Moitas rutas levo xa feitas en Mondoñedo! As promocionadas e mais coñecidas como a Ruta da Auga, a de Leiras Pulpeiro, a da Fraga Vella...e outras que eu planifiquei. Todas elas me gustaron e me aportaron algo a nivel paisaxístico, etnográfico, cultural... O concello de Mondoñedo ten un gran potencial para rutas de sendeirismo porque conserva aínda bastante bosque autóctono, remotas aldeas tradicionais, ríos, fervenzas...etc
Características desta ruta:
Lonxitude: 7,6 km.
Dificultade: baixa
Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC
Descrición:
Decidín empezar e rematar esta ruta na capela de S. Vicente de Trigás que atopamos ao pé do Camiño Norte de Santiago e que foi igrexa parroquial ata a construcción do novo templo. O presente edificio data do S. XVI aínda que as primeiras referencias documentais son do S. XI.
 |
| Capela de S. Vicente de Trigás rodeada de castiñeiros. |
O noso percorrido vai coincidir durante 2km. co Camiño de Santiago Norte.
 |
| Camiño de Santiago |
Os carballos están nesta época repletos de landras. Historicamente, as landras servíronlles de alimento a animais como porcos e esquíos, e tamén foron empregadas polos seres humanos en épocas antigas para facer fariña.
 |
| Landras |
Imos á sombra por unha fermosa estrada con árbores nas beiras. |
| Estrada |
Tamén os castiñeiros están repletos de ourizos. |
| Ourizos nos castiñeiros. |
As abelairas son árbores pequenas de folla caduca , recoñécense facilmente polo seu tronco ramificado. En galego tamén se pode chamar abraira. Neste caso son abelairas bravas que medran en lugares húmidas, no caso desta foto, ao pé dun rego.
As varas empregábanse en cestaría, na fabricación de canastros e para tecer valados
 |
| Abelairas bravas |
A piques de deixar o Camiño de Santiago, temos vistas á aldea de Os Samordás na parroquia de Galgao (Abadín)
 |
| Vistas a Os Samordás (Abadín) |
Na seguinte foto, o cadriño máis verde que se ve na ladeira do monte, é o lugar onde estaba a antiga capela de S. Cosme da Montaña. Pasamos por aí na última ruta. Imos deixar a estrada e pillar un camiño.
 |
| Ao lonxe, lugar onde estaba a antiga capela de S. Cosme da Montaña. |
Estamos a piques de chegar á aldea de Sasdónigas por este camiño. Este lugar, antes da igrexa chámase Suaigrexa.
A igrexa de S. Lourenzo en Sasdónigas é de sinxela construcción e está datada no S. XVIII |
| Igrexa de S. Lourenzo en Sasdónigas |
Moi preto da igrexa, temos este cruceiro de metade do S. XIX . Este lugar da parroquia chámase Pé do Monte. |
| Cruceiro |
A parroquia de Sasdónigas ten 4 entidades de poboación: Lousada (lugar polo que pasamos noutra ruta), Chao da Aldea, Pé do Monte e Subiglesia. Por estes 3 lugares pasamos na ruta de hoxe porque atravesamos todo o caserío. (O cruceiro de antes está en Pé do Monte)
A foto seguinte é en Pé do Monte.
 |
| Pé do Monte en Sasdónigas |
As casas que vemos son de O Chao da Aldea. |
| O Chao da Aldea (Sasdónigas) |
Abandonamos esta aldea cruzando por debaixo dunha ponte pola que pasa a N-634 e chegamos ao cemiterio de Sasdónigas.
 |
| Cemiterio de Sasdónigas |
Vistas a Sasdónigas dende o cemiterio que é o lugar de maior altitude da ruta (552m.) |
| Sasdónigas |
Agora iremos sempre en baixada por unha pista paralela á N-634 con moita arboreda. |
| Pista paralela á N-634 |
A pista convértese ao pouco nun camiño.
A acacia negra, que vemos a continuación, representa unha gran ameaza ecolóxica para os montes e bosques autóctonos de Galicia, desprazando á vexetación nativa porque a afogan ao competir de xeito agresivo na procura de luz, espazo e nutrientes. Aínda que se corte, volve brotar con moita forza sendo moi difícil de erradicar.
Na foto, os froitos da acacia en forma de vainas retorcidas que teñen dentro as sementes.
 |
| Acacias negras |
Atopamos de novo a N-634 que cruzamos de novo para o outro lado.
Na foto seguinte, paisaxe chegando á próxima aldea. Precisamente, este lugar de S. Vicente de Trigás chámase A Aldea.
Casas abandonadas que atopo en tódalas aldeas galegas de interior polas que paso camiñando nas rutas.
Estou en S. Vicente de Trigás, parroquia na que se descubriron importantes restos arqueolóxicos da Alta Idade Media (S. V a VII) vencellados a antigos asentamentos e labores agrarias, únicos en Galicia. Leváronse a cabo varias campañas de excavación, a última rematou en 2025 que desvelou a existencia dunha clara produción doméstica, asociada tanto aos coidados e á cociña como á fabricación de obxectos metálicos. Ademais, non se descarta que tamén se producise cerámica a nivel local.
 |
| S. Vicente de Trigás (Lugar de Combarro) |
Esta é a nova igrexa de S. Vicente que veu sustituir á antiga capela ao pé da que empezamos e finalizaremos esta ruta. Foi construída en 1963 de forma rectángular e cunha sola nave, como vemos.
 |
| Igrexa de S. Vicente de Trigás |
Estamos chegando ao punto final desta ruta.
Vimos ao longo do perdorrido moitos castiñeiros, aquí en S. Vicente, vemos estes enormes.
Xa vemos a capela da que partimos e o cemiterio en frente, aí temos o coche.
Ningún comentario:
Publicar un comentario