Calquera ruta de sendeirismo no Courel é espectacular. A de hoxe non ía ser menos pois falamos dun monte , o Cido, mítico entre os veciños da zona xa que o seu nome parece ser que provén do latía occidio que significa matanza e moitos estudosos sitúan aquí o Monte Medulio no que tivo lugar a batalla dos galaicos no ano 22 a. C contra os romanos e onde os guerreiros se suicidaron con veneno de teixo antes de caer esclavos.
É esta unha ruta moi fermosa e interesante que atravesa o Monte Cido onde veremos reboleiras, aciñeiras, arandos, soutos... pasando por varias aldeas e polo castelo de Carbedo.
O Courel nunca, nunca defrauda!!
Características:
Lonxitude: 8 km. (Nós tamén subimos á cresta do Monte Cido e eso supuxo uns 2km. máis aprox.)
Dificultade: Media polas subidas e baixadas e o chan irregular nalgunhas zonas.
Ruta circular ben sinalizada, agás nun pequeno tramo en Esperante onde hai que fixarse moito.
Descripción:
A ruta parte da aula da Natureza de Moreda. A ubicación concreta, AQUÍ
Uns metros máis adiante aparece a aldea de Moreda que temos que cruzar pola parte de abaixo. Ao fondo, vemos o M. Cido:
Pasamos por diante da capela de S. Mateo:
E xa nos adentramos no Monte Cido:Vémonos rodeados de aciñeiras, árbores máis propios de climas mediterráneos pero que debido á terras calizas medran estas especies pouco comúns no resto de Galicia.
Se miramos cara atrás vemos Moreda, unha aldea en forma escalonada. A presenza de tantas aciñeiras está dando forma a un proxecto por parte de veciños desta aldea de cría de porcos que se alimentarían dos froitos destas árbores:
Ao longo da ruta pódese desfrutar de algún poema de Uxío Novoneyra, o poeta destas terras:
De súpeto, cambian as especies arbóreas e dan paso aos rebolos (clase de carballos) dando lugar a bosques de reboleiras: No medio desta reboleira, decidimos ir ata a cresta do Monte Cido apartándonos da ruta:
Estas paisaxes contemplamos dende o pico do Cido:
Despois de retroceder o andado (1,5 km. aprox. ida e volta) baixamos cara a Esperante:
Agora temos que pillar á dereita, por debaixo dese cobertizo:
Abandonamos a aldea pasando a carón da capela de S Roque:
Imos agora camiño a Carbedo pero antes pasaremos por Liñariños , ámbalas dúas aldeas pertencen á parroquia de Esperante.
En Liñariños non vimos a ninguén. Semellaba que esta aldea estaba abandonada.
E deseguida chegamos á Carbedo, onde si vimos a unha rapaza.
Dende esta aldea, deseguida chegamos ao Castelo de Carbedo, fortaleza de estilo medieval situada a 930m de altitude. Consérvanse muros en ruínas, unha torre circular e divisións interiores. Está situado sobre unha rocha moi grande que lle serve de defensa natural.
A misión deste castelo era de defensa e vixiancia entre Lugo e León. Aquí atopouse unha "táboa de hospitalidade" datada do ano 28 a.C. que se conserva no Museo Provincial de Lugo.
E xa que estabamos, fomos explorar ao seu redor.
Vistas dende o Castelo:Abandonamos o Castelo para dirixirnos xa a Moreda. A ruta lévanos por un camiño de carro típico de aldea e con tanto que choveu estes últimos días e ao derretir a neve que tamén caeu, estaba completamente inundado durante un tramo de aprox 200m.:
Axiña chegamos á carretera:
E xa vemos Moreda, aló abaixo:
Imos uns poucos metros por carretera.
E deseguida pillamos á dereita como indica o sinal:
Baixamos esta pequena finca (uns 100m) e volvemos á carretera xa ata Moreda, contemplando á nosa dereita o Monte Cido que acabamos de cruzar:
As últimas luces do día embelecen aínda máis a paisaxe:
Entramos en Moreda pola parte de arriba, ao revés de por onde o fixemos á saída:
Levamos unha visión completa desta aldea, xa que á mañá saímos da parte de baixo atravesando polo medio e agora atravesamos a parte de arriba:
Os últimos raios de sol, no Cido:
A parte de abaixo de Moreda, de onde partimos ao comenzar esta fermosísima ruta:
Ningún comentario:
Publicar un comentario