Proseguindo co Camiño de Santiago Norte, hoxe tocou outro pequeno tramo: OLLO! Non estou a facer o Camiño de Santiago, senón aproveitando para coñecer tramos curtos e planificando a ruta por outros lugares para facela circular. O tramo coincidente co Camiño de Santiago gustoume menos ca o anterior, xa que ten demasiado asfalto.
Características da ruta:
Lonxitude: 9km.
Dificultade: fácil
Ruta circular só sinalizado o tramo que corresponde co Camiño de Santiago Norte. O meu track en WIKILOC
Descripción:
Esta ruta ten inicio na parroquia de Insua (Vilalba) concretamente aparquei o coche xunto ao bar Alejandro, ao pé da estrada N-634. Aí hai un bo sitio, moi amplo para poder aparcar.
Cruzo a estrada para dirixirme á Ponte de Sa. A ponte é de orixe medieval pero foi reedificada varias veces. Salva o río Labrada
O ollo da ponte, lixeiramente oxival, denota a súa orixe medieval.
 |
| Ponte de Sa |
Seguindo as indicacións do Camiño de Santiago, dirixímonos agora á pequena aldea de Ponte de Sa.
 |
| Aldea de Ponte de Sa |
Cruzo por debaixo da autovía A-8
Estou en A Cardosa, a punto de abandonar o municipio de Vilalba. Hai que atravesar agora a N-634 logo de camiñar uns metros polo camiño pararlelo á estrada.
Un tradicional camiño. Lástima que vai durar ben pouco...
Estamos na comarca da Terra Cha e o nome débese a algo que está ben claro vendo as chairas polas que imos.
Pequenas aldeas ou lugares con casas de pedra. Estamos xa no concello de Guitiriz.
Un campo de centeo. Pola zona onde eu vivo (Mariña Lucense) non se ve ningún.
En todo o percorrido vou vendo de seguido estes peches de fincas con grandes laxas."É de grande importancia na paisaxe a presenza dos
valados nas parcelas do agro. As tendencias actuais
de peches estandarizados de escasa calidade material e construtiva, que non prestan atención ao contexto no que se insiren, están a modificar a paisaxe agrícola tradicional, supoñendo unha perda de identidade
para esta".
 |
| Peches con laxas |
Pasamos pola aldea de Lamela da parroquia de Pígara e que ten sobre 20 habitantes.
Algo máis adiante atopamos a aldea de As Penas tamén da parroquia de Pígara. Hai outra aldea co mesmo nome, As Penas que pertence á parroquia de Roca. |
| As Penas |
Unha casiña que a hedra está devorando.
O poboamento da Terra Chá fundaméntase nunha
ocupación do espazo sumamente dispersa ó longo
dun territorio de suave relevo, onde van xurdindo, a
escasa distancia uns dos outros, todo un conxunto de
lugares configurados por un número moi pequeno de
vivendas ou granxas illadas, agrupadas en barrios. O
escritor Manuel María (1967) expresouno así:
A Terra Chá somente é: un pobo aquí, outro acolá,
Mil arbres, monte raso,
Un ceio chumbo e tráxico
No que andan as aves a voar.
O resto é soedá
Entramos en Casasnovas.
Non podo resistirme a sacar unha foto desta casa que me parece que está femosamente restaurada.
Neste cruce con sinalización e un panel informativo sobre o Camiño de Santiago Norte, pillaremos á dereita.
Imos por este camiño fermoso sen deixar de ver en todo o noso percorrido ata o de agora os peches con laxas.
E aquí deixamos o tramo coincidente do Camiño de Santiago, pillando á esquerda. O Camiño segue de frente.
Vou en dirección á igrexa de S. Pedro de Pígara e o 1º que atopo chegando é este cruceiro e, cruzando a estrada, o campo da festa.
Pegada á igrexa está a antiga rectoral que coma todas é unha casa grande que denota a importancia que tivo. Actualmente, está case en ruinas, ao igual que a maioría das que atopo por aí adiante.
 |
| Casa Rectoral de Pígara |
Neste mesmo espazo, xunto á Rectoral, atopamos o antigo Teleclub de Pígara que supoño que sería un punto de encontro social importante para os veciños desta parroquia. |
| Antigo Teleclub |
A igrexa de S. Pedro de Pígara é unha construcción de principios do S. XX sobre unha antiga capela.
 |
| Igrexa de S.Pedro de Pígara |
Ao pé da igrexa temos un cemiterio pero non un calquera, xa que na Terra Chá abundan os cemiterios góticos con altos pináculos de pedra coma este de Pígara. |
| Cemiterio gótico de Pígara |
Tamén vemos unha aberración; esta construcción de bloque, cuberta de uralita que fixeron pegada á Casa Rectoral e que afea o entorno e o conxunto da igrexa. Nótase que é unha construcción bastante recente e hai dentro dela aínda un carro.
No adro da igrexa hai un monumento dedicado ao que foi un cura moi querido na comarca: Constantino Vázquez Seijido, gran impulsor dalgunhas obras como a igrexa, a Casa rectoral...destacando a súa axuda aos máis necesitados.
 |
| Monumento a un antigo cura |
A antiga escola na que hai un busto do cura párroco anterior.
 |
| Antiga escola de Pígara |
Agora voltaremos ao punto de inicio, en principio, por asfalto.
O hórreo estilo Vilalba ten planta rectangular con cámara longa, estreita e alta soportada por dous piares ou por un muro macizo como neste caso. A cuberta ten dúas augas de pouca pendente. Destaca o pequeno balcón que ten diante da porta.
 |
| Hórreo estilo Vilalba |
As típicas laxas formando peches seguen presentes.
Cruzo a estrada N- 634
Pouco despois tamén atraveso a A8 por unha ponte que a cruza.
 |
| Autovía A-8 |
Camiño durante uns metros en paralelo á autovía.
Despois tomo un camiño de monte durante case 1km. e estarei no punto máis alto da ruta.
Camiño de novo en paralelo á autovía.
Xa estou en
Cardosa da parroquia de Ínsua,
concello de Vilalba. |
| Cardosa |
O entorno desta pequena aldea é ben fermoso.
Imos por este camiño xa moi cerca da Ponte de Sa.
Desemboca o camiño anterior nun grupo de casas. Sigo estando en Cardosa por onde pasei antes.
Dende
Cardosa, o tramo final ata chegar ao inicio vai polo mesmo lugar que a ida.
Cruzamos de novo á
Ponte de Sa. Deseguida chegarei ao punto de inicio.
Páxinas web consultadas:
https://juanadevega.org/wp-content/uploads/2023/01/guia_boas_practicas_terracha_imp_xun_o2016.pdf
https://horreosdegalicia.com/estilos/
Ningún comentario:
Publicar un comentario