mércores, 20 de agosto de 2025

FRAGA DE FORGOSELO DENDE A IGREXA DE S. BOULO DE CAAVEIRO (A CAPELA)

 Esta vai ser a 3ª ruta que facemos neste concello coruñés de A Capela. As dúas anteriores foron estas:

CAMIÑO VELLO- RÍO SESÍN (FRAGAS DO EUME)

CANÓN DO EUME (FRAGAS DO EUME)

A Capela pertence á Comarca do Eume xunto con As Pontes, Monfero, Cabanas e Pontedeume que é a capital da comarca.

O municipio ten unha altitude media de 450 m, e está atravesada polos vales dos ríos Eume e Belelle. No val do primeiro están as Fragas do Eume. O Belelle baixa da Serra do Forgoselo.

Neste concello podemos adentrarnos nas Fragas do Eume a través das rutas que enlacei anteriormente; tamén hai rutas para coñecer o río Belelle e a Fraga de Forgoselo que visitamos hoxe.

Características desta ruta:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: fácil

Ruta circular con varios puntos de sinalización. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Partimos dende a igrexa de S. Boulo de Caaveiro (Parroquia de A Capela) Non chama a atención o edificio relixioso pero si uns sarcófagos de pedra que hai no adro do mesmo.



Estes son os sarcófagos que vimos. Non atopei ningunha información sobre eles.


Empezamos a camiñata alonxándonos da aldea polo medio dunhas casas que acordaron mellores tempos no pasado.

Hai unha néboa que nos quere acompañar...

Vemos a Fonte de S. Boulo do ano 1940 e que foi rehabilitada no ano 2012. Ademais da fonte, que tamén servía de bebedoiro para o gando,  hai un lavadoiro para a roupa.

Fonte de S. Boulo

A estrada é moi tranquila pois non atopamos a ninguén.

Ao pouco chegamos ao Ameneiro, un pequeno lugar da parroquia.

                                                           Ameneiro

Aquí está o inicio da entrada á Fraga de Forgoselo onde hai un cartel que indica as normas que se deben seguir cando se van a recoller cogomelos (nesta fraga seica hai moitos)

A néboa, cada vez máis densa, deixa ver pouco ao lonxe....

Na Serra de Forgoselo críanse vacas e cabalos en liberdade. A carne destas vacas é moi prezada.

Durante o percorrido atopamos varios sinais indicando varias direccións: a  Ruta do Pico Ventoso, a de Racamonde, Narahio...etc  Cadaquén ten que saber a onde quere ir. Nós imos ata o Curro de Forgoselo que está indicado como "Lugar de Lecer"


No Curro de Forgoselo cada ano polo mes de xuño celébrase unha Rapa das Bestas.

Ademais do propio curro para meter os animais, neste lugar hai tamén unha edificación con aseos, supoñemos que terá tamén bar o día da Festa da Rapa...

Por detrás do Curro hai tamén unha área recreativa cunha fonte, mesas, bancos, grellas á sombra das árbores.

Voltamos sobre os nosos pasos para seguir a ruta. O día empeza a clarexar algo, parece que a néboa se vai marchando.

A auga, aínda que esteamos en época de verán e hai moita seca, non escasea en determinados puntos como nesta pequena lagoa onde pode beber o gando.





Vistas dende o punto máis alto do percorrido.

Estamos a 549m. de altitude, o punto máis elevado desta ruta.

Esta é unha zona onde repoboaron o monte con piñeirais e tamén vimos abetos.


Vistas que nos deixa o punto máis alto da ruta:

Xa baixando cara ao inicio de ruta vemos o Pico Ventoso.

Un descanso neste día que agora despexou e non hai sombra...

Un peche que protexe pastos para que non pase o gando. Ábrese de xeito moi doado e loxicamente SEMPRE hai que volver pechar para deixalo como estaba.

Estamos xa no lugar de Campos Verdes da parroquia de S. Boulo de Caaveiro.

 Dende Pazo, outro lugar da parroquia, con estes bancos e mesa de pedra á sombra de dous enromes freixos vemos xa o barrio onde temos o coche: A Igrexa. Estamos a piques de rematar esta ruta.


Páxina web empregada:

https://gl.wikipedia.org/wiki/A_Capela

sábado, 16 de agosto de 2025

BARREDO/VILAXURXO/MEDA... POLO ALTO DE PARAÑOS E ALTO DA VEIGA (CASTROVERDE)

 A ruta de hoxe tiña intención de completar a ruta lineal chamada Montecubeiro-Barredo (son cerca de 20km. dos que xa fixera unha 1ª parte en febreiro deste ano) que se pode ver AQUÍ. Faltaba a 2ª parte desta ruta pero, ao querer facela circular e ser un día de moita calor, quixen acurtala polo que non pasei por algúns  lugares que si pasa a oficial.

Características:

Lonxitude:11,4 km

Dificultade: moderada por unha subida algo complicada.

Ruta circular sen sinalizar. É necesario seguir un track. Deixo o meu en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta parte da igrexa parroquial de Santo André de Barredo que é do S. XVIII con reformas importantes realizadas a principios do S. XXI.

Ten unha fachada de cantería de granito e vemos tamén dúas grandes cruces de pedra na entrada.

Igrexa parroquial de S. Andrés de Barredo.

Ao pé da igrexa, hai unha praza con porterías de fútbol e cunha gran fonte no medio. Ao redor hai bancos de cantería.

Emprendo a camiñata indo cara a Vilaxurxo por unha tranquila estrada (menos de 1 km.)

Vilaxurxo, que pertence á parroquia de Barredo, é unha pequena aldea de enormes casas de pedra moi ben coidadas.

Vilaxurxo
 Por Vilaxurxo pasa a ruta oficial "Montecubeiro-Barredo". De momento estamos a seguila. Na foto, o río da Barranca que atravesa a aldea.

                                           Vilaxurxo e río da Barranca

A partires de Vilaxurxo deixamos o asfalto e entramos nunha densa e grande carballeira.

O percorrido vai en lixeiro ascenso por camiños en perfectas condicións.

Á altura das aldeas de Vilafrío e O Pacio vemos xa moitos labradíos de millo. Estas aldeas pertencen á parroquia de S. Xoán de Barredo. (Hai dúas parroquias co nome de Barredo: S. Andrés e S. Xoán)



Abandonamos a fermosa carballeira  e a ruta oficial no alto do Cruceiro.

No Alto do Cruceiro atopamos un cruceiro de base cadrada cunha inscripción do S. XVIII.

Agora toca case 1km. de estrada para chegar á aldea de Meda que pertence á parroquia do mesmo nome.

En Meda vemos tamén casas moi grandes e muros de pedra. Pasamos por debaixo do pasadizo que vemos na foto aínda que tamén podemos ir ao redor pola estrada, pola que antes pasei co coche para chegar a Barredo.
Meda

Unha aldea moi limpa con casas restauradas.
Meda

Fermosa a aldea de Meda.
Meda

Paso ao pé da igrexa parroquial de Santiago.

Abandono meda e o asfalto para ir por un camiño de monte en lixeira subida.

Empeza a ir calor e a medida que subimos, desaparecen as árbores e polo tanto tamén a sombra.

Vexo este pequeno edificio que corresponde ao Refuxio da Sociedade Cinexética Amorín. Esta Asociación propúxolle ao artista local Darío Lodeiro facer unhas esculturas na rocha gande que vemos na foto.

Darío Lodeiro naceu en Meda pero leva moitos anos afincado en Monforte onde hai pouco tempo abreu o Museo que leva o seu apelido "Museo Lodeiro" e que alberga unhas 350 obras do artista, ecculturas talladas e pedra e sobre todo en madeira.
Na rocha que vemos na foto tallou a figura de S. Antolín, patrón dos cazadores.

A S. Antolín acompáñano un can e dúas escopetas.

Dende o Alto de Paraños onde se atopa a caseta de cazadores e as figuras talladas en pedra podemos seguir de frente a pista que traemos ou ben pillar un camiño que sae á esquerda. Eu pillei esta ruta e o percorrido fíxose algo máis dificultoso un pouco máis adiante.
Na foto seguinte, os efectos do verán e a seca nos prados.

Aquí vemos a dificultade atopada: un camiño con moitas pedras soltas e moito desnivel no que hai que levar bon coidado de non esvarar. Menos mal que é un tramo moi curto.


Vistas dende o Alto das Veigas.

O camiño vai agora en perfectas condicións para andar. Nesta zona abundas os grandes penedos.

Comenzamos unha baixada de case 2 km.

Rematando a baixada aparecen de novo os carballlos.
 
Chegamos de novo ao punto de inicio. Ao pé da igrexa parroquial temos o coche.
Igrexa de S. Andrés de Barredo
S. Andrés de Barredo conta con 3 entidades de poboación: Barredo (onde nos atopamos) Vilarxurxo por onde pasamos antes e Vilar dos Naraos por onde esta ruta non pasa. En 2019 a parroquia tiña 60 habitantes.
S. Andrés de Barredo