Fixemos esta ruta hai 10 anos nun frío día de inverno. O que recordo da camiñata é precisamente a tremenda xeada que había, recordaba tamén que había ríos e pontes, unha aldea abandonada e pouco máis. Lembro que era fermosa e tiña ganas de repetila e de grabala. Hoxe foi o día.
Estamos nos Oscos. Esta comarca asturiana está formada por 7 concellos: Santa Eulalia, S. Martín e Villanueva de Oscos, Castropol, S. Tirso de Abres, Taramundi e A Veiga.. É unha comarca con impresionantes rutas de sendeirismo, con pequenas aldeas deshabitadas ou con moi poucos habitantes, algunhas delas restauradas respectando a arquitectura popular da zona; con bosques inmensos dominados por ábores autóctonas. En fin, un lugar que hai que visitar e ao que sempre apetece volver.
En Santalla de Oscos levo feitas tódalas rutas do concello (5)agás unha de recente creación que espero poder facer axiña.
Características desta ruta:
Lonxitude: 12,3 km.
Dificultade: fácil. Ten algún "repecho" importante pero sen maior dificultade que a que presente cada persoa para subir ou baixar.
Ruta circular ben sinalizada e acondicionada a día de hoxe. Deixo o trakc que grabei en WIKILOC
Descripción:
Esta ruta parte da Casa da Cultura de Santalla en dirección Millarado. Dende a Casa da Cultura temos unha vista boa da vila.
Empezamos unha lixeira subida e xa nos sumerximos nun bosque autóctono.
O percorrido vai por unha estreita estrada.
Atravesamos unha carballeira.
Un fermoso lugar con vivendas restauradas con bo gusto. As xentes que viven aí dedícanse á gandaría xa que vimos persoas con gando e realizando labores agrícolas.
A Área Recreativa de Millarado é moi grande e ten algo de todo: mesas e bancos no medio dunha inmensa carballeira, parte dese mobiliario está en mal estado; noutra parte ten aseos un campo de fútbol e mesas, barbacoas, unha fonte e bancos.
Ao fondo vemos a aldea de Millarado que conta con pouco máis de 20 habitantes. Resalta a cor dos prados neste seco verán.
Chegando á aldea de As Poceiras.
Deixamos o asfalto e imos entrar nunha zona de sombra ben fermosa.
Árbores autóctonas e peches ancestrais son agora compañeiros de ruta.
Cruzamos a ponte sobre o río Barcia. Este río baña os concellos de Vilanova de Oscos onde nace na parroquia de Xestoso e Santalla. Desemboca no río Agüeira.
O río Barcia cruzarémolo aínda máis veces nesta ruta.
Agora empezamos unha curta subida ata a aldea de Vega del Carro.
A unha altitude de 660m. atopamos esta pequena aldea que conta con 5 vivendas, case todas restauradas. A casona da foto penso que foi un albergue rural que a día de hoxe está pechado.
Na foto seguinte, Vega del Carro e, ao lonxe, Millarado e As Poceiras.
Uns metros máis arriba da anterior aldea atopamos unha capela dedicada á Virxe do Carme.
A partires da capela empezamos unha constante baixada ata o río Barcia outra vez. Imos por antigos camiños ben fermosos.
O percorrido desta ruta está todo el perfectamente acondicionado. Oxalá os doutras rutas estivesen así de coidados!!
De cando en vez temos vistas aos inmensos e autóctonos bosques dos Oscos, que son unha marabilla!!
Baixamos cara o río Barcia e oímolo "barullando" aló embaixo.
Fermoso carreiro con muros de pedra seca.
Os últimos metros antes de acadar o río son unha baixada moi empinada e hai que levar coidado de non esvarar. Eu caín de cu!!
Outra ponte para cruzar o río Barcia nun lugar con moito encanto onde se pode aproveitar para facer unha paradiña e desfrutar do entorno do río.
Entorno do río, que nesta época de verán leva pouca auga.
Estamos no lugar que dá nome á ruta: no Forcón dos Ríos. Aquí únense o Barcia e o Vilanova.
Na foto pode aprezarse como o río Villanueva (frente á nosa mirada e entre saltos chega a toparse co Barcia que vai perpendicular ao anterior)
Deixamos o Forcón dos Ríos por un camiño fermoso.
Imos por asfalto durante 1,5 km. e temos de frente estas vistas espectaculares sobre Pena Redonda que xa pertence ao concello veciño de Vilanova.
As Casías é un lugar abandonado que xa estaba deste xeito hai 10 anos cando fixeramos esta mesma ruta. Destaca a casa-torre que vemos.
Volvemos atoparnos co río Barcia na aldea de A Valía. Cruzámolo para adentrarnos nesta aldea.
A Valía ten gran valor etnográfico. É o berce da familia Lombardía que foron reloxeiros e inventores
Esta aldea está totalmente abandonada como xa estaba hai 10 anos. Algunha casa está restaurada e mostra sinais de ser habitada de xeito ocasional.
Quedan restos dun antigo muíño e dun mazo.
A Valía está pegada o río Barcia. Na foto seguinte, unha foto das escaleiras que dan acceso directo ao río.
Aínda se conserva unha capela cun fermoso e interesante arco de medio punto. Por dentro está en ruinas e só conserva un altar de pedra.
Abandonamos A Valía por un camiño tradicional.
Este camiño pechado con laxas de lousa indícanos que estamos cerca dunha poboación porque vemos prados e tellados a lonxe.
Estamos efectivamente en S. Xulián, a unha altitude de 520m. Chaman a atención as súas casas restauradas pero nas que semella que ninguén vive.
Casas moi grandes e ben restauradas en S. Xulián.
Fermosos camiños e carreiros con peches ancestrais...
Unha ruta que non deixa indiferente...
Valados de pedra seca cheos de musgo como acostuma a haber en sitios húmidos e sombríos.

E chegamos a Caraduxe. A 480 m. de altitude na marxe esquerda do río Barcia atopamos esta aldea dividida en dous lugares: Caraduxe e Mazo de Caraduxe.Os seus habitantes eran coñecidos co apodo de "ruxe". No ano 2020 contaba con 7 habitantes.
En Caraduxe hai unha empresa familiar (Duxemiel) que ademais de vender mel ofrece actividades de "apiturismo" para nenos e adulto ofrecendo a posibilidade de adentrarse no mundo das colmeas.
A partires de Caraduxe, o tramo ata chegar de novo ao punto de inicio vai todo por estrada (3 km.)
Atopamos unhas obras que chaman a nosa atención: pertencen ao percorrido dunha ruta de recente creación chamada "Ruta con Arte" , un proxecto pioneiro e inédito que ao longo dun percorrido de case 11 km. amosa obras de artistas locais e de fóra, atopándose ademais con lugares de gran valor etnográfico e natural.
A 1ª obra que vemos chámase "Los Sentires" que conteñen poemas e relatos gañadores dos premios do concurso de Relatos Costumbristas organizado pola Asociación Amigos de Raimundo Ibañez Marqués de Sargadelos.
Pasamos por Ferreirela de Arriba . Uns metros máis abaixo está Ferreirela de Baixo onde se situa a casa natal do Marqués de Sargadelos.
A 2ª obra que vemos é a titulada " Renacemento Arbóreo" coa que se pretende homenaxear a algunhas das grandes mestras da pintura

A seguinte obra é "Encuentro en el Bosque" con un corzo en vime (mimbre) elaborado por Olga Busom.
Dentro do grupo chamado "Faunia" (siluetas de animais quese atopan ao longo da ruta) atopamos esta curuxa, obra da artista xaponesa Keiko Shimizu que reside en Santalla dende 2010.

Xa vemos ao lonxe Santalla.
Dentro da colección "Sentires", atopamos un poema xa a piques de chegar a Santalla.
Unha imaxe da igrexa e o edificio do concello:
Unha vila que sabe coidar o seu patrimonio mantendo as rúas fermosas e limpas.
Páxinas web empregadas:
http://www.caleyandoasturias.com/2022/10/la-valia-valia-sta-eulalia-de-oscos.html
http://www.caleyandoasturias.com/2022/10/caraduje-caraduxe-sta-eulalia-de-oscos.html