sábado, 29 de xaneiro de 2022

PRAIA ARNAO- PRAIA PENARRONDA (CASTROPOL)

 Hoxe quixen ir facer un percorrido pola costa occidental asturiana. Empecei na praia de Arnao (Castropol) e cheguei á praia de Penarronda en Tapia de Casariego.  Este tramo corresponde ao Gran Percorrido GR-E9, un itinerario europeo chamado Camiño Costeiro Europeo que iría dende o Cabo de S. Vicente en Portugal ata S. Petesburgo en Rusia. O camiño aínda non está completado e só están homologados e sinalizados algúns tramos. No occidente asturiano temos o itinerario costeiro máis amplo do norte de España dende Barayo ata A Veiga pasando por 6 concellos e duns 89 km. perfectamente sinalizados.

Como quería facer esta ruta circular, voltei polo interior ao punto de inicio.

O track do percorrido que fixen en WIKILOC
 

Características:
Lonxitude: 8,75 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta circular, sinalizada só a ida.

Descripción:

Saín pois da praia de Arnao. A ubicación AQUÍ

A Praia de Arnao pertence ao concello asturiano de Castropol está situada xusto ao pasar a Ponte do Santos dirección Asturias. É unha praia fermosa dende onde divisamos as costas galega e asturiana. Ofrece tódolos servizos cunha gran zona  de aparcamento e unha área recreativa a pé de praia. Eso sí, en marea chea, o areal queda moi reducido.

Praia de Arnao co Faro de Illa Pancha na parte galega e a Punta de Santa Cruz, na asturiana.
 

A gaivota está entusismada mirando ao mar. Nin se inmutou co miña chegada.

Un "roubado" á gaivota

Pegada á praia temos unha area para comer e descansar.
Área recreativa na praia de Arnao

No pau da dereita vexo os primeiros sinais de ruta de longo percorrido.

Ao chegar a este cruce, a ruta oficial mándame ir á dereita pero eu quero ir ata a Punta da Cruz que está a tan só uns poucos metros e sigo entón pola pista da esquerda e logo, en vez de dar a volta polo mesmo sitio, fago un círculo e veño sair á pista que está no medio na foto e xa enlazo coa ruta de novo.


Na Punta da Cruz hai unha baliza de orientación marítima. É un lugar tranquilo, solitario e moi fermoso co mar romprendo nos cantís e a Illa Pancha de Ribadeo de fondo.
Punta da Cruz

Vistas da Illa Pancha co seu faro dende Punta da Cruz.


Mirando á esquerda temos a Ponte dos Santos que une Galicia e Asturias.
 
Continuamos coa ruta. O camiño é ancho e moi cómodo de camiñar.


É esta unha zona de acantilados onde o mar vai erosionando as rochas e forma covas como as que vemos na foto:


Esta zona de rochas é coñecida como A Espiela.
A Espiela


Continuamos coas fermosas vistas ao Cantábrico e o camiño é ben cómodo:


E non podía faltar o banco cara ao mar! Parece que está de moda colocar un banco en calquera sitio da costa. Dende este vemos de frente o mar e á dereita por vez 1ª divisamos a vila de Tapia de Casariego.

Saíndome uns metros do trazado, achegándome ao mar nunha punta, descubrín entre rochas esta pequena cala que só debe ter area en marea baixa. Dende o camiño non se ve e non ten acceso, pero alguén trazou un carreiro sinuoso e algo perigoso para baixar a ela.
 
A partires de aquí alonxámonos do mar que non recuperaremos ata chegar á praia de Penarronda. Pasamos polo Campo de Tiro de Arnao e xusto no cruce, pillamos á esquerda. (Está indicado)

Ao pé do Campo de Tiro, hai unha fermosa área recreativa cun lago ao pé.

Fermosa lagoa dentro da área recreativa na que se pode oir o chiar de distintas aves:

 Agora toca ir por estrada uns 2 km.

Atraveso a aldea de Vilardún que pertence á parroquia de Barres dentro do concello de Castropol.
Vilardún

Chámame moito a atención que nesta pequena aldea alternen as vivendas rodeadas de granxas con apartamentos, un hotel rural e outras construccións totalmene restauradas con elementos naturais. Aquí parecen convivir dous estilos de vida: un dedicado á gandaría e outro ao turismo.

 Xa estamos chegando de novo ao mar. Aquí vemos a testemuña da vida gandeira desta aldea:

A praia de Penarronda pertence a dous concellos: a Castropol e a Tapia. O rego que desemboca nesta praia serve de fronteira entre os dous concellos.
Está considerada Monumento Natural porque aquí nidifican aves en perigo de extinción e é o único lugar asturiano onde medra o alhelí de mar. 
A praia ten forma de concha e destaca no medio unha gran rocha cun burato que dá nome á praia "Pena redonda" derivou en Penarronda. É unha praia ventosa , moi apropiada para a practica do surf.

Dende aquí din a volta pola mesmo sitio ata Viladún. O Camiño Norte de Santiago pasa por este lugar.

Viladún é como xa dixen unha aldea singular onde se combinan traballos gandeiros e agrícolas coa explotación turística, como os apartamentos que vemos na imaxe:

O contraste co anterior vémolo na foto seguinte onde se pode ver una vivenda coa súa granxa.

Agora vou polo interior e o camiño faise moito máis curto que á ida xa que antes indo pola beira do mar, vaise dando moita máis volta. Imos por un camiño de terra.
Ás nosas costas, Vilardún

Imos contemplando unha paisaxe de prados e algunha terra onde  houbo millo. No cruce, pillaremos á esquerda xa por asfalto ata o final que está xa moi preto.

Chego á praia de Arnao ao anoitecer e quedo sorprendida pola cantidade de coches que hai a pesares de ser un día de semana de xaneiro. Ten unha explicación: as postas de sol son espectaculares dende este lugar.





























Ningún comentario:

Publicar un comentario