venres, 10 de febreiro de 2023

MAZO DE MEREDO. PR-AS 107 (A VEIGA-ASTURIAS)

 Neste concello veciño pero xa en Asturias, realizamos xa outra ruta: a Senda da Ría do Eo que podemos ver AQUÍ

Hoxe volto á Veiga para realizar unha ruta bastante máis longa e coñecer máis recunchos deste concello.

Características da ruta:

Lonxitude: 13,7 km.

Dificultade: Media- baixa. (Ten algunhas subidas e baixadas pero non son desniveis fortes sobre todo nas subidas). Sí que hai algunha baixada con bastante desnivel.

Ruta circular, ben sinalizada aínda que sería convinte volver colocar algunhas que están caídas.

O meu track en WIKILOC:

A miña VALORACIÓN da ruta 🔅🔅🔆

Descripción:

Esta ruta homologada, parte da parroquia de Piantón, practicamente pegada a A Veiga. Na foto seguinte, vemos a ponte de pedra onde está o cartel anunciador da ruta. Temos que cruzar esa ponte.

Ponte que hai que cruzar

Piantón pertence ao concello de Vegadeo que está dentro da comatrca Oscos-Eo. Destacan as súas casas pintadas de diversas cores.
Piantón

En canto deixamos atrás a vila, remata o asfalto e emopezamos a subir lixeiramente por pista de terra.

Pista de terra

Entre os claros onde se abre o monte, podemos ver Piantón en 1º termo e, ao lonxe, A Veiga.
Piantón e A Veiga

Atopamos esta casa de pedra que marca o inicio e fin da forma circular da ruta. Seguimos de frente e á volta chegaremos a este punto pola estrada que deixamos agora á esquerda.
Casa de pedra

Vistas pasada a casa de pedra anterior.
Vistas

Seguimos por pista de terra ata chegar á aldea de Cobre (parroquia de Piantón) onde vemos a pequena capela de S. Pedro xunto á unha tamén pequeniña área recreativa.
Capela de S. Pedro en Cobre

 Cobre é unha pequenísima aldea da parroquia de Piantón dedicada á gandería. Vemos unha granxa de ovellas e moitas vacas pastando.
Cobre
Precisamente é aquí, dende Cobre, dende onde podemos facer a ruta de dous xeitos: chegados a un cruce, se pillamos á dereita a ruta é algo máis longa (uns 4 km. máis) pero resulta máis fermosa polas panorámicas que ofrece e pasa pola aldea de O Foxo. Se pillamos á esquerda, a ruta é máis curta pero tamén o traxecto é máis monótono e feo: unha pista rodeada de eucaliptos.
Os sinais que indican estas variantes estaban caídos deste xeito:
Sinais que indican a bifurcación do traxecto.

Como fixen esta ruta dúas veces, cada unha por diferente dirección, vou poñer en 1º lugar como é a variante máis longa.
Collendo á dereita por un camiño temos unhas excepcionais vistas xa que Cobre está a bastante altitude.
Vistas e gandaría en Cobre

Na seguinte imaxe vemos a granxa pola que acabamos de pasar e a capela de S. Pedro algo máis abaixo.
Panorámica
Imos vendo por este camiño unha espectacular paisaxe.
Panorámica
Despois, o camiño vaise convertendo nunha pista forestal que non estaba nas mellores condicións debido a que debía haber pouco que sacaran madeira e ademais chovera en días pasados.
Pista de monte
 
Deseguida desembocamos en El Foxo
El Foxo
 
Agora iremos por estrada só uns metros (300 aprox.) ata torcer na curva da imaxe á esquerda.
Pillar á esquerda na curva

Camiñaremos por unha pista de terra cunhas vistas incribles:

                                                              Vistas

E chegamos a unha bifurcación. Aquí se xuntan as dúas opcións diferentes que ten esta ruta.
Unión dos dous percorridos da ruta

Xa vimos como sería ir pola ruta máis longa dende Cobre. Agora vou poñer fotos de como sería o percorrido indo pola máis curta e que é á que corresponde ao track. (Do tramo máis longo que fixen en días pasados, non o teño)
É un traxecto aburrido, todo por pista de monte con eucaliptos.É curto pero monótono.
Pista indo polo traxecto curto.

Dende un punto que temos visibilidade, vemos esta paisaxe.
Vistas
Despois de xuntarse os dous diferentes tramos da ruta, agora xa todo o percorrido vai ser común. Despois de baixar unha costa cun tremendo denivel, torcemos á esquerda como manda o sinal por ese camiño que vemos.

Camiño

E deseguida chegamos a Jaraz, da parroquia de Meredo.
Jaraz

OLLO a este sinal!! Cando eu fun aparecía movido (móvese ou móveno con facilidade e pode despistarnos) Seguindo a dirección dese sinal, seguín polo camiño que se ve de frente ata que o móbil me pitou (ía seguindo un track) para avisarme de que non era esa a dirección correcta.
Temos que coller á dereita, polo sendeiro que baixa!
Á dereita, baixada ao mazo

Despois dunha baixada algo empinada durante uns 200m aprox. xa vemos a estrada que pasa ao pé do Mazo. Só temos que cruzala e xa chegaremos. Hai un aparcadoiro para poder deixar o coche se imos nel ou se facendo esta ruta a empezamos aí (vin varios tracks de xente que empeza e finaliza a ruta neste lugar)
Vemos tamén na foto o carreiro polo que despois teremos que ir.


O Mazo de Meredo (por atoparse nesta parroquia) ou de Suarón (por estar ao pé deste río) é un conxunto de edificacións que servían no pasado para dar forma ao ferrro. Un destes edificios é onde está a maquinaria para bater no ferro e outros anexos servirían para gardar a leña, carbón, ferramentas...Hai tamén un muíño e unha pedra de afiar.
O que foi o edificio da ferreiría está restaurado, con lousado novo e paredes, ventanas e portas tamén restauradas.
Ferrería

Nesta foto vemos o muíño e a canle por onde ía a auga.
Muíño e canle

Neste conxunto etnográfico montaron unha área recreativa.
Área recreativa

Canle que levaba auga ao muíño e carteles informativos:
Canle

A parte deste conxunto que recibe máis atención e sen dúbida máis fotografías é a cascada que forma a presa, que se fixo no río para captar a auga do río Suaron co fin de mover todo o mecanismo.
Presa do río Suarón

Teño que dicir que este lugar é máxico, moi fermoso. Ás beiras do río, no medio dunha exuberante vexetación e coa fermosura da presa caendo en cascada. A paz e tranquilidade que se respira no lugar son imcuestionables pero...por desgraza está case en total abandono: as silvas medran onde queren, hai táboas rotas , pontes xa case perigosas, outras totalmente rotas...unha mágoa que unha ruta homologada que ten neste punto o se maior reclamo e atractivo estea a día de hoxe tan descoidada.
Silvas que medran onde queren

Na baixada ao conxunto etnográfico xa nos atopamos con esta desfeita:
Desfeita
 
Aquí parece que houbo unha ponte:
Desfeita

Despois de desfrutar deste lugar e sacar moitas fotos e algún vídeo, din a volta ata o desvío que vira ao baixar e polo que hai que ir para continuar a ruta. Primeiro é un estreito carreiro polo medio dun monte:
Carreiro

A maioría de árbores son eucaliptos, pero tamén hai piñeiros e algunha outra solitaria como a da foto.
Árbore solitaria
 
Unhas oquedades nas rochas ás que chaman as Covas de Xanín
Covas de Xanín
Máis adiante, o carreiro convértese nunha pista .

E chegamos a un punto que nos chama a atención un enorme caserón illado, na máis completa soidade e que me dá a sensación que aí non vive ninguén. Podemos velo porque está rodeado de árbores de folla caduca que nesta época están espidas. Se fose noutra estación, supoño que non se vería xa que aínda así, hai que esforzarse para poder sacar algunha foto digna.
Casona de Sestelo

Trátase da Casona de Sestelo. Construida a finais del S. XIX iba a ser inicialmente unha fábrica de papel, sen embargo, en 1920 o indiano Ángel Pérez comprou a casa e construeu unha pequena central hidroeléctrica. Despois funcionou como orfanato. Anos máis tarde, as fillas de Ángel, Carmen e Raquel viviron aí durante varios anos. Despois vendérona e houbo un proxecto de construir un hotel que de momento non se materializou. Este edificio está na  parroquia de Presno que pertence ao concello de Castropol.

Casona de Sestelo

Subimos por un carreiro empinado (uns 200m) á beira dun rego.
Carreiro á beira dun rego

Despois saimos a unha estrada local pola que hai que camiñar  apox. 1´5 km.
Estrada

E chegamos de novo a Arcilo. Agora torcemos á dereita para tomar o mesmo camiño que trouxemos dende Piantón.
Arcilo

Xa vemos perfectamente Piantón a onde chegamos agora en descenso.
Piantón

Chámanlle a Ponte Romana pero realmente é do S. XIX. Sustitueu a outra medieval que levou o río.
Ponte en Piantón

Uns metro máis adiante, xunto ao restaurante Casa Jano onde deixara o coche, remata esta ruta que a pesares de ter moito eucalipto no percorrido, eu recomendo sen dúbida polas amplas e fermosas panorámicas que ofrece, aldeas polas que pasa e polo conxunto etnográfico de O Mazo de Meredo.























Ningún comentario:

Publicar un comentario