martes, 21 de abril de 2026

CASTRO DE SAA/ ÁREA RECREATIVA DA RiBOIRA/MAR VERDE (BALTAR-PASTORIZA)

Pastoriza é un concello que pertence á comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo. Hoxe fomos á parroquia  de Baltar para realizar esta ruta.

Características :

Lonxitude: 10km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sinalizada nalgún tramo que coincide coa ruta chamada "Mar Verde". É necesario seguir este track para facela tal e como a fixemos nós. Por eso, o deixo en WIKILOC

Descripción:

O inicio e fin deta ruta está ao pé da igrexa de S. Pedro Fiz en Baltar. Gústame se é posible, empezar as rutas ao pé de igrexas ou capelas porque sempre hai sitio para aparcar sen preocuparse de se estorbas ou non. Nas aldeas, case sempre hai pouco sitio onde deixar os coches porque pasan tractores e tampouco se deben ocupar as entradas a fincas.

Igrexa de S. Pedro Fiz.

Xa nos damos conta dende o principio de que estamos en zona de casas grandes e de pedra, moitas delas.

 Á nosa dereita,  lago que forma o Rego Espiñeira.

As enormes vivendas en Baltar.

Cabozos "estilo Mondoñedo":




Atopamos os primeiros sinais da ruta "Pastoriza Mar verde" coa que imos compartir un bon tramo.

A aldea que vemos é Sa, parroquia de Baltar.
Sa

Vemos a Capela do Santo Cristo en Sa.
Capela do Santo Cristo

Entre enormes prados e algunha terra de labor, imos achegándonos ao Castro de Sa.

A zona onde está o castro é a máis alta da ruta (algo máis de 500m.) e as vistas son boas:
Vistas


Xa vemos o Castro de Sa, un asentamento fortificado da Idade do Ferro cunha ocupación prolongada dende o S. III a. C ata o I d. C.
O castro está situado nun outeiro sobre o val do Río Miño e ofrecía unha posición estratéxica de posición visual do territorio.
Conserva, como se ve na foto, un completo sistema defensivo con murallas de ata 5m. de altura.


Murallas defensivas do Castro de Sa.

Ata o de agora van realizadas 7 intervencións arqueolóxicas no castro e actualmente hai dúas zonas escavadas. Na foto seguinte esta parte escavada está na croa, lugar onde estaban as vivendas.


Castro de Sa

A parte do castro que vemos na fotografía seguinte, pertence á segunda escavación e son os restos dunha casa galaico-romana de planta rectangular na que os arqueologos detectaron dous pavimentos ou niveis de ocupación; o inferior correspondería á época máis antiga ou castrexa e o pavimento superior xa sería da época romana.

Castro de Sa

Nas escavacións atopáronse materiais cerámicos e utensilios de uso cotiá.

Esta é a entrada ao castro. É a zona máis alterada pola actividade humana ao longo dos séculos ao estar próxima a zonas de cultivo.

Murallas ou parapetos de fortificación e o foso:

Baixamos do castro para atopar o río Miño.

As árbores máis abundantes neste tramo son os eucaliptos mesturados con bidueiras.

Camiñaremos ás beiras do Miño durante 1km. aprox.


A verdade é que este tramo ao pé do río non está nada coidado, nin o carreiro nin o río. Ao carreiro faille falta unha sega de maleza nalgún tramo e o río non pode ir máis cheo de plantas, árbores caídas... 

O Miño ten tantas plantas que case non se ve. As plantas que invaden esta zona do río son milenramas acuáticas, das que hai 45 especies. É unha planta acuática perenne cunha gran capacidade de expansión. As follas teñen aspecto de pluma, por eso esta planta é coñecida tamén co nome de "pluma de loro" É a única especie do seu xénero que produce talos e follas que emerxen da auga. É unha planta invasora que forma alfombras densas como se pode ver na imaxe; despraza a vexetación nativa bloqueando o osixeno da auga e reducindo o paso da luz.

Esta planta é orixinaria de Sudamérica, concretamente de Brasil. Os seus densos talos colonizan as augas, dificultando a navegación, deteriorando a calidade da auga e afectando á  flora e fauna autóctona. 

Estado no que se atopa algún tramo do carreiro ao pé do río no día de hoxe.

Seguimos compartindo traxecto coa ruta "Pastoriza Mar Verde"
Mar Verde

Deixamos o Miño.

Esta ruta cun desnivel positivo de tan só 139 m., é ideal para realizar nunha mañá ou nunha tarde. Ao ser na comarca da Terra Chá, tal e como o seu nome indica, imos case sempre por traxectos sen desnivel.
Pastoriza aínda conserva zonas de bosques autóctonos como podemos ver diante de nós.

A partires de aquí xa deixamos de compartir traxecto coa ruta Pastoriza Mar Verde.
Agora vemos o río Madanela que percorre o noroeste da Terra Chá. É un afluente do río Ladra.
Río Madanela

Agora pasamos ao pé dun bosque de freixos novos porque vemos aínda a cortiza lisa e verde agrisada (esta árbore cando é máis vella ten o troco rugoso, gretado e de cor oscuro)
Antigamente, a madeira do freixo era moi prezada e empregabse para facer os eixes dos carros 
" ...O meu carro é cerna dura,
sábese carballo e freixo,
que fermosa a súa feitura,
que lixeireza a do eixo!!"
O poema anterior escribía M. María e cantaba Fuxan os Ventos. Tamén a popularizaron outros grupos, pero a min ningunha versión me gusta tanto como a de Fuxan.
A leña desta árbores é moi bo combustible e dá un carbón de primeira calidade xa que arde mesmo estando verde
As follas en infusión téñense empregado como laxante e diurético, e tamén para combater as enfermidades renais e a reuma. A cortiza pode empregarse para baixar a febre e tamén como aromática, aperitiva, tónica e expectorante.
A abundancia de freixos en Galicia explica a abundancia de topónimos derivados, tanto do nome da propia árbore como do colectivo.


Fermosísima imaxe nunha ruta moi interesante e coa infinita sensación de paz...



Pouco asfalto pisamos, só cerca de aldeas.



Saimos á estrada local pola que iremos xa ata o final de ruta.

Unha estrada que non deixa de ser fermosa e pola que ninguén pasou.

Vemos o taboleiro anunciador da ruta "Augas de Fonmiñá" (PR-G 153) unha ruta homologada no seu tempo (penso que actualmente ten tramos nos que faltan sinais...) Esta ruta é lineal e conecta este lugar (área Recreativa de Baltar coa Lagoa de Fonmiñá)


A Área Recreativa A Riboira está situada ao pé do Miño, na parroquia de Baltar. É grande e conta con mesa, bancos e barbacoas de pedra debaixo de arboreda autóctona. No lugar hai tamén unha praia fluvial.
Unha presa permite pasar ao outro lado onde están as mesas, bancos e barbacoas.

Dende o ano 2005, esta zona de recreo acolle tamén o Festival da Chaira.

Estamos chegando ao final desta ruta, vemos xa as casas de Baltar. Dende a área recreativa ata a igrexa onde deixaramos o coche, hai só 1km.


Con esta imaxe tan florida decimos adeus a esta ruta. Xa vemos a torre da igrexa alí enriba.

Páxinas web consultadas:

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2017/06/castro-de-saa-pastoriza.html
https://es.wikipedia.org/wiki/Myriophyllum
https://gl.wikipedia.org/wiki/Freixo_com%C3%BAn

Ningún comentario:

Publicar un comentario