sábado, 16 de agosto de 2025

BARREDO/VILAXURXO/MEDA... POLO ALTO DE PARAÑOS E ALTO DA VEIGA (CASTROVERDE)

 A ruta de hoxe tiña intención de completar a ruta lineal chamada Montecubeiro-Barredo (son cerca de 20km. dos que xa fixera unha 1ª parte en febreiro deste ano) que se pode ver AQUÍ. Faltaba a 2ª parte desta ruta pero, ao querer facela circular e ser un día de moita calor, quixen acurtala polo que non pasei por algúns  lugares que si pasa a oficial.

Características:

Lonxitude:11,4 km

Dificultade: moderada por unha subida algo complicada.

Ruta circular sen sinalizar. É necesario seguir un track. Deixo o meu en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta parte da igrexa parroquial de Santo André de Barredo que é do S. XVIII con reformas importantes realizadas a principios do S. XXI.

Ten unha fachada de cantería de granito e vemos tamén dúas grandes cruces de pedra na entrada.

Igrexa parroquial de S. Andrés de Barredo.

Ao pé da igrexa, hai unha praza con porterías de fútbol e cunha gran fonte no medio. Ao redor hai bancos de cantería.

Emprendo a camiñata indo cara a Vilaxurxo por unha tranquila estrada (menos de 1 km.)

Vilaxurxo, que pertence á parroquia de Barredo, é unha pequena aldea de enormes casas de pedra moi ben coidadas.

Vilaxurxo
 Por Vilaxurxo pasa a ruta oficial "Montecubeiro-Barredo". De momento estamos a seguila. Na foto, o río da Barranca que atravesa a aldea.

                                           Vilaxurxo e río da Barranca

A partires de Vilaxurxo deixamos o asfalto e entramos nunha densa e grande carballeira.

O percorrido vai en lixeiro ascenso por camiños en perfectas condicións.

Á altura das aldeas de Vilafrío e O Pacio vemos xa moitos labradíos de millo. Estas aldeas pertencen á parroquia de S. Xoán de Barredo. (Hai dúas parroquias co nome de Barredo: S. Andrés e S. Xoán)



Abandonamos a fermosa carballeira  e a ruta oficial no alto do Cruceiro.

No Alto do Cruceiro atopamos un cruceiro de base cadrada cunha inscripción do S. XVIII.

Agora toca case 1km. de estrada para chegar á aldea de Meda que pertence á parroquia do mesmo nome.

En Meda vemos tamén casas moi grandes e muros de pedra. Pasamos por debaixo do pasadizo que vemos na foto aínda que tamén podemos ir ao redor pola estrada, pola que antes pasei co coche para chegar a Barredo.
Meda

Unha aldea moi limpa con casas restauradas.
Meda

Fermosa a aldea de Meda.
Meda

Paso ao pé da igrexa parroquial de Santiago.

Abandono meda e o asfalto para ir por un camiño de monte en lixeira subida.

Empeza a ir calor e a medida que subimos, desaparecen as árbores e polo tanto tamén a sombra.

Vexo este pequeno edificio que corresponde ao Refuxio da Sociedade Cinexética Amorín. Esta Asociación propúxolle ao artista local Darío Lodeiro facer unhas esculturas na rocha gande que vemos na foto.

Darío Lodeiro naceu en Meda pero leva moitos anos afincado en Monforte onde hai pouco tempo abreu o Museo que leva o seu apelido "Museo Lodeiro" e que alberga unhas 350 obras do artista, ecculturas talladas e pedra e sobre todo en madeira.
Na rocha que vemos na foto tallou a figura de S. Antolín, patrón dos cazadores.

A S. Antolín acompáñano un can e dúas escopetas.

Dende o Alto de Paraños onde se atopa a caseta de cazadores e as figuras talladas en pedra podemos seguir de frente a pista que traemos ou ben pillar un camiño que sae á esquerda. Eu pillei esta ruta e o percorrido fíxose algo máis dificultoso un pouco máis adiante.
Na foto seguinte, os efectos do verán e a seca nos prados.

Aquí vemos a dificultade atopada: un camiño con moitas pedras soltas e moito desnivel no que hai que levar bon coidado de non esvarar. Menos mal que é un tramo moi curto.


Vistas dende o Alto das Veigas.

O camiño vai agora en perfectas condicións para andar. Nesta zona abundas os grandes penedos.

Comenzamos unha baixada de case 2 km.

Rematando a baixada aparecen de novo os carballlos.
 
Chegamos de novo ao punto de inicio. Ao pé da igrexa parroquial temos o coche.
Igrexa de S. Andrés de Barredo
S. Andrés de Barredo conta con 3 entidades de poboación: Barredo (onde nos atopamos) Vilarxurxo por onde pasamos antes e Vilar dos Naraos por onde esta ruta non pasa. En 2019 a parroquia tiña 60 habitantes.
S. Andrés de Barredo




















Ningún comentario:

Publicar un comentario