sábado, 29 de xaneiro de 2022

PRAIA ARNAO- PRAIA PENARRONDA (CASTROPOL)

 Hoxe quixen ir facer un percorrido pola costa occidental asturiana. Empecei na praia de Arnao (Castropol) e cheguei á praia de Penarronda en Tapia de Casariego.  Este tramo corresponde ao Gran Percorrido GR-E9, un itinerario europeo chamado Camiño Costeiro Europeo que iría dende o Cabo de S. Vicente en Portugal ata S. Petesburgo en Rusia. O camiño aínda non está completado e só están homologados e sinalizados algúns tramos. No occidente asturiano temos o itinerario costeiro máis amplo do norte de España dende Barayo ata A Veiga pasando por 6 concellos e duns 89 km. perfectamente sinalizados.

Como quería facer esta ruta circular, voltei polo interior ao punto de inicio.

O track do percorrido que fixen en WIKILOC
 

Características:
Lonxitude: 8,75 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular, sinalizada só a ida.

Descripción:

Saín pois da praia de Arnao. A ubicación AQUÍ

A Praia de Arnao pertence ao concello asturiano de Castropol está situada xusto ao pasar a Ponte do Santos dirección Asturias. É unha praia fermosa dende onde divisamos as costas galega e asturiana. Ofrece tódolos servizos cunha gran zona  de aparcamento e unha área recreativa a pé de praia. Eso sí, en marea chea, o areal queda moi reducido.

Praia de Arnao co Faro de Illa Pancha na parte galega e a Punta de Santa Cruz, na asturiana.
 

A gaivota está entusismada mirando ao mar. Nin se inmutou co miña chegada.

Un "roubado" á gaivota

Pegada á praia temos unha area para comer e descansar.
Área recreativa na praia de Arnao

No pau da dereita vexo os primeiros sinais de ruta de longo percorrido.

Ao chegar a este cruce, a ruta oficial mándame ir á dereita pero eu quero ir ata a Punta da Cruz que está a tan só uns poucos metros e sigo entón pola pista da esquerda e logo, en vez de dar a volta polo mesmo sitio, fago un círculo e veño sair á pista que está no medio na foto e xa enlazo coa ruta de novo.


Na Punta da Cruz hai unha baliza de orientación marítima. É un lugar tranquilo, solitario e moi fermoso co mar romprendo nos cantís e a Illa Pancha de Ribadeo de fondo.
Punta da Cruz

Vistas da Illa Pancha co seu faro dende Punta da Cruz.


Mirando á esquerda temos a Ponte dos Santos que une Galicia e Asturias.
 
Continuamos coa ruta. O camiño é ancho e moi cómodo de camiñar.


É esta unha zona de acantilados onde o mar vai erosionando as rochas e forma covas como as que vemos na foto:


Esta zona de rochas é coñecida como A Espiela.
A Espiela


Continuamos coas fermosas vistas ao Cantábrico e o camiño é ben cómodo:


E non podía faltar o banco cara ao mar! Parece que está de moda colocar un banco en calquera sitio da costa. Dende este vemos de frente o mar e á dereita por vez 1ª divisamos a vila de Tapia de Casariego.

Saíndome uns metros do trazado, achegándome ao mar nunha punta, descubrín entre rochas esta pequena cala que só debe ter area en marea baixa. Dende o camiño non se ve e non ten acceso, pero alguén trazou un carreiro sinuoso e algo perigoso para baixar a ela.
 
A partires de aquí alonxámonos do mar que non recuperaremos ata chegar á praia de Penarronda. Pasamos polo Campo de Tiro de Arnao e xusto no cruce, pillamos á esquerda. (Está indicado)

Ao pé do Campo de Tiro, hai unha fermosa área recreativa cun lago ao pé.

Fermosa lagoa dentro da área recreativa na que se pode oir o chiar de distintas aves:

 Agora toca ir por estrada uns 2 km.

Atraveso a aldea de Vilardún que pertence á parroquia de Barres dentro do concello de Castropol.
Vilardún

Chámame moito a atención que nesta pequena aldea alternen as vivendas rodeadas de granxas con apartamentos, un hotel rural e outras construccións totalmene restauradas con elementos naturais. Aquí parecen convivir dous estilos de vida: un dedicado á gandaría e outro ao turismo.

 Xa estamos chegando de novo ao mar. Aquí vemos a testemuña da vida gandeira desta aldea:

A praia de Penarronda pertence a dous concellos: a Castropol e a Tapia. O rego que desemboca nesta praia serve de fronteira entre os dous concellos.
Está considerada Monumento Natural porque aquí nidifican aves en perigo de extinción e é o único lugar asturiano onde medra o alhelí de mar. 
A praia ten forma de concha e destaca no medio unha gran rocha cun burato que dá nome á praia "Pena redonda" derivou en Penarronda. É unha praia ventosa , moi apropiada para a practica do surf.

Dende aquí din a volta pola mesmo sitio ata Viladún. O Camiño Norte de Santiago pasa por este lugar.

Viladún é como xa dixen unha aldea singular onde se combinan traballos gandeiros e agrícolas coa explotación turística, como os apartamentos que vemos na imaxe:

O contraste co anterior vémolo na foto seguinte onde se pode ver una vivenda coa súa granxa.

Agora vou polo interior e o camiño faise moito máis curto que á ida xa que antes indo pola beira do mar, vaise dando moita máis volta. Imos por un camiño de terra.
Ás nosas costas, Vilardún

Imos contemplando unha paisaxe de prados e algunha terra onde  houbo millo. No cruce, pillaremos á esquerda xa por asfalto ata o final que está xa moi preto.

Chego á praia de Arnao ao anoitecer e quedo sorprendida pola cantidade de coches que hai a pesares de ser un día de semana de xaneiro. Ten unha explicación: as postas de sol son espectaculares dende este lugar.





























martes, 25 de xaneiro de 2022

COSTA DE DEXO (OLEIROS)

O percorrido que realizamos hoxe forma parte da ruta homologada PR-G 87 "Costa de Oleiros" de 24 km. e que percorre a costa norte deste concello. É unha ruta circular que parte da praia de Mera pasando polo Monumento Natural da Costa de Dexo-Serantes e volta ao punto de inicio polo interior.

Nós realizamos unha pequena parte desta ruta, só 8,5 km. camiñando e visitando en coche a praia e os faros de Mera así como o porto de Lorbé. Tamén aproveitamos a tarde para ir a coñecer a praia e o Castelo de Santa Cruz e os parques de As Galeras e as 13 Rosas.

Teño que dicir que como ruta de sendeirismo decepcionoume un pouco xa que se se fai polo trazado oficial ten bastante percorrido por estrada pouco interesante por eso nós decidimos acortala moitísimo e visitar algúns lugares que o merecían en coche.

Características:

Lonxitude: 8,5 km.

Dificultade: ningunha

Ruta lineal ben sinalizada aínda que se pode prestar a confusión ao haber varias pistas alternativas e exceso de sinalización nalgúns puntos que van dar ao mesmo sitio por dsintos lugares.

Descripción:

A nosa ideal inicial era sair dende a praia ou dende os Faros de Mera ata o Porto de Lorbé pero ao descubrir que non vai todo o percorrido á beira do mar se non que vai por estrada decidimos tomar o 1º café na praia de Mera e ver así a súa praia e paseo e logo coller o coche, ir ata os faros de Mera e como tamén hai que voltar por estrada para ir ao Seixo Branco pois despois de ver os faros collemos os coches e aparcamos xusto na entrada oficial ao Monumento Natural, onde a estrada se acaba. OLLO! Hai moi pouco sitio onde aparcar e faise na beira da estrada!!

O noso track en WIKILOC:

Tomamos pois o noso 1º café (algo que facemos en tódalas rutas)na cervecería Serán á beira da praia de Mera.

Na parroquia de S. Cosme de Maianca, dentro do concello de Oleiros, atopamos a praia de Mera moi concurrida no verán, normalmente de augas tranquilas e cunha pasarela en madeira como paseo marítimo.

Na seguinte foto vemos de frente o Faro grande de Mera e á esquerda a cidade de A Coruña.

Praia de Mera
A mín os paseos marítimos en madeira non me gustan demasiado, cando chove ou está xeado como no día de hoxe, é moi esvaradiza.
Paseo marítimo ao redor da praia de Mera

Para chegar ata os faros, hai que ir pola estrada por eso optamos por ir en coche. Na foto vemos a antiga casa do fareiro hoxe convertida en Aula do Mar que actúa como Centro de Recepción de Visitantes e no seu interior alberga exposicións pero claro para desempeñar esta función tería que estar aberta. Hoxe, a pesares de ser domingo e de haber moita xente por alí, esta Aula do Mar estaba pechada.

Aula do Mar

Moi cerca da Aula do Mar están os dous faros de Mera. O máis pequeno, de 11m  de altura é o que está máis pertiño do mar e dende el hai unhas vistas estupendas á ría e a cidade de A Coruña. Se nos fixamos ben na foto, ao lonxe vemos outro faro: o da Torre de Hércules.

Faro pequeno
 Dende o Faro pequeno, mirando ao leste, vemos o percorrido da Costa de Dexo que faremos despois pero como non se pode ir bordendo o mar se non que hai que ir por estrada ata o inicio, pois imos en coche.
A Costa co illote de Monte Meán
 
O Faro Grande está algo máis alonxado do mar e vémolo ao pasar pola estrada.


Deixamos o coche nesta estrada que non ten saída, na beira onde había outros aparcados e moi pouco sitio para facelo xa que por riba é unha zona de curvas.
O Monumento Natural Costa de Dexo comprende unha zona que vai dende os Faros de Mera ao Porto de Lorbé. Podemos facer este percorrido lineal tendo en conta que hai tramos que van por estrada como dende os faros ata  un pouco máis aló da praia de Canaval e ao Faro de Lorbé tampouco se chega pola costa se non que hai que ir por estrada. Por esta razón nós fixemos só andando o tramo máis interesante xa que despois tíñamos un tramo por estrada en Lorbé que non podíamos evitar por ter alí o restaurante.
Inicio a pé e sen ser xa estrada á Costa de Dexo.

