Hai pouco que foi inaugurado un novo tramo de Paseo Marítimo no concello de Foz: o que une a praia de Peizás coa praia da Pampillosa quedando deste xeito completado e unida toda a costa deste concello.
Eu quixen facer unha ruta circular co fin de alongar esta ruta porque só o paseo é unha distancia moi curta (2 km.) e así poder desfrutar tamén doutras zonas interesantes da parroquia.
Características da ruta:
Lonxitude: 6,3 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. Deixo o meu track en WIKILOC
Descripción:
Eu partín da área recreativa que está cerca da praia da Pampillosa e que en canto chega o bo tempo ten unha grande afluencia de xente. Dende este mesmo lugar parte tamén a Ruta do Río Ouro.
|
Área Recreativa onde está exposta a antiga Ponte de Ferro |
Pillamos o mesmo carreiro que segue a ruta do Río Ouro. Vemos ao fondo a Ponte de Ferro, que é peonil, sobre o río. |
Área Recreativa e Ponte de Ferro sobre o Ouro |
A Ruta do Río Ouro, a pesares de ser bastante coñecida e promocionada, está sen sinalizar.Pasamos ao pé da Obra Pía. Estes edificios formados por unha antiga escola(o pequeno) e a casa do mestre(o grande) foron rehabilitados non hai moitos anos.
Foron mandados construir por Francisco de Cora e Miranda, natural de Lieiro en S. Cibrao. En 1803, otorgou testamento aberto fundando unha escola en Vilarmea "Para la enseñanza de niños y niñas en las primeras letras, escrivir, contar, saber con inteligencia la Doctrina Cristiana, confesarse y comulgar, oir Misa con intención y devoción"
Na parte de atrás da escola, onde agora se ve un muro e árbores, houbo un lagar tamén construido por Francisco de Cora
Anos máis tarde, no 1951, apróbase o regulamento da Fundación "Obra Pía de Fazouro".
"Por orden ministerial del 11 de mayo de 1951 fue resuelto el expediente de transmutación de fines de la Fundación benéfico-docente "Obra Pía de Fazouro" acordándose que las rentas se apliquen en lo sucesivo al sostenimiento de clases complementarias de enseñanzas del hogar en la Escuela Nacional de niñas de dicha localidad"
|
Edificios da Obra Pía |
A Obra Pía ten unha finca arredor que actualmente é unha área recreativa aínda que a día de hoxe está bastante descoidada. Apenas ten afluencia de xente porque os accesos son malos e non hai aparcadoiro cerca.
No mesmo entorno hai os restos do que foron uns muíños. |
Antigos muíños |
O percorrido continúa uns metros máis ao pé do río Ouro
|
Río Ouro |
Abandonamos a Ruta do Río Ouro torcendo á esquerda por onde está o depósito da auga. Na foto, o río,un cabozo estilo Mondoñedo e ao lonxe os barrios da Pontevella, do Cachón e do Redondal.
Collemos a estrada que nos levará ao barrio do Souto. Vemos a Fonte da Pasada onde antigamente tamén se lavaba a roupa.
|
Fonte da Pasada |
A subida suave ao barrio do Souto.
O barrio do Souto está alto e ten fabulosas vistas. Só hai dúas vivenda e as dúas habitadas. |
O Souto |
Vistas dende o Souto |
Vistas dende o Souto |
Dende o Souto vemos outros barrios de Fazouro: Lousada, Villarmea, a Pontevella...etc |
Vistas dende o Souto |
Un camiño dos de sempre!! Poucos quedan xa nesta parroquia!
Pasamos polo antigo Camiño Real no barrio de A Rúa onde vemos unha curiosa construcción formada por un pozo e un pombal enriba.
|
Pozo e pombal |
Desembocamos no Polígono Industrial de Fazouro vendo o barrio de A Rúa.
Subindo á Granda temos boas panorámicas. En 1º plano, parte do Polígono Industrial e ao fondo, barrios de Fazouro: Bargado, Lousada...
Fazouro e parte da súa zona costeira.
Na Granda só hai unhas 4 casas. Penso que só unha está habitada.
E dende A Granda baixamos á estrada xeral.
Despois de cruzar a estrada xeral, cruzamos a ponte sobre a vía do tren.
Mirando cara ao Oeste vemos o lugar As Chaves en 1º termo e ao lonxe Bargado, Lousada...
Mirando cara ao Leste, vemos o barrio de Caldouceiro
Outro camiño de carro. Oxala non o asfalten! Non é necesario, tódalas vivendas próximas teñan bos accesos xa.
Ao rematar o camiño anterior, temos a opción de seguir de frente e enlazar xa co novo paseo marítimo ou ben pillar á dereita e ir pola estrada uns metros que foi o que eu fixen.
Uns metros máis adiante volvemos ter a opción de pillar á esquerda para o novo paseo ou ben seguir na estrada. Eu fixen esto último.
Deseguida, torcendo á esquerda chego á Praia de Peizás.
A praia de Peizás pertence case toda á parroquia de S. Martiño dentro do concello de Foz. ë unha fermosa praia con moita ocupación en verán que ten o inconvinte de que en marea chea se queda sen areal.
|
Praia de Peizás |
Dende Peizás xa podemos camiñar polo recén inaugurado paseo. Eu prefiro facelo polo antigo carreiro que había antes, máis pegado ao mar e tamén porque había case masificación de xente no novo paseo.
|
Carreiro antigo |
Por aquí non vai ninguén (todos e todas van algo máis arriba polo camiño "cómodo") A min gústame moito maís camiñar por aquí.
Se vas polo novo paseo, non podes contemplar esta marabilla!Nin podes ver estas furnas:
|
Furna |
Agora si que non segue a opción de ir pola beira do mar e teño que enlazar co paseo novo.
Había bon temporal no mar. Na foto vese por onde viña antes o antigo carreiro.
Estes carreiros son os que a min me gustan. Canto máis naturais, mellor!
Unha fermosa zona de lecer.
Imaxe do novo paseo.
O mar hoxe que hai temporal cgega arriba de todo pero en marea baixa aquí hai unha pequena e solitaria praia: é a da Pedras da Salsa ou Sarrido
|
Praia de Sarrido ou Pedras da Salsa |
Fixeron esta ponte en madeira para salvar un rego que desemboca na praia anterior.
Outra vista do novo paseo.
Achegándonos á beira do mar vemos os acantilados que foi formando a erosión que nesta zona é moi grande. A paisaxe desta costa cambia nun curto espazo de tempo polos enormes socavóns que o mar vai formando, por este motivo levaron o percorrido do paseo bastante alonxado da beira do mar, se o fan moi próximo a el en poucos anos desaparecería.
Xa cerca do final do percorrido, vemos unha imaxe da outra parte de Fazouro: Bargado, Lousada, algo de Nois... e a praia da Pampillosa que é inmensa pero está convertida nun verdadeiro coído.
Ningún comentario:
Publicar un comentario