sábado, 16 de xaneiro de 2021

CAMIÑO NATURAL DE S. ROSENDO. TRAMO MONDOÑEDO_ A CAZOLGA



O Camiño Natural de S. Rosendo
pretende unir as provincias de Ourense e Lugo e debe o seu nome a que S. Rosendo foi prior do monasterio de Celanova que el fundou, e bispo de  Mondoñedo. Foi unha importante figura relixiosa e política do seu tempo.

A ruta consta de momento só de tres tramos :

Porto Quintela- Celanova

Celanova-Ourense

Mondoñedo-Foz

O tramo entre Mondoñedo e Foz consta de 32,4 km. pero eu pretendo percorrelo en tres tramos para ir moi despacio, desfrutando a cada paso das diferentes paisaxes e parando en diferentes puntos que así o precisen.

Este primeiro tramo sorprendeume agradablemente xa que é este un Camiño que transcorre pouco  por asfalto xa que aproveita antiguos camiños de carro, carreiros e pistas de monte e procura buscar sempre a parte máis natural e significativa dos lugares que percorre.

Características:

Lonxitude: 13 km.

Dificultade: baixa

Ruta lineal ben sinalizada aínda que nalgúns momentos hai que prestar atención para non errar o Camiño.

Descripción:

Esta ruta arranca dende a Plaza da Catedral de Mondoñedo. A ubicación, AQUÍ

Esta catedral é tamén chamada "A catedral axenlloada" polas súas perfectas proporcións e a súa escasa altura.

Foi construída no S. XIII e sufríu modificacións en séculos sucesivos; como consecuencia ten diferentes estilos: románico, barroco, rococó, gótico...

Un detalle da Praza da Catedral:

Estátua de Álvaro Cunqueiro que mira á catedral. Este escritor naceu en Mondoñedo.

Iniciamos a camiñata pola rúa Pardo de Cela. O casco vello da vila (que ten a categoria de cidade) é Conxunto histórico -Artístico e, dende 2015, Patrimonio da Humanidade.

Deseguida desembocamos nesta rúa que nos leva ás aforas da vila:

Iremos vendo estas sinais. Sempre están, deberemos buscalas porque sempre aparecen.

Imos pola beirarúa desta carretera uns poucos metros.

Este Camiño Natural coincide ata Lourenzá co Camiño de Santiago (Camiño Norte). Nós iremos ao revés, claro.

A ruta métese polo barrio de S. Lázaro onde podemos contemplar estas casas indianas. Neste barrio estivo sitúada unha leprosería, algo que era común nos Camiños de Santiago.

Esta é a capela de S. Lázaro que dá nome ao barrio. Foi fundada a principios do S. XVIII


Imos cruzar a ponte de S Lázaro sobre o río Valiñadares. Esta ponte ten dous escudos. Este representa as armas da cidade de Mondoñedo:

Saímos á carretera e imos uns 200m. por asfalto ata pillar á man dereita cara ao barrio de o Reguengo:

Subimos por un camiño asfaltado deixando atrás Mondoñedo. A subida é suave e só duns 700m. aprx.

Chegamos ao Reguengo:


Abandonamos este lugar por un estreito carreiro no medio dunha exuberante e preciosa vexetación:


E baixamos agora cara ao barrio de S. Pedro:


Capela de S. Pedro da Torre  que data do S XVI aínda que tivo reformas posteriores.

Continuamos lonxe do asfalto entre prados e árbores:




E pasamos por detrás do cemiterio novo de Mondoñedo:

Cruzamos por unha ancha pista de monte (uns 200m) 
E desembocamos no lugar de Grove, na parroquia de Vilamor onde veremos o cruce de varias carreteras e a autovía A-8 ao lonxe. Afortunadamente nós só teremos que cruzar algunha carretera e non transitar por elas.

A ruta cruza por debaixo deste cabozo

e desemboca na ermida da Virxe de Guadalupe que data do S. XVIII e é unha das máis de 25 capelas dispersas polo municipio.
  OLLO!! Neste cruce hai que ter coidado xa que a sinalización pode resultar confusa. Imos uns metros (moi poucos) cara a onde indica a frecha e hai que cruzar a carretera para meterse por un camiño á man dereita.

Pasamos por debaixo da autovía e seguimos por esta pista (todo o Camiño é moi doado de andar porque non ten desniveis fortes nin irregularidades)
Vendo á nosa dereita a aldea de Arroxo. Xa estamos no concello de Vilanova de Lourenzá

E agora iremos durante uns 2km. por unha pista polo medio do monte:
Que ao rematar ábrese e deíxanos ver as lonxanas montañas, os prados e aldeas do concello de Lourenzá.

Ao final desta pista,  cruzamos unha carretera e pillamos á esquerda por un estreito carreiro.
  Que , baixando, nos achegará ao centro da vila:

A xoia desta localidade é o Mosteiro de S. Salvador e a igrexa de Santa Mª de estilo barroco pegado a este. O mosteiro é un dos máis importantes de Galicia. As súas orixes remóntanse ao S. X e fundouno o bispo Osorio Gutiérrez, Conde Santo, xa que estaba emparentado coa realeza galega e era curmán de S. Rosendo. Xa vemos que o Camiño non é chamado así por casualidade se non que semella que este S. Rosendo estivo moi ligado a estas terras.
O templo de estilo barroco é do S. XVIII.
Se queres saber máis información deste monasterio e a igrexa barroca, pincha AQUÍ


O Mosteiro é hoxe a sede do concello de Lourenzá:

Abandono Vilanova de Lourenzá buscando os sinais e a verdade é que din unha pequena volta que me sirvíu para coñecer mellor esta vila:
Deseguida atopei o sinal que buscaba:

Temos que cruzar a Ponte de Pedra sobre o río Baos. Esta ponte é o vestixio dunha vía de entrada a Vilanova no pasado, de tal xeito que esta vila foi chamada noutro tempo "Vila da Ponte"

Seguimos por esta carretera vendo a A-8 de frente. Volveremos deseguida a pasar por debaixo.

Pero antes vexo un letreiro que di "Aula da Natureza" a 100m. e aló me dirixo. O que hai son só tres ou catro mesas á beira do río, xunto a unhas árbores e un edificio que di "Protección Civil". No verán débese estar ben aí pero pensaba que atoparía outra cousa.

Volvo sobre os meus pasos para coller cara á Cazolga por onde indican os sinais:
Agora toca ir por asfalto durante 2 km. aprox. por unha carretera secundaria sen apenas tráfico e desfrutando de paisaxes abertas onde predominan os prados e os barrios e montes que vemos ao lonxe:
 Vou por unha grandísima recta:


E MOITA ATENCIÓN!!! porque ao rematar a recta, esta carretera pola que vou enlaza con outra que vai á Cazolga. Ao chegar ao cruce non veremos o sinal do Camiño se non un indicador  á esquerda que pon "A Cazolga". Se collemos para ese lado, á esquerda, chegaremos á Cazolga igualmente pero non polo Camiño oficial.
Aí, nese cruce hai que PILLAR Á DEREITA e deseguida veremos o sinal indicador do Camiño. Teremos que andar uns pasos para poder velo e aí si que pilllaremos á esquerda para ir por unha pista de monte ata a aldea de A Cazolga:

Por esta pista hai que ir:

A pista é cómoda e ben acondicionada.
E así chegamos á Cazolga, unha aldea na que destaca a súa ponte que nos recibe ao chegar.

Ás beiras do río Masma, hai unha preciosa área recreativa con mesas, bancos, barbacoas...e incluso un albergue.


A ponte foi construída no S. XVIII polos monxes benedictinos de Lourenzá.

A ruta en wikiloc (Luis antuña)



Ningún comentario:

Publicar un comentario