luns, 15 de novembro de 2021

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO: PRAIA DE ESTEIRO-VIVEIRO

 Dentro da etapa 5 deste Camiño Natural, hoxe realizamos o tramo dende a praia de Esteiro en Xove ata Viveiro rematando así esta quinta etapa.

Dende a saída en Esteiro ata a praia de Portonovo en lugar de ir polo Camiño Natural, fixémolo pola Senda Costeira de Xove xa que esta ruta vai moito máis pegada ao mar. Nesta ultima praia remata a Senda Costeira de Xove e enlazamos aquí co Camiño Natural do Cantábrico.

Un fermoso tramo que pasa por fermosas praias como a de Esteiro, Area e a cala de Portonovo; nós subimos (fóra de trazado) ao Monte Faro xa que só hai que desviarse 1 km. Aquí temos unha área recreativa e unhas magníficas vistas da Ría de Viveiro.
Pasamos pola vila de Celeiro, tipicamente mariñeira e desembocamos no seu importante porto para deseguida chegar a Viveiro onde xantamos e deixamos para a seguinte etapa o percorrido por esta vila.

A Ruta en WIKILOC

Características:

Loxitude: 11,4 km.
Dificultade: fácil
Ruta lineal ben sinalizada.

Descripción:

 Saimos da praia de Esteiro pola Senda Costeira de Xove. A ruta está indicada ao final da praia e non é necesario cruzala ( a nós apeteceunos) pero pódese bordeala e os sinais aperecen ao final: O Camiño Natural mándanos por estrada e máis polo interior por eso optamos por ir pola Senda Costeira que nos leva pegadas ao mar.
Praia de Esteiro (Xove) Moi ao fondo, Estaca de Bares

A praia de Esteiro é a máis salvaxe do concello de Xove e conta cunhas boísimas condicións para a práctica do surf, de feito vimos a tres surfistas na auga. É un espazo pola Rede Natura 2000 xa que conta cun gran sistema de dunas.
Praia de Esteiro
Sorprendeunos atopar este bote colgado dun poste ao que estaba moi amarrado. Foi un bote de aceitunas que tiña un corazón pintado e dentro vimos quue había un papel escrito:

A nosa curiosidade era grande así que abrimos o bote e o papel decía esto:
 
" Ola, soy Nico. Estoy viajando desde 4 meses ahora y hoy es mi cumpleaños 29.8.2021, 35 años. Por eso quiero compartir mi felicidad contigo. Toma un trocito de felicidad y nunca olvides que la vida está maravillosa"

Pola gramática usada debía ser estranxeiro pero entendíase perfectamente o que quería dicir na mensaxe. Pareceunos algo fermoso por eso o quixen contar.


Camiñamos pegadas ao mar uns metros (1km. aprox,) e despois a senda sube para atoparse cunha pista local rematando aquí a "Senda Costeira de Xove" e enlazando co Camiño Natural do Cantábrico.

O trazado do Camiño nos pasa por esta praia se non algo máis arriba pero baixamos ata ela xa que só son uns metros. Estamos xa no concello de Viveiro.
A praia de Portonovo  na punta de Pardiñas é unha cala escondida con moitos coios a algo de area pero pouca. Ao estar tan illada e ser tan pequena ten unha ocupación moi baixa. Alguén colocou un banco e ata un asador aí.
Praia de Portonovo.

Alonxámonos do Cantábrico cruzando un monte (500 m) para ir dar a unha estrada local que nos levará á aldea de Faro.


Neste punto, temos a opción de subir ao Miradoiro de Monte Faro. Só é 1 km. pero como é costa arriba parécennos máis. A subida vale a pena xa que o entorno arriba é marabilloso. Tamén hai que dicir que tivemos moita sorte co día, que estaba soleado, sin nada de vento nin néboa o que nos permitiu parar a repoñer forzas comendo algo e contemplando as vistas que nos ofrece este miradoiro.

Atopamos unha coidada área receativa que foi creada no 2019 ao mesmo tempo que se acondicionou todo o entorno do miradoiro.




Dende aquí observamos Illa Coelleira e unha praia de O Vicedo.


Vemos a ría de Viveiro e a praia de Covas. Seguimos indo por estrada

S. Xiao de Faro é unha parroquia de Viveiro pola que pasamos.

Deixamos a estrada para pillar neste cruce á dereita. A ruta está moi ben sinalizada e non ten perda.

Imos por un sombreado camiño:


Chegando á praia de Area, pasamos por unha zona residencial con moitos chalets que son ocupados só en verán.




Chegamos á praia de Area que ten uns bos accesos, un gran aparcadoiro, un amplo paseo paralelo á praia, hoteis, restaurantes...Ten unha gran ocupación no verán e as súas augas turquesa son moi tranquilas.
No noroeste da praia temos a illa de Area que é un importante refuxio para aves mariñas.
Praia de Area
Paseo paralelo á praia:

O paseo conta tamén cunha pequena área de lecer:

Continuamos o percorrido alonxándonos agora momentáneamente da costa. Imos ir por estrada ata o final deste tramo. (4 km.)
Praia de Area
Chegamos a Celeiro, vila situada na ría do concello de Viveiro ao que pertence. É unha vila escalonada mirando ao porto que posee, un dos máis importantes do Cantábrico tanto en volume de pesca como en ventas, caracterizado pola flota que vai pescar ao Gran Sol onde se pesca a famosa pescada do pincho, distinguida como "Galicia calidade", un dos productos máis respectados e valorados da nosa gastronomía.
Celeiro

Unha rúa de Celeiro
Moitas rúas da vila de Celeiro son así: estreitas e con balcóns.
Unha rúa de Celeiro



Ademais dun importante porto pesqueiro, Celeiro tamén ten un porto deportivo:
Porto deportivo de Celeiro

Os barcos andaban faenando xa que en porto só vimos un.

A Confraría de pescadores está nun fermoso edificio indiano:
A Confraría de Celeiro é un símbolo representativo da vila

Diante da Confraría hai un monumento ao náufrago. É unha obra en bronce do viveirense Xosé Luis Neira Brochs.
Monumento ao náufrago

Camiñamos polo Paseo de Celeiro, pola zona onde se celebra o sonado Festival Resurrection Fest que atrae milleiros de visitantes a este concello de Viveiro.

A sede da  Xefatura Territorial da Consellería do Mar atópase en Celeiro:

Despois da rotonda, entramos xa no Paseo Marítimo de Viveiro e deseguida vemos o seu porto deportivo:

Rematamos o tramo de hoxe onde remata oficialmente a etapa S. Cibrao-Viveiro : ao pé da estación de autobuses. Deixamos a visita á vila de Viveiro para o comenzo do seguinte tramo.

Páxinas web consultadas:

Enlaces aos tramos anteriores desta ruta do Camiño Natural do Cantábrico:






Tramo Castro de Fazouro- Praia de Areoura (Foz): Rutas de sendeirismo: RUTA CASTRO DE FAZOURO- PRAIA DE AREOURA (FOZ)



Tramo Porto de Morás- Praia de Portocelo. (Pola Senda Costeira de Xove): Rutas de sendeirismo: SENDA COSTEIRA DE XOVE (XOVE-LUGO) Tramo: Porto de Morás- Praia de Portocelo.

Tramo Praia de Portocelo- Praia de Esteiro (Pola Senda Costeira de Xove):Rutas de sendeirismo: SENDA COSTEIRA DE XOVE (XOVE-LUGO) Tramo: Porto de Morás- Praia de Portocelo.

venres, 12 de novembro de 2021

RUTA RÍO OURO + FORTALEZA CASTRODOURO (ALFOZ)

 Esta ruta circular que me inventei colle un tramo da "Ruta do Río Ouro" e un tramo da "Ruta dos Castelos" onde coinciden as dúas. Logo como quería facela circular, dende a Fortaleza de Castrodouro volvín por estrada ao punto de inicio.

É unha ruta pouco coñecida e a verdade é que ten puntos de interese como a Finca Galea e a Torre-Fortaleza do Mariscal Pardo de Cela, chamada Castrodouro, en Alfoz.

Deixo a ruta en WIKILOC

Características:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular ben sinalizada.

A miña calificación desta ruta:🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Saín da Parroquia de Carballido pertencente ao concello de Alfoz. Xusto ao pé do restaurante A Laranxa, empecei a camiñata.

O punto de inicio está AQUÍ

Área recreativa ao pé do restaurante a Laranxa

Crucei a ponte que cruza a estrada xa que camiñaremos  deixando o río á esquerda.

Río Ouro
 E vemos os indicadores onde coinciden dúas rutas: a do río Ouro e a dos Castelos

Irei por un sendeiro moi cómodo con vexetación de ribeira.



A ruta está moi ben sinalizada:

Vemos unha ponte que non temos que cruzar. Achégome a ver se está transitable polo outro lado a beira do río, pero non. Está pechada de maleza.

O río Ouro hai veces que baixa moi tranquilo, remansado e en silenzo:

Pola dereita, vemos as casas, animais e prados:



Non ten perda a ruta. Non faltan os sinais.

Agora oimos o Ouro baixar alporizado salvando unha pequena presa.


Cruzamos unha pequena carballeira:


E atopamos unha presa moi grande 

En vez de cruzar a ponte que está ao pé da presa como indican os sinais, sigo uns metros máis e chego ao Restaurante O Frenazo. Cruzo a estrada xeral que vai a Mondoñedo e atopo unha área recreativa ao lado do río. É unha área grande, con moita sombra, mesas, bancos, asadores e ata tiña fermosas farolas pero a maioría están rotas ou foron arrancadas. Como sucede en moitos lugares, hai quen no respecta os bens que son públicos e para desfrute de todos.
Área recreativa

Agunhas farolas están rotas ou arrancado o farol

Vemos a Ponte Nova unha ponte oxival  do S. XVIII por onde ía antes a estrada vella. É de sillería de granito e consérvase moi ben.
Ponte Nova


Cruzamos a estrada que vai a Mondoñedo. Estamos en Adelán, parroquia de Alfoz.

Agora deixamos a Ruta do Río Ouro e continuamos pola Ruta dos Castelos cruzando a ponte.

Ponte que temos que cruzar moi preto da Finca Galea:

Dicimos adeus ao río Ouro:

A Finca Galea é un espazo de máis 62.000 metros cadrados bañada polo río Ouro. A vivenda está convertida en casa-hotel rural e na inmensa fina organízanse eventos e vodas. Finca Galea é tamén un parque etnográfico da auga onde se pode ver funcionar unha noria, un muíño e un batán. É todo un Museo ao aire libre debido á cantidade cantidade e variedade de árbores e plantas.

Un recuncho de Finca Galea

A vivenda de Finca Galea

Moitas e diversas árbores

O batán

Recuncho de Finca Galea

Unha noria e o río Ouro

Esculturas con troncos fosilizados
A finca é inmensa e idónea para celebrar grandes acontecementos.
  
Despois de percorrer a Finca Galea, temos o Castelo de Castrodouro a 900m. Temos que ir por estrada.

O Castelo de Castroduoro recibe moitos nomes: Torre de Alfoz, Torre de Pardo de Cela, Castelo de Alfoz...
Tivo a súa orixe nun asentamento castreño a comenzos do S. I despois de Cristo.
No S. XV é ocupado polo mariscal Pardo de Cela quen o perde trala súa morte pasando a ser propiedade da diócese de Mondoñedo. No S. XVII foi abandonado e a finais do XIX foi usucapido polo concello de Castro de Ouro que o arranxou a comezos do S. XX.
Na actualidade acolle varias dependencias municipais como a Oficina de Turismo, Sala de Exposicións e Salón de usos Múltiples.
Mentras subimos ata o castelo imos vendo unhas lousas colgadas dos muros nas que lemos fragmentos do "Pranto da Frouseira", unha das xoias literarias dos "Séculos Oscuros" da Literatura galega na que se recorda a traizón sufrida por Pardo de Cela e chórase amargamente por el.
Pranto da Frouseira

 Ao pé do castelo podemos ver a igrexa de S. Salvador que data do S. XV. Foi a capela do castelo e máis tarde a igrexa parroquial.
Castelo e igrexa de S. Salvador

Área recreativa ao pé do castelo

Tamén hai un sinxelo cruceiro do S. XX e detrás as sepulturas de xente que debeu ser importante no pasado.

Aquí vemos os restos dunha troneira. É unha abertura que hai nalgúns muros, así como en torres dos castelos para permitir disparar frechas ou baestas.
Troneira

As vistas dende o castelo son fabulosas. Contemplamos todo o val de Alfoz e ao fondo a Frouxeira que son as ruínas doutro castelo de Pardo de Cela que alí existíu.
Vistas dende o castelo

Vistas dende o castelo
 Outra fonte da igrexa co cruceiro.

Nesta parroquia de S. Salvador de Castro de Ouro, o lugar onde está o castelo é coñecido como O Castro e ten vivendas que deberon ser moi importantes a xulgar polo seu tamaño e os escudos que algunhas conservan.


Voltamos xa cara a Carballido, por estrada.


A gandaría non ten a importancia que tivo no pasado pero quedan vestixios:


Chegamos ao final da ruta. Estamos na área recreativa onde vemos o número 13 en madeira e é que este lugar é coñecido por " O Trece"

Páxinas web consultadas: