luns, 24 de febreiro de 2025

CAMPO DO OSO.(MONDOÑEDO) RUTA CIRCULAR DENDE A CRUZ DA CANCELA

 Hoxe fixen unha ruta que me prestou moitooo!! Cunhas vistas espectaculares durante todo o percorrido e vendo vacas e cabalos de cada pouco, unha paisaxe solitaria, brava,inhóspita...preciosa!

Tócanse 3 concellos: Riotorto, na Cruz da Cancela onde empeza e remata; Mondoñedo (a meirande parte do traxecto) e A Pastoriza (un pequeno tramo)

Características da ruta.-

Lonxitude: 10,6 km.

Dificultade: Fácil. Según a fixen eu, súbese máis que facéndoa ao revés pero de tódolos xeito a min, que non me gustan as subidas, esta leveina moi ben. Hai que ter en conta que xa partimos de 545m.

Ruta circular sen sinalizar; o meu track en WIKILOC

Descripción:

Deixo o coche ao pé da rotonda na Cruz da Cancela, nun espazo libre que hai e vou pola estrada que vai a Meira e Lugo, pola LU-122 durante 500m.

Rotonda na Cruz da Cancela

Durante 500m imos pola LU-122 e no primeiro cruce que vemos (á esquerda iriamos para Santalla(Riotorto) pillamos á dereita. Estamos, de momento, no concello de Riotorto.

Empezamos a subir e as vistas van mellorando.

Vemos aló embaixo onde deixei o coche aparcado.

Imos todo o perdorrido tendo excelentes vistas. A vila que vemos máis ao fondo, máis lonxe é Foz.

O camiño é doado de andar e a subida é levadeira.


Vistas espectaculares!

Xa estou a máis de 600m de altitude.

Os aeroxeradores están por todas partes.

Paisaxe que vemos voltando a vista atrás.


Ao chegar a este punto temos a opción de seguir subindo cara aos eólicos ou ben pillar á dereita. Eu sigo subindo e retomo a estrada que vai por abaixo un pouco máis adiante.
 
Non estou aínda no punto máis alto da ruta pero si a 713m. As vistas, mire onde mire, deixanme abraiada. Aló ao fondo vese o viaducto do Fiouco. Estamos bastante máis altos...

Preciosoooo...👏👏👏

Todo o percorrido vendo espectaculares paisaxes!

Estas dúas pensando... "Que fai esta muller por aquí?"

Para ver estas marabillas hai que camiñar! Bueno tamén se pode chegar en todo terreo ou moto...pero non sei se será o mesmo...

Paisaxe agreste, inhóspito...pero tan fermoso!!


Nin por un momento perdemos estas vistas.

Xa é moita a altitude para que por aquí medren árbores.

Estamos no punto máis alto da ruta: 809m.

Aldeas de Mondoñedo, montañas...

Esta pista pola que veño conecta agora coa que traía antes e que vén por unha zona algo máis baixa.

O viaducto da A8  e os cabalos pastando libremente

Agora, ao dar a volta á montaña, vemos outra paisaxe como o Pico do Foxo e montañas próximas.

Observamos unha canteira que se non o sabemos semella unha calquera como moitas outras que hai, pero esta canteira é moi importante: dela extraese a filita verde, unha rocha semellante á pizarra pero que se distingue pola súa cor verdosa brilante. É unha rareza da natureza, algo único e singular que en Galicia só se extrae aquí, neste lugar que pertence a Bretoña (A Pastoriza)


As canteiras de filita verde son as máis antigas documentadas na península. Hai construccións deste material dende  o ano 1626 cando se empregou na construcción da igrexa de Adelán. Actualmente emprégase en todo tipo de edificacións e é exportada a outros países como Xapón e Estados Unidos.
Dende o ano pasado, 2024 esta pedra entrou no selecto grupo das pedras do Patrimonio Mundial ao igual por exemplo que o mármore de Carrara.

Vacas pastando no Campo do Oso.

Desembocamos na estrada LU- 125 pola que imos durante 1km. Estou no concello de A Pastoriza.

Xusto no cruce, ao pé da canteira, deixamos a estrada e pillamos á dereita.

Cando fixen a ruta de Maeloc que sae de Bretoña e é lineal e remata aquí, no Campo do Oso, había neste lugar onde agora vemos ese peche, un sinal onde se indicaba esa ruta. Agora non está.

Agora o percorrido é paralelo ao anterior. Vou pola pista que está máis abaixo. Aí diante, pola vaguada que se ve pasa o Rego do Carballiño que divide os concellos de A Pastoriza e Mondoñedo. Axiña entrarei neste último.

E chego ao curro onde cada ano se celebra a Rapa das Bestas.  É a 1ª rapa que se fai na zona no mes de xuño. Baixanse os animais do monte para cortarlles as crins, marcalos e desparasitalos.

Continuo por estas pistas de bo andar.


A imaxe de Foz témola presente case toda a ruta.

Outras vistas:

As vacas non deixan de mirar sorprendidas. Non están afeitas a ver moita xente. Neste caso vou eu sola.

Xa chegando ao inicio:

A piques de rematar esta ruta que me encantou!!

Páxina web consultada:

https://www.uniovi.es/actualidad/noticias/-/asset_publisher/Ru0cAJNPrm1m/content/la-filita-verde-de-lugo-entra-en-el-selecto-grupo-de-las-piedras-del-patrimonio-mundial

Ningún comentario:

Publicar un comentario