martes, 12 de setembro de 2023

PETRA


Subida ao Mosteiro

 PETRA

A cidade milenaria de Petra está considerada unha das 7 marabillas do mundo e ten razóns suficientes para ostentar tal categoría.

Só por ver esta marabilla, a min xa me compensa a viaxe a Xordania.

Nós aloxámonos nun hotel (Petra Moun Luxuri) en Wadi Musa que é a cidade máis proxima a Petra. En árabe, Wadi Musa significa "Val de Moisés" porque se di que este pasou por aquí e golpeou as rochas varias veces coa súa vara para obter auga,

Datos
  • Capital do antigo reino nabateo que fixo prosperar a cidade grazas á súa situación como ruta das caravanas que levaban incienso, especias e outros productos de luxo entre  Siria, Arabia e Exipto e o sur do Mediterráneo.
  • Os restos máis famosos de Petra son as construccións labradas na mesma pedra, especialmente os edificios coñecidos como "O Tesoro" "O Monasterio".
  • Cara ao S. VI d.C o cambio nas rutas comerciais e os terremotos lograron que os habitantes de Petra foran abandonando a cidade.
  • Caeu no esquecemento ata o S. XIX en que foi descuberta para o mundo occidental polo explorador suizo Jean Louis Burckhardt.
  • Dende 1985  forma parte do Patrimonio Mundial da Humanidade e dende 2007 é unha das 7 marabillas do mundo.
Madrugamos para escapar do calor sofocante que faría a mediodía. O despertador soara ás 5:30 da madrugada e ás 7:00h saimos andando cara a Petra xa que o noso hotel estaba moi cerca .
Entrada a Petra

Nizar, o noso guía, ten amplísimos coñecementos e trasladounos moitísima información de canto víamos.
O noso guia, Nizar

Agora imos frescos, aínda non vai calor e camiñar por aquí e todo un pracer. Á volta e cun sol asfixiante, xa non nos gustará tanto o percorrido.
Estamos atravesando o val Bab as-Siq ("Puerta de la garganta en árabe") 

O 1º punto importante que vemos son os  Djinn blocks (tumbas en bloque)estes monumentos cadrados foron tumbas ou monumentos aos mortos.

Estes grandes monolitos levan, dende hai moitos séculos, observando aos viaxeiros que se adentran en Petra.
Djinn  blocks
Algo máis adiante atopamos a Tumba do Obelisco, tallada polos nabateos no S.I a.C. Sobre a tumba hai catro pirámides e un nicho cunha estatua en baixorelevo que simboliza ás cinco persoas enterradas alí.
A parte baixa deste monumento é o triclinio, unha sala dedicada a banquetes na honra dos mortos.
Tumba do obelisco

O canón que imos atravesar protexía a cidade e mantívoa oculta durante séculos. É impresionante camiñar por este desfiladeiro (siq en árabe)
O siq ou desfiladeiro

Cunha lonxitude de 1,5 km. o desfiladeiro (siq) está rodeado de altas montañas de rocha. Este desfiladeiro é consecuencia primeiro dun terremoto que separou dúas placas tectónicas e máis tarde  da erosión  natural da montaña deixando alturas de case 200m.
Tamén vemos nesta foto, á esquerda o acueducto que escavaron na rocha pola que os nabateos levaban a auga para as súas necesidades.
O siq ou desfiladeiro
Non podemos percorrer o desfiladeiro sen fixarnos ás veces na paredes onde hai tumbas ou nichos.


Na foto seguinte vemos o nicho máis elaborado que atopamos no percorrido polo siq.

Boa parte das construccións que vemos son tumbas.

Durante unhas excavacións realizadas en 1988 apareceron os restos escultóricos de dous comerciantes xunto aos seus camelos ou dromedarios tallados na parede da rocha. Só se conserva unha pequena parte das mesmas.

Impresiona este desfiladeiro ou siq: o estreito que é ás veces, a altura das paredes rochosas, a cor tan femosa...
O siq ou desfiladeiro
E ao remate do desfiladeiro aparece en forma de sorpresa o monumento máis fotogafado de Petra: O chamado Tesouro. Este impresionante monumento de 40m de altura e 28 de ancho foi probablemente construido no S. I a.C polo rei nabateo Aretas III. A pesares de chamarlle "O Tesouro" non ten relación con este nome, xa que puido ser un templo ou unha tumba real.
Sen embargo, os beduinos realizaron saqueos a este monumento durante séculos e realizaron disparos á cúpula que se poden ver perfectamente pensando que alí se agochaba un tesouro.
O Tesouro
Un pouco máis adiante está o "Calexón das Fachadas", son fachadas de tumbas escavadas na rocha. Ao longo desta rúa que é outro desfiladeiro, só que dentro xa da cidade, podemos ver elaboradas fachadas que pertencían a xente máis poderosa e outras máis humildes que pertencerían ás clases máis baixas.
Calexón das Fachadas

Vimos moitos burros que carrexaban nos turistas e se estivesen ben coidados e non fosen explotados non habería nada que dicir porque tamén antes nas aldeas se usaban para o traballo de cargar millo, herba, tirar do arado....sempre que non haxa maltrato cara aos animais pois vale, é un modo de vida que aporta diñeiro a esa xente  pero máis abaixo deixo un vídeo onde se ve que o trato a estes pobres animais é en moitas ocasións inhumano.

Vídeo que amosa o maltrato a estes animais:


Seguimos polo "Calexón das Fachadas" coas tumbas escavadas na rocha.
Calexón das Fachadas

O teatro pensábase que fora feito polos romanos pero traballos dun arqueólogo norteamericano demostraron que é de orixe nabateo aínda que máis tarde si que foi reformado polos romanos que o ampliaron de 3500 localidades a 8500.
Teatro de Petra
Neste punto do percorrido, os guías déronnos 3 opcións: volverse dende aí polo mesmo percorrido, volverse dende aí pero dando unha volta polas Tumbas Reais ou ben subir os 800 e pico escalóns para atopar outro monumento moi interesante como é o Mosteiro e un miradoiro cunhas espectaculares vistas.

Vimos esta árbore centenaria. A min, que me encantan os lugares onde hai árbores, ver esta gustoume moito, xa que Xordania é un país con pobres recursos de auga e apenas hai árbores ou plantas. Só en determinados lugares e porque os regan. É un pistacheiro, ou árbore que da pistachos e que se dá en climas desérticos como é este.
Á sombra do pistacheiro

Entramos na chamada Vía Columnada ou Cardo Máximus que é a principal rúa de Petra e onde se atopaban algúns dos edificios públicos máis importantes. Aínda que a rúa está bastante erosionada, aínda queda parte da calzada e restos das columnas. A súa orixe foi nabatea pero ao igual que outros lugares de Petra tamén foi remodelada polos romanos.
Vía Columnada
Subindo unha escaleiras nesta Vía Columnada pola que imos, atopamos o Gran Templo de Petra. É do S. I a.C e foi renovado no S. I d. C. É o lugar máis grande dos que actualmente hai excavados en Petra.
O Gran Templo
Porta de Temenos dá acceso a un dos templos principales de Petra: o Qsar Al Bint. A porta ten estilo tipicamente romano e tres entradas, unha central grande e dúas laterais máis pequenas. A porta que vemos actualmente é unha reconstrucción xa que a orixinal foi destruida por un terremoto no ano 363 d.C.
Porta de Temenos
Empezamos a subida ao mosteiro, son 1,7 km. pero a través de escaleiras. Son 800 e pico escalóns que cunha condición física normal se poden subir sen problemas. A única dificultade e que fai que a experiencia se faga algo dura, foi o calor que ía.

Ao longo da subida hai varios postos de beduinos por se necesitamos auga, refrescos...

Tamén hai algunha zona cha onde podemos repoñernos do esforzo.

Os pobres burros dan algo de pena, subindo e baixando co inmenso calor.

E por fin...chegamos!! Aínda non vemos o mosteiro que queda escondido na parte dereita da foto. Ao fondo vemos unha cafetería onde podemos descansar e repoñer forzas.

Se miramos cara atrás vemos o angosto desfiladeiro poo que acabamos de subir e tendas de beduinos polas que pasamos.

Valeu a pena subir ata aquí e atopar este monumento. O Mosteiro é máis grande que "O Tesouro". Foi esculpido no S. I d.C como lugar de culto. No S. IV foi reutilizado polos cristiáns e de aí o seu nome.
O Mosteiro
Dende o mosteiro aínda podemos subir un pouco máis ata un miradoiro que hai algo máis arriba e....aló fomos!!
As vistas dende aquí son extraordinarias!!
Vistas dende o Miradoiro

Unha séntese moi pouca cousa no medio destas paisaxes áridas pero grandiosas e inmensas!
Vistas dende o Miradoiro

Na seguinte foto podemos aprezar ben a cafetería e o miradoiro ao que subimos.
Cafetería e Miradoiro

E agora toca baixar! Hai que facelo con xeito para non esvarar porque as pedras de tanto pisalas están desgastadas e moi pulidas.
Empezamos a baixar
Ao finalizar a baixada, vemos o Qasr al-Bint que foi un dos principales templos de la ciudad e unha das poucas estructuras construidas, en vez de tallada na rocha. Destruido por un terremoto, foi reconstruido máis tarde.
Templo Qasr al-Bint

Para voltar, fixémolo polo camiño que nos vai levar ás Tumbas Reais. O calor xa apertaba ben!


Podíamos contemplar moi ben o Gran Templo e a Vía Columnada ou Cardo.
O Gran templo

Imos en paralelo a por onde fomos antes vendo a Vía Columnada e de frente, as Tumbas Reais.

Fermoso color o destas rochas e polo medios vemos un cauce dun regato que supoño algunha vez levaría auga.

As Tumbas Reais son grandiosas e pénsase que aí foron enterrados diversos reis nabateos.
 
A que vemos na seguinte imaxe é a máis impresinante de todas e a máis grande. Trátase da Tumba del Palacio
Tumba del Palacio

A fachada da Tumba Corintia é parecida á Tumba do Tesoro pero está moi erosionada.
Tumba Corintia

A Tumba de Seda chámase así polas cores que reflicte a súa fachada.
Tumba de Seda
O interior dunha tumba real por dentro:


Nun momento dado volvemos ao camiño de ida cerca do Tesouro e introducímosnos de novo no desfiladeiro (siq) da entrada.

Xa íamos ben cansos e sol e o calor eran implacables pero non por eso deixamos de admirar a espectacular paisaxe que víamos.

Os que subimos ao Mosteiro chegamos de últimos ao hotel e bastante cansos, nada que non solucionase unha ducha rápida que tomamos antes de baixar xantar.
Despois de comer, descansamos ata as 19:00h. en que fomos visitar o Museo de Petra que nos quedaba pegado ao hotel.
Inaugurado no 2019 ten 8 galerías onde se expoñen máis de 300 restos arqueolóxicos de Petra dende a Idade de Pedra. Hai tamén proxeccións de vídeo e numerosos paneis expositivos que transmiten aspectos da xeoloxía, clima, flora , fauna e habilidades agrícolas, artesanais...etc dos pobos que habitaron a zona.

Museo de Petra

Vistas de Wadi Musa dende a terraza do hotel ao anoitecer.

Wadi Musa
Vistas coa noite pecha:
Wadi Musa
CONTINUARÁ...

Páxinas web consultadas:
https://www.viajandoporelmundomundial.com/que-ver-en-petra-jordania/
https://sitioshistoricos.com/los-bloques-djinn-de-petra/
https://sitioshistoricos.com/siq-el-desfiladero-hacia-el-tesoro-de-petra/
https://vicioviajero.blogspot.com/p/blog-page_11.ht
https://www.culturagenial.com/es/petra/
https://universes.art/es/art-destinations/jordania/petra/museo-de-petra














luns, 11 de setembro de 2023

XORDANIA (DESERTO WADI RUM/ÁQABA/ PEQUENA PETRA)



Do 1 ao 8 de Setembro deste 2023 visitamos Xordania un grupo de  90  persoas da man da Asociación Amigos das Viaxes con Xaime Cancio á cabeza, cunha organización irreprochable pola súa parte e aínda que sei que as cousas ás veces non saen como a el lle gustaría, non será pola súa falta de empeño e perseverancia en que todo saia perfecto.

WADI RUM
 Empezamos a nosa estancia en Xordania aterrando no aeroporto de Aqaba ao sur do páis e durmindo no deserto de Wadi Rum.

Datos do deserto de Wadi Rum:
  • Un wadi ou Uadi  é un termo árabe para referirse a un val ou un río seco en zonas desérticas. Rum seignifica "alto" ou "elevado" en arameo, xa que se atopa a 1600 m. sobre o nivel do mar.
  • É Patrimonio da Humanidade e viven aí varias tribos de beduinos.
  • En Occidente coñecemos este deserto polo oficial británico Lawrence de Arabia que o usou como base operacións durante a Rebelión Árabe.
  • Polo seu aspecto, que semella dun mundo extrarrestre, foron rodadas aquí varias películas (Lawrence de Arabia, Misión a Marte, Planeta Rojo, Dune...etc)
O noso campamento foi o Mazayen Camp

Nós aterráramos en Áqaba Wadi Rum queda a 70 km. de distancia.
O Campamento Mazayen Camp no que nos aloxamos está situado lonxe das estradas, máis illado, e conta con haimas e burbullas tan de moda agora, nas que mediante un sorteo puideron durmir varias persoas do grupo mirando as estrelas.
Antiguamente, unha Haima era unha tenda feita con coiro que usaban os nómadas para acampar no deserto. As haimas de hoxe en día en nada se semellan a aquelas que usaban estas xentes. As nosas haimas tiñan tódalas comodidades e as habitacións eran como as de calquera hotel.
Chegamos de noite ao campamento e ao día seguinte madrugamos para ir facer un percorrido en vehículos 4x4 polo deserto.
As haimas de hoxe en día

Tamén coñecido como shemagh ou keffiyeh, a bufanda do deserto é unha prenda versátil que se pode usar de varias maneiras para protexerse do sol, vento e area.
O noso guía Nizar e Fina, compañeira de viaxe, colocando os panos.

Xa preparados cos panos, sombreiros, gorras...para o sol empredemos a viaxe. Na imaxe vemos como os beduinos van con túnicas longas con mangas e é que eles saben que o mellor xeito de protexerse do sol  tan forte e non deixar exposto ningún cacho de pel.
Xa preparados para a nosa aventura polo deserto.

A seguinte imaxe corresponde ao inico da ruta. Ao fondo, as burbullas onde algunha xente pasou a noite.
Iniciando a ruta

Non tivemos ocasión de ver o atardecer neste deserto que din que en ningún outro sitio o hai tan fermoso. As primeiras horas da mañá tamén son ben fermosas!!

O vento e a auga durante millóns de anos formaron un laberinto de rochas.

A min encantoume este deserto e na miña opinión é un lugar imprescindible para visitar.

Wadi Rum é un dos desertos máis impresionantes do mundo polos seus tonos avermellados, as súas dunas e formacións rochosas. É tamén coñecido como "Val da Lúa".

No 2011 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Sábese que estivo habitado dende a Prehistoria.

Nun punto determinado poidemos baixar e desfrutar camiñando deste magnífico entorno.

Os dromedarios parecen vivir cunha tranquilidade absoluta, por máis que te achegues a eles, lles plantes o móbil ou a cámara de fotos nos morros, non se inmutan. O stress non vai con eles!!

Nas formacións rochosas atópanse máis de 25000 petroglifos e 20000 inscripcións que fan deste deserto unha verdadeira enciclopedia que son a testemuña de que este deserto estivo habitado dende hai milleiros de anos. Amosan figuras de animais, escenas de caza...

Wadi Rum non é o típico deserto de dunas. Aqui as protagonistas son as enormes formacións rochosas.

Noutra parada tomamos un té que nos ofreceron estas xentes (só vimos homes) tan serviciais e amables.

Despedímonos deste fermoso deserto cun moi bo sabor de boca e dando grazas por ter a oportunidade de vir ata aquí.


AQABA
Despois da aventura no deserto, fomos ata Áqaba onde aterráramos o día anterior. Estamos na cidade máis ao sur do país.

Datos de Aqaba:
  • Atópase situada no golfo de Áqaba por onde entra o Mar Rojo.
  • É o único porto que ten Xordania.
  • A maioría de turistas vai a Aqaba a facer submarinismo xa que o Mar Rojo ten gran variedade de corais e peixes.
Despois de facer unha visita panorámica dende o autobús, baixamos ao pé dun tradicional mercado de froitas por onde fixemos un pequeno percorrido. Algunha xente coma nós fomos ata o Mar Rojo que estaba moi cerca.
Praia de Al-Ghandour en Aqaba

A praia Al-Ghandour está no centro da cidade. Delcalzámonos para mollar as pernas e a area queimaba moitoooo!!! A auga tamén estaba ben quentiña!

Outras vistas dende a praia.
Praia de Al-Ghandour en Aqaba

PEQUENA PETRA

Datos:
  • Xacemento arqueolóxico a 14 km ao norte de Petra.
  • O seu nome en árabe é Sid-Al-Barid que significa "canón frío", xa que a súa orientación e altas rochas impiden a entrada da maior parte da luz solar.
  • Ao igual que Petra, é un lugar nabateo con edificios tallados na rocha.
  • Ao igual que Petra, seguramente foi construida durante o auxe dos nabateos durante o S. I. Os arqueólogos pensan que a Pequena Petra era como un suburbio de Petra.
  • Despois do declive dos nabateos, este lugar quedou baleiro durante séculos sendo só empregado polos nómadas beduinos.
Entrada á Pequena Petra

O primeiro que nos atopamos é unha tumba nabatea. Estas tumbas honraban a deuses e a xeracións de familias. Esta tumba que vemos na foto é das máis fermosas con elementos greco-romanos adoptados polos nabateos.
Tumba nabatea en Pequena Petra

En moitas rochas vemos aberturas talladas nas paredes, foron empregadas como vivendas.

Este lugar tal vez foi empregado como porta de entrada á gran Petra onde os viaxeiros pasarían a noite antes de entrar na gran cidade de Petra. As casas situadas nun pequeno desfiladeiro duns 500m. agólpanse a cada un dos lados deixando a gran explanada da entrada para os camelos e os donos montarían aí probablemente as súas haimas. É dicir, Pequena Petra sería como un caravanserai.
Na foto estamos entrando no desfiladeiro ou canón moito máis curto que o que veremos despois en Petra.
Desfiladeiro ou canón
 
Despois atopamos o Templo de Dushara que é o deus principal dos nabateos.
Templo de Dushara en Pequena Petra

Na foto seguinte, vemos a "Casa Pintada" á que temos que acceder por unhas rústicas escaleiras e trepando polas rochas. Dentro hai un teito e paredes pintadas que estiveron moitísimos anos tapadas polo tisne (hollín) producido polos lumes que se facían dentro. 
Acceso á Casa Pintada

As pinturas amosan animais, flores e incluso figuras humanas
As pinturas da Casa Pintada

Podemos atopar, ao igual que en calquera zona turística, postos de venta de artigos típicos como imáns, gorras, cerámica, roupa, chaveiros, cuncas...etc A verdade é que estes vendedores beduinos non atosigan como ocorre noutros países como Marrocos ou Exipto.

Chamou a nosa atención esta muller xa ben maior que fiaba cunha roca, algo que practicamente non se ve hoxe en día e eu lle vin facer a miña avoa.

Agora imos entrar nun desfiladeiro estreito que se atravesa mediante unhas rústicas escaleitras de pedra.

Este desfiladeiro (siq) vai levarnos a un miradoiro.

As vistas dende o Miradoiro.

CONTINUARÁ...
Páxinas web consultadas:
https://www.viajandoporelmundomundial.com/que-ver-en-petra-jordania/
https://sitioshistoricos.com/los-bloques-djinn-de-petra/
https://sitioshistoricos.com/siq-el-desfiladero-hacia-el-tesoro-de-petra/
https://vicioviajero.blogspot.com/p/blog-page_11.html