sábado, 27 de decembro de 2025

BREA DENDE A PRAIA DAS POLAS

 Hoxe fixen unha ruta pola parroquia de Nois (Foz) Aínda que coñezo perfectamente xa a zona da costa e algo do interior, hoxe descubrín lugares totalmente descoñecidos.

Características da ruta:

Lonxitude: 11,6 km.

Dificultade: moderada, por unha baixada nun curto tramo con moito desnivel e firme moi esvaradío e irregular porque é zona de práctica de todoterreos e motos.

Ruta circular sen sinalizar. Hai que seguir este track en WIKILOC

Descripción:

Partín da praia das Polas. Como era cedo e o día tiña unha luz especial, sairon unhas fotas ben chulas. (Non teñen retoque de ningún tipo)

Paseo ao pé da praia das Polas

A praia de Polas e o illote de Orxal.


A ameaza de chuvia e o sol polo medio deixan estas fermosas imaxes.


Paso por diante do colexio, na zona chamada Fondo Nois.

Cruzo a N-642

Unha paisaxe tipicamente rural se abre.

Camiño pegada á vía de FEVE.

Nois: gandeira e marítima.

A capela do Socorro ou das Flores no barrio da Barrosa, é popular entre os veciños de Nois e parroquias veciñas.

A Fonte Municipal e unha casa restaurada no que parece que no pasado foi un muíño.

En lugar de seguir pola estrada, xunto á casa rural pillo á esquerda por un carreiro que vexo e  que me leva a cruzar un rego.


Subo por un souto moi novo.

E desemboco nun camiño que me leva a un barrio do que descoñezo o nome.

Un barrio con excelentes vistas. Vemos barrios de Nois e Cangas e, ao lonxe, Burela.

O barrio máis alto de Nois.

Un cabozo tipo Mondoñedo co Cantábrico de fondo.

Remato o asfalto e vou por un tradicional camiño onde deixaron este coche abandonado. Unha maneira máis de destrozar a natureza.

Desemboco no cortalumes de Brea, moi coñecido na zona entre xente amante dos todoterreo xa que aquí se celebra cada ano dende hai 22 unha coñecida proba que reune gran cantidade de xente.

Baixar polo cortalumes que se ve na foto representou un pequeno desafío para min, afeita a camiñar ás veces por lugares complicados ou moi técnicos. O desnivel é moi forte e en época de chuvia o chan esvara moito.

Sigo á esquerda por unha pista en bo estado.
 
Aos poucos metros pillo un camiño á dereita. Busco o lugar de Brea.

O acceso á aldea por aquí é un camiño.

E chego á pequena aldea de Brea, onde vexo dúas casas moi coidadas ao igual que os arredores onde pastan dous cabalos. A verdade é que o lugar non pode estar máis illado.

Volto polo mesmo camiño e reanudo o trazado da pista.

Agora a pista xa vai en descenso polo medio de montes.

Deixo a pista ancha para meterme por un camiño de monte durante 1km. Nesta época está inundado e paso por un lado.


Desemboco na barrio de Demoroi que tamén ten boas vistas á costa.

O barrio de Demoroi polo que eu nunca pasara.

Agora e ata o final da ruta, o percorrido vai por asfalto xa que vou pasado barrios sucesivos da parroquia de Nois.


Nois conta cunha parada de tren.

Desvíome uns metros para ir ver a antiga cetárea de Nois (non está indicada e de feito hai unhas verxas de ferro para que a xente non pase pero pásase polo lado) Penso que foron postas hai xa moito tempo para que non se pase polo posible perigo xa que está o mar moi próximo, pero a non ser que sexas un ou unha imprudente e te achegues moito ao mar, non corres ningún risco.


Punta ao pé da cetárea que se mete no mar.

Fermoso contraste de luces e a igrexa de Nois ao fondo.

Leo en "La Voz de Galicia":
"...A pesca da balea estendeuse a principios do século XVII aos portos lucenses de Nois, Rego de Foz e Rinlo, e ao de Langosteira. Avanzada a centuria iníciase a actividade nos portos cantábricos de Portocelo e Morás, que se estende no século XVIII aos de Porto Lanuxe, Foz e Cangas de Foz".


O porto de Nois  é posiblemente, de orixe fenicio e está moi ben acondicionado, aínda que actualmente e dende hai moitos anos, non ten actividade ningunha.

Un lavadoiro restaurado pero conservando as pedras orixinais para frotar a roupa.


E chego ao final desta ruta quedando o mar (que na foto non se ve) á dereita e a paisaxe rural á esquerda.


Ningún comentario:

Publicar un comentario