xoves, 6 de marzo de 2025

S. CIBRAO, MAR E RÍO

Estiven xa moitas veces en S. Cibrao e esta vila coñézoa ben, pero non me canso nunca de volver porque me parece unha das máis fermosas da Mariña. De tódolos xeitos, unha nunca coñece todo e esto me pasou con esta ruta, na que descubrín novos e fermosos lugares e onde  combinei mar e río  saíndo do que é o centro urbán. Unha ruta que me encantou e por riba, moi fácil.

S. Cibrao pertence ao concello de Cervo na comarca da Mariña Occidental. Non é nin sequera parroquia, pois pertence á de Lieiro.

S. Cibrao é unha península aberta ao Cantábrico con 3 praias preciosas e importantes, un pequeno porto, un faro...e con vestixios de antigas fábricas relacionadas co mar que denotan a importancia que este sempre tivo nesta localidade.

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Iniciamos a ruta ao pé da Praia do Torno, nun aparcadoiro no que agora en inverno acostuma a haber sitios libres para facelo. 

O 1º que vemos é un pequeno monumento metido na auga na Praia do Torno, é o símbolo de S. Cibrao: a Maruxaina.

A lenda di que a Maruxaina é unha serea loura, metade muller e metade peixe que vive nos Farallóns. Nos días de temporal toca o corno, uns din avisando aos mariñeiros do perigo e outros opinan que o que quere é enganalos e que naufraguen.

O segundo domingo de agosto revívese esta lenda e a serea é "capturada" polos pescadores do lugar. Traena a terra para xulgala e celebrar unha festa na praia ao redor dela.

En 1º termo, a Maruxaina

A Praia do Torno é un dos areais máis coñecidos do concello de Cervo que se estende dende a ría ata o porto. É unha praia urbana que conta cun paseo marítimo polo que imos.

Praia do Torno

Do outro lado da rúa, vemos os restos do que foi unha antiga fábrica de salazón de sardiña que ardeu en 1921. En S. Cibrao é coñecida como "O Castelo".
Os veciños están a denunciar o deterioro que están a sufrir estes restos e reivindican que se protexa este ben.

"O Castelo", antiga fábrica de Salazón.

Pasamos polo porto, que é pequeno, e tal e como o coñecemos hoxe é do 1930 aínda que sufreu melloras ao longo dos anos.

Porto de S. Cibrao

Este porto pesqueiro só é abordable por barcos que non callen máis de 2 metros.

De frente podemos ver a factoría de Alúmina- Aluminio.

De frente, a factoría de Alúmina/Aluminio.

Estamos na zona chamada Porto de Arriba que inicialmente foi unha illa e depois uneuse á terra mediante unha acumulación de area.

Aquí está a capela de S. Cibrao que xa existía no S. XII. Destaca pola súa sinxelerza.

Capela de S. Cibrao

Imos subindo cara ao Faro e xa vemos mellor os Farallóns.

Camiño do faro

Os Farallóns son tres illas moi abruptas, antigamente punto de naufraxio de barcos. Chámanse A Sombriza, A Baixa e O Pé.

Os Farallóns.

Na Punta da Atalaia atopamos o Faro e un Miradoiro do mesmo nome. O Miradoiro é unha estructura de ferro e cristal que semella que se adentra no mar.

Faro e Miradoiro en Punta  da Atalaia.

Dende o faro, unhas escaleiras lévannos a outra parte máis próxima ao mar e que foi recuperada para uso público.

Dende esta parte baixa, as fotos ao faro quedan estupendas! Este faro realmente son dous:o 1º é de 1864. O moderno é de 1979 e foi construido cando chegou a fábrica de Alúmina- Aluminio á zona, ao ser necesario que tivese máis alcance e maior altura para atender as demandas do novo porto que se construeu.

Faro de S. Cibrao

Pasamos por diante da antiga fábrica de salazón "O Castelo" camiñando pola praia de Cubelas, tamén urbana.
Praia de Cubelas

Vemos os restos dunha antiga cetárea que demostra o pasado relacionado co mar que tivo esta vila.
Antiga Cetárea

Paseo que vai dende a praia de Cubelas á de Caosa.

Desviándose uns metros da ruta pode verse a Praza do Lugar, pequena e recollida.
Praza do Lugar

A Praciña da Caosa destaca polos balcóns.
Praciña da Caosa
 Chegamos á praia da Caosa tamén nun entorno urbanizado e coa area máis fina e branca de todas. Praia de augas cristalinas, escasa ondaxe e forma de enseada.
Praia da Caosa

A praia da Caosa vista dende o outro lado:
Praia da Caosa

E agora imos coñecer unha zona que descoñeciamos por completo de S. Cibrao. Despois da praia daCaosa, seguindo ao pé do mar descubrimos a zona de autocaravanas, remata o paseo de pedrae empeza un camiño que seguimos.

