domingo, 31 de xullo de 2022

LAGO DEL VALLE PR.AS 15-1 VALLE DEL LAGO (SOMIEDO-ASTURIAS)

 Todo o concello de Somiedo forma parte do Parque Natural de Somiedo que foi declarado Reserva da Biosfera.

Neste concello fixemos outra ruta hai uns anos que podedes ver pinchando no enlace: BRAÑA DE MUMIÁN

Situación do concello de Somiedo dentro de Asturias. (Está rodeado de azul)

Hoxe, 29 de xullo de 2022, imos realizar unha ruta que teño en mente dende hai ben tempo e que parte e remata en Valle del Lago, unha pequena parroquia do concello de Somiedo a 1200m de altitude dividida en 4 barrios. Imos cruzando estes barrios para deixar o coche no último, en L'Auteiro aínda que o cartel de inicio de ruta está algo antes, xunto a un aparcadoiro. Nós continuamos ata o final deste barrio, xusto onde a estrada se restrinxe a vehículos con explotacións gandeiras e de xestión do Parque. Aquí hai un pequeno aparcadoiro para uns 8 coches aprox. Se ides en fin de semana de verán e a non ser que madruguedes, é mellor aparcar no 1º aparcadoiro xa que haberá moita xente

O peor de todo desta ruta é chegar ao inicio da mesma en coche. Dende a Mariña lucense son 2,5 horas máis a parada para tomar un café, case 3 horas! A estrada moi ben coa autovía pero dende que a deixamos aínda temos moitos km. por estradas estreitas e con moitísimas curvas, especialmente a estrada que vai dende Pola de Somiedo ata Valle del Lago. Cantas curvas pechadas, que estreita e coas montañas case na mesma estrada!!

Elexín un día no que anunciaban que non ía ir demasiada calor e as nubes taparían o sol boa parte da xornada e así resultou: cando empezamos a camiñar ás 11 da mañá, corría unha brisa e estaba nublado. Moi ben para camiñar!! Tamén elexín un día de semana para atopar menos xente. Non me gustan nada as aglomeracións e moito menos nunha ruta de sendeirismo.

Aínda que oficialmente a ruta aparece como lineal, (empeza nun punto e remata noutro) hai que facela circular obligatoriamente ou ben indo e volvendo polo mesmo camiño ou ben indo por un e volvendo por outro diferente como nós fixemos.

Dende o 1º aparcadoiro pódese optar por ir por zona de sombra pero non hai que preocuparse se optamos pola de sol e logo queremos sombra: ata en outras dúas ocasións poderemos optar a ese percorrido en dous cruces sinalizados. Nós fomos pola zona de sol porque estaba nublado pero anunciaban sol para a tarde polo que deixamos a sombra para a baixada.

O meu track en WIKILOC:

Características da ruta: 

- Lonxitude: 13 km.

- Dificultade: media/baixa.

- Ruta circular moi  ben sinalizado o tramo de sol. Ao chegar ao lago non hai sinal para bordealo nin tampouco onde se pilla o tramo de sombra para baixar pero é moi intuitivo e non hai perda.

A miña calificación desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆 Repetiría esta ruta? Si, sen dúbida ningunha.

Descripción da ruta:

Na seguinte imaxe podedes ver o pequeno aparcadoiro (o noso foi o último coche que cabía aí, xa estaba todo a tope) e tamén vemos o barrio L'Auteiro.

Empezando a camiñar no barrio L'Auteiro (Valle del Lago)

A paisaxe que aparece ante nós non pode ser máis fermosa. Estamos nun val encaixado entre grandes montañas.



Camiñamos entre prados perfectamente coidados.



Paralelo a nós, pola dereita, vemos o lugar por onde despois baixaremos.



A pista pola que imos ás veces é de cemento e outras de grava.

A ruta está moi ben sinalizada. Neste cruce, indo á esquerda, iriamos aos Lagos de Saliencia (Hai bastante xente que realiza estas dúas ruta xuntas, son case 30 km. nós xa non podemos con tanto nun só día)

Un inconvinte que atopamos ao ir polo tramo de sol foi que pasaron bastantes  coches  de gandeiros que ían ver o gando, tamén algún tractor que levantaban gran cantidade de po e nos poñían perdidos...

Neste cruce podemos pillar a ruta de sombra no ramal da dereita. Algo máis  adiante, atoparemos outro.


Atopamos algún paso canadiense (consisten nunha grella de barras ou rexas metálicas paralelas que se instala en posición horizontal e a nivel de rasante. Os animais evitan cruzar sobre o paso canadiense en primeiro lugar porque lles provoca desconfianza e en segundo porque lles resulta dificultoso facelo. Sen embargo para os vehículos e persoas  non representa especial dificultade, de modo que permite un tránsito selectivo evitando o escape ou o acceso de gando e outros animais, mentras que non obstaculiza o movemento de vehículos, maquinaria e peóns.)
Paso canadiense.

Vemos os famosos teitos que teñen moita relación coas nosas pallozas en canto ao tellado pero diferenzanse na forma e estructura. Chámase teito á cuberta vexetal dun edificio pertencente á arquitectura tradicional autóctona e estaban destinadas a vivenda, cabanas para o gando, edificios auxiliares...Os destinados a vivenda desapareceron e os que podemos ver actualmente foron cabanas para o gando, palleiros e tamén hai algún hórreo con esta cuberta.
Teitos 

Se volvemos a vista atrás, esta é a marabilla de paisaxe.


Este cartel eu xa o coñecía de velo en outras fotos. Está nesta ruta e fai moita gracia. A verdade é que o percorrido non atravesa esa finca para nada, así que sería posto para avisar a outras persoas e non a sendeiristas ou montañeros.

Mirando ao frente, temos estas outras vistas que non desmerecen ás que imos deixando detrás. Todo o camiño é un placer visual.
 
Vemos moitas brañas: pastos de altura en sitios frescos onde pasta o gando no verán. En Somiedo temos moitas brañas. En moitas destas brañas é onde están os teitos.
Unha braña
A pista pola que imos agora é de grava.

O percorrido ten algunha subida pero lévanse ben e ademais son curtas. O que vemos na imaxe é o ultimo repecho antes de chegar ao lago.

Volvendo a vista atrás, quedo impresionada con esta beleza.

E de súpeto, porque non o vemos ata mesmo chegar...o lago!! Dirixímonos cara á esquerda porque a nosa intención é bordear case todo o lago para logo pillar o camiño de sombra para baixar. Non hai ningún sinal que nos indique que o lago se pode bordear nin vemos por onde facelo.

Onde se ve o letreiro, se queremos ir aos Lagos de Saliencia, colleremos o carreiro da esquerda. Vimos xente que o facía.

Dende o lugar onde estabamos parecíanos que era imposible bordear o lago, non apreciabamos ningún sendeiro e como non hai mellor información que a que proporciona unha persoa local, preguntamos a un gandeiro que pasaba e díxonos que aínda que non o víramos si que había un sendeiro polo que se podía bordear todo o lago, que así o facía tamén o gando. E aló fomos. 

O que vemos é outro teito chamado Cabana Cobrana.

Outra cousa que nos dixo o gandeiro co que charlamos foi que detrás da Cabana Cobrana (seguindo o sendeiro á esquerda) había unha fonte por se queríamos pillar auga. Esta fonte non está sinalizada. Como a que nós levábamos xa estaba quente, repuxemos auga nesa fonte. Estaba friísima, que gusto nos deu beber aquela auga tan fresca!! Aproveitamos ademais para rechear as botellas.
Fonte

Dende a fonte captamos esta imaxe. O Lago del Valle actual,  é o resultado de numerosas modificacións  dunha primitiva lagoa de orixe glaciar que tería uns 15 m de profundidade e forma de ril. Na actualidade, debido ao seu aproveitamento hidroeléctrico está represado e por eso é o máis grande de Asturias. Está declarado Monumento Natural.

Empezamos a bordear o lago. Primeiro fomos uns metros pola parte de arriba pero deseguida nos demos conta que non era por esa parte senón pola parte de baixo, pegados ao lago.


O lago ten unha pequena illa no medio.

Este pequeno tramo é a parte máis dificultosa ao redor da lagoa pero indo con xeito nos debería haber problema. Ao outro lado xa hai sendeiro normal.



Hai zonas no lago onde a auga é tan verde como as montañas.

Outro aspecto do lago.

Aquí vemos ben o carreiro que hai para rodear o lago.
 
Unhas vacas estaban deitadas no sendeiro. Non as molestamos, estamos no seu territorio así que respectuosamente imos por outro lado.

Aquí, con este fondo e ao pé do lago e das vacas foi o noso comedor de hoxe. Non hai restaurante que poda igualar esta panorámica.

Estamos rematando de bordear o lago.

Despedímonos do lago ao pé do muro da presa emprendendo o camiño de volta pola sombra:
 
Aínda que de momento, a sombra é pouca. Estamos a bastante altura e neste tramo non medran árbores:

Agora toca sempre baixar.

A baixada polo camiño de sombra é totalmente diferente á subida que fixemos polo camiño de sol. Aquí non hai pistas anchas polas que pasen vehículos, este é un verdadeiro sendeiro que nos gusta moito:

O camiño de sombra ten bastante desnivel e non quero pensar canto me custaría subilo!


Agora sí aperacen frondosas árbores que dan boa sombra.


Vemos á dereita a pista paralela pola que fomos pola mañá.


Por este lado, o camiño é tamén moi fermoso. Na foto, pasando ao pé dun teito.

Nun momento dado enlazamos coa pista de sol pola que imos uns poucos metros para volver coller pola pista de sombra:



Volve haber moita sombra. O camiño está limpo e vese que é moi transitado.

 Xa vemos ao lonxe o barrio de L'Auteiro dende onde partimos:

Chegamos a L'Auteiro. Atopamos aberto o bar-restaurante "Las Duernas" onde descansamos tomando algo.
 
Xa estamos no aparcadoiro e non podo resistirme a fotografar por última vez esta extaordinaria paisaxe . Adeus Somiedo! Quero voltar no inverno con algo de neve!!


martes, 26 de xullo de 2022

ROTEIRO PRAIA FLUVIAL DE CHAMOSO. (O CORGO-LUGO)

 Hoxe fomos ata o concello de O Corgo, próximo a Lugo, para realizar un roteiro que nos dá duas opcións: unha curta de pouco máis de 6 km. e outra longa de algo máis de 13km. Nós optamos pola curta xa que empezamos bastante tarde a camiñar e agora no verán apreta a calor e preferimos andar menos e desfrutar, non sufrir.

Tanto a ruta curta como a longa parten e voltan ao mesmo lugar: a fermosa praia de Chamoso coa súa coidada área recreativa ao pé tamén dunha piscina municipal que conta incluso cun tobogán e un restaurante.

Características do roteiro:

Lonxitude: 6,5 km.

Dificultade: ningunha

Ruta circular perfectamente sinalizada.

O track en WIKILOC: 

Descripción do roteiro:

Partimos pois da praia fluvial do río Chamoso. Chamoso é o nome do río e tamén da parroquia onde se atopa esta praia fluvial, concretamente no lugar de Abuín.

Vemos o cartel anunciador das 2 opcións que nos dan: de vermello a ruta curta e de azul a longa. Nós fixemos a curta.

Cartel do roteiro

Ademais da praia fluvial, este espazo conta tamén cunha piscina con tobogán e cun restaurante.

Piscina e restaurante.

Vemos na imaxe seguinte un aspecto da praia fluvial:

Praia fluvial do Chamoso

Seguindo os sinais, cruzamos a área recreativa.

Xa me gustaría que algunha ruta homologada estivera tan ben sinalizada coma esta:

O sol quere sair pero as nubes ameazan con non deixarlle:
 
Imos por camiños rurais acompañados de piñeiros e carballos.