Hai multitude de ramales, demasiada sinalización non moi clara que fai dubidar para onde coller. Neste aso dá o mesmo, os 2 camiños se xuntan máis adiante.

 Imos deixando ás nosas costas a cidade de A Coruña.

 
A Batería Militar  que vemos na foto de abaixo foi construida no S. XVII para defensa da ría coruñesa e abandonada despois da II guerra Mundial. Houbo un proxecto no 2010 para rehabitar esta construcción e convertila nun Centro de Interpretación pero segue a sufrir o abandono e as pintadas que afean este entorno natural de máxima protección, xa que dende o ano 2000 esta costa é Monumento Natural e forma parte tamén da Rede Natura como Zona de Especial Conservación. (ZEC)
Batería Militar
Dende un pequeno bunker ou posto de observación, temos estas vistas:

 Aquí está o Seixo Branco, unha veta de cuarzo de cor branca que destaca entre os cantís.
O seixo branco

Outra veta de seixo branco

Furna de Ollo Pequeno

Camiñamos á beira do Golfo Ártabro onde conflúen as rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña.
 Ao longo desta costa veremos varias furnas: covas que a auga foi excavando ao longo dos séculos e que aparecen valadas para evitar accidentes. Hai tres en concreto.

Furna da Regocha

Furna de Ollo Grande

O camiño é moi cómodo e moi frecuentado por ciclistas, que por certo algúns deles ían a unha velocidade demasiado rápida tendo en conta que ese paseo tamén é moi frecuentado por viandantes que tiñamos que apartarnos á presa.

 Ese illote que vemos é a Illa Marola. Esta zona é de correntes e de ventos  e ondas que ás veces pode resultar perigosa. En tempos pasados, navegar por eses cantis que rodean a illa era moi perigoso, de aí ven o  famoso dito "Quen pasou A Marola, pasou a mar toda".
Illa Marola co porto de Ferrol ao fondo

Chegamos a un punto no que a ruta oficial PR-G 87 nos manda pillar por un carreiro á dereita e nos pon o símbolo da cruz ou tachado de que non sigamos de frente pero vemos que o camiño pódese seguir e que os ciclistas veñen por aí. O carreiro da dereita lévanos ao castro de Subiña pero léramos que está sen excavar e cuberto todo de maleza así que decidimos seguir de frente.

 Atravesando uns piñeiros chegamos á praia de Dexo.


 A praia de Dexo está moi agocachada ao abrigo duns cantís. É unha pequena cala de augas transparentes e no pasado funcionou como un pequeno porto onde aínda se conservan os guindastres para decargar a mercaduría de pequenas embarcacións. De feito, esta praia chámase oficialmente "Portiño de Dexo"
Praia "Portiño de Dexo"

Frente á praia hai un monumento con 4 golfiños saltando, nesta zona é frecuente ver estes animais.
 
Na foto seguinte vemos os restos dunha grúa que era a encargada de subir as mercadorías cando esta cala era un porto.
 
Dende aquí, dende  a Punta da Roza, o trazado mándanos pillar á dereita para a igrexa de Dexo e así o facemos. Pódese seguir algo máis pegados á costa pero deseguida teriamos que pillar cara á estrada xa que como dixen non se chega ao porto de Lorbé sen ser por estrada.

A igrexa de  Santa Mª de Dexo é románica do S. XII. Na fachada principal vemos a portada típica do románico con dous pares de columnas sobre as que se asentan unhas arquivoltas con decoracións xeométricas.
Igrexa de Santa Mª de Dexo

Parte posterior da igrexa de Dexo

Se colléramos pola estrada onde está o sinal de cortada, seguiriamos o trazado oficial e chegariamos de novo á costa pero nós temos o restaurante en Lorbé, polo que pillamos a estrada da dereita.
 
Fomos pola avda. Jiménez Herrero primeiro e logo pola rúa Golfiño onde estaba o noso restaurante: "Vila do Couto" onde comemos entre outras cousas uns mexilóns ao vapor e en salsa insuperables!!
Avda. Jiménez Herrero

Rúa Golfiño
Despois de comer decidimos visitar o porto de Lorbé e aló fomos pero en coche. Lorbé pertence á parroquia de Santa Mª de Dexo no concello de Oleiros. 
Cando chegamos a este porto que ninguén coñecíamos quedamos moi sorprendidos porque agardábamos atopar un portiño pequeno pero vimos que había moitas embarcacións e moitas bateas xa que aquí dedícanse á pesca e ao marisqueo sobre todo ao cultivo e explotación do mexilón.
O porto está siruado na ría de Ares, entre os concellos de Sada e Oleiros.
Nos anos 50 foi cando se instalaron aquí as bateas e dende esa o porto foi a máis, contando na actualidade con confraría de pescadores e ata cun carpinteiro de ribeira.
Un recuncho moi fermoso do porto de Lorbé

O porto de Lorbé ten moita vida

As bateas para os mexilóns