No concello de Castro de Rei realizamos unha das primeiras rutas de sendeirismo, cando aínda eramos o grupo chamado "Os Rueiros" , trátase da Ruta do Azúrama que se pode ver AQUÍ.
Hoxe volvemos a este concello para realizar a RUTA DA ESCRITA que non está moi claro onde empeza, uns din que na igrexa de Castro de Rei e outros din que na de Santa Locaia. Oficialmente debe ser lineal pero nós fixémola circular e eu mesma planifiquei esta ruta. Din que hai 24 pedras con poemas, nós só vimos 4 ou 5 e ademais en mal estado de conservación, xa que actualmente é difícil lelos.
Características da ruta:
Lonxitude: 6,8 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sinalizada en parte pero non como ruta da Escrita senón como unha ruta para BBt "Outeiro de Rei-Castro de Rei"
O meu track en WIKILOC
Descripción:
Partimos dende a igrexa de S. Pedro na parroquia de Santa Locaia. Esta igrexa foi levantada onde antes houbo outra máis pequena que foi derrubada. Data de 1930/31
No adro da igrexa hai unha estatua do Sagrado Corazón, xunto a ela foi colocada unha placa na honra do sacerdote Javier Rodríguez Couce que morreu no 2021 e era moi prezado nesta zona.
A tarde empezaba fea, oscura e con chuvia.
Dende a igrexa hai un Vía Crucis de pedra en moi estado de conservación que chega ao monumento ao Sagrado Corazón que axiña veremos.

Son 14 estacións ata chegar ao monumento que xa vemos aló no alto. O Vía Crucis foi erixido en 1943 por subscrición popular. Foi vítima de ataques vandálicos no 2011 con gran indignación dos veciños.
O monumento ao Sagrado Corazón, no Monte da Escrita, foi levantado no 1931. Ten 14 m. de altura. No 2015 a escultura que había foi sustituida pola actual. A Antiga é a que está ao pé da igrexa que xa vimos antes.
É un destino importante de peregrinación.
Ao redor do monumento e do Vía Crucis hai unha pequena área recreativa que ten boas vistas dependendo do que medren as árbores do arredor.
Ata o de agora non vimos nin un só sinal que poña "Ruta da Escrita" . O que si hai e moitas son sinais dunha ruta BBT que pon "Outeiro de Rei- Castro de Rei" Seguimos esta ruta de momento.
Imos 500m por unha pista local.
En Castro de Rei hai concentración parcelaria en case tódalas parroquias e nótase nas inmensas parcelas.

E despois imos por un camiño máis ben feo, rodeado de eucaliptos. Estamos cruzando o Monte da Escrita.

Nun cruce atopamos o 1º dos poemas que eu lera que había ao longo da ruta. Este é dun cura ben coñecido na Mariña Luguesa, Benxamín González Quelle que estivo moitos anos en Burela exercendo o sacerdocio. Foi tamén cronista oficial do concello de Burela e poeta como demostran estes fermosos versos dedicados á Terra Cha, onde estivo 7 anos de cura.
"Nacín en Viveiro, na veira do mar,
crieime na Chaira, nesta Terra chá;
bebín nas poceiras a auga lustral
E escoitei de noite o cantar da rá."
Volvemos atopar o sinal de ruta para BBT antes mencionado.

Agora cambias a paisaxe e xa atopamos árbores autóctonas.

Xa n´hai corredoiras, xa n´hai carreiriños,xa n´hai pasadoiros, nin roulan muíños...
Esto di Benxamín González no seu poema e é ben certo. A concentración parcelaria mellorou a vida no rural pero a paisaxe cambiou por completo.

Pero hai menos xente e moita máis herba,toda ela é un mar verde...

Estamos chegando a Coea, outra parroquia de Castro de Rei
No lugar de A Acea (parroquia de Coea) atopamos o muíño de Veiga moi ben conservado. Nutríase das augas do río Azúmara, afluente do Miño. Este muíño tivo moita importancia nos seus tempos xa que viña xente ata de Lugo, da Coruña e ta de Asturias buscar o trigo que se moía aquí.
Outra vista do muíño. Na Acea viven hoxe 6 veciños e hai 4 vivendas. O último muiñeiro deste muíño, Ignacio Fernández Prados, morreu en 2023.
"O muíño deume moita alegría, relacionábaste moito coa xente, viña un, falabas con el, viña outro, contábache outro conto, viño outro, outro conto...", contáballe o propio Ignacio a Rubén Riós en Arrieros somos... botando a vista atrás, aos tempos das muiñadas, desa vida rural na que se ía segar e cavar ao monte. Uns tempos que foron os de Ignacio e que esmorecen un pouquiño máis cada vez que toca dicir adeus á historia viva. Coma o muiñeiro da Acea, un referente na parroquia de Coea, unha institución en Castro de Rei.
"Feito estou da túa lama e da túa pedra,da túa luz, da túa sombra, da túa herba..."
Atopamos outro poema de X. Luis García Mato, escritor e poeta de Vilalba.

E non podía faltar un poema de Manuel MªCarballos rexos, potentes
calados ou musicales
que loitais como valentes
coas xistras e os vendavales!

E atopamos o 1º sinal da Ruta da Escrita nesta pedra en Coea

Seguimos este camiño vendo unha enorme casa restaurada nun fermoso entorno.
E atopamos outro poema. Neste caso de Marica Campo . Para poder lelo, tivemos primeiro que limpalo.
Para min, este o tramo máis fermoso desta ruta.
Por un carreiro entre carballos, chegaremos á estrada.
Imos por estrada uns metros
Ata que pillamos unha pista á dereita vendo toda a chaira.
Estas imaxes da chaira tamén son fermosas. Algo máis adiante volveremos uns metros polo mesmo camiño que antes viñemos.

Volvemos cruzar o Monte da Escrita onde todo son eucaliptos.
Voltamos ao inicio polo mesmo camiño da ida. Xa vemos o monumento ao Sagrado Corazón.

Baixamos polo Vía Crucis.
E chegamos de novo á igrexa.
Páxinas web consultadas:https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/santa-locaia-honra-ao-crego-javier-rodriguez-couce-placa/202111071650081538227.html
https://patrimoniogalego.net/index.php/37274/2016/02/monumento-ao-sagrado-corazon-e-viacrucis-de-santa-locaia/
https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/santa-locaia-monumento-sagrado-corazon-castro-de-rei-34268.html
https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/a-acea-o-fogar/202411051742201801748.html
https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/ignacio-fernandez-prados-muineiro-da-acea/202312222207081718175.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario