mércores, 25 de setembro de 2024

AUGAS DO MIÑO (MEIRA E A PASTORIZA)

 Hai unha ruta homologada (PR-G 153) lineal no concello de A Pastoriza chamada "Augas de Fonmiñá" que vai dende a lagoa de Fonmiñá ata a Área recreativa de Baltar durante 12 km.

Esta ruta que eu fixen non ten nada que ver con esa e aínda que vin tracks similares ao meu con ese nome, a min non me parece adecuado para nada chamarlle dese xeito que pode confundir porque so comparte coa ruta homologado un moi pequeno tramo.

Fixen unha ruta circular moi fácil e para mín moi fermosa que permiteu coñecer a vila de Meira e aldeas do concello de A Pastoriza. Unha ruta con valores patrimoniais etnográficos e paisaxísticos digna de ser percorrida.

Características da ruta:

Lonxitude: 8,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Necesario un track se non se coñece a zona.

Descripción:

Iniciei e acabei esta ruta xunto ao cemiterio de Meira onde está a capela de S. Roque, monumento renacentista do S. XVI. Para ver o frente da capela, hai que entrar ao cemiterio.

Pola parte de atrás do cemiterio podemos ver a ábsida da capela.

Para vela de frente, hai que entrar no cemiterio.

Vista dun lateral da capela.


Dende esta zona do cemiterio e a capela hai boas vistas sobre a vila de Meira. Só 2 parroquias forman este concello: Meira e Seixosmil, un dos concellos máis pequenos de Galicia que aínda non mide 50 km cadrados e non chega a 2000 habitantes.

Dende o cemiterio baixo por unha pista á dereita.

A vila de Meira foi fundada grazas a este mosteiro que data do S. XII e conserva a igrexa e parte das dependencias monásticas. De estilo cisterciense, é un dos mellores exemplos desta arte en Galicia.
A fachada principal da igrexa apenas se pode ver xa que está sendo restaurada

O edificio anexo á igrexa foi construido no S. XVI para acoller a Facultade de Filosofía, Hospedería, Portería e Claustro dos Cabaleiros. Actualmente é o edificio do Concello. Do claustro, que era moito maior, só se conserva o que se ve na foto.
Mosteiro e Praza do Convento

A Praza do Convento era tamén parte das dependencias monásticas 
 
A principios do S. XIX, durante a Guerra de Independencia, o mosteiro foi ocupado polas tropas francesas que o empregaron como polvorín e hospital de guerra. Anos despois, no 1935 os monxes foron exclaustrados como consecuencia da Desamortización de Mendizábal e no 1845 foi doado ao concello. A igrexa mantívose en estado aceptable porque quedou como igrexa parroquial pero o mosterio foi á ruina pouco a pouco, quedando as dependencias que vemos actualmente.

No lateral sur da igrexa, podemos ver restos doutro claustro que tería dúas alturas. Vemos unha porta tapiada derriba. Pode resultar ver unha porta no aire pero temos que imaxir como sería o mosteiro en séculos pasados cun claustro de dous pisos.

Máis de cerca vemos a espadana do templo con 3 campás, as dúas de abaixo iguais e a máis alta máis pequena.

Rodeando o templo vemos tamén as pequenas capelas do mesmo. A da foto, semicircular,é a máis grande e está bastante decorada. A edificación que está ao lado foi construida máis tarde e é a Sala das Reliquias.

No lado norte da igrexa hai unha porta que non foi tapiada , é a Porta dos Mortos, chamada así porque daba acceso á zona dos mortos, unha parte do xardín que estaba bendita.

Porta dos Mortos

Esta ala do mosteiro foi restaurada e nela está a Casa do Concello e a Rectoral.
Casa do Concello de Meira
 
Abandono a zona máis importante da vila cara á estrada que vai á Pontenova pasando pola Praza Maior da vila e deseguida pillo á esquerda para entrar na área Recreativa Profesor Río Barxa 
Praza Maior de Meira

 Río Barxa foi un importante xeografo e profesor que determinou que o Miño non nacía en Fomiñá como se creu durante moitos anos, senón que a súa orixe estaba algo máis arriba, no Pedregal de Irimia.

O parque é como un aula da natureza: ao aire libre podes ver unha enorme cantidade e variedade de árbores, moitas delas cun cartel identificador da mesma e as súas características.

É un parque ademais moi ben dotado de bancos, parque infantil...e frente a nós na foto vemos o restaurante O Muíño que vemos pechado e lemos en internet que esta "Cerrado permanentemente"

Pontes de madeira que cruzan o río Miño xa que este parque está atravesado por el. Aquí o Miño aínda é estreito e semellla un río calquera pero claro, está no comenzo do seu percorrido e ao longo del irá recollendo auga doutros regos e ríos (o Sil, por exemplo) que o irán facendo máis ancho e caudaloso.

Magonolios, cerdeiras, pradairos, carballos, castiñeiros....son algunhas das moitas especies de árbores que hai neste parque.

Tamén hai un cruceiro.

E algunhas estatuas en pedra.

Tamén hai aparellos para uso da xente adulta.

Un dolmen en miniatura de pedra. Uns metros máis adiante, xunto á Residencia de Maiores, cruzamos a estrada e o paseo fluvial continua.

Este parque pódese percorrer seguindo unhas balizas de cores con información para coñecer  20 exemplares de árbores destacados neste lugar.


Aquí remata este paseo fluvial despois dun percorrido de 1,5km. aprox. Imos atravesar a estrada.

Imos agora por estrada local rodeada de árbores.

Chego ás primeiras casas de O Guuñedo, lugar da parroquia de Fonmiñá. Estou xa no concello de A Pastoriza.

O Gruñedo é un lugar case abandonado. No ano 2019 vivían aquí en total só 11 persoas.

Por aquí dá gusto camiñar xa que é todo chan. Vexo grandes labradíos de millo e tamén verei varias granxas o que demostra o xeito de vida económico deste concello.

Entre prados e terras de millo vou chegando a outro lugar de Fomiñá: S. Miguel, que xa vemos alí diante.

Vexo un edificio que parece de recente construcción, é un Centro Socio Cultural que diante ten uns aparellos de E. Física para adultos. Polo abandono de lugar con herba ben alta, doume conta que pouco ou nada se deben usar.

S. Miguel é un lugar da parroquia de Fomiñá (A Pastoriza) con antigas vivendas de pedra.

Neste lugar chama a atención esta pequena capela restaurada e moi ben coidada. Está dedicada a S. Miguel, patrono da aldea en onde en vindeiros días se vai celebrar unha festa. A capela ten diante un prado grande.
Capela de S. Miguel

Vimos varias granxas e xusto ao pé desta hai un cruce. Pillaremos a estrada que vai é esquerda para chegar axiña á Lagoa de Fomiñá.

Camiñaremos toda esta recta e aló embaixo está a Lagoa e área recreativa de Fomiñá.

Chegamos a Fomiñá onde antes se pensaba que nacía o Miño e de feito existeu un debate durante anos  sobre a orixe real deste río, diversas investigacións demostraron que onde nace realmente é no Pedregal de Irimia, algo máis arriba.

Pillo á esquerda para adentrarme nesta paisaxe onde unha área recreativa e varios sendeiros percorren este lugar. 

Pasarelas de madeira e centos de árbores autóctonas variadas é o que se contempla ao adentrarse por easte lado.

Unha área recreativa conformada con mesas, bancos e barbacoas de pedra.

Hai unha estatua creada no 2020 por Fernando Villapol Parapar que representa unha figura metade Neptuno, metade pastor. A figura está sostida por libros.
 
O monumento polo outro lado.

Vista dende a zona da estrada.

O Centro de Interpretación Alto Miño foi construido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil usando madeira e pizarra. Está orientado aos escolares con material educativo que ensina os diferentes ecosistemas e valores ambientais, xeográficos, paisaxísticos e históricos do río Miño e o seu entorno.
Centro de Interpretación.
A Lagoa de Fonmiñá foi onde se pensou durante anos que nacía o Miño pero este río ten a súa orixe no Pedregal de Irimia. A lagoa natural e de orixe cárstico é unha contribución importante de aporte de auga.

Outra escultura que atopamos nesta área recreativa de Fonmiñá é o Monumento ao Río Miño creado por Magín Picallo e Manuel Mallo no 1969.

Abandonamos este fermoso, tranquilo e relaxante oasis verde para ir por unha estrada local. O bosque que vemos é de álamos negros. Estabanos talando.

Imos uns 500m. por esta estrada agora entre pardos e trras de millo ata torcer á esquerda para achegarnos (está moi, moi cerca) ata a igrexa de Fomiñá.

Cando vin a Igrexa de S. Salvador de Fomiñá aínda dubidaba que aquela construcción fose un templo. Que horror!! Supoño que en tempos pasados a restauraron e non terían medios económicos porque dá vergoña vela. Non parece unha igrexa para nada. As ventás parecen sacadas doutro lugar e postas aí sen máis, o teito é de uralita, as portas son metálicas e parece que fosen arrancadas dalgunha nave industrial, dalgunha cuadra...A min pareceume unha igrexa horrorosa...
Igrexa de s. Salvador de Fomiñá

A igrexa vista de frente. Por máis que busquei información desta igrexa, apenas atopei referencia algunha, nin cando foi construida, descripcións do interior, exterior...nada...
Igrexa de s. Salvador de Fomiñá

 Ao chegar a Paraxes, da parroquia de Fomiñá (A Pastoriza) atopamos unhas creacións artísticas en medeira que son obra de Lito Fernández, un veciño do lugar, que despois de xubilarse decideu dar renda solta á súa vea artística.

É un museo ao aire libre con varias figuras e construccións moi interesantes. Vale a pena pararse aquí un pouco para ver todo ao detalle.



Lito estaba alí traballando e en canto nos veu acudeu axiña para explicarnos e ensinarnos as súas obras. Debaixo vemos un cura que houbo na zona.


Esta muller que asoma entre a árbone el chamoulle "A Tusmona", unha vella fisgona á que non se escapa detalle do que opasa na aldea.

Tamén hai unha taberneira das de antes.

Unha palloza que el dedicou aos seus pais.

Un porco que representa o caciquismo que había nas aldeas.

O que lle pasou a un que non pagou un crédito:

En Paraxes desembocamos na N-640 e imos por un arcén fóra da estrada pero pegados a ela.

Nun momento dado, indicado no track, cruzamos a estrada e pillamos cara a Ríocabo que xa pertence a Meira.

Ríocabo

Remátase o asfalto e adentrámonos nun camiño.

O outono empeza a asomar. Estamos rematando setembro...
Camiño ancestral
Un camiño ancestral que conserva un muro de pedra seca..
Camiño ancestral

O camiño resulta ser un dos de toda a vida por onde antes pasarían os carros e agora os tractores.
Camiño ancestral

Poucos camiños quedan comoa este...
Camiño ancestral

Haiche boa diferenza de vir por aquí en contacto coa natureza e sen perigo de automóbiles. Ningún track atopei que o fixera. Todos van pola estrada...
Á esquerda, Meira

E por ese camiño desembocamos na rotonda xa moi cerca do inicio de ruta.
Rotonda

Pillando á dereita na rotonda(non hai indicador ningun) imos ata a piscina. (300m. ida e volta) Non vale a pena. non hai nada que ver.
Piscina de Meira

Chegamos ao final desta fermosa e interesante ruta rematando onde empezamos: no cemiterio de Meira, onde está a Capela de S. Roque e onde tamén se atopa o edificio de Protección Civil, nun entorno ben guapo.
Protección Civil de Meira

Páxinas web empregadas:

https://www.miniontour.es/el-monasterio-de-santa-maria-de-meira-una-joya-cisterciense-en-galicia/

https://concellodemeira.com/monasterio-de-santa-maria-de-meira/
https://www.elespanol.com/quincemil/vivir/escapadas/20240914/laguna-lugo-metros-altitud-estanca-rio-mino-no-nace/884911673_0.html
https://21noticias.com/2024/09/13/el-rincon-da-memoria-un-museo-al-aire-libre-creado-por-lito-fernandez-en-paraxes-a-pastoriza/




















Ningún comentario:

Publicar un comentario