Hoxe propúxenme saber cantos km. de costa ten a parroquia onde vivo que petence á parroquia de Foz.
Foz ten 9 parroquias e a maioría delas teñen mar, aínda que só sexa un cachiño como lles ocorre a S. Martiño e a Vilaronte. Foz, Fazouro, Nois e Cangas están pegadas ao Cantábrico e só Cordido, S. Acisclo e Santa Cilla non teñen costa.
A miña parroquia é Fazouro e ten case 5 km. de costa moi interesantes para percorrer, non é un percorrido nada monótono xa que iremos descubrindo lugares fermosos e variados como imos ver.
Características da ruta:
Lonxitude: 5 km.
Dificultade: ningunha.
Ruta lineal sen sinalizar. O meu track en WIKILOC
Descripción:
Empezo esta ruta no Paseo Marítimo xunto á praia de Areoura que comparten as parroquias de Fazouro (a maior parte) e Nois.
O percorrido realmente debería ir por onde está cortado o paso pero debido derrubes importantes que afectan ao paseo dende hai tempo, hai que ir pola dereita.
E agora pillamos á esquerda pola ponte da vía do tren, cara ao Castro.
O Castro de Fazouro aproveita a península que se adentra no mar sobre unha zona moi escarpada. As estructuras escavadas corresponden ao último asentamento do castro (Finais do S. III d.C.) A área escavada acada os 400m. cadrados. Nas últimas escavacións (1992) recóllese restos de cerámica, dúas moeda, unha fíbula e media ducia de cravos.
Vemos a praia de Arealonga e a outra parte do tramo que está pechado.
As vistas dende o Castro son extraordinarias. Cara a un lado vemos Burela e cara ao ao utro, Foz.
|
Castro de Fazouro e Burela ao fondo |
Agora alonxámonos algo do mar e vemos a estación de FEVE desta parroquia.
Voltamos achegarnos ao mar no Porto de Fazouro que no pasado tivo importancia e que aínda conserva algunha das casetas que había dos pescadores.
|
Porto de Fazouro e casetas de pescadores. |
Entrada ao porto que cesou a sua actividade total cara a finais do século XX.
Este tramo que estou a realizar coincide case todo el co Camiño Natural do Cantábrico.
O mar estaba furioso este día.
Esta é a cala Camiño Novo
|
Camiño Novo |
Na foto seguinte vemos en 1º termo o Ouro desembocando e a praia da Pampillosa.
Agora vemos 3 pontes , pasaremos por debaixo da de FEVE, da da estrada e cruzaremos a peonil Ponte de Ferro, a última, aló ao fondo.
O río Ouro nace na Serra do Xistral e chega ao concello de Foz despois de pasar polos concellos do Valadouro e de Alfoz. Desemboca formando unha pequena ría en Fazouro. Na foto vemos o ouro moi preto da súa desembocadura e ao fondo a Ponte de Ferro, peonil e que foi cambiada pola actual no 2010.
A ponte ten unha considerable anchura e está iluminada aínda que bastantes das súas luces están rotas ou faltan.
Vistas aos barrios de Fonte da Aldea, O Souto, a Casa Nova...
Ao pé da ponte temos unha área recreativa que está moi concurrida cando hai bo tempo.
Na área recreativa deixaron unha mostra da antiga ponte. Ao fondo o barrio da Ponte.
Enlazo agora co novo paseo que hai uns meses que se inaugurou e que personalmente non me gusta. É que meter cemento nun paseo que a ao modo se ver debería ser o máis natural posible réstalle moitos puntos, na miña opinión.
Deixamos detrás a praia da Pampillosa e os barrios de Bargado e Lousada.
Unha vista do Paseo recentemente inaugurado e que chega á praia de Peizás.
Vemos outra praia de Fazouro: a do Sarrido ou Penas da Salsa. |
Praia do Sarrido |
Cando a marea está alta ou hai grandes temporais como ocorre hoxe, a praia desaparece.
Na praia do Sarrido desemboca un rego e para salvalo puxeron a ponte de madeira que vemos na imaxe.
Unha área de lecer que non lle dou atopado sentido. Penso que rompe totalmente co entorno ademais da súa inutilidade. Quen se vai sentar ou quen vai comer aí a pleno sol se é verán ou cando sople o nordés no inverno e primavera?
Aquí hai unha bifurcación e podemos escoller por onde ir, pola esquerda pegados ao mar ou de frente, máis alonxados del.
Un punto con boas vistas.
Se na bifurcación vimos pola esquerda, como eu fixen, veremos esta inmensa furna que formou o mar
Aquí tamén podemos optar por ir pola esquerda e iremos sempre pegados ao mar ata desembocar na praia de Peizás.Eso si, daremos máis volta. Eu, neste caso, fun de frente porque ameazaba con chover.
A praia de Peizás está moi concurrida en verán e eso que en marea chea non hai apenas area. Esta praia comparte ubicación con 2 parroquias do concello de Foz: S. Martiño (a maior parte dela) e Fazouro (Unha esquina no 1º plano da foto)
|
Praia de Peizás |
Ningún comentario:
Publicar un comentario