Deseguida o camiño pasa a ser carreiro.

Un carreiro chulo
 
Que nos vai levar ata unha pequena e recóndita praia da que eu nunca oira falar.
Praia do Portelo
 
Trátase da praia do Portelo formada por 2 pequenos areais separados por un promontorio rochoso A lenda di que aquí desembarcou o Marqués de Pedrosa fuxindo dos ingleses por cuestións relixiosas. Aquí (a uns 800) construeu un pazo (O Pazo de Pedrosa) que se pode ver facendo a Ruta do Camiño Natural do Cantábrico que pasa antes de entrar na vila de S. Cibrao polo lugar chamado Pedrosa.
A esta praia, dada a súa orientación, chegan moitas algas que no pasado eran recollidas polos veciños para vender ou abonar as terras.
Praia do Portelo
Voltamos uns metros para atrás para pillar este camiño  que hoxe (debido a tanta chuvia deste outono/inverno) estaba anegado. Imos sair xunto ao IES "Marqués de Sargadelos".
IES "Marqués de Sargadelos"

Pasamos polo novo Centro de Día e Residencia de maiores.
Centro de Día e Residencia

E tamén polo Centro de Saúde.
Centro de Saúde

Despois de pasar a estación de tren, chegamos ao Parque "Raíña Sofía"
Parque Raíña Sofía

No parque anterior destaca este fermoso monumento que é unha fonte.. Chámase "Os Corvos Mariños" e o autor é Juan Puchades. Foi inaugurado no 1995.
Fonte "Os Corvos Mariños"

O paseo que bordea a ría de S. Cibrao é pequeno pero moi fermoso.
Paseo do Torno

De frente vemos a chimenea de Alúmina /Aluminio e as pequenas embarcacións en marea chea.

Ao outro lado da ría hai un paseo que se pode percorrer e veremos unha antiga fábrica. Deixámolo para outro día.

Cruzamos a ponte sobre a ría e pillamos á esquerda para empezar o paseo ao pé do río Covo


O río Covo ten só un percorrido de 15 km. Nace  nos Montes de Buio, nas turbeiras de Pau da Vella e desemboca  na praia do Torno, formando a ría que acabamos de deixar.
Paseo do Río Covo.

O paseo ten un tramo de madeira e vai pegado ao río.

A Ponte Medieval do Bao de estilo romano permite o paso de persoas, animais ou carros en marea alta. Ten unha altura de 9,5m. e unha anchura de 3,10m. Ten un único ollo de forma oxival e foi restaurado polo concello de Cervo no 1986.
Ponte medieval do Bao

Ao pé da ponte anterior hai unha pequena área recreativa.

A ponte vista dende o outro lado.
Ponte medieval do Bao

Agora empezamos un tramo que é novo para nós xa que nunca por aqui pasamos. O Camiño Natural do Cantábrico que pasa por aquí mesmo, neste lugar torce á dereita por un camiño de monte. Nós agora seguimos pegados ao río.

Un muíño restaurado ao que uniron o que semella ser unha vivenda.
Muíño restaurado

Un fermoso paseo con pontiñas de madeira salvando regos que van ao Covo.

Paseo ás beiras do río Covo

Os paseos naturais sempre son fermosos porque son auténticos.

Paseo ás beiras do río Covo

 O paseo á beira do río remata nunha estrada local onde atopamos a Fonte do Guioncho.

Fonte do Guioncho
 
Deseguida damos a volta pola outra marxe do río.

O percorrido agora vai máis lonxe do río.

 
Chegamos á ponte medieval, agora polo outro lado.

A marea, que antes estaba chea, agora está case baixa e vese ben como o río vai cara ao Cantábrico.

Do outro lado do río vemos unha antiga fábrica de salazón e o aserradeiro de D. Xulián.

 Pasamos por diante da Praza dos Campos.
Praza dos Campos
No paseo do Torno polo que imos vemos unha exposición de 8 pezas decoradas por ambas caras (en total 18 creacións) de faros da Costa da Morte. Son murais feitos en azulexo.

E xa estamos case no punto onde iniciamos esta fermosa ruta.

Páxinas web consultadas:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2024/08/16/reclaman-proteccion-restos-fabrica-salazon-cubelas-san-cibrao/00031723825558541896391.htm

https://amarinalucense.gal/es/puerto-de-san-cibrao

https://es.wikipedia.org/wiki/Islas_Farall%C3%B3ns

https://concellodecervo.com/es/turismo/san-ciprian/os-corvos-marinos

https://www.turismo.gal/inicio?langId=es_ES

https://amarinaxornal.gal/occidental/cervo/104328-san-cibrao-sera-o-escenario-para-a-exposicion-sobre-faros-da-costa-da-morte/

sábado, 1 de marzo de 2025

CONCELLO DE MONTERROSO

 Nunca fixera unha ruta no concello de Monterroso e hoxe guiándome por un track que vira fixen unha que ampliei e mellorei quitando un tramo de estrada con bastante tráfico.

Monterroso é un concello capital da comarca da Ulloa. Os outros dous concellos que forman esta comarca son Palas de Rei e Antas de Ulla.

O nome do concello vén de que no S. XII se asentaron xentes aquí a vivir no que daquela sería un monte.

O concello conta con pouco máis de 3500 habitates e está practicamente situado no centro de Galicia. É un concello dunha extensión considerable e conta con 29 parroquias.

Eu calificaría a ruta de hoxe como "Da Pedra e da Auga" porque a pedra é protagonista nos numerosos peches ancestrais que se ven, en moitas casas, na área recreativa A Peneda...e  a auga é outra protagonista desta ruta xa que camiñaremos a maior parte do percorrido ás beiras do Ulla.

Características desta ruta:

Lonxitude: 9,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalización ningunha. Necesario un track. O meu en WIKILOC

Descripción:

Para realizar esta ruta, partín dende a igrexa de S. Miguel de Monterroso, no centro da vila. Este templo está construido con sillares de granito.

Templo de S. Miguel en Monterroso

Outra vista do templo:

Templo de S. Miguel en Monterroso

O track que seguín lévame agora pola estrada LU-221 case 2km. pero eu modifiquei o traxecto e aos 600 m. desvieime a Esporiz que merece moito a pena xa que unha aldea moi fermosa e despois, en lugar de voltar á estrada, atopei un camiño perfectamente transitable que me alonxou da estrada.

Chamoume a atención os moitos carballos que vin.

Estrada a Esporiz. 

A parroquia de Esporiz ten unha boa riqueza patrimonial como a igrexa de S. Miguel, un miliario romano, numerosos sarcófagos...



Esporiz

Esporiz é unha pequena e fermosa aldea
Esporiz

Esta igrexa foi a parroquial de Monterroso ata que se construeu a actual na propia vila, no S. XX.
Esta igrexa é de estilo románico, da segunda metade do S. XII aínda que con reformas nos séculos XVI e XIX.
Igrexa de S. Miguel de Esporiz

A entrada principal ten esta verxa que protexe un miliario (peza cilindrica de pedra que se colocaba nas estradas romanas para sinalar as distanciascada mil pasos)


Na seguinte foto vemos a súa fachada románica.
Igrexa de S. Miguel de Esporiz

A pedra é protagonista en Esporiz nos muros, cabozos, casas...
Esporiz

Abandono a aldea observando os prados onde pastan algunhas vacas. A gandaría é a base económica deste concello.

En lugar de voltar á estrada como me mandaba o track que seguía, atopei este camiño paralelo. Moito mellor!!


A Esporiz podíaselle chamar "A aldea de Pedra"


Desemboco nunha estrada local.

Non deixo de ver carballos centenarios.

Atraveso o lugar de Cariza da parroquia de Esporiz.

Cariza

E agora teño que atravesar a LU- 221 para seguir de frente.

Estou agora na parroquia de Santiago de Bidouredo
Bidouredo

Un cabozo típico desta zona en Bidouredo. É de estilo Portomarín con construcción mixta de madeira e pedra. É o máis estreito de todos e a cuberta pode ser de pizarra ou tella, neste caso é de tella.

Hórreo en Bidouredo.

Aquí, no cruce que vemos, na pequena prazuela pillamos á esquerda pero antes fun de frente só uns metros para ver a igrexa de Santiago.

Esta igrexa está datada no S. XII e aséntase sobre un castro. Consérvase practicamente íntegra xa que sufreu poucas modificacións ao longo dos séculos.
Igrexa de Santiago de Bidouredo

Igrexa moi sinxela e austera coa típica portada románica.
Igrexa de Santiago de Bidouredo

Chamoume a atención o cemiterio ao redor da igrexa, con tumbas moi antigas nunha parte e noutra con outras máis modernas.
Cemiterio en Bidouredo

Despois de Bidouredo, deixo a estrada para pillar por un camiño.


En moi poucos metros chego ao río Ulla.


Hai que atravesar un prado e en principio non vexo por onde seguir pero descubro un carreiro.


Un carreiro natural que se ve pisado e polo que se camiña perfectamente. O río será xa o meu compañeiro ata case o final da ruta.

                                                                Río Ulla
Antigos carballos á beira do Ulla.


Un muíño e a presa que fixeron no río para levar a auga ata o mesmo.


O Ulla é aquí un río aínda mozo, xa que nace no concello veciño de Antas de Ulla. O seu curso vai delimitando as provincias de A Coruña e Pontevedra e desemboca na Ría de Arousa.

Desemboco na estrada LU- 640. Unha ponte moderna cruza o Ulla e ao pé hai esta de pedra máis antiga, chamada Pontepedriña. Estas pontes separan os concellos de Monterroso e de Antas de Ulla. Estamos no lugar de A Pedriña, na parroquia de Bidouredo aínda.

Pontepedriña

Cruzamos a estrada e voltamos xunto ao río.

Había un pequeno tramo anegado. Este outono-inverno choveu moito e nótase. Nas últimas rutas que levo feito, case sempre hai cañiños e carreiros anegados.

Estou a piques de entrar na Área Recreativa de A Peneda. Polo que xa vexo, promete...

É un lugar máxico, precioso, con 3 protagonistas: a auga do Ulla, a pedra e as árbores.

Área Recreativa da Peneda

Elementos etnográficos como rodas de antigos muíños son aproveitadas como mesas situadas en lugares estratéxicos.

Área Recreativa da Peneda

Unha inmensa piscina que aproveita a existencia dunha antiga presa que canalizaba auga para os muíños. Foi a 1ª piscina da área recreativa e aínda segue habilitada para o baño. Actualmente existen outras dúas construídas a principios do S. XXI diferenciadas por idades.

Área Recreativa da Peneda

Un cabozo e outros elementos etnográficos en pedra están todos integrados nesta área recreativa en forma de mesas, esculturas...

Área Recreativa da Peneda

Mesas e bancos estratexicamente situados.

Despois da zona de auga, a zona verde inmensa, unha carballeira que agora no inverno está espida pero que axiña dará boa sombra.

Área Recreativa da Peneda

Zona despois das piscinas novas, do outro lado do río.
Área Recreativa da Peneda

 Dous sepulcros antropomorfos da Baixa I.Media tamén se atopan neste lugar.

Área Recreativa da Peneda

A Área Recreativa máis fermosa que coñezo.
Área recreativa da Peneda

Esta é outra entrada:
Área recreativa da Peneda

Pedra, árbores, auga...a natureza.
Área recreativa da Peneda
 


Despois da área da Peneda empezamos o Paseo Fluvial Fernando García Vila inaugurado en 2022 . Leva este nome en recoñecemento a este home monterrosino pola paixón pola súa vila e polo seu traballo incesante en prol da Asociación de Pescadores.

No meu concello, este fermoso paseo natural xa estaría alquitranado por desgraza.

 O paseo aínda non mide 1km. e ten pontiñas de madeira que salvan regos que van ao Ulla.

Desemboco na estrada e cruzo unha ponte para ir cara a vila de Monterroso. Estou de novo nos límites deste concello con Antas de Ulla.

Camiño entre prados con antigos peches. Ao fondo, a vila de Monterroso desdibuxada pola chuvia que empezou a caer hai uns minutos.

Xa de novo na vila, atopo o Pazo de A Laxe que ten case 5 séculos de historia. A imaxe actual data de principios do S. XVIII cando foi profundamente remodelado. O orixinal foi construido no S. XVI por Alonso de Gundín e a súa muller.
A orixe da villa de Monterroso atópase aquí xa que en torno ao pazo e á súa capela desenrolouse a vila e a súa famosa feira.

Pazo de A Laxe

Este pazo conta con dependencias anexas como un pombal, un hórreo, unha fonte e unha capela dedicada a Santa Lucía. É de propiedade privada.

Frente ao pazo está a pequena e fermosa Praza de Santa Lucía.

Un pouco máis adiante da praza anterior temos a Praza da Alameda, hoxe chamada Praza de Fernando González Laxe

Agora paso pola Praza da Feira onde cada primeiro de mes se celebra unha feira.  A feira máis importante é a que se celebra cada primeiro de novembro, a Feira de Santos considerada unha das máis importantes de Galicia. Naceu no S. XV e está declarada  de Interese Turístico Galego dende 2011. Atrae a milleiros de visitantes.

E dende a praza anterior xa estamos case ao pé do inicio desta ruta.

Páxinas web empregadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Monterroso

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2018/08/san-miguel-de-esporiz-monterroso.html

https://www.ecosdacomarca.com/post/monterroso-inaugura-o-paseo-fluvial-fernando-garc%C3%ADa-vila-calabr%C3%A1n

https://www.monterroso.es/es/ferias-y-fiestas

https://horreosdegalicia.com/estilos/