024 onde se expoñen obras de artistas locais e foráneos. Antes era un edificio case en ruinas que a familia Álvarez Valle cedeu ao concello para a súa rehabilitación.
 |
| A Casa das Tres Culturas |
Admiramos as casas de cores desta vila.
Atopamos un acceso para subir ao Miradoiro do Pico. Hai que subir bastantes escaleiras pero merece moito a pena porque ademais das vistas que teremos dende arriba, tamén poderemos observar as casiñas encabalgadas unhas nas outras.
Os habitantes de Cudillero está divididos tradicionalmente en dous grupos: pixuetos e caízos. Os pixuetos son os que habitan na parte baixa da vila, entorno ao porto, e os caízos son os que residen na parte alta que tradicionalmente dedicábanse a labores distintas da pesca.
Nós estamos, polo tanto, no barrio dos caízos.
Fermosa imaxe que vemos dende o Miradoiro El Pico. Nesta vila fálase un dialecto do asturiano: o pixueto. É característico da vila mariñeira, con influencias propias e unha forte entoación. Aínda que en risco de desaparición, mantense entre familias pescadoras, cun léxico propio
Cada 29 de xuño, un extenso poema escrito en pixueto (Sermón de l'Amuravela), explicando o acontecido ao longo do ano con tono de humor, é pregoado durante as festas patronais.
O "curadillo" é un pescado tradicional de Cudillero secado ao sol e ao vento. É un símbolo grastronómico local que xurdeu como método de conservación para épocas de temporal cando non se podía ir ao mar; deste xeito tiñan peixe durante meses.
Os peixes son da familia dos escualos, sacánselles as vísceras e cólganse ao sol abertos cuns paus para que non se pechen.
Para cociñalo, hai que hidratalo deixándoo en auga e despois cocíñase en guiso con patacas, fabas ou garavanzos.
 |
| O Curadillo |
As casas de cores son outra das identidades desta fermosa vila. Cudillero descóbrese mellor paseando, sempre atoparás recunchos para ver.
A Praza da Marina é o centro do anfiteatro que forma a vila de Cudillero. É a praza máis emblemática e animada de Cudillero onde atopamos a maioría de restaurantes. O edificio branco e azul era a antiga lonxa, despois foi un Museo e actualmente é un restaurante.
 |
| Praza da Marina |
A Praza da Marina está rodeada de edificos tradicionais que ascenden pola ladeira.
 |
| Praza da Marina |
A Praza anterior está moi cerquiña do mar. 
En Punta Roballera vemos o faro inaugurado an 1858 e que substitueu ás fogueiras que acendían as mulleres dos pescadores para guialos a porto.
 |
| Faro de Cudillero. |
Imaxe que vemos dende o "Miradoiro de la Estrecha".
Hoxe era un día de temporal no mar e as ondas así o din.
O edificio azul e branco é o Centro de Día.
Subindo cara a outro miradoiro temos estas vistas da vila:
A panorámica que vemos dende o "Miradoiro de la Cuesta":
Hai unha lenda que di que cada pescador pintaba a casa coa pintura que lle sobraba de pintar o barco, o que explicaría esas cores tan diferentes.
Escaleiras e máis escaleiras...
Cudillero está considerado unha das vilas máis fermosas de Asturias.
O Miradoiro da Garita ten un cilidro polo que se pode subir, como se ve na foto:

Miradoiro da Garita
As vistas dende o Miradoiro da Garita son espectaculares porque nos atopamos nunha zona das máis altas da vila.
 |
| Vistas dende o Miradoiro da Garita |
Ao pé case deste último miradoiro, temos o da Atalaia polo que pasamos tamén, pero non saquei fotos porque había xente.
Pasamos ao pé do cemiterio e abandonamos de momento a vila.
Estamos na parroquia de Piñera e vemos un cabozo típico de Asturias.
Hórreo
Debaixo vemos unha panera, que non hai que confundir co anterior. O hórreo ou cabozo é cadrado e con 4 piares e a paneira é rectangular con 6 piares. Tamén se distinguen claramente polo teito: o hórreo ten un moño (o pico que sobreasae) e a paneira ten dous.
Paneira
Chegamos a un cruce. Estamos en El Pito, parroquia de Piñera. Torcemos á esquerda para achegarnos á Quinta de Selgas.

O 1º que vemos é a igrexa de Jesús del Nazareno. Construida a finais do S. XIX é unha igrexa-panteón promovida por Fortunato de Selgas. Na cripta está o panteón familiar.
A Quinta de Selgas é un conxunto de palacio e finca construido a finais do S. XIX polos irmáns Ezequiel e Fortunato de Selgas Albuernes.
Na Quinta de Selgas poden atoparse pinturas de Goya, El Greco, Mariano Salvador Maella o varias tablas flamencas dos S. XV y XVI, entre outros. Ademáis dunha colección de tapices dos S.XVI e XVII.
O Palacio imita tanto no exterior como no interior o estilo das mansións francesas do primeiro neoclasicismo. O conxunto complétase con xardíns dos tres principais estilos: inglés, francés e italiano, ademáis dun invernadoiro.
Actualmente, a Fundación Selgas-Fagalde é a entidade responsable do mantemento e a apertura ao público da Quinta de Selgas.
En 2026 vai abrir do 6 de Xuño ao 13 de Setembro.
Polo tanto, e como estamos en abril, non poidemos ver este palacio por dentro nin percorrer os xardíns, pero é unha visita pendente
Os interiores da mansión foron comparados cun museo pola calidade e cantidade das súas pezas artísticas, mobiliario e obxectos decorativos. Os salóns e dormitorios recrean estilos pasados, maiormente franceses; dende o máis sobrio da época de Luis XIII no recibidor, ata o estilo Luis XVI no Salón de Baile. Diversos ornamentos elaboráronse por encargo e locen a inicial S do apelido Selgas.
Palacio Selgas
Pillamos o Camín de la Vallina que coincide co Camiño Norte a Santiago.
Remata o asfalto para dar paso a un camiño no que predominan os loureiros.
Neste cruce, deixamos o Camiño de Santiago para pillar á dereita.
Estamos xa moi preto da vila pero antes pasamos por El Pozo.
O Colexio Público Asturamérica está nun edificio de construcción antiga, creado cara ao ano 1.955. O seu nacemento débese á financiación con fondos enviados polos emigrantes pixuetos en América querendo así contribuir á educación dos seus conveciños. Por este motivo xurde o seu nome, composto das palabras Asturias e América.
 |
| Colexio Público Asturamérica. |
Estamos no barrio El Pozo de Cudillero de coloridas casas ás beiras do río Piñera.
 |
| El Pozo |
Despois de cruzar a estrada CU-2, pillamos o Camín de la Caleona para chegar a Tolombredo de Arriba. Aquí pillamos un paseo peonil empedrado con moita sombra.
 |
| Camín de la Caleona |
Paseo que nos vai levar de novo á vila.
Desembocamos na parte alta da vila:
Mira que hai escaleiras en Cudillero!! Na parte máis antiga, que é esta máis alta, non existen rúas senón unha intrincada rede de escaleiras e pasadizos.
Moitos residentes desta zona, aparcan na parte alta da vila para evitar subir as costas.
Na Praza de S. Pedro é onde se atopa a igrexa do mesmo nome e a Casa Cosistorial.
 |
| Praza de S. Pedro |
O edificio onde se atopa a Casa Consistorial foi un castelo feudal que pertenceu aos Omaña. Estes non deberon ser moi bos coa xente da vila, xa que os mesmos veciños se encargaron de que non quedase ningún vestixio do castelo.
Cando só quedou o solar, os propietarios de entón, os Revillagigedo, cedéronllo ao concello de Cudillero. No 1870 converteuse en Casas Consistorial.
 |
| Praza de S. Pedro |
A igrexa de S. Pedro é do S. XVI en estilo gótico tardío, case renacentista. No seu interior conserva excelentes tallas barrocas, destacando a de S. Francisco de Asís.
 |
| Igrexa de S. Pedro |
Subimos despois ao último miradoiro: o do Baluarte ubicado na mesma praza, xa moi cerca do porto.
 |
| Vistas dende o Miradoiro do Baluarte |
O monumento que se ve na foto seguinte, é unha homenaxe aos pescadores e aos mineiros desta contorna, oficios ben representativos en Asturias.
A gaivota mirando ao faro...
Chegamos ao final da ruta (o aparcadoiro está a só uns poucos metros) deixando esta fermosa vila que visitamos un domingo calquera e aínda así, cando rematamos esta ruta xa había bastante xente chegando e o aparcadoiro estaba xa case cheo.
Non quero imaxinar o que será en vacacións e festivos!! De seguro que haberá xente en tódolos sitios e non se poderá sacar unha foto sen que haxa persoas.
Páxinas web consultadas:
https://www.apartamentoslagarita.es/
https://exploraplaya.es/plaza-de-la-marina-cudillero/
https://es.wikipedia.org/wiki/Faro_de_Cudillero
https://vivecudillero.com/item/palacio-jardines-quinta-selgas-fagalde/
https://alojaweb.educastur.es/web/asturamerica/informacion
https://www.rtpa.es/
Ningún comentario:
Publicar un comentario