martes, 25 de xuño de 2024

LAGOS BLED E BOHINJ / CASCADAS SAVICA E PALENK (PARQUE NACIONAL DE TRIGLAV, ESLOVENIA)


LAGO BLED

O Lago Bled é un lago glaciar dos Alpes Julianos situado na cidade de Bled. É moi fermoso e turístico. Mide pouco máis de 2km de longo e ten unha anchura de 1380m. A profundidade máxima é de 30,6m.

Este lago está situado dentro do Parque Nacional de Triglav, único de Eslovenia e un dos máis antigos creados en Europa (1924) Todo o Parque ten unha frondosidade exuberante con inmensos bosques, covas, lagos glaciares e numerosas cascadas.

Tivemos un día feo climatolóxicamente para esta visita. Había nubes baixas que tapaban completamente o sol e ás veces incluso chuviscaba.

CASTELO DE BLED.-

O 1º que visitamos foi o Castelo de Bled cunha guía que persoalmente me gustou moito.

O Castelo de Bled está edificado sobre un enorme acantilado sobre o lago do mesmo nome. Foi nomeado por vez 1ª no S. XI. No S.XIII pasou a mans da Casa de Habsburgo.

Castelo de Bled (Foto Licencia Creative Commons)

Cunha historia que se remonta ao S. XI, este castelo desempeñou un papel importante na defensa da rexión e foi testemuña de numerosos eventos históricos ao longo dos séculos. Orixinalmente construido en madeira, o castelo foi reconstruido en pedra no S. XII e experimentou varias renovacións e modificacións ao longo dos anos, reflectindo diferentes estilos arquitectónicos e épocas históricas.

Castelo de Bled

Este castelo é un dos máis antigos de Eslovenia.

Castelo de Bled

Dende o castelo podemos ver a cidade de Bled e os Alpes Julianos, ao fondo.
Vistas do Lago Bled dende o castelo

Dende o castelo temos excelentes miradoiros para desfrutar de toda a beleza do lago Bled.

Vistas do Lago Bled dende o castelo

Despois de desfrutar destas fabulosas vistas, baixamos ao pé do lago para subirnos a unha  pletna, embarcación típica do lugar  na que demos un pequeno paseo achegándonos ata a pequena illa que hai no lago e que ten a igrexa da Asunción.
Mentras camiñábamos cara á embarcación, non deixaba de chover. O día non podía estar peor!

Estas que vemos na foto son as pletnas, as embarcacións que nos levarían e aínda que están tapadas por encima, os bancos estaban mollados. Menos mal que case todos e todas levábamos chuvasqueiros!! Eu, un prestado. Grazas Susana!
As embarcacións, chamadas pletnas

Chegando á illa de Bled. Esta é a única illa quen ten o país. 
Lago Bled coa súa illa.

Unha vez chegamos á illa baixamos e tivemos que subir 99 escaleiras para chegar ata a Igrexa da Asunción que non vimos por dentro porque había que pagar por entrar e facer soar tres veces a campana para que se che cumpra un desexo. É un ritual que a min particularmente non me di nada, xa que non creo en absoluto nesas cousas. A illa por outra parte non ten case nada que ver e paramos nela moi pouco tempo.
A igrexa foi construida en estilo gótico pero no S. XVII foi reconstruida dándolle un estilo barroco. O campanario, independiente da igrexa, foi construido no S. XV.
Igrexa da Asunción na illa de Bled.
 
Rematada a visita á illa volvemos embarcar outra vez para voltar ao inicio do percorrido.

O día non estaba moito para fotos, pero aínda así se deixa ver a beleza deste lugar.
Lago Bled

Ao redor do lago hai un fermoso e relaxante paseo cunha vexetación desbordante. Xa me gustaría rodealo andando pero...hai un programa que cumprir☝☝☝☝

Dicímoslle adeus a este lugar máxico que nos deixou impresionados de tanta beleza!!


Despois do xantar, fomos visitar a:

CASCADA SAVICA
Dentro do Parque Nacional de Triglav atopamos esta cascada, unha das máis famosas do país, que ten 78m. de altura.
Camiñamos no medio dunha natureza apabullante pero...non deixaba de chover!!
Camiño á cascada de Savica

Ata chegar ata o Lago Bohinj que veremos despois, o río Sava Bohinjka é coñecido como Savica(pequeno Sava) A cascada Savica é realmente o nacemento deste río.
Río Savica

Para acceder á cascada hai que subir máis de 500 escaleiras pero son moi cómodas e baixas.
Máis de 500 escaleiras ata a cascada

Eu non desfrutei para nada da fervenza: chovía e había demasiada xente nun espazo moi reducido. A cascada...bueno...vinas tan espectaculares ou máis en moitos lugares de Galicia e Asturias.


No inicio/fin de acceso á cascada vemos esta cabana onde se mercan as entradas. Nós xa as levábamos incluidas no prezo da viaxe.


LAGO BOHINJ

Moi cerca da cascada Savica temos este lago que é o máis grande de Eslovenia, tamén dentro do Parque Nacional de Triglav.

Fixemos unha parada moi curta neste lago. Para min, demasiado curta xa que apenas poidemos desfrutar desta marabilla.

Bohinj é un dos vales máis fermosos situado no corazón dos Alpes Julianos con altas montañas, verdes bosques, cumes alpinos e as pradeiras coas súas belezas naturais

Lago Bohinj

Este lugar é ideal durante todo a ano para desfrutar de sendeirismo, deportes naúticos, alpinismo, pesca, baños no lago, kayakismo...
Tamén se pode percorrer o lago todo ao redor. Son 12 km. aprox. de beleza incomparable que non realizamos claro!
Lago Bohinj

CASCADA PALENK

Moito me deu que atopar o nome desta cascada!! Despois de bucear e bucear por Internet, por fin descubrín que se chama Cascada Palenk!
Esta situada moi preto do Hotel Plesnik, no Val de Logarska Dolina, dentro do Parque Nacional de Triglav. É este un val dos máis fermosos de Europa.
Paramos ao pé do hotel Plesnik e a natureza desbordante apertounos con forza. Detrás do hotel vemos a cascada Palenk. 
Hotel Plesnik

Esta foto vese en Internet, folletos...etc en multitude de ocasións. Aínda que agora non chovía, o día estaba moi oscuro e con néboas baixas e as fotos non saen coa mellor das calidades.

As casas desta zona son as típicas dos Alpes, preciosas con corredores e balcóns de madeira e tellados inclinados.

Esta zona é moi cara para hospedarse pero pódese facelo en outros lugares próximos máis económicos. O chamado turismo activo pode atopar aquí multitude de actividades para facer: sendeirismo con rutas espectaculares, alpinismo, safaris fotográficos...no inverno, esquí, escalada nas cascadas de xeo..


Realmente, Eslovenia ten unhas paisaxes que non deixan indiferentes!

A cascada Palenk cae sobre un acantilado quebrado por un desnivel de 78m.  Nesta zona hai outras cascadas, algunha delas moi famosas como a Rinka, que non vimos.

No inverno esta cascada ao igual que moitas outras son un gran atractivo para os amantes da escalada en xeo, xa que nesa estación conxélanse.


O Parque Nacional de Triglav é, polo que vimos, un dos lugares máis fermosos de Europa e o Monte Triglav cos seus case 3000m de altitude é a cima máis alta de Eslovenia e o ascenso ao mesmo é como unha peregrinación para os eslovenos xa que procuran subir ao cume polo menos unha vez na vida.
Cando se viaxa nunca se pode ver todo e menos indo en grupo. Quedaron bastantes lugares que ver nesta zona fermosísima:  varias cascadas e sobre todo o desfiladeiro chamado a Garganta de Vintgar, un espectacular canón fluvial.
Haberá que volver!!


Páxinas web consultadas:
https://es.wikipedia.org/wiki/Castillo_de_Bled
https://www.viajeroscallejeros.com/lago-bled-eslovenia/
https://es.wikipedia.org/wiki/Lago_Bohinj







Ningún comentario:

Publicar un comentario