Hoxe fixemos unha fermosa ruta polos concellos de Abadín e Mondoñedo. É curta pero intensa e pasa por camiños, carreiros e congostras con moita arboreda autóctona. Veremos tamén unha fermosa cascada, a antiga igrexa de S. Cosme da Montaña e pasaremos por aldeas tradicionais.
Características:
Lonxitude: 6,2 km.
Dificultade: fácil
Ruta lineal sen sinalizar. O meu track en WIKILOC
Descrición:
Saimos do aparcadoiro da coñecida Área de Servizo "O Rei das Tartas" e pillamos o Camiño de Santiago Norte indo ao revés que os peregrinos que van a Santiago.
 |
| Area de Servizo "O Rei das Tartas" |
Collemos o camiño que vemos á esquerda, antes da A-8

Un camiño tradicional dos de toda a vida...Ao fondo, a Serra do Xistral.
Fermosas vistas a zonas de Mondoñedo e máis aló.
O percorrido vai cara abaixo e lévase ben.
Na esquina da esquerda vemos Lousada que xa pertence ao concello de Mondoñedo pero nós seguimos aínda no de Abadín.
Atravesamos un fermoso souto.
O Camiño de Santiago Norte ten aquí unha boa subida porque claro, vai ao revés que nós.
Durante o século XIX, o lugar de Lousada destacou pola extracción e explotación de mármore gris azulado. Esta actividade estivo moi vinculada á fábrica "A Competidora Universal", propiedade de Germán González.
A antiga canteira de Lousada, situada na parroquia de Sasdónigas (Mondoñedo), é un espazo de gran relevancia histórica e patrimonial. Na foto, frente de corte da antiga canteira, onde se aprecia a rocha exposta da que se extraía o mármore gris azulado e a piedra caliza que despois se procesabano lugar.

Antiga canteira de mármore
Un dos elementos máis singulares de todo este complexo industrial son os seus fornos de calcinación. Foron construídos a comezos dos anos cincuenta. A súa finalidade era aproveitar todos os bloques de pedra da canteira que non servían para ser serrados como mármore na fábrica. Alí transformábanse en cal, que logo se distribuía para dar servizo aos campos de zonas veciñas como Abadín.
A imaxe mostra os muros de pedra devorados pola maleza e a hedra, que corresponden ás estructuras de soporte, almacéns ou as rampas de carga dos antigos fornos de cal (caleiras) e dependencias da fábrica.
Hoxe en día, as canteiras, os talleres, as oficinas e as estruturas dos fornos fican nun estado de abandono, integradas e case cubertas pola maleza da contorna.
Un carreiro que non pode ser máis fermoso:
Castiñeiros, abelairas, carballos, felgos...
Agora pasamos por unha congostra: congostra é un camiñode carros estreito e fondo que discorre xeralmente entre valos, sebes, cómaros ou outras elevacións do terreo. Tamén se coñece como corredoira ou corga.
Trátase dunha senda afundida respecto ao nivel dos campos ou leiras que a rodean debido ao paso continuado durante anos.
Neste cruce, deixamos o Camiño de Santiago.
De verdade que esta ruta é ben fermosa !!
Chegamos á fervenza de Augas Santas ou do Rego de Muras Este rego, en época de chuvias, pode ser difícil ou imposible de cruzar xa que acostuma a levar moita máis auga.
Esta cascada formada polo Rego de Muras atópase no concello de Abadín, parroquia de Galgao.
 |
| Fervenza do Rego de Murasmou Augas santas |
Agora toca subir polo entorno da cascada.
Rematado o bosque, accedemos a un espazo aberto no que hai un carreiro que rozou non hai moito un veciño de Mondoñedo que tamén se dedica ao sendeirismo. Grazas, Moncho!!
E vemos os primeiros "quitamerendas" deste ano!! Estas plantas recoñécense de xeito moi doado porque medran pegadas ao chan, non teñen follas e ábrense como se fosen estrelas, cos pétalos separados.
 |
| Quitamerendas |
As "quitamerendas" son as mensaxeiras do outono. Aparecen a finais de agosto e en setembro, anunciando que axiña chegarán os días fríos. Parécese moito á planta do azafrán, da que se extrae esta especia, pero estas pola contra son moi tóxicas.
O nome venlles dado porque antigamente había pastoreo trashumante, que ía dun sitio a outro buscando os mellores pastos. Ao chegar o outono e aparecer esta planta, os días son máis curtos polo que se reducía a xornada laboral e xa non se merendaba no monte . Era a época na que os pastores baixaban da montaña.
 |
| Quitamerendas |
Dende a antiga igrexa do S. Cosme da Montaña temos boas vistas de Lousada. |
| Lousada |
As vistas dende a antiga capela de S. Cosme da Montaña, a 450m. de altitude son extraordinarias.
Na foto seguinte, a 1ª capela do S. Cosme da Montaña. Ao mellor moita xente non sabe que a actual igrexa foi inaugurada no 1925 e antes desa data o S. Cosme da Montaña era venerado neste lugar. A capela quedouse pequena para a gran cantidade de romeiros que asistían e os accesos tamén eran complicados (supoño que estes accesos pouco ou nada cambiaron dende aquela e nós tivemos o privilexio de percorrelos)
 |
| Restos da antiga capela de S. Cosme da Montaña. |
Houbo unha lenda local que dicía que S. Cosme escapaba desta pequena capela en ruinas para irse á ubicación actual do santuario, creendo os veciños que era un milagre e que era desexo do propio santo cambiarse de lugar. Unha vez inaugurada a nova igrexa, cambiaron as tornas: agora o santo seica escapaba para a pequena capela . A xente estaba preocupada porque pensaba que o santo non se afacía no novo lugar, ata que descubriron que este novo milagre tiña que ver coa oposiciónn dalgún veciño ao novo traslado.
Outra lenda di que a nova ubicación da igrexa e do santo débese máis ben aos desexos dunhas ricas familias con apoio do clero.
Sexa o que sexa, a actual igrexa foi inaugurada en setembro de 1925 no lugar chamado Retama, na mesma parroquia de Galgao.
 |
| Restos da antiga capela de S. Cosme da Montaña. |
É unha pena que estes poucos restos que quedan non estean coidados e postos en valor. |
| Restos da antiga capela de S. Cosme da Montaña. |
A romería de S. Cosme da Montaña ten lugar cada 27 de setembro e chegan romeiros dende moitos puntos das comarcas veciñas a oir misa, andar en procesión, prender candeas, depositar exvotos de cera vinculados ás peticións que se fan ao santo. É esta unha romeria moi querida por moitos chairegos e mariñaos.
Na foto, o que era o adrio da capela.
Abandonamos a antiga igrexa por unha pista de recente creación. A última vez que pasei por aquí (Outubro de 2024) aínda era un carreiro entre felgos.
Desembocamos na estrada que nos vai levar nuns poucos metros a Os Samordás.
Seguimos en Abadín e esta aldea pertence á parroquia de Galgao. Esta aldea foi estudo en 2024 por parte de espeleologos xa que hai unhas covas (3) con 170m percorribles na máis grande delas. Son chamadas a Cova dos Santos ou da Meiga e gardan gran cantidade de estalagmitas e estalagtitas.
 |
| Os Samordás |
Dende Os Samordás ata a próxima aldea iremos por estrada durante 1 km. e paseando por esta estrada que vemos na imaxe seguinte, atopamos a José de Celso, un habitante de Os Samordás que nos dixo que só vivía nesa aldea el e a súa familia. É un home de maís de 80 anos, moi amble e de boa e interesante conversa que nos contou varias historias sobre a súa aldea e a xente que por alí vivía no pasado.
Chegando xa a Vicos, con vistas ao lonxe de S. Vicente (Mondoñedo)
Vicos de arriba: |
| Vicos de Arriba |
Vicos de Abaixo. Unha aldea moi fermosa con casas restauradas e unha rúa ben limpa. |
| Vicos de Abaixo |
En Vicos pillamos un camiño á dereita:

É un gustazo camiñar por estes lugares tan fermosos e con tanta paz!!
Nótase a vida da aldea nas plantacións que atopamos cerca das casas: moitas nogueiras, castiñeiros...
Chama a nosa atención a frondosidade dos castiñeiros, nogueiras...aquí hai boa terra e cerca pasa un rego.
Por este camiño chegamos á seguinte aldea:
En pouco máis de 1,5 km. chegamos á Valiña que vai ser o noso punto final de ruta. Esta aldea que xa pertence á parroquia de S. Vicente de Trigás (Mondoñedo) está actualmente sen habitantes.
 |
| A Valiña. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario