Este blog crease para ir mostrando rutas de sendeirismo de dificultade baixa e /ou media-baixa e tamñen teñen cabida outras viaxes realizadas.
Rutas por Galicia e Asturias que non sobrepasen os 15/20 km. de lonxitude para que as podan realizar persoas que non necesiten estar en ningunha especial forma física.
Esta é a cuarta ruta que facemos en A Fonsagrada porque a natureza foi moi xenerosa con este concello e ten unhas paisaxes de interior moi fermosas: ríos, castros, montañas, fervenzas, soutos , carballeiras...dignas de visitar e de desfrutalas.
As rutas que xa levamos feitas, podense ver nos enlaces:
As rutas anteriores que fixemos están perfectamente sinalizadas pero esta deixa bastante que desexar. Hai algúns sinais pero precísanse máis, sobre todo ao principio da ruta. É importante axudarse con un track para non ter dúbidas.
A ruta do Castañoso atópase nun lugar moi recóndito, na montaña de A Fonsagrada, concretamente na Serra do Corno do Cervo. É bastante esixente a nivel físico debido ás baixadas e subidas e chan irregular pero ten poucos km. polo que unha cousa queda compensada coa outra.
É unha ruta moi pouco coñecida pero moi, moi fermosa. Nun lugar recóndito e con zonas practicamente virxes descubriremos unha ruta con grandes carballeiras, con fervenzas, un muíño, unha pequena capela, varios cortíns e un castro moi ben conservado e que é dos poucos de Galicia que ten unha sauna.
Características:
Lonxitude: 7km. aprox.
Dificultade: media
Ruta circular regularmente sinalizada.
Descripción
Nós partimos da aldea de Castañoso pero hai quen a fixo dende a aldea veciña de Silvachá. Estas son dúas aldeas pertencentes á parroquia de Maderne.
A ruta oficial parte dende Castañoso e dende logo é a que eu recomendo. Lin varios comentarios de xente que a fixo dende Silvachá e comentan que está moi mal, que non se pasa coas silvas e os felgos. Nós non temos ningunha queixa nese senso: a ruta estaba perfectamente limpa.
Aparcamos ao lado do primeiro panel que indica a ruta
E imos uns 200 m. por estrada:
Nevara bastante nos últimos días e aínda se conservaba bastante neve:
Vemos nesta aldea perdida casas moi grandes e varias delas restauradas. Tamén vemos os cabozos de clara tendencia asturiana:
Chegamos ao segundo panel indicador e seguimos segundo nos marca a frecha. É aquí, no inicio, onde botamos de menos máis sinais aclarotorias, pois na aldea hai varias rúas e cruces nos que non está moi claro para onde hai que pillar.
Esta é a capela de S. Gregorio en Castañoso:
Alonxámonos da aldea:
E atopamos un prado pechado cunha cancela que abrimos e volvemos pechar.
Aínda que semella unha finca privada e estaba pechada, o sinal mándanos por aquí:
E volvemos atopar pechado ao final do prado. Agora con arames. Fomos pasando...
A ruta adéntrase agora nunha fermosa carballeira:
Camiñamos rodeados de árbores centenarias:
Chegamos a un mirador que pensamos que hai moi pouco que o colocaron pois vese rozado ao redor de moi recente e a madeira tamén se ve moi nova:
Tamén se nota que estes sinais son novos. Agora podemos ir á dereita ou á esquerda. Se imos á dereita veremos a capela en ruínas de Santiago, un muíño e unha preciosa fervenza. Vale moito a pena esta visita e consta aprox. de 2km. entre baixar e subir porque se baixamos, logo temos que volver subindo ata este mesmo punto.
Esta é a capela de Santiago, hoxe en ruínas, ao redor da que antiguamente viñan romeiros de festa:
Tamén observamos corripas que eran construccións circulares de pedra para gardar as castañas:
O muíño de Penallo no rego das Covas é un deses lugares nos que te preguntas cómo virían construír un muíño tan lonxe(en realidade son sobre 2 ou 3 km. dende a aldea máis próxima) pero a maneira de chegar aí é por carreiros empinados e de dificcil aceso. O muíño, por desgraza, está nun estado de abandono total
O lugar é dunha beleza extraordinaria, un lugar onde só se oe a auga que se precipita nunha preciosa e caudalosa fervenza no medio de castiñeiros e carballos centenarios.
Voltamos sobre os nosos pasos e toca subir o baixado. Facémolo con calma, desfrutando da paz e da beleza que ofrece esta ruta. Deseguida chegamos de novo ao cruce e agora baixaremos ao Castro.
Oímos ruído de auga moi cerca e collemos á esquerda, atravesando un bosque virxe para ver unha alta fevenza. Este desvío non está sinalizado pero deseguida vemos a auga. Sacamos a foto de lonxe sen achegarnos, pero podía facerse.
Volvemos retomar a ruta e toca baixar. Moito coidado quen non teña acostumado a facer sendeirismo por lugares así xa que a baixada pode resultar complicada nese caso. Non é o noso xa que levamos moitas rutas deste tipo ás costas.
Chámase "calle dos mouros"a esta senda.
Cortín de Monteagudo. Un cortín é unha construcción de pedra onde se gardaban as colmeas para protexelas dos ósos.
Pouco despois atopamos o de López e Villar:
E así chegamos ao Castro de Castañoso, chamado "O Castelón". Está moi ben conservado e ten un edificio termal, unha sauna do S. I d. C que é a mellor conservada do noroeste penínsular, segundo os expertos.
Esta que se ve é a entrada á sauna:
Xa dentro da sauna, vemos que conserva a chimenea:
As primeiras noticias que se teñen deste castro son de 1986. No 2011, o profesor de Santiago, Manuel Gago realiza un estudo da zona e chama a atención acerca desta sauna que corría perigo de derrumbe. No 2015 comenzan os labores de excavación do Castro nunha 1ª fase que continuará en 2017.
Como resultado das excavacións, descubrironse 8 vivendas moi grandes, aínda que non todas están reconstruídas, e a saúna que é a edificación máis destacada por ser moi grande e estar moi ben conservada.
O Castro sitúase entre os regatos Valdobarreiro e Covas, non ten terras de labranza ao redor e está separado do río por unha acusada pendente. Os estudosos pensan que os habitantes deste lugar se dedicarían á explotación das minas de ouro das proximidades.
No Castro de Castañoso queda aínda moito que excavar e descubrir. Ao mellor por eso, os operarios que traballaron aquí non recolleron a "tenda de campaña" que empregaron. A verdade, non loce moito neste lugar:
Volvemos sobre os nosos pasos para afrontar a dura subida.
Carballos e castiñeiros centenarios nos acompañaron durante toda a ruta.
A medida que subimos, a neve vai aparecendo.
Castañoso está a unha altitude duns 700m.
Xa vemos as primeiras casas da aldea:
Marchamos moi contentos de ter feita esta ruta que nos namorou e penso que ten moito potencial para ser realizada pero deberán sinalizala mellor e publicitala máis.
Aínda que vive algo de xente en Castañoso, só vimos como seres vivos a un can e a este cabalo:
Un track para seguir a ruta e non perderse pode ser ESTE que parte dende Castañoso. os outros tracks que vin parten de Silvachá.
Aquí deixo un vídeo que atopei en Youtube con información relativa ás escavacións no Castro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario