xoves, 10 de xuño de 2021

MIRADOIROS E FAROS DE CEDEIRA

 Despois de visitar CerdidoRutas de sendeirismo: CERDIDO e comer de marabilla no restaurante "Leira Antiga"  que nos recomendaron nunha gasolineira cercana seguimos a nosa viaxe en coche polos miradoiros e faros do concello de Cedeira.

S. FIZ DE ESTEIRO.

A ubicación AQUÍ

Esta parroquia toma o seu nome do que vemos de frente (un esteiro é unha zona onde desemboca un río e queda cuberta cando é preamar) : o do río das Mestas que fai de fronteira natural entre os concellos de Valdoviño e Cedeira.


Esta é a igrexa de S. Fiz, onde está o miradoiro. A igrexa é un exemplo máis do gótico mariñeiro desta zona do Ortegal.

MIRADOIRO E FARO DA ROBALEIRA.-

A ubicación, AQUÍ

Hai outro faro co mesmo nome na provincia de Pontevedra. Nós estamos a falar do de Cedeira.

É o 1º faro que coñezo ao que non se pode acceder dende a estrada, xa que non hai ningunha que nos leve alí. A única maneira de chegar é andando por unha pista forestal durante aprox. 1,5 km. o que lle engade aínda máis encanto se cabe a este fermoso lugar.

Atopar por onde había que ir tamén nos levou un pouco de tempo. Grazas ao google maps!! Hai que ir por entre unhas casas por un sitio estreito e logo deixar o coche onde boamente se poda. Por fortuna, era un día de semana e só atopamos a outra persoa.

Aquí temos o 1º panel indicador e por ese camiño hai que ir, atravesando a Penísula da Robaleira.

O Faro Robaleira é chamado así porque nesta zona pescánbanse moitas rebalizas. Foi construído no ano 1861.



De frente vemos o porto de Cedeira debaixo do Monte Burneira e á dereita a vila e a praia de A Madalena.


A ría de Cedeira entre Punta Sarridal á dereita e Punta Chirlateira, á esquerda:



Á esquerda do faro, vemos un carreiro entre os piñeiros moi ben delimitado que decidimos seguir uns metros:

Dende aquí vemos a praia de Vilarrube


MIRADOIRO E FARO DO SARRIDAL.-

A ubicación, AQUÍ

Podemos acceder dende o porto de Cedeira subindo unhas escaleiras ou ben por estrada

Dende o faro anterior, víamos de frente outra punta e outro faro. era este da Punta Sarridal. O primeiro que vemos ao chegar aquí é que están en proceso de restauración dunha sauna castrexa.

Trátase dun monumento de gran importancia cultural e histórica. Este edificio formaría parte do Castro de Sarridal que abarcaría toda a península.

A excavación desta sauna empezou en 2017

Este lugar tamén é chamado Campo do Castro

Os acantilados que vemos dende o Miradoiro:

Un bo lugar ten para descansar a rapaza que está enterrada aí. Só tiña 19 anos.

Outra vista do Atlántico e os cantís.

O faro Sarridal. É este un faro moi distinto aos demais na súa contruccíon e na súa cor vermella. Marca á entrada á Ría de Cedeira xunto co da Robaleira.

Damos a volta, deixando as vistas da praia de Vilarrube:


CASTELO DA CONCEPCIÓN.-

Na mesma Punta do Sarridal, moi cerca do Miradoiro e do faro están os restos deste edificio.

Baixando ao Castelo da Concepción, temos estas fermosas vistas ao porto de Cedeira.



O Castelo da Concepción é unha fortaleza militar do S. XVIII. Sitúado na Punta do Sarridal, encima do porto foi testigo de moitas batallas. A súa construcción foi solicitada á Armada Española polos habitantes de Cedeira debido ao saqueo sufrido no Sarridal e en S. Antonio Corveiro durante a guerra con Inglaterra.

 Este castelo, nos anos de maior actividade, chegou a ter 15 canóns e 30 homes ás ordes da Comandancia.

Dende o Castelo podemos ver unhas antigas cetáreas:
Na actualidade, o Castelo (só poidemos velo por fóra xa que está pechado provisionalmente) conta cun Centro de Interpretación onde se poden contemplar reproduccións de navíos da época, réplicas dos traxes que vestían ou armas que empregaban nas batallas. Tamén foron reconstruídas algunhas estacias para ver como eran naquela época (a cociña, o almacén da pólvora...)

S. ANTONIO DE CORVEIRO.-

Ao longo do noso percorrido, imos vendo miradoiros solos, miradoiros onde hai un faro, miradoiros con capela, outros con capela e faro e outros como este caso con capela e cruceiro.
A capela é do S. XVII. No S. XVIII, tres naves inglesas saquearon e queimaron unha flota española que se refuxiara na ría de Cedeira; os homes desembarcaron e ascenderon ata a capela que viran dende o mar. Despois de saqueala, levaron a imaxe de S. Antonio. A raíz deste ataque foi construído o forte da Concepción do que antes falamos.
No S. XVIII, trouxeron unha nova imaxe do santo que tamén desapareceu e no S. XIX trouxeron outra dend eBarcelona que s econserva nunha casa particular.

Neste lugar tamén hai unha área recreativa:

E un cruceiro do S. XVIII que é coñecido como O Cristo da Ponte porque estivo colocado antes nunha ponte, hoxe desaparecida, sobre o río Condomiñas. No ano 1968 foi trasladado a este lugar.

Dende aquí, vemos unhas impresionantes vistas da Ria de Cedeira co monte Borneira e a Punta Chirlateira de fondo:

PUNTA CANDIEIRA.-

Alonxado de calquera nucleo de poboación este miradoiro e o faro son espectaculares. Aquí as vistas ábrense sobre o Atlántico e neste día de case verán, espléndido no que o mar está tranquilo e non hai apenas vento a sensación de calma e paz é total. Imaxinalo no crudo inverno en día de mar bravo non custa e a imaxe tamén  ten que ser espectacular!!
Os cabalos á beira do océano


Para chegar ata o faro hai que baixar por unha carretera con curvas pero que tampouco é como lin en moitos comentarios nin tan estreita nin vai pegada ao precipicio para nada en ningún momento. Hai que baixar con precaución, si claro, pero teño visto estradas moitísimo peor e que impresionan moito máis.
Este faro de 9 m. de altura acabouse de contruir en 1933 pero non foi inaugurado ata 1954 debido a discrepancias sobre a conveniencia do seu emprazamento.


Dende este miradoiro illado e  inhóspito vemos a inmensidade do Atlántico:


Parece que pretendían instalar un miradoiro pero quedou en nada...tampouco é necesario facer nada artificial cando hai un miradoiro natural mires a onde mires...

CHAO DO MONTE.-
Aquí xa non hai faro nin capela, só miradoiro. Está na carretera que vai de Cedeira a S. Andrés de Teixido. É o 1º que atopamos.

Situado á beira mesma da estrada, dende este miradoiro temos xa a imaxe de S. Andrés de Teixido, aló embaixo e moi cerca, ao fondo, a Serra da Capelada cos seus impresionantes acantilados.



MIRADOIRO DE OS CARRÍS

A continuación do miradoiro anterior atopamos este a uns 425m. de altitude. Seguimos vendo aló abaixo S. Andrés de Teixido e os cantís de Herbeira que xa se van cubrindo de néboa a estas horas da tarde. Pensamos que xa non poderemos ver nada dende aí.
 As grandes e pedras conforman a orografía deste lugar no que pastan libremente os animais.

As casas de S. Andrés albíscanse no val e a Serra da Capelada á dereita:

Á beira da estrada, recíbenos esta área recreativa.


MIRADOIRO DE O CRUCEIRO DE TEIXIDELO.-



Dende este miradoiro contemplamos parte da costa de A Serra da Capelada, a enseada de S. Andrés de Teixido e os cantís do Monte Tarroiba.
Aproveitando o montículo e o cruceiro, habilitáronse unhas escaleiras para chegar ao pico.

Antes de subir, vemos esta placa conmemorativa que xa se le moi mal e que está dedicada ao actor Leslie Howard (Ashley de "Lo que el viento se llevó") que morreu frente a estas costas no 1943 cando os avións de Luftwafe derribaron o seu durante a II Guerra Mundial.

O cruceiro de Curutelo e a néboa de fondo ameazando con non deixarnos ver nada dende Punta Herbeira.

Vistas dende o miradoiro

E ata aquí durou a visita aos miradoiros xa que Punta Herbeira, un pouco máis arriba, estaba totalmente cuberta de néboa e xa non permitía ver nada.
Queda para a próxima!!

CERDIDO

 Esta non é unha ruta de sendeirismo como as que normalmente publico pero é que de cando en vez, encántame tamén visitar lugares de Galicia que non coñezo e aínda que non exercito o sendeirismo  tal e como este se coñece sí que acostumo a andar bastante (para coñecer un lugar non hai mellor cousa que "patealo") A diferenza é que dun sitio a outro, vou en coche porque ás veces as distancias entre o quero ver é grande.

Desta vez funme ao concello de Cerdido. Oíra falar del, sabía que existía, pero nunca estivera nel e descoñecía por completo o que aquí se podería encontrar.

Cerdido é un concello da provincia de A Coruña que se encadra dentro da comarca de Ortegal sendo o único concello dela que non ten mar.

É un concello moi pequeno e con moi poucos habitantes(ao redor de 1000) e só ten tres parroquias: Casares, Cerdido e A Barqueira.

A etimoloxía popular pensa que o nome de Cerdido deriva dun xabaril que hai representado nun muro da igrexa de S. Martiño. A realidade é que a orixe desta palabra pénsase que vén do latín quercus (carballo)

A capital de Cerdido é Vila da Igrexa pero o principal núcleo de poboación é A Barqueira e aquí é onde se sitúa a casa do Concello, o Centro de Saúde...

O primeiro que visitamos é A Barqueira, concretamente a súa igrexa de S. Antonio que é do ano 1920 en estilo neogótico.


Ao lado da igrexa está o Campo da Feira onde  se celebra unha a primeira fin de semana de cada mes.



Despois fomos visitar a Vila da Igrexa e a igrexa de S. Martiño. Vemos que nun muro ten a figura dun porco que é o animal que representa aos Andrade, baixo o seu dominio estiveron estas terras. Tamén vemos o escudo dos marqueses de S. Sadurniño que administraron este territorio no pasado.


A igrexa ten portas do gótico tardío:

A igrexa é do S. XVI e ten unha torre barroca.

Non moi lonxe de aquí, temos O Castro de Cerdido.
Que ninguén pense que ao chegar a este lugar se vai atopar un castro porque non vai ser así. Sí que o houbo pero en tempos moi remotos e seguro que se  excavan atoparían restos. Hoxe o que hai neste lugar son cultivos, edificacións e unha área recrativa moi ben coidada con distintas instalacións deportivas, un parque infantil, unha zona de mesas, bancos e barbacoas e unha antiga escola habaneira que hoxe é un centro social e cultural.

Zona de mesas, bancos e barbacoas

Este fermoso edicio foi contruído por emigrantes deste concello na Habana, tal e como lemos no triángulo que vemos derriba da porta: " Sociedad de Instrucción y beneficiencia. Hijos del ayuntamiento de Cerdido" 1908 1932. Habana".
Antiga escola, hoxe Centro cultural e Social

Naqueles tempos, moitas escolas estaban divididas por sexos:


Distintas imaxes deta área recreativa que aparece moi ben coidada:

Hai que aplaudir a moita variedade de árbores autóctonas que ten:


Vista xeral de Vila da Igrexa:

Así de fermosa aparece unha finca privada:

A continuación, fomos ao Paseo  fluvial do Río Pontellas. É un paseo precioso, eso si, dificil de localizar porque en ningún sitio o vimos indicado, polo menos dende o empezamos nóis, pola parte do Castro. Ao non haber nin a máis mínima indicación, demos unhas cantas voltas ata atopalo e levámonos unha grata sorpresa porque é un entorno que merece a pena: é un pequeno percorrido fluvial (case 4km. ida e volta) con gran riqueza natural xa que ás beiras do río Pontellas medran castiñeiros, carballos, amieiros, abidueiras...
O paseo é super relaxante e tranquilo. É certo que era un día de semana pero aínda que quedan moi preto as casas non atopamos nin unha sola persoa.

Empezamos ao pé dunha pista de cemento e dunha finca privada con arbores froiteiras:

Baixamos unhas escaleiras:

E xa nos adentramos á beira do río entre unha frondosa vexetación:

Con bancos para descansar:

Ás veces, o sendeiro é de cemento:

E outras veces é de madeira:


Ten varias pontes:

E aparece un muíño restaurado que é de propiedade privada:

É o muíño de Máximo Losada. O paseo segue un pouco máis pero nós demos a volta dende aquí.

Ao mellor ao remate, por este lado, hai algún sinal...

Marchamos deste concello sen visitar a parroquia de Casás como nun principio levábamos planeado xa que pensábamos facer unha rutiña pola Fraga dos Casás pero non hai ningunha sinalizada así que decidimos voltar noutra ocasión e aproveitar esta para seguir ruta polos miradoiros de Cedeira...