martes, 23 de xaneiro de 2024

SENDA LITORAL DAS PRAIAS DE ARTEIXO (SA 15-01)

Hai dous anos que xa realizamos en Arteixo unha ruta: Senda do Río Sisalde aproveitando tamén a viaxe para visitar o Parque de Monticaño e o Santuario de Santa Mª da Pastoriza.

Hoxe realizamos unha ruta costeira para coñecer as praias deste concello pola chamada Senda Litoral . É un percorrido lineal que vai dende a praia de Sabón ata a de Barrañán e en lugar de voltar polo mesmo sitio, fixemos unha ruta circular voltando máis polo interior pero sen deixar de vista as praias, vistas agora dende o alto.

Características da ruta:

Lonxitude: 13,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular só sinalizada no 1º tramo. Para facela circular hai que seguir un GPS. Eu deixo o meu track en WIKILOC

Descripción:

Empeza esta ruta na praia de Sabón onde podemos deixar o coche nun amplo aparcadoiro que hai. 

Esta praia está pegada á Central Térmica instalada neste lugar onde tamén se fixo un encoro coñecido como Encoro do Ruxidoiro. Na foto vemos a desembocadura deste encoro.

Praia de Sabón
Empezamos o percorrido pola Senda Litoral que está integrada no ZEC (Zona de Especial Conservación) Costa da Morte dentro da Rede Natura 2000.
Senda Litoral
Na seguinte foto, vemos o aparcadoiro onde deixamos os coches e a Central Térmica de Sabón que foi desmantelada en 4 anos: dende 2015 ata 2019.
Central Térmica de Sabón

Pegada á de Sabón está a praia de Alba que realmente forma unha sola coa anterior. É unha praia con tódolos servizos e cun importante sistema dunar.

Praia de Alba

Unha vaca, un burro, un can...animais artificiais...a verdade é que naturais salvo cans, que si vimos moitos, dos outros non había.

O río Bolaños ou río de Arteixo  desemboca na praia de Alba.


O día está perfecto para camiñar. Hai sol que se agradece e a temperatura é moi agradable.

Senda Litoral de Arteixo
Unha pequena cala chamada Praia de Varela.
Praia de Varela
Estámonos achegando ao monumento ao Voyeur ou Vixiador en frente dun pequeno faro.

A cala pegada ao monumento é a Praia dos Cacheiros
Praia dos Cacheiros.
Este monumento que chama a atención é obra de Enrique Saavedra. Son uns anteollos de 14,5 m. que se chama oficialmente "Monumento al voyeur" pero que tamén é coñecido como O Vixiador ou O Mirón. Foi instalado no 2006 para conmemorar a construcción do paseo marítimo.
O monumento compleméntase cunha escaleira rematada nunha silla a 5m de altura que permite subirse e contemplar o océano
Eu mesma mirando polos inmensos anteollos.

Un día fermosos de sol e o mar bastante alporizado.


Fomos vendo prais e pequenas calas pero tamén algún acantilado de certa altura.
Praia (máis ben coído) O Carreiro

A praia de Ripibelo tamén chamada praia da Salsa ten forma de enseada e unha area fina. O entorno é agreste e rochoso.
Praia de Ripibelo

Había moita xente paseando, en bici, facendo deporte... neste solleiro domingo.
Praia de Ripibelo

Vemos a continuación a Praia Herbosa e a illa do mesmo nome. É unha pequena cala rodeada de acantilados e de difícil acceso.
Praia Herbosa

Hai senda peonil e senda para bicis.


A praia da Hucha non sabemos en que condicións estará no verán pero agora no inverno é un verdadeiro coído
Praia de Hucha

E chegamos á praia de Valcobo que ten unha forte ondaxe, o que a fai idónea para a práctica do surf. Nós cruzamos a praia pero tamén se pode ir pola arte de arriba se non queres camiñar sobre a area.
Praia de Valcobo
A partires de aquí disminúe moitísimo a presenza de xente. Xa non hai case ninguén paseando nin facendo deporte.

 Ao lonxe vemos as Illas Sisargas. Frente a elas está Malpica.
 
E xa case estamos a rematar esta Senda Litoral. Vemos as praias de Combouzas (nudista) en 1º plano e máis aló a de Barrañán.
Praias de Combouzas e Barrañán.

Durante uns metros camiñamos pola beirarrúa.

A praia de Barrañán  é un espazo natural protexido cun sistema dunar moi importante que ten un grande valor ecolóxico e paisaxístico. Ao pé desta praia comenza e remata a Senda do río Sisalde.

Rematando xa esta senda oficialmente lineal, pero que nós imos facer circular cruzando a estrada ao pé da casa grande (é un restaurante agora no inverno pechado) que vemos na foto.


Metémonos agora cara ao interior. Estamos na parroquia de Barrañán.

Mirando á esquerda e a medida que ascendemos lixeiramente vemos de novo a costa e lugares da parroquia de Barrañán.

Atravesamos o lugar de Campo dentro da parroquia de Barrañán.


Hórreoas típicos desta zona en lugares altos con excelentes vistas.

Tamén percorremos camiños de toda a vida que aínda perviven en zonas rurais, aínda que por desgraza, cada vez quedan menos.

É unha gozada camiñar con estas vistas. Agora vemos o mesmo ca antes pero dende o alto e pasando por outros lugares.

Tamén camiñamos uns metros pola beirarrúa da estrada DP-0514

E pasamos moi cerca da praia de Valcobo.

En lugar de pillar á esquerda cara á praia e á Senda Litoral, torcemos á dereita e logo duns metros, á esquerda polo carreiro que vemos na foto.

Un percorrido do máis variado xa que agora imos por asfalto entre eucaliptos.

Despois imos por un ancho camiño en ascenso.

Poucas veces perdemos estas vistas. Na foto, a praia de Sabón a onde nos diriximos e o Porto Exterior de A Coruña.

Pasamos cerca do polígono industrial de Arteixo no que vemos entre outras naves, a de Inditex.

Imos xa achegándonos de novo á Senda Litoral.


Cruzando a área recreativa ao pé da praia de Alba para acceder á Senda Litoral.

O río Bolaños desembocando na praia de Alba. Neste tramo vai moi encaixado pero un pouco máis adiante ábrese xunto ao mar, como vimos noutra foto máis arriba, no percorrido da ida.

Dúas pontes en madeira salvan este río.

A última foto vai ser este fermoso espazo con bancos mirando ao océano.


Páxinas web consultadas:

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/a-coruna/playasabon/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2020/10/31/chimenea-sabon-reciclada/00031604136530828140392.htm

https://elviajeroaccidental.com/monumento-al-voyeur

Ningún comentario:

Publicar un comentario