No ano 2018 inaugurouse en Burela esta ruta que combina a costa pasando por tódolas praias de Burela, polos paseos marítimos, o porto...e sube á parte máis alta do concello como é o Monte Castelo. Pasa ademais por zonas xeolóxicas moi importantes. Unha ruta moi fermosa combinando distintas paisaxes que nos vai permitir coñecer a fondo este pequeno concello.
Características:
Lonxitude: 16,25km.
Dificultade: media-baixa. (A calificación de media é pola subida ao Monte Castelo, aínda que o desnivel máis acusado, que é no último tramo, non chega a 1km.)
Ruta circular perfectamente sinalizada.
Descripción:
A ruta parte de onde está o edificio de Capitanía Marítima, ao lado do Porto. Aí hai sitio para aparcar.
A ubicación, AQUÍ
O cartel de inicio está xusto ao lado da praia de Pena Oural que é coñecida en Burela por praia do Can, xa que é a única onde se admiten mascotas.
Ao lado da anterior atópase a Praia Urbana, chamada oficialmente O Portelo, unha praia creada hai uns anos de xeito artificial (parte da area desta praia foi transportada dende outra de Fazouro, no concello veciño de Foz)
É moi cocurrida no verán, xa que se atopa no medio da vila con todolos servizos e ademais con restaurantes e outras tendas moi cerca.
A praia urbana:
A continuación, case pegada a esta, temos a praia de O Cabaliño: unha fermosa cala que en marea baixa queda unida á de O Portelo.
Este Paseo Marítimo de Burela vai dende o Porto ata a praia da Marosa. É un paseo precioso á beiras do Cantábrico moi coidado e moi concurrido. Ten aprox. 3km. de lonxitude.
E temos o sinal onde está o cabo de Burela, que tamén é coñecida como Burela de Cabo. É doado saber porque.
Este cabo é un dos máis coñecidos da provincia de Lugo e tamén se lle chama a este lugar "A punta do cabo
"Englobado nun entorno castrexo costeiro, foi muda testemuña de cando Burela era máis labrega que mariñeira e os labradíos chegaban ata a mesma ribeira. No Cabo alindaban os rapaces as súas vacas, e ao amparo das súas pedras abrigábanse cando chovía e facían o lume"
Vemos as Illas Chanciñeiras:
Mirando á nosa esquerda vemos dúas grandes pedras chamadas "As Tetas da Vinculeira" que algúns arqueologos consideran a entrada á unha fortificación castrexa. Neste lugar se atopou en 1945 o coñecido Torques de Burela que se garda no Museo Provincial de Lugo. Nesa zona tamén foi atopada no 1954 unha "arracada", un pequeno pendiente de ouro en forma de ril que levaban as mulleres no lóbulo da orella. Ámbolos dous descubrimentos fan pensar nun asentamento castrexo nesta zona que se chama Chao do Castro. Non moi lonxe atópase un colexio que aínda que oficialmente se chama "Virxe do Carme" é coñecido polos habitantes de Burela co nome de "O colexio dos Castros". Hoxe só podemos adiviñar pola forma e os vestixios atopados que alí houbo un Castro pois está todo totalmente colonizado por casas e edificios.
Estas son as "Tetas da Vinculeira":
Neste Paseo da Marosa as rochas graníticas son as protagonistas:
Un detalle do paseo marítimo:
E chegamos á Praia de Ril. Unha preciosa cala de auga transparente:
E pouco despois á de A Marosa, unha praia brava na que hai que ter coidado co baño xa que é algo perigosa. Dende aquí podemos desfrutar dunha das mellores postas de sol da zona.
E agora imos alonxarnos do mar. Imos por carretera uns metros ata o barrio da Casilla onde iremos por unha vía secundaria, pegados á vía do tren:
A paisaxe por esta zona pasa a ser de tipo rural:
Cruzamos deseguida a carretera xeral para encamiñarnos a outro barrio mítico en Burela: a Vila do Medio:
A ruta está moi ben sinalizada, non ten perda. Só hai que seguir os sinais:
Xa vemos á esquerda a Vila do Medio. Esta é a zona máis antiga de Burela.
A ruta pasa ao carón dun castiñeiro centenario:
A igrexa da Vila do Medio, moi querida polos burelaos, foi o primeiro templo parroquial de Burela e deixou de ter culto no 1962 cando se rematou de construir a máis moderna igrexa de Santa Mª no centro da vila que é moito máis grande. No interior desta igrexa hai unha pinturas góticas moi importantes.
Dúas imaxes da Vila do Medio:
Neste barrio tamén está a Fonte da Lamela á que veñen aínda hoxe moitos veciños de Burela buscar auga. Tamén, moi preto da fonte, atopamos un lavadoiro. (Na foto, vese ao fondo)A partires de aquí imos introducirnos de cheo no monte ata chegar ao Monte Castelo. Estas cabras miráronme con moita curiosidade:
Imos por unha pista de monte, ancha e rodeada de eucaliptos:
Algún que outro carballo intentando sobrevivir entre unha especie foránea:
Chegamos a un pequeno claro onde había este prado con vacas pastando:
A subida de momento é moi levadeira, non hai moito desnivel. No camiño vemos restos de caolín arrastrados pola chuvia. Moi cerca hai unha mina.
Deseguida estamos na carretera que vai ás parroquias de S. Román e Rúa. Deberemos cruzala para ir a carón do cementerio vello de Burela.
E agora si que por este cortalumes temos unha forte subida, pero é curtiña:
Pasamos pola mina de caolín que dentro de pouco seica vai reanudar a actividade xa que ata o de agora estaba parada dende había uns anos. O caolín extraído nestas canteiras é do mellor da península e de feito Burela é sinónimo de caolín xa que nesta vila había no pasado un lavadoiro deste mineral que daba traballo a moita xente da comarca e as minas desta zona eran moi productivas.
Cando chove, fórmase esta preciosa lagoa:
Chegamos ao Monte Castelo e o primeiro que vemos é o Monumento ao Comuneiro
Dende aquí xa temos unhas formidables vistas de Burela e se o día está claro poderemos ver toda a costa de S. Cibrao e Xove.
A área recreativa é grande e ademais dunhas magníficas vistas de Burela, concellos limítrofes e da rasa cantábrica, ten rincóns coma estes:
Capela de Nosa Señora das Marabillas:
Vistas dende Monte Castelo:
Outros rincóns:
E como antes subimos, agora toca baixar:
Entre os piñeiros vemos o espigón do porto:
Deseguida chegamos abaixo e camiñamos uns metros en paralelo á carretera:
Temos que cruzar esta ponte:
Para ir pola outra marxe:
Desembocamos na entrada de Burela onde está o polígono, moi cerca da praia da Areoura que xa pertence a Foz. Temos que cruzar a estrada:
E xa nos encamiñamos de novo ao mar:
Estamos na fermosa praia de O Cantiño |
Praia O Cantiño |
Aquí vemos O Cantiño e pegada a esta praia temos a de Areoura que aínda que pertence ao veciño concello de Foz é utilizada por moita xente Burela e arredores:Percorremos agora o fermoso paseo de O Cantiño:
Hai que dicir aquí que Burela ten interese xeolóxico incluso a nivel internacional pois neste concello existen unha grande variedade de rochas e de estructuras xeolóxicas singulares.Ao longo deste paseo iremos vendo a Rasa Cantábrica, superficie erosionada de máis dun millón de anos. Imos vendo furnas e arcos rochosos:Detalle da área recreativa do Cantiño que semella un castro:
Outros detalles do paseo:
Ao lonxe vemos os famosos arcos xeolóxicos do Perdouro:
Agora, xa chegando ao centro da vila, o percorrido vai entre a vía do tren e a carretera que baixa ao porto:
Vemos a lonxa e o porto de Burela. Este porto é un dos máis importantes do Cantábrico e un referente polo volume de descargas e facturación. A pesca é o motor da economía deste concello.
No estaleiro Armón acaba de fabricarse un megaiate de 67m. de eslora que segue no porto rematando o seu equipamento.
Aínda que parece de xoguete, non o é. Este parruliño poidemos velo nadando no porto burelés.
Este é o Barco Museo "Reina del Carmen" que no pasado se dedicou á pesca do bonito é hoxe pódense visitar tódolos seus compartimentos revivindo como era a vida nos anos 60 a bordo dun barco boniteiro. Tamén se poden ver artes de pesca tradicionais.
Interesantes murais que se exhiben no murallón do porto facendo referencia ao mar. Este foi un proxecto promovido dende o concello a través do Certame Internacional de Pintura Mural "Amarte"
E aquí, ao ladiño do porto remata o percorrido, no memo lugar onde comenza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario