luns, 17 de agosto de 2026

SERRA DA PENOUTA: MIRADOIRO DA COSTA, COLADO ABAGUA, PICO LEBREDO E PENEDO ABALLÓN (BOAL)

Se imos pola AS-22 cara a Boal dende Galicia, pasaremos por un lugar a bastante altitude onde veremos un letreiro que pon Alto da Penouta 780m. Pois neste lugar hai un doble cruce. Un lévanos ao Miradoiro de Penoura Costa e ao Penedo Aballón e outro lévanos ao Miradoiro de Penouta interior na área recreativa de Pena Queimada

Nunha ruta anterior, feita este mesmo ano, fun cara ao Miradoiro de Penouta interior, nunha ruta  que se pode ver AQUÍ.

Hoxe dende o mesmo lugar, o Alto da Penouta, fun na outra dirección, cara ao Miradoiro de Penouta Costa. Non sabería dicir cal ruta me gustou máis, as dúas me encantaron!!

Características:

Lonxitude: 10 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular. O meu track en WIKILOC

Descrición:

A ruta ten inicio e fin no alto da Penouta a 780m. de altitude. Xusto no cruce que vemos na foto.

Alto da Penouta

Ao pé do cruce anterior, hai unha área recreativa grande con mesas e bancos de madeira e que ademais é un estupendo miradoiro á costa cantábrica.





Área Recreativa no Alto da Penouta

Iniciamos a ruta por esta pista asfaltada e, de feito, se queremos, podemos ir en coche ata o Alto da Penouta mesmo. Moita xente vai camiñando pola pista porque non hai ningunha indicación que diga o contrario nin se ve ningún camiño ou carreiro ben definido.. Eu como seguía un track que deixa o asfalto deseguida, fíxenlle caso (para eso o levaba) e pillei un carreiro apenas imperceptible á esquerda.

Deseguida deixei á estrada, pillando á esquerda

Só se vas por onde eu fun, poderás ver túmulos funerarios (pequenos montículos artificiales debaixo dos que os primeiros habitantes destes territorios enterraban os seus mortos) Eu só vin sinalizados dous, aínda que segundo o concello de Boal hai catalogados un total de 72 ao longo de toda a serra. Esta necrópolis tumular é das máis extensas da rexión.

Túmulo funerario

Por onde vou subindo, ás veces o camiño non está ben definido pero o track vaime levando sen problema.

Atopo agora o Túmulo III. Vin moitos outros montículos que tamén podían ser túmulos pero non tiñan cartel ningún.

Túmulo

Neste lado da Serra da Penouta hai un Parque Eólico.

Vistas aos arredores de Boal e montañas lonxanas.

A 832 metros de altitude, estas son as estupendas vistas:

Unha fermosa caseta en pedra pertencente ao parque eólico:

En torno á Serra de Penouta, concéntranse os principais afloramentos do chamado plutón Boal (formación xeolóxica) que orixinou unha paisaxe de rochas caracteristicas de climas temperados-húmidos.

Vistas de Boal e o mar de nubes.

A Estación DECCA  da Serra de Penouta funcionaba como a "Esclava verde" da cadena DECCA do Noroeste de España, un antigo sistema hiperbólico de radionavegación marítima empregado para o posicionamiento de barcos.

O complexo conserva a súa característica antena transmisora orixinal. Co tempo e a  obsolescencia do sistema DECCA, o sitio foi traspasado a Radio Nacional de España (RNE) para a xestión de telecomunicacións e radio, albergando tamén outras infraestructuras de comunicación na zona.

Estación DECCA

Parabólicas, artiluxios, cables...esta Serra da Penouta parece ser unha moi boa ubicación para as comunicacións e de feito hai unha estación de telecomunicacións, AIS (antena do Sistema de Identificación Automática) que serve como faro de control para o tráfico marítimo do Cantábrico.  Aloxa unha pequena antena que rastrea e guía aos miles de buques que navegan cerca da costa cantábrica, controlando un volumen de cerca de 40.000 navíos ao ano.


O miradoiro de Penouta está situado a case 900m. sobre o nivel do mar. Está sobre un motículo rochoso que foi preparado para subir e desfrutar de vistas panorámicas da costa occidental de Asturias, a Mariña Lucense e os vales interiores.


                                                      Miradoiro de Penouta Costa

Vórtice xeodésico do Pico Penouta a case 900m. de altitude.


Vistas sobre a costa asturiana.

Outras vistas dende o Miradoiro Penouta Costa.

Un pouco antes do miradoiro chega a estrada asfaltada por eso hai unha zona de aparcadoiro. Hoxe non había ninguén.

Entorno do Pico Penouta. Vemos a estrada que chega dende a AS-22 ata o Miradoiro. Aí remata.

A ruta segue por un camiño ancho ben definido:

Non estaba un día moi claro pero dende aquí vese a costa ao lonxe e xa en 1º plano, o Colado Abagua polo que vou pasar e Pico Lebredo ao fondo, ao que vou subir.

Baixando por este carreiro de lousa cara ao colado Abagua. Por aquí xa hai que vir camiñando (ou nun cabalo...)

Un colado ou cuíña é o punto máis baixo nunha liña de cumes situado entre dúas montañas. Neste caso, entre o Pico Penouta que acabamos de visitar e o Pico Lebredo que vemos no alto.
Colado Abagua e, ao fondo, Pico Lebredo.

As vacas que pastan no colado, miran curiosas...


Subo pegada aos piñeiros por un camiño que se ve.

Pico Lebredo está a unha altitude de 831m., algo menos que o Pico Penouta pero as vistas dende aquí son tan espectaculares como dende o anterior miradoiro e por riba empeza a sair o sol, o que mellora a visibilidade.
Pico Lebredo
As vistas dende Pico Lebredo:


Dende Pico Lebredo damos a volta e imos en paralelo ao tradado anterior, volvemos pasar polo colado Abagua .

O canón que vemos entre montañas é o que forma o Río Negro.

Agora o percorrido vai ás veces por camiños e sendeiros definidos e outras veces non, apenas se ven carreiros e avanzo como podo, seguindo o track.

Estou nas ladeiras da Serra da Penouta



Por estas ladeiras pasta o gando, vacas e cabalos.


Agora xa baixo cara ao val, atravesando por entre toxos baixos que, a pesares de levar pantalón largo, pican nas pernas.


De súpeto, unha vaca solitaria que parece non semella inmutarse ao verme a mín, tan solitaria coma ela...


Xa estou rematando a baixada e vexo o camiño que estou a piques de pillar despois de cruzar o río Negro, o que é moi doado xa que leva pouca auga.


Agora inicio unha subida por entre piñeiros. A paisaxe cambia totalmente.

Hai unha subida de ao redor de 1km. ata o Penedo Aballón.


Eu pensei que o Penedo Aballón era aquel que vemos alí diante, pero vai resultar que non; está algo máis adiante.

 O Penedo Aballón son singulares rochas graníticas que a erosión foi deixando ao descuberto, de forma que cun pequeno esforzo unha rocha móvese sobre outra, é dicir, aballa, (oscila) de aí o nome. Crese que é un legado deixado por un pobo prerromano que habitou este territorio entre os S. VI e III a.C, podendo tratarse dun ídolo celta. 

Penedo Aballón

No 2001 o Penedo foi derribado, presumiblemente mediante un acto de vandalismo.O 23 de xuño de 2018 o penedo foi devolto á súa posición orixinal pola Sociedade de Amigos de Boal, coa axuda de diversas empresas e particulares da rexión  recuperando o delicado equilibrio que permite  a súa peculiar oscilación.
Penedo Aballón e, ao fondo, Boal

Dende o Penedo Aballón temos excelentes vistas a Boal.


En torno ao Penedo Aballón hai unha enorme plantación de árbores que nun principio foron protexidas con pirámides de madeira. A inmensa maioría delas están tiradas polo chan, descoñezo se foi obra do vento ou de actos vandálicos.

As árbores plantadas están es estado de total abandono. As que perviven estano a faccer entre toxos e maleza, coma este pobre freixo.

Tamén este acivro loita por sobrevivir pero os toxos está a comelo.

Continúo por este camiño fermoso.


Un serbal de cazadores (cancereixo en galego) cos seus froitos. É unha árbore de folla caduca da familia das rosáceas, de cortiza lisa en cor gris, flores brancas e foitos de cor vermella intensa, como vemos. A madeira do cancereixo é dura e aprezada por carpinteiros.
Os froitos destas árbores manteñen a moitos paxariños no inverno.

                                                         Cancereixo cos seus froitos

Nesta estrada empecei a ruta e agora remato vendo como a néboa empeza a invadir os picos.



Páxina web consultada:
https://mapaturistico.boal.es/es/

Ningún comentario:

Publicar un comentario