sábado, 18 de xaneiro de 2025

REGO DE MURAS; REGO DO CAL E MARAMIGA (ABADÍN)

 Sempre que paso pola autovía A-8 á altura do Fiouco, miro para ámbolos dous lados onde se ven camiños e pistas de gandeiros rodeadas de cabalos e vacas e dende hai tempo tiña moitas ganas de ir por eses camiños e desfrutar da cercanía dos animais e das vistas espectaculares que imaxinaba habería ao estar a bastante altura. Hoxe, nun día despexado e fermoso realicei esta ruta planificada e que non me defraudou en absoluto.

Características:

Lonxitude: 8,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

A ruta parte dende o lugar de Maramiga, na parroquia de Galgao (Abadín) Non sabía moi ben se ía facer unha ruta en Mondoñedo ou en Abadín pero resultou ser toda ela neste último concello, agás un pequenísimo tramo subindo á subestación eléctrica que pilla algo do concello de Mondoñedo.

Maramiga
 
Chegamos a Maramiga pola LU-P 0105, aparcamos nun lugar ao pé da aldea e deseguida deixamos esa estrada á dereita para coller por onde se ve o sinal.

Deixamos LU-P 0105

Partimos dunha altura xa de 549m e empezamos a ascender moi lixeiramente. A medida que subimos, as vistas vanse facendo mellores. Na foto vemos Lousada (parroquia de Sasdónigas, en Mondoñedo) aldea pola que pasamos cando fixemos outra ruta.

Vistas

De momento aínda se ven árbores que axiña van desaparecer. Camiñamos por unha estrada que leva aos prados e montes dos gandeiros.

Mirando cara ao sur vemos a gasolineira de Abadín. Antigamente era esa a estrada única para ir a Lugo, Ourense...dende a costa.


Xa imos achegándonos á A-8.

A partires de agora a vexetación predominante e maioritaria van ser os toxos baixos. Estamos cada vez a máis altitude e esto reflíctese na vexetación. Vemos no chan un paso canadiense para impedir que escape o gando que imos atopar.

Vemos Lousada e o Chao da Aldea (Sasdónigas)


O viaducto que salva o Rego de Muras na A-8.

Un día moi, moi fermoso para desfrutar destas paisaxes. Para facer esta ruta hai que escoller un día así porque xa sabemos da frecuencia da néboa por estes lugares...

O viaducto do Rego de Muras mide 175m.

Nós, para salvar este rego, cruzamos a ponte que vemos na foto.

O chan deixou de ser asfalto para convertirse nunha pista de pedras.

Empezamos a ver o primeiro gando de cerca.

As vacas deixa de pacer para observarnos.

Volveu cambiar o chan e agora é unha pista de gravilla.
 
Imos pegadiños á A-8

Moi cerca está O Fiouco. Non imos pasar xusto por aí. Torcemos á dereita por onde a pista nos leva.

O toxo, tan abundante en Galicia, tan noso, é un arbusto leñoso e espiñento cunha alta capacidade de rebrote sexa polas súas raices ou polas ramas, pero a súa forma de dispersarse natural son as sementes. Pode acadar os 2m de alto aínda que nestas altitudes non chega a esa medida. O toxo frorece dúas veces ao ano: en outono e primavera.
Debido á súa alta capacidade reproductora é unha das plantas máis difíciles de erradicar. É unha planta característica da nosa terra.
O que vemos é unha das 4 variedades que temos en Galicia: o toxo gateño.

Imos en lixeiro ascenso pero continuo. Estamos no punto máis alto desta ruta: a 721m. de altitude. Por riba do Fiouco!!!


A medida que subimos, neste espectacular día despexado, as vistas son mellores, claro.


 O gando pasta en liberdade.


Atopamos unha Subestación Eléctrica, Enel Green Power S.A., unha multinacional italiana das Enerxías Renovables en todo o mundo. Neste caso a enerxía xerada é eólica. No 2016, a multinacional española ENDESA comprou o 60%  desta empresa. Como resultado da integración de Enel Green Power e ENDESA  hai en España unhas 300 plantas de enerxía hidroeléctrica, eólica, solar e de biomasa.
Subestación Eléctrica Enel Green Power

Os xeradores eólicos están presentes en practicamente tódolos montes de Galicia. Seguimos pola pista que se ve e estamos a piques de enlazar coa estrada LU-P 0105.


Imos pola estrada LU-P 0105 durante case 2 km. Empezamos xa a ver prados coidados para as vacas.



Agora xa imos baixando sempre suavemente, case sen darnos conta. Grandes tractores abonan os prados.

Despois de case 2km. por estrada pillamos un camiño á esquerda. Podíamos tamén seguir polo asfalto e deseguida chegariamos a onde deixamos o coche.


É un camiño rural de toda a vida. Un rego cruza o camiño.


Xa estamos chegando ás aldeas próximas.




Sempre, sempre que se fai unha camiñata débese levar bon calzado ou outro para repoñer máis tarde. Nunca sabes como te vas atopar o chan...


Xa vemos o lugar da parroquia de Galgao chamado Rego do Can


Case pegado ao anterior está o barrio de Maramiga da mesma parroquia de Galgao.


Os cabalos pacen tranquilamente neste atardecer fermoso, pero frío. Xa fumean as casas de Maramiga...


Páxinas web consultadas:
https://www.planagropecuario.org.uy/publicaciones/revista/R113/R113_40.pdf

https://es.wikipedia.org/wiki/Enel_Green_Power


















martes, 14 de xaneiro de 2025

RUTA DAS MARISMAS DO BAXOI E PRAIA GRANDE (MIÑO)

 Por 2ª vez realizamos unha ruta no concello de Miño. A 1ª que realizamos foi a SENDA DOS SENTIDOS no ano 2022.

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track ou percorrido en WIKILOC.

Descripción:

Para realizar esta ruta partimos do porto de Miño. Este porto é só para pequenas embarcacións deportivas e sofre un grave problema dende hai anos: necesita un dragado porque acumula unha gran cantidade de sedimentos que fai que as embarcacións queden varadas na area en marea baixa.

Vista do porto de Miño. Ao fondo, Sada


Empezamos camiñando polo paseo da Praia da Ribeira, tamén chamada Praia Pequena, de augas tranquilas porque é unha praia de ría e que no pasado ano 2024 recuperou a bandeira azul que perdera en 2017.
Praia da Ribeira

Abandonamos a zona máis proxima á costa pillando á esquerda e pasamos polo lugar onde remata ou empeza a Senda dos Sentidos:

A ruta continua por un camiño ou pista por onde pasa tamén o Camiño Inglés a Santiago.

Pasamos por debaixo da autovía.

Unha camiñata sen desniveis e moi tranquila.

Xa vemos o río Baxoi que ten unha lonxitude aproximada de 21 km. que nace na Serra do Queixeiro e despois veremos a súa desembocadura na Ría de Betanzos.

Río Baxoi.
A Ponte Medieval de Pedra de Baxoi cruza este río, formando parte das pontes que mandou construir Fernando Pérez de Andrade "O Boo" no S. XIV para facilitar o paso de carruaxes. Era é segue a ser un punto de paso para os peregrinos do Camiño Inglés a Santiago.

Ponte Baxoi

Xunto á ponte hai unha pequena área recreativa.

Na Ponte Baxoi remata o tramo no que coincidimos co Camiño Inglés.

Agora adentrámonos na ruta promocionada polo concello "Senda das Marismas do Baxoi", ..."un percorrido de alto valor ambiental que transcorre á beira das Marismas cunha enorme riqueza ecolóxica..."

Esta senda foi creada o ano pasado.

Senda das Marismas do Baxoi.

A Senda do Baxoi de 1,5 km. vai ao pé deste río por camiños de terra e unha pasarela de madeira moi esvaradía cando está mollada.

Río Baxoi
 Pasarela de madeira na que hai que levar coidado cando está mollada.

Un percorrido moi fácil e fermoso:

Pasamos por debaixo da autovía cando o Baxoi está xa próximo a desembocar.

As marismas que forma o río Baxoi ao desembocar, son o fogar de moitas aves. Están integradas na ZEC Ría de Betanzos-Mandeo e na Rede Natura 2000

O río Grande únese aquí ao Baxoi formando unha fermosa desembocadura. Se nos fixamos na foto, vemos unha solitaria grúa. (grulla)


Estas marismas están formadas por numerosos meandros onde se mestura a auga salada do mar coa doce do río. As plantas medran formando uhna ampla zona húmida con sitios de barro que se inundan coas mareas. Hai xuncos e fondos limosos que serven de cobixo e alimento a gran cantidade de aves.


Para achegarse á Praia Grande de Miño hai pasarelas de madeira co fin de protexer o sistema dunar que rodea a esta praia. Precisamente esta dunas protexen as marismas da acción do mar e do vento.


Situada nas marismas do Río Baxoi atopamos a Praia Grande de Miño con máis de 1,4 km. de lonxitude.
"En el año 2021 se le ha concedida a la playa Grande de Miño, junto con la playa de A Ribeira la bandera Q de Calidad que otorga el ICTE (El Instituto para la Calidad Turística Español). En Galicia se han cedido un total de 12, recibiendo el ayuntamiento de Miño las dos únicas banderas entregadas en la provincia de A Coruña como certificación de la excelencia en servicios turísticos, paisajismo y medioambiente."

Praia Grande (Miño)

No ano 2000 esta praia foi declarada de Interese Turístico. É unha das mellores praias das Rías Altas pola calidade das súas augas tranquilas e polos servizos que ofrece. Esto fai que no verán teña unha alta ocupación.

Praia Grande (Miño)
Outra vista da fermosa praia:

Frente á praia de Miño, a vila de Sada

Un paseo marítimo rodea a praia.

Vistas do entorno da praia Grande. Cruzamos polo prado que no verán fai de aparcadoiro de pago.

Pillamos un carreiro que pasa ao pé do albergue de peregrinos.


Pasamos ao pé dunha pequena área recreativa debaixo do enlace á autovía.

Pasamos polo barrio de Telle

 

Fomos pola rúa Cobo vendo a praia da Ribeira e o porto e o acceso por unha escaleiras á vila que xa percorremos cando fixemos a Senda dos Sentidos que empeza ou remata nesta vila.

E aquí, faltando moi pouco para chegar ao inicio da ruta, rematamos a mesma.


Páxinas web empregadas:

https://acorunaxa.com/es/news/el-bng-exige-a-la-xunta-la-urgente-dragado-del-puerto-de-mino/87382


https://www.bajoinfinitasestrellas.com/post/ponte-baxoi-mi%C3%B1o

https://turismo.marinasbetanzos.gal/puntos-de-interes/marismas-de-baxoi/

https://www.xn--turismodemio-khb.com/es/7046/Playa-Grande/-