Neste concello dos Oscos xa fixéramos esta ruta:
Hoxe voltamos a S. Martín a facer unha ruta moi curta pero intensa, debido aos desniveis con subidas e baixadas continuas e ao chan irregular con pedras soltas en moitos casos que en días húmidos coma o de hoxe, hai que ter moito coidado coas caídas.
A ruta é moi fermosa, remota, por antiquísimos carreiros desfrutando de montañas, cascadas, árbores como carballos e castiñeiros e sobre todo moitas uces. Vendo aló embaixo o canón do río Soutelo e pequenas aldeas diseminadas ata chegar aos fornos onde se calcinaba o mineral extraído nos xacementos de ferro que existiron nesta zona.
Características da ruta:
Lonxitude: 5 km.
Dificultade: moderada debido ao chan irregular e con pedras nalgún tramo que en tempo húmido pode producir caídas. Hai tamén desniveis importantes en subidase baixadas.
Ruta lineal perfectamente sinalizada. Eu deixo igualmente o meu track en WIKILOC
Descripción:
Para nós foi difícil chegar ao inicio da ruta en Piorno. Íamos do lado de Vilanova de Oscos e dende aí mandounos o google maps por unhas pistas que ás veces eran camiños e non pasa calquera coche. Moito mellor sería ir ata S. Martín de Oscos e dende aí ir sempre por estrada asfaltada.
Piorno é unha pequena aldea da parroquia de Labiarón que no 2021 tiña un só habitante. Nós non vimos a ninguén.
Na foto vemos o punto onde empeza a ruta que está moi ben sinalizada.
Á nosa esquerda, nun alto, vemos a capela de Piorno que debe levar moitos anos sen que aí se celebre ningún oficio relixioso.
A esta pequena aldea que semella totalmente abandonada e a maioría das casas está en ruina, chegou a 1º estrada no ano 1992.
Antes da estrada, o que son as cousas!!😐😐chegou a Piorno o teléfono. No ano 1986 instalaron un teléfono público de placa solar que alonxou a incomunicación dos veciños deste lugar co resto do mundo. No ano 1990 chegou aínda a luz.
A ruta empeza subindo por un carreiro á esquerda. Está moi ben sinalizado.
Empezamos por un carreiro fermoso dos que antes había.
Valados de pedras que delimitaban fincas e o outono que aínda se nota nos carballos.
A néboa na zona do río...
A ruta estanos parecendo moi, moi fermosa.
Vemos esta cascada que forma o Rego de Cabalelle.
Toca unha boa baixada. Despois será subida...
Vemos outra cascada moi cerca xa dos fornos.
Os fornos de calcinación do mineral son o final desta ruta. Mías para aló xa non hai camiño nin carreiro e hai que voltar polo mesmo sitio.
A minaría foi unha actividade que se desenrolou na zona dende tempos prehistóricos. Antes da conquista dos romanos, os poboadores desta rexión xa buscaban pepitas de ouro nos ríos. Pero foi tras a chegada destes cando se potenciou esta industria. O mineral que aquí se calcinaba era o ferro.
Na década dos anos 50 do S. XX, a minaría era unha das principais actividades económicas do concello de S. Martín de Oscos.
Cando emprendemos a volta o sol quere sair e ilumina o cume das montañas.
Pasamos de novo polo miradoiro natural, agora a foto é dende o outro lado:
Volvemos ver o canón que forma o río Soutelo agora sen néboa. Este río é un afluente do río Ahio.
Unha foto que mostra o complicado que volve ás veces o chan.
Xa vemos Piorno, unha aldea que debeu ter sobre unhas 10/12 casas. A maioría delas están en ruinas.
https://mas.lne.es/aquella-asturias/media/pdf/A1-22674111-1.pdf
https://oscos-eo.net/node/2974
https://www.lne.es/occidente/2007/10/09/san-martin-oscos-recupera-minas-21821120.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario