mércores, 12 de marzo de 2025

TEIXO-TEIXOIS (TARAMUNDI)

 Voltar a Taramundi sempre me dá satisfacción, as súas rutas son preciosas e as aldeas deste concello son pequenas, recónditas, ben coidadas...unha marabilla camiñar por lugares que seguen a conservar o sabor do auténtico, do autóctono en cada recuncho!!

Xa fixen a maioría das rutas deste municipio, penso que me faltaba esta e outra máis.

A de hoxe foi unha ruta espectacular pola paisaxe entre ábores autóctonas,  coa auga do Rego das Mestas  e aldeas preciosas, especialmente destaco Os Teixois onde tivemos ocasión de facer unha visita guiada polos seus inxenios hidráulicos e de xantar no restaurante O Mazo.

Características desta ruta:

Lonxitude: 11,5 km (o meu track marca 13, 6 pero hai que restarlle case dous que fixemos ao revés)

Dificultade: Moderada, por certo desnivel e porque tiña algún tramo, de baixada sobre todo, onde hai que levar coidado polas pedras soltas que hai.

Ruta circular perfectamente sinalizada (facede caso aos sinais e NON a moitos tracks antigos que están desactualizados, xa que actualmente a ruta non pasa polo lugar de Almallos)

O meu track en WIKILOC (OLLO: eu seguín un track do concello que supuxen estaría ben pero tamén está sen actualizar. NON hai que ir a nada a Almallos. Antes de chegar aquí hai que pillar á dereita como mandan os sinais!)

Descripción da ruta:

Esta ruta ten inicio e fin na aldea de O Teixo que pertence á parroquia de Bres. Xunto á área recreativa hai sitio para aparcar e é o punto oficial de inicio e fin desta ruta. A área está ben descoidada, sen rozar e con zonas onde medran os toxos. Imaxinamos que coa chegada próxima da primavera adecentarán o lugar.



O Teixo está a unha altitude de 630m. Nótase un frío xélido. Estamos a primeiros de marzo.


Pasamos por diante deste establecemento que estaba pechado. Chámase "El Teixo Rural" . Foi a antiga escola do lugar e despois un albergue que foi reformado para convertirse nun aloxamento  rural con gran capacidade.
El teixorural

Seguimos uns metros máis pola estrada e pasamos polo medio da aldea.
O Teixo
O Teixo é un lugar moi pequeno (haberá 5 ou 6 vivendas) pero moi ben coidadas. Todas as casas están restauradas e unha delas funciona como casa de Turismo Rural.

Deseguida deixamos o asfalto para pillar un camiño á dereita.

Imos baixando ata chegar ao Rego das Mestas que temos que cruzar por esta ponte tan rústica.
Rego das Mestas.

Agora xa subimos (é unha subida lixeira que se leva ben) por un camiño onde vemos moitos acivros.

Por aquí todo é arboreda autóctona esperando que chegue a primavera.


Aló enriba vemos a aldea de Santa Mariña. Por alí hai que pasar, así que queda aínda unha subidiña...


Cara á dereita vemos perfectamente, agora que estamos a boa altura, a aldea de O Teixo de onde partimos.





E chegamos á fermosa aldea de Santamarina que pertence á parroquia de Veigas.

Santa Mariña

Esta aldea ten unhas vistas incribles, por algo está a case 700m. de altitude.
Santa Mariña

En Santa Mariña temos o exemplo da arquitectura rural propia do occidente asturiano, sólida e austera con muros de pedra vista e cubertas de pizarra.
Santa Mariña

Falamos cunha muller que nos contou que a aldea actualmente ten vida, grazas á xente de fóra de Galicia que mercou algunhas destas casas e as restaurou.
Santa Mariña

Vista xeral da aldea que nos chamou a atención polo fermosa e limpa que estaba.
Santa Mariña

Retrocedemos co pensamento ao pasado desta zona que agora nos parece moi fermosa. Imos imaxinala sen luz, sen estradas, con camiños cheos de lama en inverno e traballando eses prados que vemos con tanta pendente...sen dúbida había ser daquela unha vida ben difícil.

Cando xa pensábamos que a aldea rematara, atopamos aínda máis arriba outro grupiño de vivendas, todas elas restauradas.
Santa Mariña
 
Fermosos cabozos tan parecidos aos nosos galegos xa que estamos moi cerca. Son de pedra e madeira e coa cuberta de pizarra.

Cabozo en Santa Mariña

Outro fermoso cabozo ben restaurado.
Cabozo en Santa Mariña

Vemos "A Casoa", unha inmensa vivenda destinada ao Turismo Rural.
A Casoa

Frente a A Casoa, na parte máis alta de Santa Mariña, temos a capela dedicada a esta santa. Pénsase que é da I. Media aínda que con modificacións ao longo dos séculos. Está catalogada como Ben de Interese Cultural.
Capela de Santa Mariña

Despois dunha paradiña nesta aldea para desfrutala e fotografala ben, continuamos o noso camiñar ata atopar unha estrada local.

Aos pucos metros HAI QUE PILLAR Á DEREITA por onde mandan os sinais. Antigamente a ruta non ía por aquí senón que chegaba ata Almallos (seguindo a estrada, un pouco máis adiante) pero eso cambiou. NON hai que ir a Almallos a nada.


Torcer á dereita.

Agora iremos en constante descenso entre castiñeiros e carballos.

Chegamos a unha estrada que cruzamos.

Baixamos por un fermoso carreiro; xa estamos chegando aos Teixois.

Aparecen os prados, os coches...axiña chegamos.

Vemos no outro lado a Ermida de Santo Domingo do S. XVIII. 

Eu non sei se é o mesmo, pero noutras ocasións que estiven aquí había un burriño tamén no mesmo sitio.

Aproveitando que a ruta pasa por aquí, tíñamos concertada unha visita ao museo etnográfico: aparellos antigos que funcionaban coa forza da auga. O 1º que nos ensinan é o Muíño que poñen a funcionar.

Despois poñen a funcionar a Roda de Afiar, afiando unha brosa e o rapaz que fai de guía vai explicando ao memso tempo todo o proceso.

Tamén pon a funcionar un Batán.


E por último, entramos na ferraría que se conserva tal cual era e aí pon a funcionar o mazo para ablandar o ferro despois de quentalo na fragua.

Os mazos e ferrarías tiveron gran importancia no occidente de Asturias nos S. XVIII e XIX.

Tamén vimos en funcionamento unha pequena Central Eléctrica.
A restauración total deste complexo iniciouse en 1989 aínda que xa dende 1980 está aberta ao público.






Os Teixois é unha aldea pequena onde destacan os aparellos anteriores que previa reserva se poden contemplar e ver en funcionamento coas explicacións dun guía. Este conxunto etnográfico está considerado Ben  de Interese Cultural.


Os Teixois, ao pé do Rego das Mestas que é o que dá impulso aos aparellos que vimos, está nun entorno moi fermoso formado bosques autóctonos, desniveis, sendeiros rurais e casas de pedra.

Nos Teixois hai recunchos para o desfrute e o relax.


Os Teixois estivo abandonada durante anos ata que nos anos 80 empezou a súa recuperación e actualmente é un lugar moi visitado e coñecido. A aldea coas casas, a capela, varios hórreos, un restaurante, un bar...pódese visitar por libre, pero para acceder ao conxunto etnográfico formado polos aparellos hidráulicos mencionados ten que ser cunha visita guiada que actualmente custa 5€.
Os Teixois

Os Teixois está nun val atravesado polo Rego das Mestas.

Outra vista da aldea.
Os Teixois

Abandonamos este fermoso lugar camiñando ao pé do Rego das Mestas.

Unha paisaxe sacada dun conto!!

Pasamos pola Central Eléctrica das Mestas na beira do Rego do mesmo nome. A ponte de madeira que hai para cruzalo vese noviña, non hai moito que a deberon colocar.
 A Central Eléctrica:

Moi cerca da antiga central eléctrica atopamos a aldea abandonada de As Mestas. Este nome deriva de que aquí, neste lugar, mestúranse (mesta= mezcla) varios regueiros que baixan da serra de Ouroso e dan lugar a este.  
Unha moi antiga ponte permite cruzar o rego e vemos unha edificación onde houbo un mazo que funcionou pouco tempo. Sobre as súas ruinas, instalouse unha aira de mallar.

Neste lugar hoxe completamente abandonado houbo vida. Xunto á casa houbo unha ferraría ademais doutras que están escondidas entre a maleza pola ladeira arriba.
As Mestas

Pouco a pouco imos estando máis cerca do Teixo. Ás veces subimos e outras imos en chao...

Alço enriba xa vemos O Teixo. Non hai camiño para ir recto (tamén sería unha tremenda subida!) Imos dar un pequeno rodeo e axiña chegaremos ao final desta marabillosa ruta.


Páxinas web consultadas:
https://www.turismoasturias.es/organiza-tu-viaje/donde-dormir/turismo-rural/casas-de-aldea-compartido/a-casoa-santamarina
https://patrimonio-religioso.asturias.me/comarca-de-oscos-eo/c/0/i/85736678/ermita-de-santa-marina

Ningún comentario:

Publicar un comentario