sábado, 1 de marzo de 2025

CONCELLO DE MONTERROSO

 Nunca fixera unha ruta no concello de Monterroso e hoxe guiándome por un track que vira fixen unha que ampliei e mellorei quitando un tramo de estrada con bastante tráfico.

Monterroso é un concello capital da comarca da Ulloa. Os outros dous concellos que forman esta comarca son Palas de Rei e Antas de Ulla.

O nome do concello vén de que no S. XII se asentaron xentes aquí a vivir no que daquela sería un monte.

O concello conta con pouco máis de 3500 habitates e está practicamente situado no centro de Galicia. É un concello dunha extensión considerable e conta con 29 parroquias.

Eu calificaría a ruta de hoxe como "Da Pedra e da Auga" porque a pedra é protagonista nos numerosos peches ancestrais que se ven, en moitas casas, na área recreativa A Peneda...e  a auga é outra protagonista desta ruta xa que camiñaremos a maior parte do percorrido ás beiras do Ulla.

Características desta ruta:

Lonxitude: 9,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalización ningunha. Necesario un track. O meu en WIKILOC

Descripción:

Para realizar esta ruta, partín dende a igrexa de S. Miguel de Monterroso, no centro da vila. Este templo está construido con sillares de granito.

Templo de S. Miguel en Monterroso

Outra vista do templo:

Templo de S. Miguel en Monterroso

O track que seguín lévame agora pola estrada LU-221 case 2km. pero eu modifiquei o traxecto e aos 600 m. desvieime a Esporiz que merece moito a pena xa que unha aldea moi fermosa e despois, en lugar de voltar á estrada, atopei un camiño perfectamente transitable que me alonxou da estrada.

Chamoume a atención os moitos carballos que vin.

Estrada a Esporiz. 

A parroquia de Esporiz ten unha boa riqueza patrimonial como a igrexa de S. Miguel, un miliario romano, numerosos sarcófagos...



Esporiz

Esporiz é unha pequena e fermosa aldea
Esporiz

Esta igrexa foi a parroquial de Monterroso ata que se construeu a actual na propia vila, no S. XX.
Esta igrexa é de estilo románico, da segunda metade do S. XII aínda que con reformas nos séculos XVI e XIX.
Igrexa de S. Miguel de Esporiz

A entrada principal ten esta verxa que protexe un miliario (peza cilindrica de pedra que se colocaba nas estradas romanas para sinalar as distanciascada mil pasos)


Na seguinte foto vemos a súa fachada románica.
Igrexa de S. Miguel de Esporiz

A pedra é protagonista en Esporiz nos muros, cabozos, casas...
Esporiz

Abandono a aldea observando os prados onde pastan algunhas vacas. A gandaría é a base económica deste concello.

En lugar de voltar á estrada como me mandaba o track que seguía, atopei este camiño paralelo. Moito mellor!!


A Esporiz podíaselle chamar "A aldea de Pedra"


Desemboco nunha estrada local.

Non deixo de ver carballos centenarios.

Atraveso o lugar de Cariza da parroquia de Esporiz.

Cariza

E agora teño que atravesar a LU- 221 para seguir de frente.

Estou agora na parroquia de Santiago de Bidouredo
Bidouredo

Un cabozo típico desta zona en Bidouredo. É de estilo Portomarín con construcción mixta de madeira e pedra. É o máis estreito de todos e a cuberta pode ser de pizarra ou tella, neste caso é de tella.

Hórreo en Bidouredo.

Aquí, no cruce que vemos, na pequena prazuela pillamos á esquerda pero antes fun de frente só uns metros para ver a igrexa de Santiago.

Esta igrexa está datada no S. XII e aséntase sobre un castro. Consérvase practicamente íntegra xa que sufreu poucas modificacións ao longo dos séculos.
Igrexa de Santiago de Bidouredo

Igrexa moi sinxela e austera coa típica portada románica.
Igrexa de Santiago de Bidouredo

Chamoume a atención o cemiterio ao redor da igrexa, con tumbas moi antigas nunha parte e noutra con outras máis modernas.
Cemiterio en Bidouredo

Despois de Bidouredo, deixo a estrada para pillar por un camiño.


En moi poucos metros chego ao río Ulla.


Hai que atravesar un prado e en principio non vexo por onde seguir pero descubro un carreiro.


Un carreiro natural que se ve pisado e polo que se camiña perfectamente. O río será xa o meu compañeiro ata case o final da ruta.

                                                                Río Ulla
Antigos carballos á beira do Ulla.


Un muíño e a presa que fixeron no río para levar a auga ata o mesmo.


O Ulla é aquí un río aínda mozo, xa que nace no concello veciño de Antas de Ulla. O seu curso vai delimitando as provincias de A Coruña e Pontevedra e desemboca na Ría de Arousa.

Desemboco na estrada LU- 640. Unha ponte moderna cruza o Ulla e ao pé hai esta de pedra máis antiga, chamada Pontepedriña. Estas pontes separan os concellos de Monterroso e de Antas de Ulla. Estamos no lugar de A Pedriña, na parroquia de Bidouredo aínda.

Pontepedriña

Cruzamos a estrada e voltamos xunto ao río.

Había un pequeno tramo anegado. Este outono-inverno choveu moito e nótase. Nas últimas rutas que levo feito, case sempre hai cañiños e carreiros anegados.

Estou a piques de entrar na Área Recreativa de A Peneda. Polo que xa vexo, promete...

É un lugar máxico, precioso, con 3 protagonistas: a auga do Ulla, a pedra e as árbores.

Área Recreativa da Peneda

Elementos etnográficos como rodas de antigos muíños son aproveitadas como mesas situadas en lugares estratéxicos.

Área Recreativa da Peneda

Unha inmensa piscina que aproveita a existencia dunha antiga presa que canalizaba auga para os muíños. Foi a 1ª piscina da área recreativa e aínda segue habilitada para o baño. Actualmente existen outras dúas construídas a principios do S. XXI diferenciadas por idades.

Área Recreativa da Peneda

Un cabozo e outros elementos etnográficos en pedra están todos integrados nesta área recreativa en forma de mesas, esculturas...

Área Recreativa da Peneda

Mesas e bancos estratexicamente situados.

Despois da zona de auga, a zona verde inmensa, unha carballeira que agora no inverno está espida pero que axiña dará boa sombra.

Área Recreativa da Peneda

Zona despois das piscinas novas, do outro lado do río.
Área Recreativa da Peneda

 Dous sepulcros antropomorfos da Baixa I.Media tamén se atopan neste lugar.

Área Recreativa da Peneda

A Área Recreativa máis fermosa que coñezo.
Área recreativa da Peneda

Esta é outra entrada:
Área recreativa da Peneda

Pedra, árbores, auga...a natureza.
Área recreativa da Peneda
 


Despois da área da Peneda empezamos o Paseo Fluvial Fernando García Vila inaugurado en 2022 . Leva este nome en recoñecemento a este home monterrosino pola paixón pola súa vila e polo seu traballo incesante en prol da Asociación de Pescadores.

No meu concello, este fermoso paseo natural xa estaría alquitranado por desgraza.

 O paseo aínda non mide 1km. e ten pontiñas de madeira que salvan regos que van ao Ulla.

Desemboco na estrada e cruzo unha ponte para ir cara a vila de Monterroso. Estou de novo nos límites deste concello con Antas de Ulla.

Camiño entre prados con antigos peches. Ao fondo, a vila de Monterroso desdibuxada pola chuvia que empezou a caer hai uns minutos.

Xa de novo na vila, atopo o Pazo de A Laxe que ten case 5 séculos de historia. A imaxe actual data de principios do S. XVIII cando foi profundamente remodelado. O orixinal foi construido no S. XVI por Alonso de Gundín e a súa muller.
A orixe da villa de Monterroso atópase aquí xa que en torno ao pazo e á súa capela desenrolouse a vila e a súa famosa feira.

Pazo de A Laxe

Este pazo conta con dependencias anexas como un pombal, un hórreo, unha fonte e unha capela dedicada a Santa Lucía. É de propiedade privada.

Frente ao pazo está a pequena e fermosa Praza de Santa Lucía.

Un pouco máis adiante da praza anterior temos a Praza da Alameda, hoxe chamada Praza de Fernando González Laxe

Agora paso pola Praza da Feira onde cada primeiro de mes se celebra unha feira.  A feira máis importante é a que se celebra cada primeiro de novembro, a Feira de Santos considerada unha das máis importantes de Galicia. Naceu no S. XV e está declarada  de Interese Turístico Galego dende 2011. Atrae a milleiros de visitantes.

E dende a praza anterior xa estamos case ao pé do inicio desta ruta.

Páxinas web empregadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Monterroso

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2018/08/san-miguel-de-esporiz-monterroso.html

https://www.ecosdacomarca.com/post/monterroso-inaugura-o-paseo-fluvial-fernando-garc%C3%ADa-vila-calabr%C3%A1n

https://www.monterroso.es/es/ferias-y-fiestas

https://horreosdegalicia.com/estilos/







Ningún comentario:

Publicar un comentario