Vimos algún eucalipto(moi poucos) e sobre todo vimos carballos e piñeiros:

Este concello é eminentemente rural e vimos este tractor traballando rodeado de cegoñas:

Atravesamos a aldea de S. Miguel de Pedrafita que é coñecida pola festa na honra da Virxe das Virtudes nunha capela que hai. A ruta curta non pasa por aí pero a longa, si.
S Miguel de Pedrafita.

 A Casa dos Ulloa é a típica vivenda rural galega.

A fachada da Casa dos Ulloa:

No atrio da igrexa de
S. Miguel de Pedrafita está tamén o cemiterio ao igual que noutras moitas igrexas.
Igrexa de S. Miguel de Pedrafita

Non hai nada mellor que atoparse cun veciño da aldea e que teña por riba 93 anos en plenas facultades para que che explique todo o que queiras saber da aldea e da zona. Un placer foi charlar con Ricardo Ulloa.
 
Nesta mesma parroquia, algo máis adiante atopamos (despois de desviarnos 300m.) uns sartegos, pequena necrópoli formada por dúas tumbas paralelas na mesma rocha. Son as chamadas Tumbas da Groba

Sartegos ou tumbas da Groba
 
O percorrido segue por esta pista asfaltada.

E chegamos a Ponte Galiñeiros. É unha ponte de orixe romano que foi remodelada na época medieval e volto a reformar non hai moitos anos. A Ponte dos Galiñeiros formaba parte da Vía Romana XIX que unía as cidades de Braga, Tui, Lugo e Astorga.
Ponte Galiñeiros
 
Aínda que sinalizada dentro desta ruta é unha pena que non estea máis visible xa que a vemos moi descoidada, está rodeada de felgos, herbas e maleza que só permiten faotografala por un só lado e malamente. A ponte ten un só arco que cruza o río Chamoso e une as aldeas de Pedrafita pola que xa pasamos e a de Arxemil que deseguida atoparemos.
Ponte Galiñeiros

Dende Pedrafita ata Arxemil o noso percorrido coincide coa Vía Künig, unha variante do Camiño Francés que pasa pola cidade de Lugo. Recibe o nome do monxe alemán Hermann Künig, autor da guía de peregrinos medieval que recolle este itinerario a Santiago. A Vía Künig discurre por territorio máis cha que o francés a través dos municipios de Pedrafita, As Nogais, Becerrea, Baralla, O Corgo e Lugo. 
Na foto seguinte vemos os dous postes que indican a nosa ruta e a Vía Künig.

Os camiños  de carro das aldeas galegas son todos fermosos e sombríos. É un gusto camiñar por eles!
 
Vemos xa a aldea de S. Pedro de Arxemil, outra parroquia do concello de O Corgo. Admiramos as súas inmensas casas de pedra:
 
Desviándonos só uns metros da ruta, visitamos por fóra a súa igrexa parroquial que tamén ten o cemiterio ao seu redor.

Voltamos ao percorrido marcado e vemos poste de pedra que sinala que por este lugar pasaba a Vía Romana XIX.

Esta é a praza de Arxemil onde se separan a nosa ruta e a Vía Künig. Nós cruzamos esta praza e continuamos de frente e a Vía Künig segue á dereita.
Praza de Arxemil
 
Imos pillar outro camiño fermoso:
 
Esta será a máxima altitude á que imos estar  dentro da ruta, 469m. pero como a altitude mínima foron 418m. non nos enteramos nin de que subíamos.
 
Agora, en lixeira baixada, chegamos deseguida á Praia Fluvial da que saimos.

Cando partimos non había aínda ninguén. Agora xa vemos as mesas todas ocupadas por xente que decideu ir pasar este día festivo a este fermoso lugar.
 Atravesamos a pontiña de madeira:

 E xa estamos na praia fluvial. Nós comeremos xusto enfronte, no outro lado da praia, onde hai 4 árbores  ao fondo.

Cruzamos outra pequena ponte para dirixirnos ao restaurante a tomar algo.
 Outro aspecto da área recreativa.
 

A fermosa e pequena praia fluvial cun illote no medio:


Nós comemos á sombra dunha árbore tendo de fronte a imaxe que vemos.

Pepe, animouse a darse un baño antes de comer.